DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 08 de febreiro de 2005 Páx. 2.190

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 1 de febreiro de 2005 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha embarcación, motor foraborda e remolque a favor do Concello de Muíños.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local asinou, con data do 8 de febreiro deste ano, un convenio de colaboración co Concello de Muíños para intervencións relacionadas co Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións de Galicia.

O Consello da Xunta, na súa reunión do 27 de setembro de 2001, adoptou o acordo de aprobar o Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións en Galicia, publicado posteriormente por Resolución do 13 de marzo de 2002, da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil (DOG nº 78, do 23 de abril).

No dito plan, o encoro das Conchas, situado na bacía do río Limia, no termo municipal de Muíños, atópase clasificado como de categoría A, isto é, encoros cuxas roturas ou funcionamento incorrecto poidan afectar gravemente núcleos urbanos ou servizos esenciais, ou producir danos materiais ou ambientais moi importantes.

Na cláusula cuarta do convenio prevese a cesión dunha embarcación pneumática dotada de motor foraborda de 25 HP e remolque.

Esta cesión de bens mobles esta permitida pola Lei 3/1985, do patrimonio da comunidade autónoma, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, exixindo o Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento da citada Lei 3/1985, que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar os bens, así como as súas condicións.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é acordar a cesión en propiedade dunha embarcación pneumática Valiant DR 400 SS, dotada de motor foraborda Mercury F-25 ML e remolque, a favor do Concello de Muíños.

Artigo 2º.-Condicións da cesión.

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido destinarase á colaboración e cooperación en materia de protección civil e xestión de emerxencias, para facer fronte aos riscos derivados da activación do Plan de emerxencia do encoro das Conchas, de acordo co disposto no Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións en Galicia, tal e como exixe o artigo 35 bis de Lei 3/1985, do patrimonio da comunidade autónoma, e o artigo 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Os gastos derivados do uso da embarcación, motor e/ou remolque serán por conta do Concello de Muíños.

Artigo 3º.-Formalización da cesión.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, e polo alcalde do Concello de Muíños ou persoa en que delegue.

Artigo 4º.-Facultades de control, vixilancia e reversión.

1. Se o ben non se aplicase ao fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das detorioracións que experimentasen.

2. Á consellería cedente corresponderanlle as facultades de control e vixilancia da cesión, así como, se é o caso, a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2005.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local