DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 08 de febreiro de 2005 Páx. 2.166

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 25 de xaneiro de 2005 pola que se aproban os estatutos do Colexio Provincial de Procuradores da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local en virtude do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición o Colexio Provincial de Procuradores da Coruña acordou en xunta xeral ordinaria do 16 de decembro de 2004 a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar os estatutos do Colexio Provincial de Procuradores da Coruña, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2005.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local

Exposición de motivos

A entrada en vigor da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobada mediante Lei 11/2001, do 18 de setembro (DOG do 28 de setembro, BOE do 22 de outubro) establece na súa disposición transitoria a obrigación para os colexios profesionais galegos e consellos galegos de colexios profesionais a necesidade de adaptar os seus estatutos ás disposicións dela. Así mesmo, con data 21 de decembro do ano 2002 publicouse no BOE o R.D. 1281/2002, do 5 de decembro, polo que se aproba o estatuto xeral dos procuradores dos tribunais de España, que na súa disposición transitoria única obriga aos colexios de procuradores, sen prexuízo do establecido pola lexislación autonómica, a adaptar os seus estatutos particulares ao citado estatuto xeral no prazo dun ano. Esta circunstancia, unida á integración do Colexio de Procuradores da Coruña no Consello Galego dos Procuradores de Galicia, obrigan á revisión, adaptación e modificación do decreto do vixente Estatuto do Colexio de

Procuradores da Coruña, aprobado polo Consello Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España con data dous de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco. Unha vez aprobada pola xunta xeral o novo Estatuto do Colexio remitirase ao Consello Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España para a súa sanción definitiva, así como á Consellería da Xunta

de Galicia competente en materia de colexios profesionais, para que de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de cualificación da súa legalidade, proceda á súa inscrición no Rexistro de Colexios e á súa aprobación definitiva, que deberá producirse no prazo máximo de seis meses; transcorrido o citado prazo sen declaración expresa, a mesma entenderáse de carácter favorable. A resolución de carácter desfavorable, que deberá ser motivada, determinará a devolución dos estatutos. Aprobados os estatutos, publicaranse no Diario Oficial de Galicia mediante orde da consellería competente en materia de colexios profesionais.

TÍTULO I

Do colexio de procuradores

Capítulo primeiro

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza e personalidade xurídica.

O Colexio de Procuradores da Coruña é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimiento dos seus fins, integrada por todos os colexiados incorporados ao mesmo e quen no sucesivo, reunindo os requisitos exixidos pola lexislación vixente, para o exercicio da profesión de procurador dos tribunais, soliciten e obteñan á súa incorporación a el.

Artigo 2º.-Fins do colexio.

Son fins do Colexio de Procuradores da Coruña:

a) A ordenación, no ámbito da súa competencia e de acordo co previsto nas leis, do exercicio da profesión dentro do seu territorio.

b) A representación exclusiva da procuración e a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos seus colexiados.

c) A formación profesional permanente dos procuradores co fin de lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados adscritos ao Colexio de Procuradores da Coruña. Cooperar na mellora dos estudos que, conforme a lexislación vixente, resulten necesarios para a obtención do título que habilite para o exercicio da profesión de procurador dos tribunais.

d) O control deontolóxico e a aplicación do réxime disciplinario en garantía da sociedade.

e) A colaboración activa no correcto funcionamento, promoción e mellora da Administración de xustiza.

Artigo 3º.-Funcións do Colexio.

O Colexio de Procuradores da Coruña terá as seguintes funcións:

1. Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante calquera Administración pública, institución, tribunal, entidade e particular.

2. Informar daqueles proxectos ou iniciativas lexislativas que afecten a procuración, cando así se lle requira.

3. Colaborar co Poder Xudicial e demais poderes públicos realizando os estudos, informes, traballos, estatísticas e demais actividades relacionadas cos seus fins.

4. Organizar e xestionar os servizos da quenda de oficio e xustiza gratuíta, conforme o previsto na lexislación vixente.

5. Participar en materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración, así como nos organismos interprofesionais, de conformidade cos supostos previstos na lexislación aplicable.

6. Asegurar a representación da procuración nos consellos sociais e universitarios nos términos establecidos nas normas que os regulen.

7. A creación e organización da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Procuradores da Coruña, que deberá ser homologado polo Consello Xeral de Procuradores ou, se for o caso, polo Consello Galego de Procuradores dos Tribunais. Organizar congresos, cursos, xornadas de formación e perfeccionamento profesional, así como a utilización doutros medios para facilitar o inicio da actividade profesional.

8. Colaborar e participar de forma activa coas entidades de formación dos futuros titulados, na elaboración dos plans de estudo e a súa preparación, así como proporcionar información para o acceso ao exercicio da profesión, de conformidade coas disposicións vixentes.

9. Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velando pola formación, a deontoloxía e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares; exercer a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial e redactar os seus propios estatutos, normas de desenvolvemento das deontolóxicas e regulamentos de funcionamento, sen prexuízo do seu visado e aprobación definitiva polo Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais.

10. Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e outros análogos, incluído o aseguramento obrigatorio da responsabilidade civil profesional. Así mesmo, existirá un dominio do colexio na internet co fin de difundir as súas actividades e servizos a través da páxina web do colexio.

11. Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal entre eles. Outorgar amparo, logo de deliberación da xunta de goberno, ao colexiado que o solicite.

12. Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir o intrusismo profesional e a competencia desleal, exercitando para isto as accións legais que fosen pertinentes.

13. Intervir, logo de solicitude, en vías de conciliación ou arbitraxe en cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados ou entre estes e os seus clientes.

14. Resolver as discrepancias que podan xurdir en relación coa actuación profesional dos colexiados e a percepción dos seus dereitos, mediante laudo a que previamente se sometan de modo expreso as partes.

15. Cumprir e facer cumprir, aos colexiados as disposicións legais e estatutarias que afectan á profesión, así como velar pola observancia das normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

16. A organización do servizo de recepción de notificacións e traslado de copias de escritos e documentos, incluída na forma electrónica ou informática, de depósito de bens embargados, de valoración e alleamento público dos bens trabados cuxa natureza o permita, así como doutros servizos e funcións que lles encomende as leis, a lei de axuizamento civil e outras normas procesuais. A organización dos ditos servizos estruturarase a través do correspondente regulamento.

17. Establecer e exixir as contribucións económicas dos colexiados.

18. Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando o colexiado o solicite libre e expresamente, nos casos en que o colexio teña creados os servizos adecuados para isto conforme aos seus estatutos.

19. Fixar os honorarios orientativos dos colexiados con motivo de actuacións profesionais non sometidas a tarifas arancelarias.

20. Elaborar e aprobar os seus orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.

21. Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais e consellos autonómicos de colexios.

22. Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos que afecten a materias de competencia profesional.

23. Colaborar coas administracións públicas en materias das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.

24. Garantir a prestación da súa función profesional polos colexiados.

25. Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses da profesión, dos colexiados e demais fins da procuración ou que veñan dispostas pola lexislación estatal ou autonómica.

26. Por medio da xunta xeral, corresponde a delimitación territorial para o exercicio profesional.

27. Coidar de que anualmente se celebre a festividade do colexio en honra do seu padroeiro.

28. En definitiva exercer cantas funcións e prerrogativas estean establecidas nas disposicións vixentes e todas aquelas que, non expresamente enunciadas, sexan concomitantes ou consecuencia das anteriores e teñan cabida no espírito que as informe.

Artigo 4º.-Exercicio de competencias e colaboración coa Administración.

1. O Colexio de Procuradores da Coruña exercerá, ademais das súas funcións propias, as funcións administrativas que lle atribúa a lexislación estatal e autonómica e as competencias administrativas que lle delegue o correspondente órgano da administración. O acto de delegación deberá de estar autorizado mediante unha disposición legal ou regulamentaria.

2. O Colexio de Procuradores da Coruña poderá asumir da Comunidade Autónoma de Galicia, através do correspondente convenio, a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos da súa propia competencia, segundo os termos do artigo 15 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Así mesmo, o Colexio de Procuradores da Coruña poderá celebrar convenios de colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de actividades de interese común e para a promoción de actuacións orientadas á defensa do interese público e, en especial, dos usuarios dos servizos profesionais dos colexiados.

Artigo 5º.-Ámbito territorial.

O Colexio de Procuradores da Coruña ten carácter provincial, e a súa circunscrición territorial comprende os partidos xudiciais da Coruña, Ferrol, Betanzos, Carballo e Ortigueira. A modificación das demarcacións xudiciais antes citadas non afectará ao ámbito territorial do Colexio de Procuradores da Coruña, que terá competencia nos novos partidos xudiciais que poidan crearse no seu territorio.

Artigo 6º.-Denominación e sede.

Denominarase Colexio de Procuradores dos Tribunais da Coruña e terá dereito a utilizar a dita expresión e a que a mesma sexa recoñecida en actos e escritos oficiais. A sede do Colexio fíxase na cidade da Coruña.

Artigo 7º.-Escudo do Colexio.

O escudo do Colexio, distintivo que tradicionalmente vén usando, consiste nun conxunto integrado polo escudo do Estado español á dereita e lixeramente inclinado á súa esquerda, o da cidade da Coruña no centro, o representativo da xustiza á esquerda e lixeramente inclinado á súa dereita. O escudo distintivo do colexio non poderá modificarse sen acordo adoptado en xunta xeral.

En todos os documentos que o colexio expida, así como nas súas comunicacións, estamparase un selo en que se represente o escudo distintivo expresado.

Artigo 8º.-Capacidade xurídica.

O Colexio de Procuradores dos Tribunais da Coruña ten plena capacidade xurídica e de obrar; é suxeito de dereitos e obrigacións e pode exercitar cantas accións lle competan na súa propia defensa e tamén na defensa particular dos seus integrantes como tales colexiados.

Artigo 9º.-Regulación legal.

O Colexio de Procuradores dos Tribunais da Coruña rexerase polas disposicións legais estatais ou autonómicas que lle afecten, polo estatuto xeral dos procuradores dos tribunais de España, polo estatuto do Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais, polos presentes estatutos e regulamentos de réxime interior aprobados pola xunta xeral e de goberno, así como polos acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 10º.-Delegacións territoriais.

Existirá unha delegación do colexio en cada unha das demarcacións territoriais que o conforman a fin de garantir o cumprimento dos seus fins e maior eficacia das funcións colexiais. As delegacións terán a representación colexial no ámbito da súa demarcación, coas facultades e competencias que lles atribúa a xunta de goberno do colexio no momento da súa creación ou en acordos posteriores.

Artigo 11º.-Órganos de goberno do colexio.

O Colexio de Procuradores da Coruña será rexido polo decano, a xunta de goberno e a xunta xeral, sen prexuízo daqueles outros órganos que poidan constituirse conforme as leis autonómicas ou normas aprobadas estatutariamente.

Artigo 12º.-Do patrocinio do colexio.

O Colexio de Procuradores da Coruña acollese á protección de Santo Ivo, a quen se designa como padroeiro desta corporación.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo primeiro

Dos colexiados e a súa clasificación

Artigo 13º.-Incorporación.

Para o exercicio da profesión de procurador dos tribunais no ámbito territorial do Colexio de Procuradores da Coruña será necesario haber solicitado e obtido a incorporación a este colexio de procuradores.

Artigo 14º.-Clasificación dos colexiados.

Os colexiados clasificaranse en:

a) Procuradores colexiados exercentes.

b) Procuradores colexiados non exercentes.

Artigo 15º.-Procuradores colexiados exercentes.

1. Serán procuradores colexiados exercentes os que exerzan de forma efectiva a profesión de pro

curador dos tribunais nas distintas demarcacións ou partidos xudiciais que conforman o ámbito territorial do Colexio de Procuradores da Coruña.

2. Os procuradores só poderán estar habilitados para exercer a súa profesión nun dos partidos xudiciais que conforman o ámbito territorial do Colexio de Procuradores da Coruña.

3. Cando unha norma cree ou modifique o ámbito territorial dun ou varios partidos xudiciais, corresponderá á xunta xeral do colexio, por proposta da xunta de goberno, acordar os límites e características da nova demarcación, cuxo acordo se elevará ao Consello Galego de Colexios de Procuradores e, por este, ao Consello Xeral de Procuradores ou, noutro caso, directamente a este, para que un e outro valoren a adecuación do dito acordo á legalidade vixente.

Artigo 16º.-Procuradores colexiados non exercentes.

1. Poderá seguir pertencendo ao Colexio e utilizando a denominación de procurador dos tribunais, engadindo sempre a expresión de «non exercente», os que cesen no exercicio da profesión, ben sexa por incompatibilidade, ben por incapacidade ou por calquera outra circunstancia.

2. Só poderá ser admitido como colexiado non exercente quen exercese con anterioridade e de modo efectivo a profesión de procurador dos tribunais.

3. Todos os procuradores non exercentes están obrigados a pagar a cota que a xunta xeral estableza para os colexiados desta clase.

4. Se un procurador non exercente quixese pasar a exercente remitirá a correspondente solicitude á xunta de goberno. En todo caso, se do seu expediente persoal non constase actualizada en todo ou en parte a documentación prevista nas alíneas a), e), f), g), h), i), j), k), l), do artigo 20 deste estatuto, a xunta de goberno requirirá ao solicitante para que a presente a fin de comprobar o cumprimento efectivo dos requisitos exixidos para o exercicio da súa actividade profesional.

Capítulo segundo

Da incorporación ao colexio

Artigo 17º.-Requisitos xerais para o ingreso no colexio.

Para ingresar no Colexio de Procuradores da Coruña será necesario reunir os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos estados membros da Unión Europea ou dos estados parte do acordo sobre o Espazo Económico Europeo, sen prexuízo do disposto en tratados ou convenios internacionais ou agás dispensa legal.

b) Os nacionais doutros países, non incluídos na alínea anterior, poderán ingresar no Colexio de Procuradores da Coruña sempre que reúnan a titulación requirida e os demais requisitos fixados nos tratados internacionais e na lei.

c) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

d) Estar en posesión do título de licenciado en dereito, ou dos títulos estranxeiros que, conforme a lexislación vixente, sexan homologados a aquel, así como os títulos obtidos nos estados membros da Unión Europea que faculten para exercer nestes a procuración e que fosen recoñecidos en España de conformidade coas disposicións vixentes.

e) Ter obtido o título de procurador, que será expedido polo Ministerio de Xustiza.

Artigo 18º.-Incapacidades.

1. Non poderán ser admitidos no Colexio de Procuradores da Coruña:

a) Os que sufran impedimentos que, pola súa natureza e intensidade, imposibiliten o cumprimento das funcións atribuidas aos procuradores.

b) Os que se atopen inhabilitados o fosen suspendidos expresamente para o exercicio da profesión de procurador ou de calquera outra profesión do ámbito da Administración de Xustiza e demais administracións públicas, en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.

c) Os que fosen obxecto de resolucións disciplinarias firmes que impoñan a suspensión no exercicio profesional ou a expulsión do Colexio de Procuradores.

d) Os que teñan antecedentes penais que inhabiliten para o exercicio da profesión.

e) Os que non acrediten o cumprimento das obrigacións fiscais previas á alta na profesión.

f) Os que estean incursos en causa de incompatibilidade ou prohibición para o exercicio da procuración.

2. As incapacidades desaparecerán cando cesen as causas que as motivasen ou se extinguise a responsabilidade penal e disciplinaria, conforme o previsto no Estatuto xeral de procuradores.

Artigo 19º.-Solicitude de incorporación.

Para incorporarse ao Colexio de Procuradores da Coruña será necesaria a presentación dunha instancia, dirixida ao decano do Colexio, facendo constar, ademais dos seus datos persoais, domicilio, nacionalidade e idade, o partido xudicial onde exercerá a profesión e localidade, dentro do partido xudicial de exercicio profesional, onde instalará o seu despacho profesional, con expresión de todos os seus datos identificativos.

Artigo 20º.-Documentación necesaria para a incorporación.

Á instancia xuntaranse os seguintes documentos:

a) Catro fotografías tamaño carné.

b) Certificación de nacemento.

c) Título de procurador ou testemuña notarial deste.

d) Título de licenciado en dereito ou dos títulos estranxeiros que, conforme a lexislación vixente, sexan homologados a aquel, así como os títulos obtidos nos estados membros da Unión Europea que faculten para exercer nestes a procuración e que fosen recoñecidos en España.

e) Declaración xurada ou solemne do interesado de non estar incurso en ningunha das causas ou circunstancias a que se refire o artigo 18 destes estatutos.

f) Declaración xurada ou solemne do interesado de gardar segredo profesional e de cumprimento dos demais deberes profesionais e corporativos inherentes ao seu cargo.

g) Declaración xurada ou solemne do interesado de non pertencer, como exercente, a un colexio de procuradores.

h) Certificación negativa de antecedentes penais que inhabiliten para o exercicio da profesión.

i) Comprobante da constitución da fianza prevista no artigo 47 do Estatuto xeral dos procuradores e da aprobación desta pola secretaría de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

j) Comprobante de ter satisfeito, na Tesouraría do Colexio de Procuradores da Coruña, a cota de ingreso estabrecida pola xunta xeral.

k) Xustificante de estar dado de alta na mutualidade de procuradores dos tribunais de España, mutualidade de previsión social a prima fixa ou, alternativamente, no réxime especial de traballadores autónomos, nos termos establecidos na disposición adicional 15ª da Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, ou con calquera lexislación concordante.

l) Acreditar o cumprimento das obrigas fiscais previas á profesión.

Artigo 21º.-Exame da documentación. Admisión e denegación da solicitude.

1. Recibida a documentación a que se refire os artigos anteriores, a xunta de goberno, na primeira sesión que se celebre, examinará aquela, comprobará a concorrencia de todos os requisitos exixidos para o efecto e decidirá sobre a admisión ou denegación da solicitude. A decisión adoptarase mediante resolución motivada tras as actuacións e informes que sexan pertinentes. A resolución que se dite será impugnable pola vía administrativa e, se é o caso, a xurisdicional correspondente, conforme o disposto nos artigos 76 a 82, ambos inclusive, deste estatuto. En todo caso a xunta de goberno non poderá denegar a incorporación ao colexio a aqueles solicitantes que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 8, 9, 10 e 11 do Estatuto xeral de procuradores.

2. Unha vez admitido o solicitante deberá prestar xuramento ou promesa de acatamento á Constitución,

ase como ao resto do ordenamento xurídico, ante a autoridade xudicial de maior rango do partido xudicial en que se vaia exercer, ou ante a xunta de goberno do Colexio de Procuradores da Coruña.

Artigo 22º.-Cota colexial de ingreso.

1. Quen pretenda incorporarse ao Colexio de Procuradores da Coruña deberá de satisfacer a cota colexial de ingreso que no momento da súa admisión teña estabrecida a xunta xeral.

2. A cota colexial de ingreso será revisada periodicamente pola xunta xeral, sempre que non supere os máximos establecidos polo Consello Xeral ou, se é o caso, o Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais.

Artigo 23º.-Número de colexiado.

Ao incorporarse ao colexio, o procurador figurará na lista de exercentes co número que por orde de antigüidade de inscrición lle corresponda.

Artigo 24º.-Cota colexial de reincorporación.

O procurador inscrito como non exercente que satisfixese de forma interrompida a súa cota non estará obrigado a pagar cota colexial de ingreso ningunha, agás que fose a exercer en partido xudicial distinto no que exercese con anterioridade. Neste caso aboará a metade da cota colexial de ingreso que no momento da súa reincorporación teña fixada a xunta xeral.

Capítulo terceiro

Da perda da condición de colexiado

Artigo 25º.-Perda da condición de colexiado.

1. A condición de colexiado perderase e dará lugar á baixa inmediata:

a) Por falecemento.

b) Por cesamento voluntario no exercicio da profesión, agás que pasase á condición de colexiado non exercente.

c) Por falta de pagamento de tres recibos, de forma sucesiva ou alternativa, correspondentes ás cotas ordinarias, fixas ou variables, nun mesmo exercicio, as extraordinarias, e das demais cargas colexiais establecidas pola xunta xeral, que se fará efectiva unha vez firme a resolución da xunta de goberno que acorde a baixa. Non obstante, os colexiados poderán rehabilitar os seus dereitos pagando a cantidade debida máis os seus intereses ao tipo legal e, se é o caso, o importe da sanción que se lle impoña.

d) Por sentenza firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

e) Por sanción firme de expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario.

f) Por alta noutro colexio de procuradores, agás que pasase á condición de non exercente naquel ao que pertencese anteriormente.

2. En todos estes casos corresponde á xunta de goberno do colexio acordar a perda da condición de colexiado. O acordo adoptarase en resolución motivada que, unha vez firme, será comunicada ao Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais e, se é o caso, ao Consello Galego de Colexios de Procuradores, así como aos órganos xurisdicionais correspondentes.

Artigo 26º.-Comunicación de xuíces e tribunais.

De conformidade coa lexislación vixente, os xuíces e tribunais remitirán ao Colexio de Procuradores da Coruña copia autorizada da sentenza condenatoria firme e, en xeral, calquera resolución que puidera levar implícita a inhabilitación ou suspensión profesional dun procurador, así como das resolucións polas que se corrixa disciplinariamente a un colexiado, remitíndose polo dito colexio copia desta ao Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais e, se é o caso, ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais.

Capítulo cuarto

Dos dereitos e deberes dos procuradores

Prohibicións e incompatibilidades

Artigo 27º.-Dereitos dos procuradores.

Os procuradores teñen dereito a:

a) A solicitar dos órganos corporativos a protección da súa actuación profesional, da súa independencia e do seu libre criterio de actuación, sempre que se axuste ao establecido no ordenamento xurídico e, en particular, ás normas éticas e deontolóxicas. Poderán pedir que se poña en coñecemento dos órganos de goberno do Poder Xudicial, xurisdicionais ou administrativos, a vulneración ou descoñecemento dos dereitos dos colexiados.

b) A propor á xunta de goberno as reformas que coiden pertinentes ou que poidan redundar en beneficio da Administración de Xustiza e consultar á mesma sobre cuestións ou feitos que afecten ao exercicio da profesión.

c) Ás honras, preferencias e consideracións recoñecidas pola lei á profesión, en particular, ao uso da toga cando asistan a sesións dos xulgados e tribunais e actos solemnes xudiciais, e a ocupar asento en estrados á mesma altura dos membros do tribunal, fiscais, secretarios e avogados. Os membros da xunta de goberno usarán a placa e medalla correspondente.

d) Á asistencia á xunta xeral do colexio, participar nesta con voz e voto, a formular peticións e propostas, a acceder, en condicións de igualdade, aos cargos colexiais, na forma e requisitos que establezan as normas legais e estatutarias e aos demais dereitos que para os colexiados se prevexan no ordenamento xurídico aplicable.

e) A utilizar os útiles de escritorio, a biblioteca e, en xeral, utilizar as dependencias do colexio.

f) A todas as prestacións e servizos que establezan en cada momento os órganos reitores do colexio.

g) Á remuneración xusta e adecuada dos seus servizos profesionais conforme o arancel, que será respectada en relación cos seus herdeiros en caso de falecemento. En ningún caso se admitirá a fixación do pagamento que resulte incompatible coas normas arancelarias.

h) Aos devengos que procedan polas actuacións de carácter extraxudicial, todo isto conforme ás regras do mandato.

i) A ser substituído, en calquera actuación procesual, por outro procurador exercente na mesma demarcación territorial.

j) A asociarse con outro ou outros procuradores exercentes da mesma demarcación territorial na forma que teñan por conveniente.

k) A consultar á xunta de goberno nos seguintes casos:

-Sobre interpretación dos aranceis de procuradores que en cada momento se atopen vixentes.

-Sobre interpretación doutros aranceis tamén vixentes, co fin de comprobar se as partidas de dereitos que por razón daqueles lles fosen pasadas se axustan á legalidade.

-Sobre a procedencia de pagamento doutros suplidos e dereitos que deben figurar na conta de asunto xudicial a pasarse polo procurador consultante.

-Sobre cualquera outra cuestión dubidosa o feito que afecte ao exercicio da profesión.

l) A interesarse no seguro complementario de xubilación «Procuplan», así como ás prestacións que puidesen establecerse no futuro a xunta de goberno do colexio, coa aprobación da xunta xeral.

Artigo 28º.-Arancel.

1. Os procuradores no seu exercicio profesional, percibirán os dereitos que fixen as disposicións arancelarias vixentes.

2. A xunta de goberno poderá exixir aos seus colexiados que acrediten o cumprimento do disposto no número anterior, incluso con exhibición das facturas de suplidos e dereitos e o seu reflexo contable.

Artigo 29º.-Asociación de procuradores dunha mesma demarcación territorial.

1. Os procuradores dunha mesma demarcación territorial poderán asociarse, para o exercicio da súa profesión, na forma e condicións que teñan por conveniente, dando conta disto ao Colexio de Procuradores. O feito da asociación farase público por medio de letreiros, placas ou membretes en que figurará o nome e apelidos dos asociados.

2. A forma de asociación deberá permitir a identificación dos seus integrantes, deberá constituirse por escrito e inscribirse, para os efectos de publicidade e do exercicio das competencias colexiais, no rexistro especial correspondente ao colexio onde

tivese aberto despacho. No dito registro inscribirase a súa composición e as altas e baixas que se produzan.

3. Os procuradores asociados non poderán asumir en ningún caso a representación daqueles litigantes que teñan posicións procesuais contrapostas ou cando advirtan que existe ou pode producirse conflito de intereses entre os seus representados.

4. Para a mellor salvagarda do secreto profesional e das relacións de compañeirismo, poderanse someter a arbitraxe colexial as discrepancias que puidesen xurdir entre os membros dun despacho colectivo a causa do seu funcionamento, separación ou liquidación.

Artigo 30º.-Autorización da publicidade.

1. Os procuradores poderán facer publicidade dos seus servizos e despachos conforme o establecido na lexislación vixente. Evitarán a deslealdade cara aos seus compañeiros e a competencia ilícita, con suxeción á lexislación sobre publicidade, sobre defensa da competencia e competencia desleal, axustándose en calquera caso ás normas deontolóxicas.

2. Corresponde á xunta de goberno a autorización previa prevista no artigo 36 do Estatuto xeral dos procuradores.

Artigo 31º.-Substitución do procurador.

1. Os procuradores poderán ser substituídos, no exercicio da súa profesión, por outro procurador da mesma demarcación territorial, coa simple aceptación do substituto, manifestada na asistencia ás dilixencias e actuacións, na sinatura de escritos ou na formalización do acto profesional de que se trate. Para que opere a substitución entre procuradores non é necesario que o procurador substituto se atope facultado no apoderamento do procurador substituído, nin que o procurador substituído acredite a necesidade da substitución.

2. Tamén poderán os procuradores ser substituídos polo seu oficial habilitado na forma que regulamentariamente se estableza, de acordo co previsto na Lei orgánica do poder xudicial.

Artigo 32º.-Entrada e rexistro en oficina do procurador.

l. No caso de que ao decano, ou quen estatutariamente o substitúa, fose requirido en virtude de norma legal ou avisado pola autoridade xudicial ou, se é o caso, gobernativa competente para a práctica dun rexistro no despacho profesional dun procurador, deberá comparecer e asistir ás dilixencias que neste se practiquen, velando pola salvagarda do segredo profesional.

2. En todo caso, o procurador incurso no suposto anterior, poderá solicitar a presencia do decano.

Artigo 33º.-Deontoloxía profesional.

Os colexiados pertencentes ao Colexio de Procuradores da Coruña deben ter como guía da súa actua

ción o servizo á comunidade e o cumprimento das obrigacións deontolóxicas propias da profesión. Constituirá conduta sancionable o incumprimento das normas deontolóxicas da profesión.

Artigo 34º.-Cotas colexiais ordinarias e extraordinarias.

Todos os colexiados están obrigados a satisfacer, dentro dos prazos sinalados, as cotas ordinarias fixas e variables, as extraordinarias acordadas polo colexio, o Consello Galego de Colexios de Procuradores e o Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais, así como as demais cargas obrigatorias, entre estas as que correspondan á mutualidade de previsión social dos procuradores dos tribunais de España.

Artigo 35º.-Póliza de responsabilidade civil.

Os procuradores exercentes no Colexio de Procuradores da Coruña están obrigados ao aseguramento obrigatorio da responsabilidade civil profesional, cun capital mínimo asegurado de 300.506,05 euros, ou a que en cada momento estableza o Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais de España ou o Consello Galego de Procuradores. A xunta de goberno encargarase de comprobar a vixencia e contía das pólizas.

Artigo 36º.-Outras obrigacións colexiais.

Ademais das previstas na lexislación vixente, os procuradores están obrigados a:

a) Denunciar ante o colexio todo acto que chegue ao seu coñecemento que implique exercicio ilegal da profesión ou que sexa contrario aos estatutos.

b) Cumprir as normas legais, estatutarias, deontolóxicas e os acordos dos diferentes órganos corporativos.

c) Á asistencia ás xuntas xerais, agás que xustifique a súa ausencia por escrito, que se presentará á xunta de goberno. A inasistencia ás xuntas xerais, non dará lugar, en ningún caso, ao exercicio da potestade disciplinaria corporativa.

d) Manter despacho aberto en cada un dos partidos xudiciais en que esté habilitado para o exercicio da profesión.

e) Comunicar, no momento da súa incorporación, o seu domicilio e demais datos que permitan a súa fácil localización. Tamén deberán comunicar ao colexio calquera cambio de domicilio e do despacho profesional.

f) Acudir aos xulgados e tribunais ante os cales exerza a profesión, ás salas de notificacións ou de servizos comúns e aos órganos administrativos, para oír e asinar emprazamentos, citacións e notificacións de calquera clase que se lle deban realizar.

g) Gardar segredo sobre cantos feitos, documentos e situacións relacionadas cos seus clientes tivese coñecemento por razón do exercicio da súa profesión.

h) A levar un libro de coñecemento de negocios pendentes e outro de contas cos litigantes. A levanza destes libros poderá facerse por medios informáticos.

i) Render contas ao cliente, especificando e detallando as cantidades percibidas deste, aclarando os pagamentos realizados en beneficio do seu mandante e precisando con minuciosidade os diversos conceptos e o seu importe exacto.

j) Poñer en coñecemento do colexio calquera acto que afecte á independencia, liberdade ou dignidade dun procurador no exercicio das súas funcións.

k) Manter reserva das conversacións e correspondencia co seu mandante e co letrado deste, así como co procurador e o letrado da parte adversa, e con esta, con prohibición de revelalos ou facer uso, en xuízo ou fóra del, sen o seu previo consentimiento.

Artigo 37º.-Asistencia xurídica gratuíta.

1. Os servizos de representación prestados a quen sexan acredores do dereito de asistencia xurídica gratuíta non terán custo para os seus beneficiarios, agás as excepcións previstas nas normas reguladoras da asistencia xurídica gratuíta, sen prexuízo das indemnizacións que puidesen establecer as distintas administracións públicas e corporativas.

2. Para tal fin o colexio organizará os servizos de representación gratuíta e quenda de oficio, na forma que se estableza regulamentariamente.

Artigo 38º.-Substitución na representación.

1. O procurador que acepte a representación en asunto en que estea intervindo ou interviñese outro compañeiro na mesma instancia, vén obrigado a satisfacer os suplidos e dereitos devengados ao tempo da substitución. Se non houber acordo entre os procuradores, o importe das cantidades será fixado pola xunta de goberno.

2. O procurador que cese na representación está obrigado a devolver a documentación que estea no seu poder e a facilitar ao novo procurador a información que sexa necesaria para continuar no eficaz exercicio de representación procesual do poderdante.

Artigo 39º.-Prohibicións e incompatibilidades.

En canto ás prohibicións e incompatibilidades observarase o disposto no capítulo segundo do título II do Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais.

Capítulo quinto

Das ausencias, as súas substitucións e cesamentos

no exercicio da profesión

Artigo 40º.-Licenzas, substitucións e cesamentos no exercicio da profesión.

Para todo o relativo a licenzas, ausencias, substitucións e cesamentos no exercicio da profesión observarase o contido das disposicións legais vixentes no momento de producirse cada un dos ditos

supostos concretos, e ao capítulo VII do título II do Estatuto xeral de procuradores.

Artigo 41º.-Substitución por enfermidade. Falecemento.

1. Se o procurador enferma de forma repentina, sen previa designación de substituto, o decano do colexio, tan pronto como teña coñecemento do feito, designará, de entre os procuradores da mesma demarcación territorial, aquel ou aqueles que interinamente substitúan o enfermo ata que o poderdante resolva o que coide oportuno, e comunicará a designación realizada aos tribunais e xulgados correspondentes.

2. En caso de falecemento dalgún colexiado, a xunta de goberno fará nomeamento de quen se encargue da liquidación do seu despacho, se o solicitaren os seus herdeiros ou subsidiariamente o decano do colexio.

Artigo 42º.-Das baixas no exercicio da profesión.

1. Para todo o relativo ás baixas no exercicio da profesión observarase o contido nas disposicións legais vixentes e o disposto no Estatuto xeral de procuradores.

2. Ao cesar un procurador, no exercicio da profesión, anunciarase a súa baixa mediante edictos na delegación colexial e demarcación xudicial onde veña exercendo e abrirase un prazo de seis meses no cal poderán realizarse reclamacións.

TÍTULO III

Do réxime económico-financeiro do colexio

Capítulo primeiro

Ingresos e gastos do colexio

Artigo 43º.-Exercicio económico.

1. O exercicio económico do colexio coincidirá co ano natural.

2. O colexio terá un orzamento anual a que deberá axustarse e levará unha contabilidade ordenada e detallada dos seus ingresos e gastos.

3. Todos os colexiados poderán examinar as contas do colexio, durante os cinco días hábiles anteriores á data da celebración da xunta xeral que deba de resolver sobre estas.

4. O desenvolvemento económico-financeiro do colexio instrumentarase nun regulamento que aprobará a xunta xeral, ordinaria ou extraordinaria, do colexio.

Artigo 44º.-Ingresos ordinarios e extraordinarios.

Os ingresos do colexio serán ordinarios e extraordinarios.

Son ingresos ordinarios:

Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades, bens ou dereitos que integren o patrimonio do colexio, así como os rendementos dos fondos depositados nas súas contas.

As cotas de incorporación e de reincorporación ao colexio.

Os dereitos que fixe a xunta de goberno de cada colexio, por expedición de certificacións.

Os dereitos que fixe a xunta de goberno por emisión de ditames, resolucións, informes ou consultas que evacue a mesma sobre calquera materia, incluídas as referidas a dereitos, a petición xudicial ou extraxudicial, así como pola prestación doutros servizos colexiais.

O importe das cotas ordinarias, fixas ou variables, así como as derramas colexiais establecidas pola xunta de goberno e as cotas extraordinarias que aprobe a xunta xeral.

Os dereitos de xestión que dimanen dos servizos de telefonía, fotocopiadoras, de depósitos de bens mobles, de alleamentos de bens mobles ou inmobles e de valoracións.

Os dereitos de xestión que dimanen da organización da Escola de Práctica Xurídica, organización de congresos, cursos e xornadas.

Calquera outro concepto que legalmente procedese.

Son ingresos extraordinarios:

As subvencións ou donativos que conceda ao colexio o Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia, corporacións oficiais, entidades, públicas ou privadas e particulares.

Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza, legado ou outro título, pasen a formar parte do patrimonio do colexio.

As cantidades que por calquera concepto corresponda percibir ao colexio de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 45º.-Gastos do colexio.

Constitúen gastos do colexio:

O importe do soldo e demais emolumentos que perciban, ou podian percibir no futuro os empregados ao seu servizo.

O importe de servizos, material de oficina, informático, subscricións e bibliográfico, mensaxaría, limpeza e comunitarios.

O importe dos gastos de desprazamento dos inspectores de cota que o colexio teña concertados para o seu servizo de inspección. Os gastos por tributos, amortizacións, servizos financeiros, bancarios e similares.

O importe dos gastos pola organización e celebración de congresos, cursos e xornadas para o acceso e formación profesional.

O importe dos gastos xerados polos servizos técnico-profesionais que se precisen para auxilio da xunta de goberno.

O importe de calquera obra que sexa necesaria ou conveniente para a debida conservación ou mellora das instalacións, obxectos e mobiliario do colexio.

O importe das cantidades que deban satisfacerse ao Consello Xeral, Consello Galego de Procuradores e Mutualidade de Previsión dos Procuradores de España, en todos aqueles casos en que así se encontre regulamentariamente establecido ou se acorde no futuro.

O importe dos gastos motivados pola conmemoración patronal do colexio.

Os auxilios ou axudas económicas concedidos por causas xustificadas aos procuradores xubilados ou, en caso de falecemento, ao seu cónxuxe supérstite, que en cada momento puidese aprobar a xunta xeral do Colexio e cando a liquidez na tesouraría do Colexio así o permita. En todo caso os citados auxilios, non quedarán garantidos nin na súa contía nin na súa persistencia.

O importe das primas de seguros que o colexio teña concertado e así o acorde a xunta xeral, tales como o seguro obrigatorio de responsabilidade civil, seguro medico-cirúrxico, seguro de vida, accidentes, baixa laboral e xubilación.

O importe que supoña a condición do colexio como socio protector da mutualidade de procuradores cando así o acorde a xunta xeral, a través da sinatura do correspondente convenio bilateral.

O importe dos gastos de viaxe e suplidos aboados por representación que xeren o decano e os demais membros da xunta de goberno con ocasión do exercicio dos seus respectivos cargos.

E, finalmente, calquera outro desembolso que resulte procedente a xuízo da xunta de goberno informando disto na primeira xunta xeral anual ordinaria que se celebre.

Capítulo II

Do patrimonio do colexio

Artigo 46º.-Administración do patrimonio do colexio.

1. O patrimonio do colexio será administrado pola xunta de goberno, facultade que exercerá a través do tesoureiro e coa colaboración técnica que se precise.

2. Os pagamentos serán ordenados polo decano. O tesoureiro coidará da súa execución e de que sexan debidamente contabilizados.

Artigo 47º.-Obxecto do patrimonio.

O patrimonio do colexio estará constituído por:

1. As instalacións, obxectos e mobiliario en xeral, que sexan da súa propiedade.

2. O saldo que en cada momento apareza nas contas correntes e cartillas de aforro, e títulos-valores que a nome do colexio poidan acharse depositadas en entidades bancarias ou caixas de aforro.

3. Outros bens ou dereitos de carácter patrimonial que, por calquera título, poidan ser adquiridos.

Artigo 48º.-Establecemento de melloras.

A xunta de goberno, coa aprobación posterior da xunta xeral, ordinaria ou extraordinaria, poderá acordar o establecemento, a favor dos colexiados e do colexio, das melloras de carácter económico ou patrimonial que considere conveniente, coas limitacións que se contemplan neste título.

TÍTULO IV

Dos órganos de goberno do colexio

Capítulo primeiro

Da xunta xeral

Artigo 49º.-Da xunta xeral.

1. A xunta xeral é o supremo órgano de goberno do colexio.

2. A xunta xeral pode ter lugar con carácter ordinario ou extraordinario.

3. En calquera dos dous casos, celebraranse, logo de convocatoria da xunta de goberno, que constituirá a mesa, baixo a presidencia do decano ou quen regulamentariamente deba substituílo.

4. Teñen dereito a asistir, con voz e voto, ás xuntas xerais ordinarias ou extraordinarias todos os colexiados incorporados ao colexio con anterioridade á data en que se convoque a xunta xeral. Os colexiados inscritos como non exercentes serán convocados ás xuntas xerais.

Artigo 50º.-Xunta xeral ordinaria.

1. Haberá anualmente dúas xuntas xerais ordinarias, que deberán convocarse con ao menos trinta días de antelación.

2. A primeira xunta xeral ordinaria celebrarase no primeiro trimestre de cada ano e, na súa orde do día constará as cuestións que considere de interese a xunta de goberno e, necesariamente a seguinte orde do día:

Aprobación, se procede, da acta ou actas da xunta ou xuntas xerais anteriores.

Informe do decano, ou de quen regulamentariamente o substitúa, das cuestións máis relevantes acaecidas no ano anterior en relación co colexio e coa profesión.

Exame e votación do balance ou conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior.

Elección de cargos vacantes, se os houber.

Proposicións dos colexiados, se as houber.

Rogos e preguntas.

Toma de posesión dos membros electos da xunta de goberno se os houber.

3. A segunda xunta xeral ordinaria celebrarase no último trimestre de cada ano; na súa orde do día constará, necesariamente, a presentación do orzamento de ingresos e gastos para o ano seguinte,

así como as proposicións efectuadas polos colexiados, se as houbese, e cantas cuestións considere de interese a xunta de goberno.

Artigo 51º.-Da xunta xeral extraordinaria.

1. A xunta xeral extraordinaria celebrarase para tratar exclusivamente dos asuntos que a motiven, por iniciativa do decano, da xunta de goberno ou por instancia dun terzo dos colexiados exercentes, expresando en escrito dirixido ao decano do colexio a proposición ou proposicións que deben someterse a discusión e os motivos en que se fundamenta a petición. Neste último suposto a xunta de goberno acordará a convocatoria de xunta xeral, sinalándoa a mesma no prazo máximo de trinta días.

2. A convocatoria das xuntas xerais extraordinarias farase por acordo da xunta de goberno, podendo celebrase en calquera tempo e sen limitación de número e comunicaranse a todos os colexiados mediante un escrito en que constará o lugar, o día e a hora en que deberá de celebrarse a sesión en primeira e en segunda convocatoria e a orde do día.

3. As xuntas xerais extraordinarias deberán convocarse con, ao menos, dez días de antelación.

Artigo 52º.-Voto de censura.

1. O voto de censura á xunta de goberno ou a algún dos seus membros, deberá substanciarse sempre en xunta xeral extraordinaria, convocada só para ese efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de xunta xeral extraordinaria deberá ser subscrita, como mínimo, por un terzo dos colexiados exercentes, e expresará, con claridade, as razóns en que se funde.

3. A xunta xeral extraordinaria a que se fai referencia neste artigo, deberá celebrarse dentro dos trinta días hábiles, contados desde que se presentase a solicitude, e non poderán debaterse nela outros asuntos senón os expresados na convocatoria. Ata transcorrido un ano non poderá volver a presentarse outra moción de censura.

4. A válida constitución da dita xunta xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal de máis da metade do censo colexial con dereito a voto, e o voto será sempre, nesta xunta, persoal, directo e segredo.

5. Para que prospere a moción de censura será necesario o voto positivo de dous terzos dos concorrentes.

Artigo 53º.-Competencias da xunta xeral.

Será competencia da xunta xeral as seguintes cuestións:

a) Proceder á elección de decano e dos demais membros da xunta de goberno e a remoción deles por medio da moción de censura, nos termos fixados nestes estatutos.

b) A aprobación, modificación e reforma dos estatutos, a ratificación da aprobación dos estatutos do

Consello Galego de Procuradores pola xunta de goberno e as normas deontolóxicas colexiais.

c) Aprobar o balance ou conta xeral de gastos e ingresos, así como a aprobación dos orzamentos e contas do colexio que presente o tesoureiro.

d) A aprobación da xestión da xunta de goberno e do seu presidente.

e) Acordar as prestacións que teñan que presentar os colexiados para cubrir o orzamento do colexio.

f) Acordar a dotación económica necesaria para atender os gastos extraordinarios que as circunstancias reclamen.

g) Ratificar os regulamentos de réxime de funcionamento interno aprobados pola xunta de goberno.

h) Ratificar os acordos da xunta de goberno sobre número e clase de empregados do colexio, así como as bases do concurso para a adxudicación de empregos vacantes.

i) A delimitación territorial para o exercicio profesional.

j) Acordar calquera resolución de interese xeral para o colexio.

k) Propor ao consello xeral ou autoridade correspondente a aprobación de novos estatutos do colexio ou a reforma parcial, que se acordar, destes.

l) Acordar a práctica da auditoria do colexio, cando se produza a renovación total dos membros da xunta de goberno ou a renovación parcial, en porcentaxe igual ou superior ao 80% do total dos seus membros, que será efectuada por auditor de contas titulado.

m) Aprobar, na forma prevista no artigo 130 deste estatuto a disolución e o réxime de liquidación do colexio.

Artigo 54º.-Proposicións dos colexiados.

Ata cinco días antes da xunta xeral ordinaria, os colexiados poderán presentar as proposicións que desexen someter a deliberación e acordo da xunta xeral e que serán incluidas na orde do día para seren tratadas na epígrafe denominada proposicións. Estas deberán aparecer subscritas por un mínimo do dez por cento do censo de colexiados.

Artigo 55º.-Convocatoria da xunta xeral. Quórum e adopción de acordos.

1. A convocatoria deberá facerse en primeira e, media hora máis tarde, en segunda, agás no suposto previsto no artigo 130 deste estatuto, só poderá ter lugar validamente a primeira convocatoria cando asistan a metade máis un dos colexiados exercentes. Transcorrida media hora da primeira, terá lugar a segunda convocatoria, cos colexiados que concorran, calquera que sexa o seu número, sendo obrigatorios os acordos que se tomen por simple maioría de votos, agás que se trate dalgunha cuestión para a que se exixa unha maioría cualificada.

2. Se, reunida a xunta xeral, non puidese nunha reunión tratarse de todos os asuntos para que fosen convocada, por falta de tempo ou por calquera outro motivo, suspenderase e continuará o día ou días que a propia xunta xeral sinale ou, no seu defecto, os que designe a xunta de goberno.

3. Igualmente poderá suspenderse a xunta xeral por calquera outra circunstancia que impida a súa continuación.

Artigo 56º.-Inicio da sesión.

1. Aberta a sesión polo decano-presidente, dará lectura o secretario, ou quen o substitúa, da acta da xunta xeral anterior, que se aprobará, se procede.

2. A continuación o decano someterá a discusión da xunta os asuntos sobre os cales hai de tomar acordo, segundo a correspondente orde do día.

Artigo 57º.-As votacións.

1. As votacións serán persoais, sen que en ningún caso se admitan votos por escrito dos colexiados que non asistan á xunta, nin delegación de colexiado non asistente noutro asistente para votar no seu nome. Exceptúanse as cuestións sometidas a referéndum, as eleccións para decano e resto de membros da xunta de goberno no que se posibilitará o voto por correo.

2. As votacións, sempre que se refieran a persoas, serán segredas.

3. Antes de votarse unha proposición, secretario a redactaraa, se aínda non estivese escrita, co fin de que de conste expresamente a cuestión concreta que deberá tratar a xunta xeral.

4. Agás que se trate dalgunha cuestión para a cal se exixa unha maioría cualificada, os acordos adoptaranse por maioría simple dos asistentes. En caso de empate, decidirá o voto do presidente.

Artigo 58º.-Facultades da presidencia na deliberación das xuntas xerais.

1. O que se atope no uso da palabra non poderá ser interrompido, senón para ser chamado á orde polo presidente, por acharse fóra da cuestión, ou por outro motivo xustificado, a xuízo da presidencia.

2. Retirarase o uso da palabra ao que, dentro da mesma cuestión, fose chamado en tres ocasións á orde.

3. Se algún colexiado continuase faltando á orde despois de que se lle retirase o uso da palabra, o presidente poderá tomar as decisións que crea convenientes, incluída a de expulsión do local onde a xunta se celebre.

Artigo 59º.-Obrigatoriedade dos acordos.

Os acordo tomados polas xuntas xerais son obrigatorios para todos os colexiados, levándoos a efecto a xunta de goberno unha vez que a acta fose levantada polo secretario e autenticada polo decano, aínda cando a súa aprobación definitiva quedase pendente da primeira xunta xeral que se celebre.

Artigo 60º.-Asento decanos e procuradores de honra.

Os decanos e procuradores de honra, terán asento nas xuntas xerais ao lado da de goberno.

Capítulo II

Da xunta de goberno

Artigo 61º.-Composición da xunta de goberno.

1. A xunta de goberno é o órgano de administración e dirección do colexio.

2. Estará constituída por: un decano-presidente, un vice-decano, un secretario, un vice-secretario, un tesoureiro, un vice-tesoureiro e un vogal por cada un dos partidos xudiciais que conforman o ámbito territorial do Colexio de Procuradores da Coruña.

3. Os cargos da xunta de goberno son gratuítos e honoríficos e a súa duración de catro anos. Esgotado o período de mandato, poderán ser reelexidos para o mesmo ou distinto cargo, de conformidade co disposto neste estatuto.

Artigo 62º.-Requisitos para ser candidato.

1. Para ser candidato a calquera cargo da xunta de goberno precísanse os seguintes requisitos:

a) Ser colexiado exercente e levar cinco anos de exercicio no colexio, excepto para o cargo de decano, que deberá levar dez anos. En ambos os casos ininterrompidamente.

b) Ser elixidos pola xunta xeral.

c) Non ter sido condenado por sentenza firme, que leve emparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, en tanto estas subsistan.

d) Non ter sido disciplinariamente sancionados, en calquera colexio de procuradores, mentras non fosen rehabilitados.

e) Encontrarse ao día no pagamento da cota colexial, fixa e variable e demais obrigacións colexiais.

f) Para os cargos de secretario e tesoureiro, só poderán ser elixidos os colexiados exercentes no partido xudicial da Coruña.

2. Os membros da xunta de goberno que pretendan optar como candidato a calquera outro cargo da xunta de goberno presentarán renuncia ao que viñesen exercendo.

Artigo 63º.-Cesamento no cargo.

Os membros da xunta de goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Falecemento.

b) Renuncia do interesado.

c) Ausencia inicial ou perda sobrevida dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Expiración do prazo para o que foron elixidos ou designados.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da xunta de goberno ou a cinco alternas, no termo dun ano, logo de acordo da propia xunta.

f) Se se aprobase unha moción de censura.

g) Se non fose aceptada a cuestión de confianza que se presente.

Artigo 64º.-Vacantes extraordinarias na xunta de goberno.

Se por falecemento, dimisión ou calquera outra causa que non sexa a expiración do prazo para o cal foron elixidos, se producisen vacantes na xunta de goberno, que non sobrepasen o vinte e cinco por cento do total dos seus membros, os seus postos serán cubertos polo resto de compoñentes da xunta, conforme as disposicións establecidas no capítulo terceiro deste título, sen prexuízo de convocar eleccións para cubrir as vacantes que se produzan.

Artigo 65º.-Xunta provisional.

Cando por calquera causa queden vacantes máis da metade dos cargos da xunta de goberno, o Consello Galego de Colexios de Procuradores ou, no seu defecto, o Consello Xeral de Procuradores, designará unha xunta provisional, de entre os colexiados exercentes con maior antigüidade, a quen convocará eleccións dentro dos trinta días seguintes ao da súa constitución. Esta xunta provisional cesará cando tomen posesión os candidatos que resulten elixidos, e só poderán tomar acordos que sexan de carácter urxente e inaprazable.

Artigo 66º.-Convocatoria da xunta.

1. A xunta de goberno reunirase cando menos, unha vez ao mes, logo de convocatoria do decano, cursada coa antelación necesaria para que se encontre en poder dos seus componentes corenta e oito horas antes da data fixada para a sesión, agás que razóns de urxencia xustifiquen a convocatoria con menor antelación.

2. Na convocatoria expresarase o lugar, o día e a hora da primeira e segunda, en que deba celebrarse a sesión e a orde do día.

3. Serán válidas as sesións da xunta de goberno as que asista a totalidade dos seus membros, aínda que non fosen convocados con anterioridade.

4. Se o decano non convocase xunta de goberno conforme o establecido nos números anteriores, esta poderá convocarse por iniciativa da metade dos membros que a compoñan, con establecemento da orde do día e asuntos a tratar.

Artigo 67º.-Quórum e adopción de acordos.

1. A xunta de goberno quedará validamente constituída se concorren á reunión máis da metade dos seus compoñentes, entre estes o decano e o secretario ou os que estatutariamente os substitúan.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos. En caso de empate, decidirá o voto de quen actúe como decano.

Artigo 68º.-Atribucións da xunta de goberno.

Son atribucións da xunta de goberno:

a) Someter á xunta xeral asuntos concretos de interese do colexio ou da profesión, na forma que a propia xunta estableza.

b) Resolver sobre as solicitudes de incorporación, baixa e xubilación dos colexiados. En caso de urxencia, o decano poderá resolver sobre a solicitude, que quedará sometida á ratificación da xunta de goberno.

c) Vixiar, co maior celo, que os colexiados se conduzan de forma adecuada na súa relación cos tribunais, cos seus compañeros procuradores e cos seus clientes, asegurándose de que no desempeño da súa función, despregan a necesaria dilixencia e competencia profesional, impedindo a competencia desleal, conforme a legalidade vixente.

d) Exercitar as accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir o intrusismo, non permitindo o exercicio da profesión aos que, colexiados ou non, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, sen excluir as persoas naturais ou xurídicas, que faciliten o exercicio profesional irregular.

e) Aplicar as condicións e requisitos de acceso, o funcionamento e a designación das quendas de oficio e xustiza gratuíta, conforme a normativa legal vixente.

f) Propor á xunta xeral o importe das cotas de incorporación, co límite que veña determinado polo Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais ou, se é o caso, o Consello Galego de Procuradores e as ordinarias que deban satisfacer os colexiados para o sostemento das cargas e servizos colexiais.

g) Propor á xunta xeral o establecemento de cotas extraordinarias aos seus colexiados.

h) Recadar o importe das cotas, fixas ou variables, establecidas para o sostemento das cargas do colexio, do Consello Galego de Colexios de Procuradores, do Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais de España e da Mutualidade de Previsión Social dos Procuradores dos Tribunais de España, así como dos demais recursos económicos dos colexios previstos no estatuto xeral, e dispor a cobranza das cantidades que correspondan ao colexio por calquera concepto, a exacción das multas que se impoñan aos colexiados, outros ingresos e o pagamento dos gastos da corporación.

i) Convocar eleccións para prover os cargos da xunta de goberno, dispondo o necesario para a súa elección, conforme ás normas legais e estatutarias.

j) Convocar xuntas xerais, ordinarias e extraordinarias, por propia iniciativa ou por instancia dos colexiados, na forma establecida nos artigos 99, 100 e 103 do estatuto xeral de procuradores.

k) Exercer as facultades disciplinarias, respecto aos colexiados, conforme o Estatuto xeral e a este

Estatuto, instruíndo, para o efecto, o oportuno expediente.

l) Redactar ou modificar o estatuto e regulamentos de réxime interior do colexio, e sometelos á aprobación da xunta xeral, antes de remitilos ao Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais para a súa aprobación definitiva.

m) Establecer, crear e aprobar as delegacións ou comisións de colexiados que sexan necesarias para o bo réxime ou que interesen aos fins da corporación, regulando o seu funcionamento, fixando as facultades, se é o caso, delegadas e designando, entre os seus colexiados, ou os seus integrantes.

n) Informar os colexiados, con prontitude, de cantas cuestións coñeza que poidan afectarlos, xa sexa de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

o) Defender os colexiados no desempeño das súas funcións da profesión, ou con ocasión destas, cando o coide procedente e xusto, velando para que sexan gardadas, a todos e cada un dos colexiados, as consideracións que lle son debidas.

p) Promover ante o Goberno central, os gobernos autonómicos, locais e os órganos de goberno do Poder Xudicial, as autoridades, o Consello Galego de Procuradores ou ante o Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais, canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta administración de xustiza ou convenientes á corporación.

q) Exercitar os dereitos e accións que correspondan ao colexio e, en particular, contra os que entorpezan o bo funcionamento da Administración de xustiza ou a liberdade e independencia do exercicio profesional.

r) Distribuír e administrar os fondos do colexio, dispondo o máis conveniente aos seus intereses, respecto á situación ou investimento destes, por proposta do tesoureiro e dando conta do acordado á xunta xeral. Para adquirir, allear ou gravar bens inmobles, precisará a aprobación da xunta xeral.

s) Convocar, para maior información, a calquera dos colexiados. Estes comparecerán á convocatoria agás escusa xustificada.

t) Redactar as bases polas que deben rexerse os concursos que se convoquen para cubrir as prazas de empregados do colexio, e proceder á contratación destes, xa sexa con ocasión de vacante ou de prazas de nova creación, en función das necesidades do colexio.

u) Vixiar, programar e controlar a actividade dos departamentos e servizos colexiais.

v) Resolver, segundo corresponda, as reclamacións que se fixeren ao colexio respecto dalgún dos seus colexiados.

w) Manter coas autoridades, corporacións e entidades oficiais a comunicación e relacións que ao colexio correspondan e en particular:

1. Emitir os informes, ditames, consultas e demais documentos que se interesen do colexio.

2. Organizar o servizo de notificacións a que se refire o artigo 272 da Lei orgánica do poder xudicial, así como calquera outro servizo que, por lei puidese ser atribuído ao colexio.

3. Desempeñar as funcións que lle atribúen ao colexio a lei e regulamento de ámbito autonómico de asistencia xurídica gratuíta.

4. Facer as designacións que ao colexio correspondan dos membros de comisións ou órganos regulados pola dita lei.

x) Executar os acordos adoptados pola xunta xeral.

y) E cantas outras establezan as leis, o estatuto xeral, o estatuto do Consello Galego de Procuradores, este estatuto así como os correspondentes regulamentos.

Capítulo terceiro

Funcións dos cargos da xunta de goberno

Artigo 69º.-Do decano.

O decano é o presidente do colexio, sendo o seu tratamento o de excelentísimo señor; correspondenlle as seguintes atribucións:

1. A representación legal do colexio en todas as súas relacións, incluídas as que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde.

2. As funcións de consello, vixilancia e corrección previstas nestes estatutos.

3. A presidencia de todos os órganos do colexio, así como a de cantas comisións e comités poidan constituírse, con voto de cualidade en caso de empate.

4. A execución de todos os acordos adoptados pola xunta xeral e a de goberno.

5. Dirixir as discusións facendo que se garde a orde e a corrección debidas.

6. Abrir, cerrar e suspender as sesións.

7. Xestionar canto conveña ao interese do colexio e reclamar a cooperación da xunta de goberno e da xeral no que sexa preciso.

8. Vixiar pola correcta actuación profesional dos colexiados e polo decoro da corporación.

9. Nomear, de entre os colexiados exercentes, as comisións que sexan necesarias para o coñecemento dos asuntos de toda orde que poden interesar ao colexio ou que lle competan.

10. Visar as certificacións que expida a secretaría e calquera outro documento en que fose necesario.

11. A expedición das ordes de pagamento e libramentos para atender os gastos e investimentos colexiais e a proposta dos procuradores que deban formar parte de tribunais de oposicións ou concursos.

12. Incúmbelle, especialmente, fomentar e manter entre todos os colexiados relacións de irmandade e compañeirismo e a tutela dos dereitos do colexio e dos seus membros.

Artigo 70º.-Do vice-decano.

Corresponderá ao vice-decano auxiliar o decano no exercicio das súas atribucións e substituílo nos casos de ausencia, enfermidade, falecemento ou renuncia, exercendo todas as facultades enumeradas no artigo anterior. Ademais, desempeñará as funcións que lle asigne o decano ou a xunta de goberno.

Artigo 71º.-Do secretario.

O secretario terá o carácter de fedatario dos actos e acordos do colexio, de xefe do personal administrativo e das dependencias colexiais correspondendolle, ademais, as seguintes funcións:

a) Asistir a todas as xuntas de goberno e xerais que se celebren, estender e autorizar as súas actas co visto e prace do decano; dar conta íntegra, das anteriores, segundo a clase de xunta de que se trate, e dos asuntos que nela deban examinarse.

b) Levar os libros de actas e acordos.

c) Estender e autorizar as certificacións que se expidan e as comunicacións, ordes e circulares que teñan de dirixirse por acordo do decano, da xunta de goberno ou da xeral.

d) Levar a repartición das designacións de procuradores polo servizo de asistencia xurídica gratuíta e quenda de oficio e das persoas a quen lles sexan concedidos os beneficios de xustiza gratuíta.

e) Formar, cando o acorde o colexio, a lista xeral dos colexiados exercentes e non exercentes, asignándose a cada un destes o número correspondente.

f) Levar un libro de rexistro de colexiados, no cal respecto de cada un destes se tomará razón da data de incorporación ao colexio, da de baixa nel, situación de exercente ou non exercente, reincorporación, se é o caso; imposición de correccións disciplinarias, con expresión dos seus motivos; e, en xeral, de toda circunstancia que se relacione co expediente personal do interesado.

g) Confeccionar a lista de candidatos e votantes para cada ocasión en que teñan que celebrarse eleccións, así como encargarse de toda a documentación e tramitación correspondente a esta materia.

h) Levar o libro de licenzas, onde se anotarán as que se concedan aos colexiados, de conformidade coas disposicións vixentes.

i) Actuar como secretario en cantos expedientes se instrúan, auxiliando o instrutor.

j) Conservar en mazos e boa orde os expedientes en curso e conclusos e os demais documentos que deban arquivarse.

Artigo 72º.-Do vice-secretario.

Corresponderá ao vice-secretario:

a) Substituír o secretario nas súas funcións en caso de ausencia, dimisión, enfermidade ou falecemento.

b) Coidar do arquivo do colexio, organizando os libros e documentos deste.

c) Supervisar e organizar, por orde cronolóxica, todas as contas de tesouraría que estivesen aprobadas e concluidas.

d) Coidar dos libros da biblioteca, formando o oportuno catálogo deles.

e) Será o encargado de supervisar e organizar o dominio do colexio na internet a través da súa páxina web, cursando as instrucións necesarias.

f) Recompilar as disposicións legais ou estatutarias que afecten ao exercicio da profesión, así como as emanadas do Consello Xeral de Procuradores e do Consello Galego de Colexios de Procuradores.

Artigo 73º.-Do tesoureiro.

Corresponderá ao tesoureiro:

a) O control de todos os documentos de carácter económico cuxa utilización sexa obrigatoria para os colexiados, levando os libros de contabilidade que sexan necesarios para o bo funcionamento da tesouraría, xestionando os fondos e demais recursos do colexio.

b) Redactar o proxecto de orzamento anual de ingresos e gastos, que deberá someter á xunta xeral ordinaria que se celebre no último trimestre do ano, para a súa aprobación con anterioridade ao comezo do correspondente exercicio orzamentario.

c) Presentar á xunta xeral ordinaria que se celebre no primeiro trimestre de cada ano, para a súa aprobación, a conta xeral documentada do exercicio orzamentario do ano anterior.

d) Dar conta á xunta de goberno, mensualmente, da situación económica do colexio.

e) Dar conta ao decano do colexio das morosidades que observe nos pagamentos.

f) Cobrar as cantidades que por calquera concepto deban ingresar como fondos do colexio, expedindo os oportunos comprobantes.

g) Autorizar coa súa sinatura o pagamento dos libramentos expedidos polo decano.

h) Asinar os talóns ou transferencias bancarias para a retirada de fondos, en unión co decano.

i) Dirixirá os traballos para percepción dos ingresos e vixiará o cumprimento, por parte dos colexiados, do pagamento puntual das cotas colexiais, fixas ou variables, inspeccionándoos a través dos medios que lle proporcione a xunta de goberno. Renderá informe por escrito ao decano do colexio e á xunta de goberno, de cantas cuestións observase relacionadas con este particular.

j) A formación do inventario de bens propiedade do colexio.

k) Propor e xestionar, de acordo co decano, canto considere conducente á boa marcha administrativa

ou ao investimento de fondos. Estes deberán estar depositados no establecemento que designe a xunta e, cando sexa necesario retirar todo ou parte destes, efectuarao mediante a presentación da certificación do acordo en que o dispoña a xunta, a cal será expedida polo secretario e irá visada polo decano.

l) Aos trinta días de cesar no seu cargo, tamén deberá render conta xustificada da súa xestión, pasándoa ao decano para que oia o ditame do vice-tesoureiro. Do informe deste darase conta á xunta de goberno e, unha vez emitido, pasará cos anteriores ditames á xunta xeral ordinaria para a súa definitiva aprobación.

Artigo 74º.-Do vice-tesoureiro.

Corresponderá ao vice-tesoureiro auxiliar o tesoureiro no exercicio das súas atribucións e substituílo nos casos de ausencia, enfermidade, falecemento ou renuncia, exercendo todas as facultades enumeradas no artigo anterior. Ademais, desempeñará as funcións que lle asigne o decano, o tesoureiro ou a xunta de goberno.

Artigo 75º.-Dos vogais.

1. Existirá un vogal por cada un dos partidos xudiciais que conforman o ámbito territorial do Colexio de Procuradores da Coruña:

a) Terá o cargo de vogal primeiro o elixido polo partido xudicial da Coruña e correspóndelle substituír o decano e vice-decano nos casos de enfermidade, incapacidade, ausencia, renuncia ou falecemento.

b) Terá o cargo de vogal segundo o elixido polo partido xudicial de Ferrol e correspóndelle substituír o secretario e vice-secretario nos casos de enfermidade, incapacidade, ausencia, renuncia ou falecemento.

c) Terá o cargo de vogal terceiro o elixido polo partido xudicial de Betanzos e correspóndelle substituír o tesoureiro e vice-tesoureiro nos casos de enfermidade, incapacidade, ausencia, renuncia ou falecemento.

d) Terá el cargo de vogal cuarto o elixido polo partido xudicial de Carballo e correspóndelle substituír o vogal primeiro e vogal segundo nos casos de enfermidade, incapacidade, ausencia, renuncia ou falecemento.

e) Terá o cargo de vogal quinto o elixido polo partido xudicial de Ortigueira e correspóndelle substituír o vogal terceiro e vogal cuarto nos casos de enfermidade, incapacidade, ausencia, renuncia ou falecemento.

2. Aos vogais representantes de cada partido xudicial ou demarcación territorial corresponderalles informar de todas as cuestións que afecten á administración de xustiza e exercicio da profesión nos órganos xudiciais radicados nel.

3. Todos os vogais desempeñarán as funcións, comisións e emitirán os informes que lles confíe o decano, a xunta de goberno ou a xunta xeral.

Capítulo cuarto

Do réxime xurídico dos acordos

e a súa impugnación

Artigo 76º.-Réxime xurídico.

O Colexio de Procuradores da Coruña, en canto corporación de dereito público, está suxeito ao dereito administrativo no relativo á constitución dos seus órganos e en canto exerciten funcións administrativas.

Artigo 77º.-Execución de acordos.

1. Todos os acordos dos órganos colexiais, serán inmediatamente executivos, agás o que o propio acordo estableza outra cosa.

2. Calquera acto do Colexio de Procuradores da Coruña, que sexa consecuencia do exercicio de potestades administrativas rexeran, con carácter supletorio, pola lexislación administrativa común, tal como dispón a disposición transitoria primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 78º.-Nulidade e anulación de actos.

1. As causas de nulidade e de anulabilidade dos actos colexiais serán as previstas nas normas administrativas vixentes.

2. A xunta de goberno deberá, en todo caso, suspender e revisar de oficio ou formular recurso contra os actos nulos de pleno dereito.

Artigo 79º.-Recursos administrativos.

1. As persoas con interese lexítimo poderán formular recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios de Procuradores dos Tribunais, contra os acordos da xunta de goberno e da xunta xeral de calquera colexio de procuradores, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación aos colexiados ou persoas a quen afecten.

2. O recurso será presentado ante a xunta de goberno do Colexio de Procuradores da Coruña, que deberá elevalo, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao Consello Galego de Colexios de Procuradores dos Tribunais dentro dos quince días seguintes á data de presentación, agás que de oficio repoña o seu propio acordo no dito prazo. O Consello Galego de Colexios de Procuradores, logo dos informes que considere pertinentes, deberá ditar resolución expresa dentro dos tres meses seguintes á súa interposición, entendéndose que, no caso de silencio, queda denegado. O recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais poderá acordala ou denegala motivadamente.

3. No suposto de actos e resolucións ditados en exercicio de competencias administrativas delegadas, observaranse os termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer, se é o caso, do recurso correspondente.

Artigo 80º.-Especialidades en materia de recursos administrativos.

En materia de recursos administrativos, observaránse as seguintes especialidades:

1. A xunta de goberno do Colexio de Procuradores da Coruña estará lexitimada para formular recurso contra os acordos da xunta xeral, na forma e prazos que determine a lexislación administrativa vixente.

2. Se a xunta de goberno entendese que o acordo impugnado é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do colexio, poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello Galego de Colexios de Procuradores dos Tribunais poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 81º.-Revisión xurisdicional.

Os actos emanados da xunta xeral e da xunta de goberno do Colexio de Procuradores da Coruña, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 82º.-Cómputo de prazos e lexislación aplicable.

1. Os prazos deste estatuto expresados en días, entenderanse referidos a días hábiles, agás que expresamente se diga outra cosa.

2. A Lei de réximen xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común aplicarase a cantas resolucións supoñan exercicio de potestades administrativas, conforme establece a disposición transitoria primeira desta. En todo caso, a dita lei terá carácter supletorio para o non previsto neste estatuto, na Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e no Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais.

TÍTULO V

Do procedemento para a elección do decano e dos demais membros da xunta de goberno

Capítulo primeiro

Da mesa electoral

Artigo 83º.-A mesa electoral.

1.- Para a celebración das eleccións constituirase a mesa electoral que designará a xunta de goberno e estará integrada por un presidente, un secretario e un vogal, elixidos mediante sorteo entre procuradores exercentes con máis de cinco anos de exercicio profesional, exercendo os seus cargos por orde de antigüidade na súa incorporación ao colexio, sempre que non figuren como candidatos á elección.

2. O exercicio do cargo de membro da mesa electoral terá carácter obrigatorio para os designados,

os cales só se poderán escusar por causas que deberá considerar xustificadas a xunta de goberno.

3. Cada candidato que se presente á elección poderá designar un colexiado exercente que actúe como interventor no proceso electoral.

Artigo 84º.-Atribucións da mesa electoral.

Corresponde á mesa electoral:

a) Decidir sobre a admisión de candidaturas, así como resolver as reclamacións que se formulen contra ela.

b) Presidir a parte da xunta xeral en que deba procederse á elección.

c) Facer o escrutinio, que se fará sempre en presenza da xunta xeral.

d) Facer a proclamación de candidatos electos, así como resolver as reclamacións que se formulen contra ela.

e) Adoptar calquera outro acordo que sexa necesario para a pureza e a boa orde do proceso electoral.

Artigo 85º.-Funcionamento da mesa electoral.

1. A mesa electoral constituirase dentro dos tres días seguintes á data de terminación do prazo de presentación de candidaturas e disolverase unha vez feita a proclamación de candidatos electos, resoltas, se é o caso, as reclamacións contra ela e celebradas as eleccións.

2. As reunións da mesa electoral serán convocadas polo seu presidente, cunha antelación mínima de vinte e catro horas.

3. Os acordos da mesa electoral serán adoptados por maioría de votos, sendo de cualidade o do seu presidente.

4. De cada reunión da mesa electoral o secretario desta levantará acta, que deberá ser asinada polos asistentes.

Artigo 86º.-Reclamacións electorais.

1. Contra a admisión de candidaturas e a proclamación de candidatos electos, así como contra calquera decisión que afecte a regularidade do proceso electoral, calquera colexiado poderá formular reclamación ante a mesa electoral no prazo de tres días.

2. A mesa electoral resolverá as reclamacións no prazo de tres días e contra a súa resolución só caberá recurso contencioso-administrativo.

3. A interposición de reclamacións ante a mesa electoral non suspenderá a votación, proclamación e toma de posesión dos elixidos, agás cando así se acorde por causas excepcionais, mediante resolución expresa e motivada.

Artigo 87º.-Proclamación de candidatos electos e toma de posesión.

Unha vez proclamados os candidatos electos, resoltas, se é o caso, as eventuais reclamacións, e cele

bradas as eleccións, a mesa electoral fará a proclamación definitiva de electos, que tomarán posesión dos seus cargos inmediatamente. Todos os cargos continuarán en funcións ata a próxima elección.

Capítulo segundo

Do voto por correo

Artigo 88º.-Voto por correo.

1. Cando algún elector prevexa estar ausente o día da votación ou non poder presentarse, poderá exercer o seu dereito por correo, segundo os seguintes requisitos:

a) Cunha antelación mínima de dez días, remitirá o seu voto na papeleta oficial, que introducirá nun sobre, que será cerrado e, pola súa vez, introducido noutro maior, no que tamén se incluirá unha fotocopia do documento nacional de identidade do elector, quen asinará sobre ela.

b) O voto presentarase na delegación territorial do colexio onde exerza o elector ou en calquera dos rexistros e oficinas públicas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debendo constar a data da presentación. O envío farase ao Colexio de Procuradores da Coruña, facendo constar xunto ao enderezo: «Para a mesa electoral». O colexio rexistrará a entrada destes envíos e sen abrir o sobre entregarase á mesa electoral o día da votación.

2. Non serán válidos os votos presentados fóra do prazo previsto.

Capítulo terceiro

Da elección do decano e dos demais membros

da xunta de goberno

Artigo 89º.-A elección de decano e dos demais membros da xunta de goberno.

1. A elección de decano e dos demais membros da xunta de goberno faraa a xunta xeral ordinaria ou extraordinaria, se é o caso.

2. Terá lugar nos supostos de cesamento no cargo, previstos no artigo 63 deste estatuto.

Artigo 90º.-Requisitos para acceder ao cargo como decano e/ou membro da xunta de goberno.

Poderán optar aos cargos de decano e/ou membro da xunta de goberno os colexiados exercentes que reúnan os seguintes requisitos:

a) Para acceder ao cargo de decano levar, polo menos dez anos de exercicio no colexio ininterrompidamente.

b) Poderán optar aos restantes cargos da xunta de goberno os colexiados exercentes durante ao menos cinco anos ininterrompidamente.

c) Para optar aos cargos de secretario e tesoureiro será preciso estar adscrito á demarcación territorial ou partido xudicial en que radique a sede do colexio.

d) Para optar ao cargo de vogal primeiro, segundo, terceiro cuarto e quinto, como representantes de cada partido xudicial ou demarcación territorial, só poderán facelo aqueles colexiados exercentes que ademais de cumprir os requisitos sinalados no parágrafo primeiro, desenvolvan a súa actividade profesional no partido xudicial ou demarcación territorial para a cal se presentan.

e) Non estar condenado por sentenza firme, que leve emparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, en tanto estas subsistan.

f) Non ter sido disciplinariamente sancionado, en calquera colexio de procuradores, mentras non fose rehabilitado.

g) Atoparse ao día no pagamento da cota colexial, fixa e variable e demais obrigacións colexiais.

Artigo 91º.-Presentación candidaturas.

1. Convocadas eleccións pola xunta de goberno, as candidaturas deberán presentarse mediante solicitude escrita dirixida a aquela e entregada na secretaria do colexio dentro dos vinte días seguintes á convocatoria de eleccións. Unha vez presentadas as candidaturas procederase á súa proclamación dentro dos dez días seguintes.

2. En caso de elección anticipada polas causas previstas nas alíneas a), b), c), e), f) e g) do artigo 63 deste estatuto, a convocatoria farase conforme o parágrafo anterior.

3. No escrito de presentación de candidatura, que deberá estar asinado polo interesado, expresaranse as circunstancias persoais e de antigüidade profesional e farase declaración de atoparse en plenitude do goce de dereitos civis, políticos e colexiais.

Artigo 92º.-Procedemento para a votación.

O procedemento será o seguinte:

Primeiro.-Constituída a mesa, comezará a elección, anunciándoa o presidente coa formula «Dase inicio á votación».

Segundo.-A votación será segreda, persoal e intransferible e terá lugar na correspondente sesión da xunta xeral, onde o presidente da mesa electoral irá chamando individualmente e por orde alfabética cada un dos electores para que depositen o seu voto, que estará dentro dun sobre cerrado.

Terceiro.-O elector introducirá exclusivamente a papeleta oficial, confeccionada expresamente polo colexio, correspondente á opción elixida, sendo nulo todo voto que conteña emendas, riscaduras ou calquera outra mención.

Cuarto.-Cando votasen todos os colexiados presentes, o presidente declarará en voz alta: «Queda concluída a votación», procedéndose a seguir ao escrutinio, sacando da urna o presidente unha por unha as papeletas, que lerá en alta voz e serán comprobadas, polos demais membros da mesa. Seguidamente procederase á apertura dos votos emitidos

por correo, anunciándose acto seguido o resultado da elección.

Quinto.-Proclamaranse electos, para cada cargo, os candidatos que obteñan maioría. En caso de empate, entenderase elixido o de maior tempo de exercicio no colexio e, se se mantivese o empate, o de maior idade.

Artigo 93º.-Existencia dunha soa candidatura.

No suposto de que se presentase unha soa candidatura para cada cargo, e fose proclamada pola mesa electoral, a xunta xeral debidamente constituída poderá acordar a súa proclamación como decano ou membro da xunta de goberno sen necesidade de proceder á votación.

Artigo 94º.-Toma de posesión.

O decano ou membro da xunta de goberno elixido tomará posesión na primeira sesión da xunta de goberno que se celebre, logo de xuramento ou promesa de cumprir lealmente o cargo como decano ou membro da xunta de goberno do Colexio de Procuradores da Coruña e gardar segredo das deliberacións da xunta de goberno. Cando o candidato elixido tome posesión do seu cargo, cesará o decano ou membro da xunta de goberno substituído.

Artigo 95º.-Duración do mandato.

A renovación do cargo de decano do colexio e os demais membros da xunta de goberno terá lugar, unha vez esgotado o período de mandato para o cal foron elixidos, podendo resultar reelixidos para o mesmo ou distinto cargo, de conformidade co disposto neste estatuto.

Artigo 96º.-Auditoría.

Cando se produza a renovación total dos membros da xunta de goberno ou a renovación parcial, en porcentaxe igual ou superior ao 80% do total dos seus membros, o colexio, logo de acordo da xunta xeral convocada para o efecto, deberá ser auditado, por auditor de contas titulado, sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para isto.

TÍTULO VI

Do réxime disciplinario

Capítulo primeiro

Da responsabilidade disciplinaria

Artigo 97º.-Réxime disciplinario corporativo.

1. Os colexiados están, tamén, suxeitos a responsabilidade disciplinaria se infrinxiren os deberes profesionais e colexiais que lles son específicos.

2. A xunta de goberno é o órgano competente para a incoación e resolución dos expedientes disciplinarios.

3. As sancións disciplinarias de calquera clase, unha vez firmes, anotaranse no expediente persoal do colexiado.

Artigo 98º.-Da potestade disciplinaria.

A xunta de goberno do Colexio de Procuradores da Coruña exercerá a potestade disciplinaria corporativa sobre os membros do colexio nos seguintes casos:

a) Vulneración dos preceptos deste estatuto xeral ou dos contidos neste estatuto ou, se é o caso, nos estatutos do Consello Galego de Procuradores dos Tribunais.

b) Vulneración dos deberes profesionais ou normas deontolóxicas de conduta, en canto afecten á profesión.

Artigo 99º.-Acordos de suspensión e expulsión.

Os acordos de suspensión por máis de seis meses ou expulsión, deberán ser tomados pola xunta de goberno en votación secreta e aprobados polos dous terzos dela.

Capítulo segundo

Das infraccións e sancións

Artigo 100º.-Clases de infraccións.

As infraccións profesionais clasifícanse en:

a) Infraccións moi graves.

b) Infraccións graves.

c) Infraccións leves.

Artigo 101º.-Infraccións moi graves.

Son infraccións moi graves:

a) A infracción das prohibicións e das incompatibilidades previstas no estatuto xeral.

b) A publicidade de servizos profesionais que incumpra os requisitos que resultan de aplicación e sempre que a conduta en que consista revista especial gravidade.

c) Os actos, expresións ou accións que atenten contra a dignidade ou honra das persoas que integran a xunta de goberno ou dos consellos xeral ou da comunidade autónoma, cando actúen no exercicio das suas funcións, e contra os compañeiros con ocasión do exercicio profesional.

d) A reiteración en infracción grave.

e) O encubrimento do intrusismo profesional realizado por profesionais incorporados a un colexio de procuradores, así como o exercicio de profesións colexiadas alleas á procuración realizado por procuradores.

f) A cooperación ou consentimento en que o mandante, a quen representase o procurador, se apropie de dereitos correspondentes ao procurador e aboados por terceiros.

g) A comisión de actos que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras deontolóxicas que a gobernan.

h) O deliberado e persistente incumprimento das normas deontolóxicas esenciais no exercicio da procuración.

i) O incumprimento da obrigación de ter despacho aberto e efectivo na demarcación territorial onde o procurador está habilitado, se non atendese ao requirimento previo feito ao efecto pola xunta de goberno do colexio.

j) Non acudir aos órganos xurisdicionais nin aos servizos comúns de notificacións, reiteradamente e sen causa xustificada.

k) A non aplicación das disposicións arancelarias sobre devengo de dereitos en calquera actuación profesional por conta allea, nos termos previstos no artigo 34 do Estatuto xeral de procuradores.

Artigo 102º.-Infraccións graves.

Son infraccións graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia, así como o reiterado incumprimento da obrigación de atender as cargas colexiais previstas nestes estatutos e regulamentos aprobados pola xunta xeral, agás que constitúa infracción de maior gravidade.

b) A falta de respeto, por acción ou omisión, aos compoñentes da xunta de goberno do colexio, do Consello Xeral de Procuradores e do Consello Galego de Procuradores dos Tribunais.

c) Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros no exercicio da actividade profesional.

d) A competencia desleal, cando así fose declarado polo órgano competente, e a infracción do disposto na normativa aplicable sobre publicidade, cando non constitúa infracción moi grave.

e) Os actos e omisións descritos nas alíneas a), b), c), d) e i) do artigo anterior, cando non tiveren entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

f) Deixar de satisfacer de forma reiterada dentro dos prazos sinalados, as cotas ordinarias ou extraordinarias acordadas polo colexio, o Consello Galego de Colexios de Procuradores e o Consello Xeral, así como as demais cargas obrigatorias, entre estas as que correspondan á Mutualidade de Previsión Social dos Procuradores dos Tribunais de España.

Artigo 103º.-Infraccións leves.

Son infraccións leves:

a) A falta de respecto aos membros da xunta de goberno do colexio, ou dos Consellos Xeral e da comunidade autónoma, no exercicio das súas funcións, cando non constitúan infracción moi grave ou grave.

b) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

c) As infraccións leves dos deberes que a profesión impón.

Artigo 104º.-Clases de sancións disciplinarias.

Poderán imporse as seguintes sancións disciplinarias:

a) Amonestación verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Multa de 150 euros a 1.500 euros.

d) Suspensión no exercicio da procuración.

e) Expulsión do colexio.

Artigo 105º.-Das sancións.

A) As sancións que poden imporse por infraccións moi graves, serán as seguintes:

a) Para as das alíneas b), c), d), e), f) e g) do artigo 101, suspensión no exercicio da procuración por un prazo superior a seis meses, sen exceder de dous anos.

b) Para as das alíneas a), h), i), j), k) e l) do artigo 101 expulsión do colexio.

B) Por infraccións graves, poderá imporse a sanción de suspensión do exercicio da procuración por un prazo dun a seis meses.

C) Por infraccións leves, poderán imporse as seguintes sancións:

a) Amoestación verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Multa cun máximo de 1.500 euros.

Artigo 106º.-Gradación das sancións.

Para a gradación das sancións ponderaranse en todo caso as circunstancias obxectivas do feito e as subxectivas do seu autor, moderándose ou agravándose a responsabilidade deste segundo a concorrencia das ditas circunstancias.

Capítulo terceiro

Da prescrición

Artigo 107º.-Prescrición das infraccións.

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves ao ano.

2. O prazo de prescrición comezará a contarse desde que a infracción se cometese.

3. A prescrición interromperase pola notificación ao colegiado afectado do acordo de incoación de información previa á apertura do expediente disciplinario, reiniciándose o cómputo do prazo de prescrición se nos tres meses seguintes non se incoa expediente disciplinario ou o mesmo permanecese paralizado durante máis de seis meses, por causa non imputable ao interesado.

Artigo 108º.-Prescrición das sancións.

1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos; as impostas por infrac

cións graves, aos dous anos, e as impostas por infraccións leves, ao ano.

2. O prazo de prescrición da sanción, por falta de execución desta, comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que quedase firme a resolución sancionadora.

3. O prazo de prescrición da sanción, cando o sancionado quebrante o seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Capítulo cuarto

Do procedemento disciplinario

Artigo 109º.-Expediente disciplinario.

As sancións só poderán imporse logo de incoación de expediente disciplinario. O interesado terá acceso ao expediente en todo momento.

Artigo 110º.-Iniciación das actuacións.

1. O procedemento iniciarase por resolución da xunta de goberno, resolución que se adoptará en virtude de queixa ou denuncia, por iniciativa da xunta de goberno, a petición razoada do decano ou calquera dos seus membros.

2. A incoación do procedemento sancionador dará lugar á apertura do expediente disciplinario ou, se é o caso, á apertura dun periodo de información previa ao que se denominará dilixencias previas de información.

3. As facultades disciplinarias en relación cos membros da xunta de goberno do colexio, serán competencia do Consello Xeral de Procuradores ou, se é o caso, do Consello Galego de Procuradores.

Artigo 111º.-Dilixencias previas de información.

1. Cando en virtude de queixa ou denuncia, ou actuando de oficio, a xunta de goberno teña coñecemento da comisión, por algún colexiado, dalgún feito que puidesen dar lugar á incoación de expediente disciplinario, iniciará o procedemento abrindo un período de información previa encamiñado a obter o esclarecemento dos feitos.

2. Da queixa ou denuncia presentada darase traslado ao colexiado denunciado para que a conteste no prazo de dez días, presentando as probas de descargo que considere oportunas.

3. A xunta de goberno poderá acordar a práctica de cantas dilixencias de investigación considere oportunas.

4. Unha vez conclusas as dilixencias previas de información e, en todo caso, transcorrido o prazo máximo de trinta días desde o acordo de incoación das dilixencias, a xunta de goberno ditará resolución incoando o correspondente expediente disciplinario, se procede, ou, se é o caso, o arquivo das actuacións, notificándoselle aos interesados con información dos recursos que procedan contra a dita resolución.

Artigo 112º.-Do instrutor e secretario do expediente disciplinario.

1. O acordo de apertura de expediente disciplinario iniciarase por acordo da xunta de goberno ao cal se lle unirán as dilixencias previas de información que se efectuasen. Seguidamente nomearase instrutor un membro da xunta de goberno, quen actuará asistido do secretario do propio colexio.

2. O acordo de incoación e o nomeamento do instrutor e secretario notificarase aos interesados, os cales poderán recusar tales nomeamentos no prazo de cinco días.

3. A apreciación das causas de abstención e recusación do instrutor e secretario serán competencia exclusiva da xunta de goberno.

4. Serán de aplicación en materia de abstención e recusación do instrutor e do secretario do expediente as normas contidas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O instrutor, baixo a fe do secretario, ordenará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e de cantas probas poidan conducir ao seu esclarecemento e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

Artigo 113º.-O prego de cargos.

1. No prazo dun mes contado desde o acordo de incoación do expediente disciplinario e á vista das actuacións practicadas, o instrutor formulará o correspondente prego de cargos, notificándoselle aos interesados.

2. O prego de cargos deberá redactarse de modo claro e preciso, e comprenderá os feitos imputados ao inculpado, en parágrafos separados e numerados por cada un destes e expresará a infracción presuntamente cometida e as sancións que se lle puidesen impor, con cita concreta dos preceptos do Estatuto xeral de procuradores, do Estatuto do Consello Galego de Colexios de Procuradores e deste estatuto do colexio, incluíndo igualmente a identidade do instrutor e do órgano competente para impor a sanción.

Artigo 114º.-Contestación ao prego de cargos.

1. O prego de cargos notificarase ao interesado, concedéndolle un prazo de quince días para contestar e formular as alegacións que considere oportunas.

2. O interesado poderá propor na súa contestación ao prego de cargos a práctica de calquera medio de proba admisible en dereito e que crea necesario, así como xuntar os documentos que considere convenientes.

Artigo 115º.-Da proba.

1. Unha vez contestado o prego de cargos e proposta a proba, ou transcorrido o prazo sen que o interesado o contestase, o instrutor disporá dun prazo dun mes para a práctica das probas que considere conve

nientes por entender que son adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Tal práctica poderá incluir probas non propostas polos afectados.

2. O instrutor, mediante resolución motivada, poderá denegar a admisión das probas propostas polo interesado.

3. Para a práctica das probas que deba efectuar o propio instrutor, notificarase aos interesados o lugar, a data e a hora, a fin de que poida intervir.

Artigo 116º.-Proposta de resolución.

O instrutor, dentro dos dez días seguintes á expiración do período de proba, formulará e notificará a proposta de resolución, na cal fixará con precisión os feitos, efectuará a cualificación xurídica deles para os efectos de determinar a infracción ou infraccións que considere cometidas e sinalará as posibles responsabilidades do inculpado ou os inculpados, así como a proposta de sanción a impor.

Artigo 117º.-Notificación da proposta de resolución.

A proposta de resolución notificarase ao interesado para que no prazo de dez días, con vista do expediente, poida alegar ante o instrutor canto considere conveniente na súa defensa.

Artigo 118º.-Remisión do expediente ao órgano competente para resolver.

O instrutor, oído o interesado ou transcorrido o prazo concedido sen que este efectuase alegación ningunha, remitirá, no prazo de cinco días, a proposta de resolución xunto co expediente á xunta de goberno.

Artigo 119º.-Resolución do expediente disciplinario.

1. A resolución que poña fin ao procedemento disciplinario deberá ser acordada no prazo máximo de trinta días desde a recepción da proposta do instrutor, terá que ser motivada, resolverá todas as cuestións presentadas no expediente e non poderá aceptar feitos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración xurídica.

2. A resolución deberá adoptarse e notificarse no prazo de trinta días hábiles desde a recepción da proposta.

3. Na deliberación e aprobación do acordo non intervirán os que actuasen na fase de instrución do procedemento como instrutor e secretario.

4. Cando a proposta de resolución conteña sanción de suspensión no exercicio profesional ou expulsión do colexio, o acordo deberá ser tomado pola xunta de goberno mediante votación segreda e coa conformidade das dúas terceiras partes dos seus componentes, advertíndose na convocatoria da sesión acerca da obrigatoriedade da asistencia de todos os membros da xunta e o cesamento de quen non asista sen causa xustificada.

5. A resolución que se dite deberá ser notificada ao inculpado, deberá de respectar o establecido no artigo 89 da Lei 30/1992 e expresará os recursos que contra ela procedan, os órganos administrativos ou xudiciais ante os cales deben presentarse e o prazo para interpolos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar calquera outro que consideren oportuno.

Artigo 120º.-Actos impugnables.

1. As resolucións da xunta de goberno polas que se suspendan provisionalmente no exercicio colexiados sometidos a procedemento sancionador, se arquiven as actuacións iniciadas ou se impoñan sancións disciplinarias, así como calquera outra resolución ditada no transcurso do procedemento que, aínda que se trate de actuacións de trámite, determine a imposibilidade de continualo ou produza indefensión, poderán ser obxecto de recurso ordinario ou de alzada polos interesados dentro do prazo improrrogable dun mes desde a súa notificación, ante o Consello Xeral ou, se é o caso, ante o Consello Galego de Procuradores de Colexios de Procuradores. A resolución que resolva o mencionado recurso pon fin á vía administrativa, sendo inmediatamente executiva e susceptible de recurso contencioso-administrativo.

2. Non serán impugnables os acordos de apertura de expediente disciplinario. Cando se trate de actos de mero trámite non impugnables, a oposición a eles poderá en todo caso ser alegada polos interesados para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento e na eventual impugnación de tales actos no recurso que, se é o caso, se interpoña contra ela.

3. Exclusivamente para os efectos de interpor recurso contra calquera das resolucións mencionadas anteriormente que determinen ou impliquen o arquivo ou sobresemento das actuacións iniciadas ou a imposición de sancións, considerarase como interesado o denunciante dos feitos, quen terá dereito a que se lle dea vista das actuacións e notifiquen as distintas resolucións ditadas no expediente administrativo.

Artigo 121º.-Réxime do recurso.

O recurso ordinario ou de alzada poderá interporse no prazo improrrogable dun mes desde a súa notificación, mediante escrito a presentar ante a xunta de goberno do colexio e dirixido ao órgano competente para a súa resolución, debendo, se é o caso, a xunta de goberno remitilo no prazo de dez días ao Consello Xeral de Procuradores ou, no seu caso, ao Consello Galego de Colexios de Procuradores.

Artigo 122º.-Medidas cautelares.

A xunta de goberno poderá acordar, mediante resolución motivada, a suspensión cautelar, no exercicio da profesión, do colexiado frente a quen se siga procedemento sancionador. O acordo deberá ser tomado pola xunta de goberno mediante votación segreda

e coa conformidade das dúas terceiras partes dos seus compoñentes.

Artigo 123º.-Execución das sancións.

1. As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes. Poderán ser feitas públicas cando gañen firmeza.

2. As sancións que consistan na suspensión do exercicio na profesión ou na expulsión dun colexio, terán efectos no ámbito de todos os colexios de procuradores de España, para o cal deberán ser comunicadas ao Consello Xeral de Procuradores, para que este as traslade ao Consello de Colexios da comunidade autónoma e aos demais colexios, que se absterán de incorporar ao sancionado en tanto non desapareza a sanción.

Artigo 124º.-Extinción da responsabilidade.

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento do colexiado, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.

2. A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario, e a sanción quedará en suspenso, para ser cumplida se o colexiado causase novamente alta no colexio.

Artigo 125º.-Anotación das sancións: caducidade.

Da sanción imposta levarase nota ao expediente personal do interesado. Esta anotación cancelarase, sempre que non houbese incorrido en nova responsabilidade disciplinaria, cando transcorresen os seguintes prazos: seis meses en caso de sancións de amoestación verbal, apercibimento por escrito ou multa; un ano en caso de sanción de suspensión non superior a seis meses; tres anos en caso de sanción de suspensión superior a seis meses; e cinco anos en caso de sanción de expulsión.

Artigo 126º.-Rehabilitación.

O prazo de caducidade contarase a partir do día siguiente a aquel en que quedase cumprida ou prescribise a sanción. A cancelación da anotación, unha vez cumpridos os prazos, poderá facerse de oficio ou a petición dos sancionados.

TÍTULO VII

Réxime de premios e distincións

Artigo 127º.-Premios e distincións.

1. A secretaría levará un libro en que se anotarán as distincións e premios que o Ministerio de Xustiza, o Consello Xeral de Procuradores, o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais ou a xunta xeral do colexio, acorde conceder aos colexiados que se distingan polo seu labor en beneficio do colexio ou da profesión en xeral.

2. En audiencia pública e actos solemnes os procuradores así distinguidos, terán dereito a utilizar as condecoracións concedidas. O decano levará refo

llos de encaixe na súa toga e a placa correspondente ao seu cargo. Os que desempeñen os outros cargos na xunta de goberno, continuarán utilizando como atributos propios dos seus cargos a placa de prata colexial e a medalla creada pola Real orde do 26 de xuño de 1903.

Artigo 128º.-Decanos e procuradores de honra.

1. A xunta xeral do colexio en sesión ordinaria ou extraordinaria, por proposta da de goberno, poderá nomear decanos ou procuradores de honra do Colexio de Procuradores da Coruña, as persoas físicas que pola súa colaboración activa na mellora da Administración de Xustiza e/ou a súa contribución como xurista, acumulen méritos suficientes que as fagan merecedoras de tal distinción.

2. Tamén poderán ser decanos ou procuradores de honra os que reúnan estas dúas condicións:

a) Ter sido colexiado en exercicio, ao menos, durante dez anos.

b) Terse feito acredor desta distinción en atención a méritos ou servizos relevantes prestados a favor do colexio ou da profesión de procurador dos tribunais.

TÍTULO VIII

Dos oficiais habilitados

Artigo 129º.-Dos oficiais habilitados.

1. Os colexiados no exercicio da súa profesión poderán ser substituídos para os actos e na forma que se determine regulamentariamente por oficial habilitado.

2. Para a adquisición da condición de oficial habilitado de procurador, seguiranse as disposicións vixentes sobre a materia.

3. En ningún momento os oficiais habilitados que non reúnan a condición de licenciados en dereito, poderán utilizar as togas do colexio nin subir a estrados en substitución dos seus principais.

TÍTULO IX

Do procedemento de disolución e réxime

de liquidación do colexio

Artigo 130º.-Disolución e liquidación.

1. A disolución do Colexio de Procuradores da Coruña producirase cando veña determinada por disposición legal, estatal ou autonómica, e será acordada pola xunta xeral, convocada para o efecto, sendo necesario para a súa aprobación a asistencia de, polo menos, tres quintas partes dos colexiados e o voto favorable da maioría absoluta dos asistentes. O acordo comunicarase á Consellería da Xunta de Galicia competente en materia de colexios profesionais, ao Consello Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España e ao Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais.

2. A xunta xeral, coa asistencia, polo menos, de tres quintas partes dos colexiados e o voto favorable da maioría absoluta dos asistentes, decidirá sobre o destino do patrimonio colexial e designará unha comisión encargada de liquidalo.

Disposición adicional

Única.-Apróbanse como regulamentos de réxime interno do Colexio de Procuradores da Coruña e desenvolvemento deste estatuto os seguintes:

a) Regulamento de organización do servizo de recepción de notificacións e traslados previos de copias de escritos e documentos, para os partidos xudiciais da Coruña, Ferrol, Carballo, Betanzos e Ortigueira.

b) Regulamento de financiamento do Colexio de Procuradores da Coruña.

c) Regulamento do servizo de garda do Colexio de Procuradores da Coruña para o mes de agosto, para os efectos previstos no artigo 272.2º da Lei orgánica do poder xudicial.

d) Regulamento do servizo do Colexio de Procuradores da Coruña para asistencia xurídica gratuíta e quenda de oficio.

e) Regulamento do servizo de garda do Colexio de Procuradores da Coruña para atender as designacións dos denominados xuízos rápidos.

f) Manual do procedemento do Colexio de Procuradores da Coruña para o servizo de depósitos de bens mobles e realización de bens por entidade especializada.

Disposicións transitorias

Primeira.-A actual xunta de goberno seguirá rexendo a corporación ata a expiración do mandato para que foron elixidos os seus respectivos cargos. A renovación dos distintos cargos da xunta de goberno producirase unha vez transcorrido o prazo de catro anos desde a súa última renovación, de conformidade co establecido para a elección de decano e dos demais membros da xunta de goberno nestes estatutos.

Segunda.-O interventor da xunta de goberno do Colexio de Procuradores da Coruña pasará a desempeñar as funcións de vice-tesoureiro ata a expiración do prazo de catro anos para o que resultou elixido, computado desde o día da toma de posesión do seu respectivo cargo.

Terceira.-Respetaranse os dereitos adquiridos daqueles colexiados exercentes no partido xudicial de Ferrol e habilitados para exercer no partido xudicial de Ortigueira, aos cales lles incumbe, especialmente, a obrigación prevista no artigo 36 alínea d) deste estatuto. Estes dereitos extinguiránse polo cesamento no exercicio da profesión conforme ás causas previstas neste estatuto ou por renuncia expresa formulada ante a xunta de goberno, a exercer no partido xudicial de Ortigueira.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados os estatutos do Colexio de Procuradores da Coruña aprobados polo Consello Xeral dos Colexios de Procuradores dos Tribunais de España o 2 de xaneiro de 1995, así como cantos acordos de carácter xeral se opoñan ao establecido nestes estatutos.