DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 09 de febreiro de 2005 Páx. 2.250

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 1 de febreiro de 2005 pola que se regula o procedemento de elección para a renovación dos vogais da Comisión Galega de Artesanía que representan os artesáns inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, crea no seu artigo 5 a Comisión Galega de Artesanía, adscrita á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, e establece que a representación das administracións e dos artesáns será paritaria e que os representantes dos artesáns serano a partes iguais por designación das asociacións artesanais legalmente constituídas e por elección democrática de todos os artesáns inscritos na sección correspondente do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

O Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, no seu artigo 2 regula en catro o número de membros da comisión elixidos entre todos os artesáns incritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía e establece no punto 3º do seu artigo 3 que os artesáns de cada provincia, inscritos na sección correspondente do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, designarán por elección democrática un vogal da comisión.

O anterior decreto, no seu artigo 12 regula o procedemento de obtención da carta de artesán e no artigo 27 a inscrición na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e inicia o proceso de organización e inscrición ou devandito rexistro en que figuran o número suficiente de artesáns inscritos para seren electores e candidatos por cada provincia.

Procede, pois, regular o procedemento de elección dos vogais da Comisión Galega de Artesanía que representan os artesáns de cada provincia inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Na súa virtude, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a elección democrática dos vogais da Comisión Galega de Artesanía que representan os artesáns de cada provincia inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 2º.-O dereito de sufraxio activo.

Para renovar os 4 vogais da Comisión Galega de Artesanía, en representación do sector artesanal, establécese o seguinte procedemento:

1. Os artesáns de cada provincia inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Gali

cia designarán por elección democrática un vogal que os represente na Comisión Galega de Artesanía.

2. Os electores exercerán o dereito de sufraxio pola provincia en que se encontren inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 3º.-O censo electoral.

1. A Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio elaborará o censo electoral, que agrupará os artesáns por provincia, ordenados alfabeticamente e deberá indicar o domicilio e número de inscrición no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

2. O censo estará exposto, durante un prazo de 10 días, nos servizos centrais da consellería e nas súas delegacións provinciais.

3. A exposición do censo electoral anunciarase previamente mediante a publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

4. Desde a data en que se inicie a exposición do censo e ata 5 días despois do vencemento do prazo sinalado para a súa exposición, os interesados poderán presentar reclamacións ante a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, por calquera das formas sinaladas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A Dirección Xeral Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial resolverá as reclamacións formuladas nun prazo máximo de dez días, contados a partir da data de vencemento do período aberto para a presentación das ditas reclamacións.

6. Contra os acordos da dirección xeral poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio.

Artigo 4º.-Requisitos para ser elixible.

As persoas que desexen presentar candidatura deberán reunir os seguintes requisitos, á finalización do prazo para a súa presentación:

a) Levar inscritos un mínimo dun ano como artesáns na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

b) Figurar inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia na provincia pola cal presenten a candidatura.

Artigo 5º.-Presentación de candidaturas.

As candidaturas deberán presentarse no prazo de quince días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Presentaranse en sobre pechado e certificado, conforme o modelo oficial que se publica como anexo I, coa que se deberá achegar unha fotocopia do documento nacional de identidade do candidato, e que debe ser dirixido ao seguinte enderezo postal:

Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

Presentación de candidaturas para vogais da Comisión Galega de Artesanía.

Edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 5, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 6º.-Proclamación de candidatos.

Transcorridos 15 días naturais desde que finalice o prazo de presentación de candidaturas, a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial procederá a examinar as candidaturas presentadas. Excluiranse as que non reúnan os requisitos do artigo 4º e aqueloutras presentadas fóra do prazo. Todo isto farase público mediante a inserción dun anuncio no DOG.

Artigo 7º.-Procedemento para emitir o voto.

1. Os electores dispoñen de 30 días naturais para votar, contados a partir do día seguinte ao da publicación de candidaturas no Diario Oficial de Galicia.

2. Emitirán o seu voto (anexo II) nun sobre pechado que se introducirá dentro doutro sobre, xunto co anexo III e fotocopia do DNI do votante.

3. A documentación enviarase, por correo certificado, ao seguinte enderezo postal:

Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

Elección de vogais para a Comisión Galega de Artesanía.

Edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 5, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 8º.-Escrutinio.

1. Transcorridos dez días naturais desde o remate do prazo para votar, efectuarase a apertura dos sobres que conteñan o voto, en acto público, mediante convocatoria exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais e dos servizos centrais da consellería. No acto, presidido polo director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, estarán presentes dous funcionarios da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, designados polo citado director, e un representante da Comisión Galega de Artesanía que será designado por esta de entre os vogais en representación do sector artesanal.

Do acto elevarase acta, indicando os votos válidos, nulos e en branco, así como os correspondentes a cada candidato.

2. Consideraranse nulos todos os votos que non se emitan en modelo oficial, aqueles que conteñan marcas, raspaduras, emendas, os presentados fóra de prazo e os presentados por persoas carentes do dereito de sufraxio activo de acordo co disposto no artigo 2º.

3. Serán designados vogais os catro candidatos máis votados de entre os votos validamente emitidos no ámbito de cada unha das provincias.

En caso de empate, será designado o candidato de maior antigüidade no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e se esta fose igual, o de maior idade, de persistir o empate farase ao chou.

Artigo 9º.-Proclamación dos vogais electos.

1. Unha vez finalizado o escrutinio dos votos, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio fará públicos os resultados definitivos das eleccións, proclamando os vogais electos no Diario Oficial de Galicia.

2. Os vogais serán nomeados polo director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, na súa calidade de presidente da Comisión Galega de Artesanía, que lle entregará a cada un dos elixidos a credencial que xustifique a súa condición de membro electo.

A condición de vogal terá una vixencia de catro anos e poderán presentarse á reelección.

Artigo 10º.-Resolución de controversias.

As reclamacións e controversias que se produzan ao longo do proceso electoral sobre o seu desenvolvemento presentaranse perante a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e serán resoltas por ela.

Contra os acordos da dirección xeral poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio.

Disposición adicional

Única.-Para a interpretación e o non previsto nesta orde atenderase no que proceda ao regulado na Lei orgánica do 19 de xuño de 1985, do réxime electoral xeral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que dite os actos necesarios para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2005.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

ANEXO I

Modelo para a presentación de candidaturas para a elección de vogais provinciais representantes dos artesáns de cada provincia inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, creado pola Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

ELECCIÓNS DE VOGAIS DA COMISIÓN GALEGA DE ARTESANÍA

ANO 2004

PRESENTACIÓN DE CANDIDATOS

Don/Dona

Enderezo

Inscrito/a no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia coa carta de artesán/artesá nº

Data de inscrición

Actividade artesanal que exerce

Presenta a súa candidatura como vogal da Comisión Galega de Artesanía pola provincia de

Asdo.:................

ANEXO II

Modelo de voto para a elección dos vogais provinciais para a Comisión Galega de Artesanía representantes dos artesáns inscritos no Rexistro de Artesanía de Galicia.

ELECCIÓNS DE VOGAIS DA COMISIÓN GALEGA DE ARTESANÍA

ANO 2004

MODELO DE VOTO

Voto ao/á candidato/a.

Don/Dona

Que se presenta pola provincia de

ANEXO III

Documentación acreditativa da inscrición no censo electoral para as eleccións de vogais provinciais representantes dos artesáns de cada provincia inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia creado na Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

ELECCIÓNS DE VOGAIS DA COMISIÓN GALEGA DE ARTESANÍA

ANO 2004

DOCUMENTACIÓN ACREDITATIVA DA INSCRICIÓN NO CENSO ELECTORAL

Don/Dona

Enderezo

Inscrito/a no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia coa carta de artesán/artesá nº

Asdo.:................