DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 07 de febreiro de 2005 Páx. 2.020

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 15/2005, do 3 de febreiro, polo que se establece a estrutura da área sanitaria de Ferrol.

Os servizos de saúde teñen como finalidade a prestación de servizos asistenciais á poboación, tanto de tipo preventivo coma asistencial e rehabilitador, onde a atención sociosanitaria ten unha especial relevancia polo aumento da esperanza de vida, a cronicidade dos procesos e a presenza de dependencia e discapacidades.

O Sergas vén prestando estes servizos a través de niveis con estruturas de xestión diferenciadas, pero a atención integral dos problemas de saúde dos cidadáns require a actuación interdisciplinar e coordinada de profesionais dos diferentes ámbitos para garantir os dereitos dos cidadáns e a continuidade asistencial, mediante unha organización centrada no paciente e baseada na calidade asistencial, integrando todas as modalidades asistenciais, que tamén abrangue a atención sociosanitaria, cun modelo integral e un plan de coidados individualizado, buscando ao mesmo tempo unha sinerxía sanitaria e social.

Para levar a efecto o dito cambio, cómpre que as áreas sanitarias que se establezan sexan estruturas de xestión únicas que se adapten á atención integral das necesidades de saúde dos cidadáns, cos seguintes obxectivos:

-A responsabilidade integral na continuidade asistencial de cada paciente, como superación da actual fragmentación da responsabilidade por centros, posibilitando unha mellora real dos procesos asistenciais.

-Intervir no proceso da enfermidade e diminuír a variabilidade clínica, mediante o establecemento de protocolos, guías e vías de práctica clínica.

-Acercar a prestación do servizo ao paciente, evitando os desprazamentos innecesarios.

-Redución da duplicidade de probas, procedementos e tratamentos.

-Integración progresiva da atención en procesos, desde unha óptica asistencial, priorizando aqueles que supoñan un maior volume de actividade nos diferentes ámbitos funcionais.

-Permitir a utilización do nivel máis adecuado de atención en cada etapa do proceso asistencial.

-Favorecer o traballo en equipo e a mellor utilización de recursos, aumentando a implicación dos profesionais na xestión.

-Sentar as bases para o establecemento dun sistema de calidade integrado.

-Dar maior capacidade de xestión que permita a solución das dificultades do día a día no nivel de área.

A desaparición das barreiras entre os dous niveis asistenciais permitirá considerar a atención de cada paciente como un proceso lonxitudinal sen rupturas. Neste esquema, o rol do médico de familia cobra especial importancia como garante da atención da saúde de cada paciente e da integración de todos os seus procesos asistenciais, que comezan e rematan nel, cun enfoque de problemas de saúde, que, xunto co persoal de enfermaría, coordinan a atención comunitaria e desenvolven a educación para a saúde.

O desenvolvemento e organización dos procesos asistenciais significan tamén un maior protagonismo do persoal de enfermaría, que deberá asumir formalmente as funcións de cohesión e continuidade que xa veñen desempeñando na súa actuación profesional, así como as de desenvolvemento dos novos procedementos operativos estándares sanitarios, ampliando o seu ámbito profesional.

Este decreto promúlgase dando cumprimento ás previsións que sobre o ámbito xeográfico das áreas sanitarias contén a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia (Losga). O deseño das áreas sanitarias significa un gran cambio organizativo e de prestación de servizos no sistema sanitario galego. Cómpre que o proceso sexa progresivo, comezando coa área sanitaria de Ferrol, para evitar disfuncións asistenciais.

A Lei de ordenación sanitaria de Galicia, no seu artigo 7, establece que lles corresponde ás áreas sanitarias a xestión unitaria dos recursos sanitarios públicos do seu ámbito territorial así como das súas prestacións e programas sanitarios, e que se desenvolverán por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Sanidade, en función das necesidades sanitarias da comunidade autónoma, tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, meteorolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación.

É competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, recoñecida no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía, a organización das súas institucións de autogoberno. Da dita facultade deriva a correspondente capacidade de crear órganos e determinar as súas estruturas co fin de facer viva e viable aquela.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade, cos informes previos da Consellería de Presidencia e Relacións Institucionais e Administración Pública e da Consellería de Economía e Facenda, logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Ao amparo do establecido no artigo 7 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, establécese a estrutura da área sanitaria de Ferrol, e regúlanse os seus órganos de dirección, asesoramento e participación, así como o ámbito territorial desta para a xestión integral dos recursos asistenciais, que figura no anexo deste decreto.

Artigo 2º.-A área sanitaria de Ferrol.

1. A área sanitaria de Ferrol, como estrutura organizativa sen personalidade xurídica, xestionará a rede galega de atención sanitaria de utilización pública e todos os centros de atención primaria e atención especializada do Sergas.

2. Correspóndelle á área sanitaria de Ferrol a xestión unitaria dos recursos sanitarios do seu ámbito territorial, así como das prestacións e programas sanitarios que desenvolvan. Para estes efectos, quédanlle adscritos a totalidade dos dispositivos e recursos sanitarios de utilización pública do seu ámbito territorial.

3. Os centros sanitarios do Sergas que pasan a xestionarse a través da área sanitaria de Ferrol son os seguintes:

-Dirección de Ferrol da Xerencia de Atención Primaria da Coruña-Ferrol.

-Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto, entenderase por:

-Proceso asistencial: conxunto de accións consecutivas necesarias para a realización dunha actuación asistencial, desde a prescrición ata a súa finalización, independentemente dos lugares onde se realice.

-Procedemento asistencial: actividade que forma parte dun proceso asistencial.

-Procedemento operativo estándar sanitario (POES): actividade normalizada que pode formar parte dun conxunto de procedementos asistenciais.

-Área de xestión clínica: de acordo co artigo 45 da Losga, a organización sen personalidade xurídica propia que agrupa unidades asistenciais, dun ou varios centros, para a atención integral por procesos dos pacientes, en grupos de patoloxías relacionadas do mesmo sistema, órgano ou aparello.

Capítulo I

Estrutura directiva

Artigo 4º.-Estrutura directiva.

A estrutura directiva da área de Ferrol componse de órganos unipersoais e órganos colexiados.

1. Órganos unipersoais.

Serán os seguintes:

-A Dirección de área.

-A Xerencia de Procesos.

-A Dirección de Procesos Médicos.

-A Dirección de Procesos Cirúrxicos.

-A Dirección de Urxencias e Procesos Ambulatorios.

-A Dirección de Enfermaría.

-A Dirección de Recursos Económicos e Servizos Xerais.

-A Dirección de Recursos Humanos.

2. O máximo responsable da área de Ferrol é o director de área, del depende xerarquicamente o resto dos órganos de dirección. Forman o equipo directivo da área o director de área, o xerente de procesos, o director de Procesos Médicos, o director de Procesos Cirúrxicos, o director de Urxencias e Procesos Ambulatorios, o director de Enfermaría, o director de Recursos Económicos e Servizos Xerais, o director de Recursos Humanos e os subdirectores. Todos eles serán nomeados e cesados polo conselleiro de Sanidade.

3. Serán órganos colexiados os seguintes:

a) Como órgano colexiado de dirección da área sanitaria de Ferrol constituirase a Comisión de Dirección.

b) Como órganos técnicos de asesoramento da Comisión de Dirección constituiranse:

-A Comisión de Calidade.

-A Comisión Asistencial.

-Os comités técnico-sanitarios.

c) Como órganos colexiados de participación constituiranse:

-O Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

-A Comisión de Participación Cidadá.

Capítulo II

Órganos unipersoais de dirección

Artigo 5º.-A Dirección da área sanitaria de Ferrol.

1. Á fronte da área sanitaria, como máximo responsable da asistencia sanitaria e da seguridade e saúde dos traballadores, e baixo a dependencia do director da División de Asistencia Sanitaria estará o director de área.

2. O director de área deberá ser licenciado universitario.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o director de área será substituído polo xerente de Procesos.

Artigo 6º.-Funcións do director da área sanitaria de Ferrol.

Son funcións do director de área:

a) Desempeñar a representación da área sanitaria de Ferrol e a superior responsabilidade dentro dela.

b) Presidir a Comisión de Dirección.

c) Executar as directrices sinaladas pola Consellería de Sanidade e polo Servizo Galego de Saúde.

d) Responsabilizarse da asistencia sanitaria da poboación da área de Ferrol, tanto en centros propios coma en centros concertados, e establecer obxectivos de servizos integrados de saúde.

e) Garantir a continuidade dos coidados mediante a organización baseada nos procesos, coa participación de todos os recursos da área, de forma que os problemas de saúde se resolvan o máis preto posible da residencia do paciente.

f) Propoñer á División de Asistencia Sanitaria os procedementos de manexo de pacientes que integren os diferentes recursos asistenciais da área.

g) Propoñer, impulsar e desenvolver as áreas de xestión clínica da área sanitaria de Ferrol e as súas carteiras de servizos.

h) Avaliar e controlar o funcionamento baseado nos procesos nas áreas de xestión clínica, servizos e centros que a constitúen, e con respecto aos servizos que presta.

i) Ordenar os recursos humanos, físicos e financeiros da área de acordo coa estrutura baseada nos procesos.

j) Elaborar a proposta de obxectivos e plans de actividades da área sanitaria de acordo coas liñas establecidas polo Servizo Galego de Saúde.

k) Programar, dirixir e controlar a execución da actividade da área sanitaria de Ferrol, a través dos medios persoais e materiais da área e a coordinación das súas unidades.

l) Elaborar a proposta de actividade concertada da área sanitaria.

m) Elaborar a proposta de anteproxecto de orzamentos e propoñer a ordenación dos pagamentos dentro do seu orzamento de gastos.

n) Elaborar a proposta de plans anuais económicos, de investigación e de docencia da área sanitaria de Ferrol.

o) Presentar os informes de xestión que se lle requiran, así como elaborar a memoria anual de actividades.

p) Adoptar as medidas necesarias para garantir a continuidade das actividades da área sanitaria de Ferrol, especialmente en casos de emerxencias internas ou externas.

q) Elaborar a proposta de incentivos do persoal directivo da área sanitaria de Ferrol, segundo os criterios establecidos polo Servizo Galego de Saúde.

r) Propoñer o nomeamento e cesamento dos postos directivos da área sanitaria de Ferrol.

s) Integrar información procedente das direccións da área sanitaria.

t) Levar a cabo o plan informático da área, participando na confección deste segundo as directrices da Consellería de Sanidade.

u) Dirixir os proxectos parciais e globais, relativos á implantación de sistemas de información, de acordo coas liñas estratéxicas establecidas pola Consellería de Sanidade.

v) O director de área poderá asumir directamente calquera das funcións asignadas neste decreto ás restantes direccións.

w) Exercer calquera outra función que lle sexa delegada polos órganos competentes.

Artigo 7º.-A Xerencia de Procesos.

1. Á fronte da Xerencia de Procesos da área sanitaria de Ferrol estará o xerente de Procesos.

2. O xerente de Procesos, con titulación de licenciado sanitario universitario, será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director de área.

3. Dependendo directamente da Xerencia de Procesos estarán os directores de Procesos, que serán nomeados polo conselleiro de Sanidade por proposta do director de área entre o persoal sanitario con formación universitaria.

4. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o xerente de procesos será substituído polo director dependente del, de máis antigüidade no cargo, ou, de ser o caso, polo designado expresamente polo director de área.

Artigo 8º.-Funcións do xerente de Procesos da área sanitaria de Ferrol.

Son funcións do xerente de Procesos:

a) A elaboración das propostas de procedementos de manexo de pacientes que integren os diferentes recursos asistenciais da área, tanto centros propios coma centros concertados, así como a súa posta en marcha e mantemento despois da súa aprobación, coa finalidade de garantir a equidade no acceso e a atención integral dos procesos asistenciais.

b) Promover a utilización de protocolos, vías clínicas e guías de práctica clínica.

c) A programación, dirección e control da execución da actividade asistencial da área sanitaria de Ferrol.

d) A xestión da admisión de pacientes e da lista de espera.

e) A xestión dos concertos da área.

f) A xestión das prestacións complementarias.

g) Elevarlle á Dirección de área a proposta de plans anuais de actividade asistencial, investigadora e docente, coa correspondente avaliación económica.

h) A dirección, supervisión, coordinación e avaliación do funcionamento das áreas de xestión clínica, propoñéndolle ao director de área, se é o caso, as medidas necesarias para o mellor funcionamento das devanditas áreas e a carteira de servizos de cada

área clínica, e dirixir o desenvolvemento das áreas de xestión clínica de acordo co Plan Estratéxico da área sanitaria de Ferrol.

i) A execución dos programas de calidade asistencial e o seu control.

j) Impulsar un sistema de información integrado na área, que garanta a xestión e seguimento dos procesos.

k) Todas aquelas que lle sexan encomendadas polo director de área.

Artigo 9º.-Os directores de Procesos.

1. Os directores de Procesos son nomeados polo conselleiro de Sanidade por proposta do director de área entre o persoal sanitario con formación universitaria, e teñen dependencia xerárquica do xerente de Procesos.

2. Á área sanitaria de Ferrol dispón de catro directores de Procesos, que exercerán as súas funcións en todos os centros e dispositivos asistenciais da área sanitaria.

a) Director de Urxencias e de Procesos Ambulatorios. Responsabilízase das consultas xerais, os PAC e as urxencias hospitalarias.

b) Director de Procesos Cirúrxicos.

c) Director de Procesos Médicos. Responsabilízase dos procesos médicos e da área de servizos centrais.

d) Director de Enfermaría. Responsabilízase da área de coidados e de servizos xerais de carácter sanitario e doutros procedementos operativos estándar sanitarios, que interveñen na maioría dos procesos asistenciais.

3. As xefaturas de servizos hospitalarios e de atención primaria, as áreas de xestión clínica e os órganos supervisores e coordinadores de enfermaría, dependerán dos directores de Procesos.

Artigo 10º.-Funcións dos directores de Procesos da área sanitaria de Ferrol.

Son funcións dos directores de Procesos, nos respectivos ámbitos funcionais:

a) A realización de propostas de novos procesos asistenciais.

b) O impulso da normalización e desenvolvemento dos procesos asistenciais.

c) O seguimento da implantación e do funcionamento dos procesos asistenciais.

d) A Xerencia de Procesos no seu ámbito funcional, en coordinación cos directores doutras áreas funcionais.

e) Aqueloutras que lles delegue o xerente de Procesos.

Artigo 11º.-A Dirección de Recursos Económicos e Servizos Xerais da área sanitaria de Ferrol.

1. Á fronte da Dirección de Recursos Económicos e Servizos Xerais da área estará o director de Recursos Económicos e Servizos Xerais.

2. O director de Recursos Económicos e Servizos Xerais, con licenciatura universitaria, será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director de área.

3. Os subdirectores dependentes da Dirección de Recursos Económicos e Servizos Xerais de área, con formación universitaria, serán nomeados polo conselleiro de Sanidade por proposta do director de área e desenvolverán as súas funcións nas áreas de Recursos Económicos, de Sistemas de Información e de Loxística.

4. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director de Recursos Económicos e Servizos Xerais, será substituído polo subdirector de máis antigüidade no cargo dependente del ou, de ser o caso, polo designado expresamente polo director de área.

Artigo 12º.-Funcións do director de Recursos Económicos e Servizos Xerais.

Son funcións do director de Recursos Económicos e Servizos Xerais:

a) Elaborar a proposta, dirección, avaliación e control dos plans económicos da área sanitaria de Ferrol.

b) A dirección económica e proposta de pagamentos da área sanitaria de Ferrol.

c) Elaborar a orzamentación interna das distintas direccións, así como das áreas de xestión clínica.

d) Colaborar na elaboración do anteproxecto de orzamentos.

e) Participar na definición dos centros de custo, impulsando a adecuación dos sistemas de información para a xestión, de acordo co deseño organizativo da área sanitaria de Ferrol.

f) Elaborar a proposta e dirección da contratación das obras, servizos e subministracións.

g) Dirixir o deseño, implantación, dirección e control dos sistemas de subministracións, alimentación, lavandaría e limpeza.

h) A asistencia técnico-administrativa ás demais direccións e áreas de xestión clínica.

i) Dirixir e controlar os sistemas de mantemento das instalacións e equipamento.

j) Deseñar a proposta de inventario para a súa aprobación pola dirección e dirixir a súa implementación e actualización continua.

k) Dirixir a xestión de facturación e ingresos da área.

l) Desenvolver o proceso de facturación a terceiros e interno, verificar o seu cumprimento e propoñer os cobramentos e seguimento de impagados.

m) Desenvolver a función de control do proceso dentro da área económico-financeira, e implantar un sistema de información económica útil para a xestión, que ademais permita o control.

n) Impulsar a implantación dos sistemas de información corporativos e asegurar a correcta utilización dos relativos ao seu ámbito competencial.

o) Todas aquelas que lle encomende o director de área.

Artigo 13º.-A Dirección de Recursos Humanos da área sanitaria de Ferrol.

1. Á fronte da Dirección de Recursos Humanos da área estará o director de Recursos Humanos.

2. O director de Recursos Humanos, con licenciatura universitaria, será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director de área.

3. Os subdirectores dependentes da Dirección de Recursos Humanos de área, con formación universitaria, serán nomeados polo conselleiro de Sanidade por proposta do director de área.

4. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director de Recursos Humanos, será substituído polo subdirector de máis antigüidade no cargo dependente del ou, de ser o caso, polo designado expresamente polo director de área.

Artigo 14º.-Funcións do director de Recursos Humanos.

Son funcións do director de Recursos Humanos:

a) Dirixir o desenvolvemento da política de persoal e das relacións laborais e promover o deseño, dirección, avaliación e control dos plans de desempeño, promoción e incentivación do persoal.

b) Elaborar o deseño, implantación, dirección e control dos procesos de administración e xestión de persoal e a avaliación, segundo os criterios establecidos polas direccións respectivas, dos rendementos e capacitación do persoal.

c) Coordinar a execución das actividades de formación continuada de acordo coa planificación da propia área sanitaria de Ferrol e do Servizo Galego de Saúde.

d) Impulsar a implantación dos sistemas de información corporativos e asegurar a correcta utilización dos relativos ao seu ámbito competencial.

e) Todas aquelas que lle encomende o director de área.

Capítulo III

Órganos colexiados de dirección

Artigo 15º.-Comisión de Dirección.

1. Como órgano colexiado de dirección da área de Ferrol establécese a Comisión de Dirección presidida polo director de área e constituída polo xerente de Procesos, polos directores de Procesos, de Recursos Económicos e Servizos Xerais e de Recursos Humanos .

2. Os subdirectores das direccións de Recursos Humanos e de Recursos Económicos e Servizos Xerais poderán asistir á Comisión de Dirección cando así o estime o director de área.

3. A Comisión de Dirección reunirase cunha periodicidade semanal, ou por criterio da presidencia, cando as circunstancias de especial interese ou urxencia así o aconsellen.

Artigo 16º.-Funcións da Comisión de Dirección.

Son funcións da Comisión de Dirección:

a) Estudar os obxectivos sanitarios e plans económicos e de recursos humanos da área, instrumentando programas de xestión de calidade e de dirección por obxectivos e avaliando os seus resultados.

b) Realizar o seguimento das actividades das áreas de xestión clínica, servizos e unidades da área sanitaria de Ferrol.

c) Estudar as medidas para mellorar por procesos o funcionamento sanitario e de xestión da área sanitaria de Ferrol, e a súa ordenación e coordinación interna en función das necesidades da área sanitaria e de acordo coas directrices do Servizo Galego de Saúde.

d) Análise e proposta sobre o orzamento anual e a política de persoal da área sanitaria de Ferrol.

e) Estudar e impulsar as propostas que eleven os órganos técnicos de asesoramento.

Capítulo IV

Órganos técnicos de asesoramento

Artigo 17º.-Órganos técnicos de asesoramento da Comisión de Dirección.

Son órganos técnicos de asesoramento da Comisión de Dirección da área sanitaria de Ferrol:

a) A Comisión de Calidade.

b) A Comisión Asistencial.

c) Os comités técnico-sanitarios.

Artigo 18º.-Comisión de calidade.

1. É o órgano técnico de elaboración de plans e asesoramento da Comisión de Dirección en temas de calidade.

2. A Comisión de Calidade estará composta por:

a) Ata un máximo de 6 representantes do equipo directivo e dos xefes de servizo da área de Ferrol, deles como mínimo dous do ámbito extrahospitalario, nomeados polo director de área que designará entre eles, oída a Comisión de Dirección, un presidente e un secretario.

b) Os presidentes dos seguintes comités técnico-sanitarios da área sanitaria de Ferrol:

1) Comité de Infección, Profilaxe e Política Antimicrobiana.

2) Comité de Mortalidade, Tumores e Tecidos.

3) Comité de Farmacia e Terapéutica

4) Comité de Historias Clínicas.

5) Comité de Planificación de Coidados de Enfermaría.

6) Comité de Docencia e Formación Continuada.

7) Comité de Investigación.

c) Poderán, así mesmo, formar parte desta comisión os presidentes doutros comités técnico-sanitarios, cando así o considere conveniente o director da área sanitaria de Ferrol.

3. A Comisión de Calidade reunirase, como mínimo, catro veces ao ano.

Artigo 19º.-Funcións da Comisión de Calidade.

Son funcións da Comisión de Calidade as seguintes:

a) Propoñer o plan de calidade na área sanitaria de Ferrol con base nas directrices do Servizo Galego de Saúde.

b) Promover o desenvolvemento do plan de calidade con base nas directrices do Servizo Galego de Saúde.

c) Colaborar na implantación e potenciación do funcionamento dos comités clínicos.

d) Incorporar a dinámica de calidade ás unidades de atención ao paciente co fin de garantir a equidade, accesibilidade e información do usuario.

e) Implicar no plan de calidade a todos os comités clínicos.

Artigo 20º.-Comisión Asistencial.

1. A Comisión Asistencial é o órgano colexiado de participación dos profesionais para o asesoramento á Comisión de Dirección, na toma de decisións.

2. A Comisión Asistencial ten a seguinte composición:

a) Ata un máximo de 6 representantes do equipo directivo da área sanitaria de Ferrol nomeados polo director de área, que designará entre eles, oída a Comisión de Dirección un presidente e un secretario.

b) Seis xefes de servizo ou de sección no seu defecto, deles polo menos dous do ámbito extrahospitalario, un da área médica, un da área cirúrxica, un da área materno-infantil e un de servizos centrais. Serán elixidos por votación dos xefes de servizo, ou de sección no seu defecto, da área sanitaria de Ferrol.

c) Catro supervisores ou coordinadores de enfermaría, deles polo menos un do ámbito extrahospitalario, elixidos por votación entre os coordinadores e os supervisores de enfermaría.

d) Seis facultativos, deles polo menos dous do ámbito extrahospitalario e catro licenciados en medi

cina; un facultativo por cada unha das áreas médica, cirúrxica, materno-infantil e de servizos centrais, elixidos por votación do persoal facultativo da área sanitaria de Ferrol.

e) Catro enfermeiros, deles polo menos dous do ámbito extrahospitalario, elixidos por votación do persoal de enfermaría da área sanitaria de Ferrol.

f) Dous profesionais sanitarios non facultativos, excluído enfermaría, elixidos por votación do persoal sanitario non facultativo da área sanitaria de Ferrol.

g) Un especialista en formación residente, elixido por votación dos especialistas residentes da área sanitaria de Ferrol.

h) Un profesional non sanitario, elixido por votación do persoal non sanitario da área sanitaria de Ferrol.

i) Unha persoa do Servizo de Atención ao Paciente, elixida por votación entre os membros do servizo.

j) O responsable de admisión.

k) O presidente da Comisión de Calidade.

3. Os membros electos por votación serán elixidos por un período de dous anos, sen prexuízo da súa posible reelección ata un máximo de catro anos consecutivos. O especialista residente deberá ser igualmente substituído se finaliza o seu período formativo.

4. A Comisión Asistencial reunirase como mínimo catro veces ao ano.

Artigo 21º.-Funcións da Comisión Asistencial.

a) Asesorar a Comisión de Dirección naquelas materias que incidan directamente na actividade asistencial da área sanitaria de Ferrol.

b) Coñecer e informar os obxectivos asistenciais, de calidade, docentes e de investigación da área sanitaria de Ferrol.

c) Propoñer as medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade da área sanitaria de Ferrol.

d) Coñecer as propostas e acordos dos comités técnico-sanitarios da área sanitaria de Ferrol.

Artigo 22º.-Comités técnico-sanitarios.

1. Os comités técnico-sanitarios son os órganos técnicos de elaboración de propostas de actuación e de asesoramento permanente da Comisión de Dirección, da Comisión de Calidade e da Comisión Asistencial.

2. Correspóndelle ao director de área, por proposta da Comisión de Dirección, aprobar a constitución de comités técnico-sanitarios e asignarlle as súas funcións específicas.

3. Cada Comité Técnico-Sanitario que se constitúa e que non teña un regulamento específico non deberá superar o número de oito membros, nomeados polo director de área, que designará entre eles, oída a Comisión de Dirección, un presidente e un secretario.

4. Os comités técnico-sanitarios poderán constituír grupos de traballo ou subcomisións cando así se considere oportuno, actuando como coordinador de cada un deles un membro do comité correspondente, nomeado polo seu presidente.

5. Como mínimo na área de Ferrol constituiranse os seguintes comités técnico-sanitarios:

a) Comité de Ética Asistencial.

b) Comité de Procesos e de Avaliación Tecnolóxica.

c) Comité de Historias Clínicas.

d) Comité de Planificación de Coidados de Enfermaría.

e) Comité de Mortalidade, Tumores e Tecidos.

f) Comité de Infección, Profilaxe e Política Antimicrobiana.

g) Comité da Dor.

h) Comité de Farmacia e Terapéutica.

i) Comité de Transfusións, Hemoderivados e Anticoagulación.

j) Comité de Docencia e Formación Continuada.

k) Comité de Investigación.

6. Poderán constituírse outros comités técnico-sanitarios cando o considere oportuno o director de área, en función das necesidades da área sanitaria de Ferrol.

7. Cada comité técnico-sanitario elaborará o seu propio regulamento de réxime interior, cando non estea regulado por unha norma específica, e un documento anual de actividades.

8. Os comités técnico-sanitarios reuniranse como mínimo catro veces ao ano.

Capítulo V

Órganos colexiados de participación

Artigo 23º.-O Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

1. Como órgano colexiado de participación dos traballadores na prevención de riscos laborais, existirá un Comité de Seguridade e Saúde Laboral da área.

2. O Comité de Seguridade e Saúde laboral terá composición paritaria entre representantes do Servizo Galego de Saúde e os representantes das organizacións sindicais.

3. Neste comité estarán representadas as organizacións sindicais mediante os delegados de prevención. As organizacións sindicais da mesa sectorial de persoal sanitario poderán contar con representación adicional.

Artigo 24º.-Funcións e facultades do Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

1. Son funcións do Comité de Seguridade e Saúde Laboral:

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos.

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos laborais.

2. No exercicio das súas funcións o Comité de Seguridade e Saúde Laboral estará facultado para:

a) Coñecer a situación relativa á prevención de riscos no centro de traballo.

b) Coñecer a documentación relativa á avaliación e control de riscos laborais dos centros e traballadores.

c) Coñecer os resultados da avaliación de riscos e as medidas preventivas propostas polos centros e traballadores.

d) Coñecer a memoria anual de actividades en materia de prevención de riscos nos centros.

e) As demais funcións recoñecidas na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 25º.-Comisión de Participación Cidadá.

1. Como órgano colexiado de natureza consultiva para a participación dos cidadáns, existirá unha Comisión de Participación Cidadá.

2. A Comisión de Participación Cidadá contará cos seguintes membros:

a) O director da área sanitaria de Ferrol que actuará como presidente.

b) Un representante das entidades locais por cada un dos servizos de Atención Primaria da área sanitaria de Ferrol, propostos polas propias corporacións, con un máximo de representantes por concello de 1 por cada 40.000 habitantes.

c) Un representante de cada unha das asociacións de veciños con actuación no ámbito da área sanitaria de Ferrol, ata un máximo de tres, propostas polas propias asociacións.

d) Un representante de cada unha das organizacións de empresarios máis representativas da área sanitaria de Ferrol, ata un máximo de tres, propostos polas propias asociacións.

e) Un representante de cada unha das organizacións sindicais máis representativas da área sanitaria de Ferrol, ata un máximo de tres.

f) Os directores de Procesos, de Recursos Económicos e Servizos Xerais e de Recursos Humanos, con voz pero sen voto. O director de Recursos Humanos actuará como secretario.

3. Nomeamento dos membros da comisión:

a) Os membros da Comisión de Participación cidadá serán nomeados polo conselleiro de Sanidade por proposta das representacións que o compoñen.

b) O nomeamento farase por un período máximo de catro anos, sen prexuízo de que os interesados poidan ser reelixidos sucesivamente, sempre que conten coa representación requirida.

4. A Comisión de Participación Cidadá reunirase unha vez ao semestre, ou ben por petición do presidente ou cando así o decidan a maioría dos seus membros.

Artigo 26º.-Funcións da Comisión de Participación Cidadá.

Serán funcións da Comisión de Participación Cidadá:

a) Propoñerlles aos órganos de dirección da área sanitaria de Ferrol aquelas medidas de carácter sanitario que contribúan a elevar o nivel de saúde da poboación.

b) Coñecer o anteproxecto do plan de saúde, no correspondente á súa aplicación na área sanitaria de Ferrol, e ser informados da súa avaliación.

c) Coñecer o plan estratéxico da área sanitaria, para os efectos do seu seguimento.

d) Coñecer a memoria anual da área sanitaria de Ferrol, para os efectos de seguimento e avaliación da xestión.

e) Propoñer medidas dirixidas a mellorar a xestión sanitaria.

f) Aprobar o seu regulamento de funcionamento, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo coa previsión do artigo 127 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A área sanitaria realizará as actuacións necesarias para a integración das historias clínicas hospitalarias e extrahospitalarias, e a progresiva implantación da historia clínica informatizada.

Segunda

1. Os postos de carácter directivo da área sanitaria de Ferrol proveranse, consonte o artigo 62.3º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, polo sistema de libre designación, mediante convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia.

2. Poderán participar as persoas que se encontren vinculadas a calquera Administración pública por unha relación funcionarial ou estatutaria, ou ser contratadas conforme o réxime laboral especial de alta dirección, regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, e de acordo co previsto no artigo 23 da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e nas sucesivas que a substitúan.

Terceira

1. Quedan adscritas á área sanitaria de Ferrol as unidades e postos de traballo da Consellería de Sanidade e do Sergas do ámbito territorial da área de

Ferrol que desempeñen funcións de asistencia ou xestión sanitaria. Para estes efectos, deberán modificarse as correspondentes relacións de postos de traballo.

2. Desde a entrada en vigor deste decreto, as convocatorias que se realicen ou se resolvan para a selección ou provisión, fixa ou temporal, de prazas nos centros incluídos na dirección de área de Ferrol denominaranse prazas da área de Ferrol, sen prexuízo da adxudicación de destino nun concreto centro, institución ou localidade.

3. Os procesos de provisión dos postos de traballo da área sanitaria de Ferrol deberán garantir a súa negociación cos representantes dos traballadores, a transparencia, a publicidade e a aplicación de baremos de méritos que teñan en conta os servizos prestados no centro ou institución.

Cuarta.-O persoal que desempeña a súa actividade nos dispositivos de urxencia terá dependencia funcional do xefe do Servizo de Atención Primaria onde estea situado o PAC.

Quinta.-Terán a consideración de equipo directivo, para os efectos do establecido no artigo 62 da Losga, os directores xerentes, directores e subdirectores dos centros asistenciais con personalidade xurídica propia integrados na área.

Sexta.-O director da área sanitaria de Ferrol asumirá a función de responsable, nos termos definidos pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, daqueles ficheiros que conteñan datos de carácter persoal dos que son responsables ante a Axencia de Protección de Datos o xerente do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Profesor Novoa Santos e o xerente de Atención Primaria da Coruña, para o ámbito da área de Ferrol.

Sétima.-A dirección única da área sanitaria de Ferrol inclúe os actuais centros orzamentarios 1505 e 1508.

Disposicións transitorias

Primeira.-As comisións que na actualidade estean constituídas e en funcionamento nos centros da área sanitaria de Ferrol continuarán co seu funcionamento ordinario e disporán dun período de dez meses desde a entrada en vigor deste decreto, para adaptar a súa composición e denominación ao regulado neste decreto e na lexislación vixente.

Segunda

1. Mentres non exista un único centro de xestión, para os efectos de xestión orzamentaria, as funcións que correspondan ou poidan estar delegadas nos seus órganos directivos, entenderase que afectan non só os expedientes que se traten con cargo a un só centro orzamentario senón tamén os que, de forma conxunta, se poidan levar a cabo para ambos os dous centros que integran o complexo.

2. A orde de delegación de competencias, entenderase respecto á autorización de gastos, propostas de pagamento e celebración de contratacións, sobre o importe total de cada expediente, independentemente de que este afecte un ou máis centros de gasto da área sanitaria.

3. En tanto non exista un único centro de xestión as modificacións de crédito que se efectúen entre os dous centros e que non afecten a clasificación económica, aínda que se trate de programas de gasto distintos, terían a consideración de redistribucións de crédito, polo que non lles serían de aplicación as limitacións previstas no artigo 68 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

4. Non obstante o anterior, as facturas que correspondan a gastos xerados no ámbito de Atención Primaria e de Especializada poderían ser imputados a ambos os dous programas a través de expedientes multiaplicación.

5. Por parte dos órganos de dirección da área sanitaria de Ferrol levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para impulsar a unificación dos sistemas de aprovisionamento (contratación, compras, almacenamento e loxística) en xeral para toda a área.

Terceira

1. Os contratos en execución no momento en que entre en vigor esta norma, continuarían estándoo de acordo cos prazos fixados nestes.

2. Así mesmo, os expedientes de contratación xa iniciados e pendentes de adxudicación poderán continuar a súa tramitación desde o momento en que se atopen sen necesidade de retrotraer as actuacións.

Cuarta.-Os directores provinciais do Sergas exercerán as funcións atribuídas ao director de área nas epígrafes c), d), e), h), i) e x) do artigo 7 deste decreto para centros sanitarios non integrados na estrutura de área, dependendo directamente do director da División de Asistencia Sanitaria.

Quinta.-O director de área asumirá con carácter xeral todas as funcións establecidas pola normativa vixente para os xerentes de Atención Primaria e para os hospitais da área sanitaria de Ferrol.

Disposición derogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións legais de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Sanidade ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día 1 de marzo de 2005.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Ámbito territorial da área sanitaria de Ferrol

A área sanitaria de Ferrol inclúe os seguintes concellos:

Mañón.

Ortigueira.

Cariño.

Narón.

Neda.

Cabanas.

Monfero.

Pontedeume.

Cedeira.

Valdoviño.

As Pontes de García Rodríguez.

Ferrol.

Cerdido.

Moeche.

San Sadurniño.

As Somozas.

Ares.

A Capela.

Fene.

Mugardos.

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA,

ECONÓMICO-FINANCEIRA

E CONTABLE