DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 07 de febreiro de 2005 Páx. 2.008

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 14/2005, do 3 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde.

Para o axeitado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia (Losga) no seu título IV, establece que no Servizo Galego de Saúde se integran todos os centros, servizos e establecementos sanitarios de titularidade da Administración autonómica galega, e atribúelle á Consellería de Sanidade o exercicio das facultades de dirección, vixilancia e tutela sobre o Sergas e, en particular, o exercicio das potestades regulamentarias da Losga e das restantes disposicións que sexan de aplicación.

O Sergas exercerá o goberno, dirección e xestión dos centros, servizos e establecementos sanitarios propios ou adscritos, garantindo a provisión dos servizos e prestacións de asistencia sanitaria de cobertura pública; coordinará a xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros que teña asignados, desenvolverá os programas de docencia e investigación e exercerá aquelas funcións que lle delegue ou encomende a Consellería de Sanidade.

Ao Servizo Galego de Saúde correspóndelle a coordinación da Rede Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública para a optimización de todos os dispositivos asistenciais integrados nela. Neste senso distribuirá con equidade os recursos económicos afectos ao financiamento dos servizos e prestacións de asistencia sanitaria de cobertura pública, mediante a dobre función de compra e provisión de servizos sanitarios, que se exercerán de forma separada.

A modernización e humanización do sistema sanitario público require incorporar modelos de xestión que o dinamicen. Deste modo o Servizo Galego de Saúde e as súas áreas sanitarias deberán estar orientadas a garantir os dereitos dos cidadáns e a continuidade asistencial mediante unha organización centrada no paciente como base para asegurar a calidade da asistencia, que supere a tradicional separación entre a atención primaria e a atención especializada e que abrangue a atención sociosanitaria, integrando todas as modalidades asistenciais de atención ao usuario.

Neste senso introdúcense na estrutura do Servizo Galego de Saúde fórmulas organizativas cunha visión lonxitudinal e integradora dos procesos asistenciais baseada na continuidade da atención sanitaria, co fin de acadar a coordinación, colaboración e cooperación de todos os provedores públicos, tendo como centro de atención ao paciente, ao cal se lle debe garantir unha calidade obxectiva e uns tempos de atención axeitados.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade, cos informes previos das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Servizos centrais

Artigo 1º.-Do Servizo Galego de Saúde.

O Servizo Galego de Saúde, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, contará coa seguinte estrutura:

1. Órganos centrais de dirección:

I. Órganos colexiados:

a) Consello de Dirección.

II. Órganos unipersoais:

a) Presidente.

b) Secretario xeral.

c) Director xeral da División de Asistencia Sanitaria.

d) Director xeral da División de Recursos Económicos.

e) Director xeral da División de Recursos Humanos.

2. Órganos periféricos de dirección:

Os directores das áreas sanitarias, sen prexuízo dos recollidos no artigo 37.2º b) da Losga.

Artigo 2º.-O Consello de Dirección.

1. O Consello de Dirección estará integrado polos seguintes membros:

a) O conselleiro de Sanidade, que será o seu presidente.

b) Secretario xeral do Sergas, que será o vicepresidente.

c) Secretario xeral da Consellería de Sanidade e os directores xerais da consellería e das divisións do Sergas.

d) Os delegados provinciais da Consellería de Sanidade e os directores das áreas sanitarias.

2. Actuará como secretario do Consello de Dirección, con voz pero sen voto, un funcionario do Servizo Galego de Saúde nomeado polo conselleiro de Sanidade.

3. O Consello de Dirección funcionará sempre en Pleno e reunirase, como mínimo, unha vez ao ano e sempre que sexa convocado polo seu presidente.

4. Poderán asistir ás sesións do consello, con voz pero sen voto, os asesores técnicos ou as persoas representantes de organismos e outras entidades, cando o presidente o considere oportuno.

5. Serán funcións do Consello de Dirección:

a) Definir as liñas xerais de actuación do organismo, de acordo cos criterios emanados da Consellería de Sanidade.

b) Emitir informe sobre o anteproxecto do orzamento do Servizo Galego de Saúde e elevalo á Consellería de Sanidade.

c) Elaborar todos aqueles informes de materia da súa competencia que lle sexan solicitados pola Consellería de Sanidade.

d) Cantas outras deriven da normativa vixente.

Artigo 3º.-O presidente.

1. O conselleiro de Sanidade, como superior autoridade, é o máximo responsable da consellería, e ademais presidente do Servizo Galego de Saúde, e como tal correspóndelle:

a) Ter a representación legal do organismo.

b) Asinar os convenios en nome do organismo e actuar como órgano de contratación.

c) Dispor os gastos e propor a ordenación dos pagamentos do organismo.

d) Exercer a xefatura superior do persoal adscrito ao organismo.

e) A execución dos acordos do Consello de Dirección con carácter xeral.

f) Presentarlle ao Consello de Dirección a memoria anual de actividades do organismo.

g) A dirección e xestión de todas as actividades do organismo relacionadas coas funcións encomendadas a este polas disposicións legais que o rexen, sen prexuízo das facultades e competencias do Consello de Dirección e da Consellería de Sanidade.

h) Elevarlle ao Consello de Dirección o anteproxecto de orzamento do organismo.

i) Resolver os conflitos de atribucións que xurdan entre as autoridades dependentes do organismo.

2. O presidente poderá delegar no secretario xeral, nos directores xerais, nos directores de área e noutros órganos centrais ou periféricos do organismo funcións relacionadas cos correspondentes ámbitos de actuación.

3. En caso de ausencia, enfermidade ou vacante, o presidente será substituído polo secretario xeral.

Artigo 4º.-A Secretaría Xeral.

1. A Secretaría Xeral, con nivel orgánico de dirección xeral, é o órgano encargado de prestarlle asistencia técnica e administrativa ao presidente.

2. Igualmente, correspóndelle dirixir e coordinar o asesoramento xurídico do Sergas, sen prexuízo das funcións propias da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

3. O secretario xeral do Servizo Galego de Saúde será o secretario xeral da Consellería de Sanidade.

4. Para o cumprimento das funcións que se lle encomendan, a Secretaría Xeral contará coa seguinte estrutura:

a) Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde.

b) Intervención Delegada, organicamente integrada na Secretaría Xeral.

Artigo 5º.-A Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde.

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndelle o asesoramento en dereito e a defensa e representación en xuízo do organismo. Para tal fin dirixirá e coordinará os letrados tanto dos servizos centrais como dos servizos periféricos, xa se trate de persoal propio como de apoderados, os cales poderán consultar ante esta os asuntos que consideren de especial transcendencia para efectos de manter a uniformidade no asesoramento.

2. En particular correspóndelle:

a) Establecer, de conformidade coa Secretaría Xeral, os criterios xerais para a coordinación da defensa do Servizo Galego de Saúde.

b) Levar a cabo o asesoramento e os informes xurídicos que lle soliciten o presidente e o secretario do Servizo Galego de Saúde.

c) Informar en dereito sobre a contratación administrativa do Servizo Galego de Saúde.

3. Sen prexuízo da súa dependencia orgánica, a Asesoría Xurídica dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

4. Para o cumprimento das súas funcións contará, nos servizos centrais do organismo, con dúas unidades con nivel orgánico de servizo.

Artigo 6º.-A División de Asistencia Sanitaria.

1. A División de Asistencia Sanitaria é o órgano responsable da coordinación das divisións do organismo e da coordinación asistencial das áreas sanitarias e dos centros e servizos financiados polo Sergas.

2. No marco da planificación sanitaria e sociosanitaria elaborada pola Consellería de Sanidade, correspóndelle a validación e o desenvolvemento dos procesos asistenciais, a súa coordinación, o desenvolvemento da función de compra de servizos sani

tarios, a determinación e avaliación de obxectivos de carácter asistencial que deben cumprir os centros a través das fórmulas que en cada momento se determinen, e aquelas outras funcións relacionadas e necesarias para acadar estes obxectivos.

3. Elaborará a proposta dos criterios de planificación, as directrices de carácter xeral e o seguimento das actividades asistenciais desenvolvidas polas fundacións públicas sanitarias ou sociedades públicas autonómicas mediante a subscrición dos oportunos contratos programa.

4. Correspóndelle tamén a aprobación do Plan anual de formación do persoal do organismo autónomo, así como a aprobación do plan de formación do persoal non sanitario, por proposta da División de Recursos Humanos.

5. Para o cumprimento das súas funcións, conta coa seguinte estrutura:

a) A Subdirección Xeral de Procesos Asistenciais.

b) A Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial.

c) A Subdirección Xeral de Calidade e Programas Asistenciais.

d) A Subdirección Xeral de Atención Sociosanitaria.

e) A Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria.

Artigo 7º.-A Subdirección Xeral de Procesos Asistenciais.

1. A Subdirección Xeral de Procesos Asistenciais é o órgano responsable de impulsar e avaliar os procesos e as actuacións asistenciais, desenvolver a función de compra e o seguimento e avaliación dos centros da Rede Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública, tanto con centros propios coma con centros concertados, de acordo cos criterios xerais establecidos pola autoridade sanitaria.

2. Correspóndenlle tamén as funcións relativas á coordinación asistencial e á realización de análises de eficacia e eficiencia do funcionamento dos servizos sanitarios así como a coordinación e integración nos procesos dos programas e actividades de enfermaría.

3. Para o desenvolvemento destas funcións contará con nivel orgánico de servizo coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Procesos Asistenciais:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento dos procesos e actuacións asistenciais médicas, cirúrxicas e ambulatorias troncais, así como o seu seguimento.

b) A coordinación asistencial e a análise de eficacia e eficiencia do funcionamento dos servizos.

3.2. Servizo de Integración de Coidados:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación e integración nos procesos dos programas e actividades de enfermaría.

b) A coordinación e integración doutros procedementos operativos estándares sanitarios.

3.3. Servizo de Compra de Servizos Asistenciais:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar, seguir e avaliar os obxectivos e contratos cos centros sanitarios do Sergas.

b) O seguimento e a avaliación da garantía da asistencia, vinculados ou dependentes da Consellería de Sanidade.

3.4. Servizo de Concertos:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar as propostas de concertos, do informe dos concertos e autorizacións de uso antes da súa renovación e do seguimento da actividade desenvolvida neles.

b) Elaborar as propostas e o seguimento de concertos de transporte sanitario e doutras prestacións complementarias.

Artigo 8º.-A Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial.

1. A Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial é a responsable de elaborar as propostas para o desenvolvemento das áreas e os seus dispositivos asistenciais, do informe dos plans directores e plans funcionais dos centros sanitarios, de desenvolver as referencias asistenciais a nivel de procedemento e de facer o seguimento da implantación de novos recursos, procedementos, técnicas e outros medios sanitarios.

2. Para o desenvolvemento destas funcións contará con nivel orgánico de servizo coa seguinte unidade:

-Servizo de Ordenación Asistencial:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de propostas de deseño e ordenación das áreas sanitarias.

b) O informe das propostas de modificacións estruturais dos centros sanitarios do Sergas.

c) A realización de propostas de referencias asistenciais.

d) O seguimento do catálogo de procedementos.

Artigo 9º.-A Subdirección Xeral de Calidade e Programas Asistenciais.

1. A Subdirección Xeral de Calidade e Programas Asistenciais é o órgano responsable do deseño e desenvolvemento de programas de carácter asistencial, en colaboración coa Subdirección Xeral de Procesos Asistenciais. Correspóndelle, así mesmo, a coordinación dos programas de carácter asistencial que se desenvolvan no Sergas.

2. Así mesmo, está encargada do impulso dos programas de calidade no Servizo Galego de Saúde, de acordo cos criterios xerais establecidos pola autoridade sanitaria.

3. Programa de Saúde Mental:

Correspóndelle a xestión en concordancia co artigo 3.1º do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, mediante a coordinación dos dispositivos dedicados á saúde mental e as propostas dos plans e programas asistenciais de saúde mental no ámbito da Comunidade autónoma.

Así mesmo, correspóndelle a xestión e seguimento do Plan Estratéxico de Saúde Mental.

4. Para o desenvolvemento destas funcións contará con nivel orgánico de servizo coa seguinte unidade:

-Servizo de Calidade e Programas:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar as propostas de desenvolvemento e seguimento de programas de calidade e asistenciais, de acordo cos criterios xerais establecidos pola autoridade sanitaria.

b) Coordinar os programas de carácter asistencial que se desenvolvan no Servizo Galego de Saúde.

5. Queda adscrita á Subdirección Xeral de Calidade e Programas Asistenciais a Oficina de Coordinación de Transplantes, coas funcións previstas na Orde do 8 de xuño de 1992, pola que se creou.

Artigo 10º.-Subdirección Xeral de Atención Sociosanitaria.

1. É a unidade encargada do deseño, desenvolvemento e coordinación da atención sociosanitaria de Galicia a que se refire o capítulo IV, título VI, da Losga, e da súa operatividade. Así mesmo, actuará como unidade de coordinación das actuacións que neste eido establezan os distintos órganos de dirección, tanto da consellería como das diferentes estruturas do Sergas, así como a unidade técnica de coordinación con outras administracións públicas, órganos da Xunta e demais entidades, no relacionado coas áreas de actuación de atención sociosanitaria, tendentes a unha integración da continuidade asistencial.

2. Para o desenvolvemento destas funcións contará con nivel orgánico de servizo coa seguinte unidade:

-Servizo de Estudos e Coordinación de Programas Socio Sanitarios:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A identificación e establecemento do mapa de recursos sociosanitarios, as actuacións que permitan reorientar os recursos existentes e o desenvolvemento e seguimento dos recursos sociosanitarios nas áreas.

b) A elaboración de plans e propostas de normas reguladoras de prestación de servizos sociosanitarios.

c) O desenvolvemento, coordinación e seguimento de programas de formación e especialización dos profesionais que interveñen nestes procesos con desenvolvemento de metodoloxía propia de atención sociosanitaria como valoración multidimensional orientada á capacidade funcional, fomento da interdisciplinariedade, plan de coidados individualizados e coordinación da continuidade asistencial.

d) O desenvolvemento de programas e a participación na elaboración de protocolos de derivación entre as diferentes unidades asistenciais e a coordinación de prestacións sociosanitarias dependentes doutras institucións e administracións co obxectivo de mellorar os resultados asistenciais.

e) Proposta de programas de colaboración con entidades privadas.

Artigo 11º.-A Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria.

1. É a unidade responsable da elaboración de propostas e do seguimento dos programas de docencia e de investigación.

2. Realiza a proposta do Plan Anual de Formación do Persoal do organismo autónomo, así como o informe do plan de formación do persoal non sanitario.

3. Correspóndelle tamén a coordinación das actividades docentes que se realizan nos centros do Sergas, agás a formación especializada.

4. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co apoio da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) e das fundacións para a investigación de cada área sanitaria.

5. Elaborará a proposta dos criterios de planificación, as directrices de carácter xeral e o seguimento con respecto ás actividades de investigación e de docencia desenvolvidas pola Fegas mediante a subscrición dos oportunos convenios coa Consellería de Sanidade e os organismos dependentes.

6. Para o desenvolvemento destas funcións contará con nivel orgánico de servizo coas seguintes unidades:

6.1. Servizo de Docencia:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento da funcións de docencia da Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria.

b) O apoio técnico administrativo ao Sistema Acreditador da Formación Continuada.

6.2. Servizo de Investigación Sanitaria:

Correspóndenlle a seguinte función:

-O desenvolvemento das función de investigación sanitaria da Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria.

7. Correspóndelle a esta subdirección o apoio técnico ás secretarías técnicas do Sistema Acreditador de Formación Continuada dos profesionais sanitarios

da Comunidade Autónoma de Galicia e da Comisión Galega de Bioética.

Artigo 12º.-A División de Recursos Económicos.

1. A División de Recursos Económicos é o órgano encargado con carácter xeral da execución, ordenación e avaliación da xestión económica e orzamentaria do Servizo Galego de Saúde e da proposta e execución dos programas de investimentos de obras, instalacións, servizos e subministracións do organismo.

2. Para iso, correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración e redacción do anteproxecto de orzamento do Servizo Galego de Saúde.

b) O establecemento das bases e directrices da xestión económica do organismo, así como levar a cabo as actuacións de control e avaliación da xestión económica e orzamentaria dos seus centros de gasto.

c) A xestión do patrimonio do organismo.

d) A xestión económico-administrativa da asistencia sanitaria prestada con medios alleos.

e) A proposta, en coordinación coa Secretaría Xeral e a División de Asistencia Sanitaria, e execución dos programas de investimentos aprobados polo presidente do organismo relativos a obras, instalacións e equipamentos dos centros asistenciais.

f) A coordinación dos servizos económicos e administrativos, de hostalaría e de mantemento técnico dos centros do organismo.

g) A tramitación das modificacións orzamentarias e daqueles expedientes de gasto do organismo que non fosen obxecto de delegación noutros órganos.

h) A declaración de uniformidade dos bens e servizos de adquisición centralizada do organismo.

3. Por delegación do presidente do Servizo Galego de Saúde, e sen prexuízo das funcións que o presidente delegue noutros órganos periféricos e das que se delegan no director xeral da División de Recursos Humanos en relación coas retribucións do persoal dos centros de xestión do organismo e, así mesmo, sen prexuízo da eventual avocación, a División de Recursos Económicos exercerá as seguintes funcións:

a) A representación do Sergas nos actos de adquisición e disposición dos bens e dereitos do organismo.

b) Actuar como órgano de contratación do organismo.

c) Propor e dispor todos os gastos do organismo.

d) Propor a ordenación dos pagamentos do organismo.

e) Calquera outra que lle sexa encomendada polo presidente do Servizo Galego de Saúde.

4. Para o cumprimento das súas funcións, a División de Recursos Económicos contará coa seguinte estrutura:

a) A Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamento.

b) A Subdirección Xeral de Obras, Instalacións e Equipamento.

c) A Subdirección Xeral de Contratación e Xestión Económica.

Artigo 13º.-A Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamento.

1. Correspóndelle, con carácter xeral, a preparación do anteproxecto de orzamento do Servizo Galego de Saúde, a execución e seguimento da xestión orzamentaria, a tramitación económico-administrativa dos expedientes de asistencia sanitaria prestada con medios alleos, a coordinación e tramitación das compras agregadas de subministracións nos centros do Sergas e o asesoramento nas ditas materias aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde.

2. Realizará a coordinación das comisións de asesoramento e de grupos de xestión creados para executar as liñas de actuación nas materias da súa competencia.

3. Contará con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Orzamentos:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A realización dos traballos preparatorios para a confección do anteproxecto de orzamento do organismo e a tramitación das modificacións orzamentarias do orzamento de ingresos e gastos do organismo e das modificacións de límites de anualidades futuras.

b) A proposta das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta execución orzamentaria acorde coa normativa vixente.

c) A tramitación de xustificacións de emprego de ingresos procedentes de organismos alleos á Comunidade Autónoma.

d) A tramitación de expedientes dos centros do Sergas ante órganos centrais da Xunta de Galicia dentro da súa área de responsabilidade.

e) A contabilización de operacións contables dos servizos centrais do organismo, agás as correspondentes a gastos de persoal.

3.2. Servizo de Xestión de Concertos e Recursos Propios:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de contratación da asistencia sanitaria prestada con medios alleos.

b) A análise e o estudo, na súa vertente económico-administrativa, da normativa relativa á materia de concertos de asistencia sanitaria.

c) A tramitación económico-administrativa dos contratos programa con entidades públicas con personalidade xurídica propia.

d) A coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Economía e Facenda.

3.3. Servizo de Análises Orzamentarias e Xestión de Contratación:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A análise da execución orzamentaria dos centros de gasto do organismo.

b) A auditoría e avaliación de obxectivos e indicadores da execución orzamentaria, dos contratos de servizos sanitarios cos centros do Sergas.

c) A realización de estudos e propostas de alternativas dirixidas a mellorar a eficacia e o control de gasto.

d) A coordinación da información económico-financeira con outras administracións.

e) A tramitación administrativa dos expedientes de contratación de compras agregadas de subministracións dos centros do Sergas.

3.4. Servizo de Aprovisionamento:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión de aprovisionamentos dos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos do Sergas ou adscritos a este.

b) Servir de apoio ao funcionamento da Comisión Técnica de Subministracións do Sergas.

c) A coordinación dos procedementos de compras agregadas dos centros do Sergas, propondo e preparando os informes e pregos de especificacións técnicas que permitan a adquisición centralizada de produtos para os centros do Sergas.

d) Proceder á elaboración, implantación e mantemento do catálogo de produtos consumidos nos centros do Sergas, con codificación única de acordo coa distribución en grupos, subgrupos e familias.

e) Propor, logo da elaboración das comisións técnicas, as oportunas instrucións sobre homologación de produtos de uso xeral, estea centralizada ou non a súa adquisición, así como dos provedores.

f) Avaliar e garantir o seguimento en tempo real das compras e consumos de materiais en todos os centros do Sergas.

g) Realizar de forma sistemática estudos de mercado e comparativos de produtos, prezos, provedores, os resultados dos cales serán dados a coñecer en todo o ámbito do Sergas.

h) A coordinación do sistema de xestión de calidade e a súa certificación na área de aprovisionamento dos centros do Sergas e o desenvolvemento dos plans de calidade correspondentes á División de Recursos Económicos.

4. Da Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamentos dependerá a Comisión Técnica de Subministracións do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 14º.-A Subdirección Xeral de Obras, Instalacións e Equipamento.

1. É a unidade a que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A proposta, dirección, coordinación e execución dos programas de investimentos aprobados e que se refiran a obras, instalacións e equipamento de centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde.

b) Elaborar e ordenar os criterios para a contratación de investimentos e programas de mantemento polos centros asistenciais e administrativos dependentes do Servizo Galego de Saúde.

c) A xestión administrativa dos expedientes necesarios para o cumprimento das funcións descritas.

d) A coordinación das actuacións en materia xestión patrimonial do organismo.

e) A coordinación da xestión dos servizos de mantemento dos centros do Sergas ou adscritos a este.

f) Correspóndelle a coordinación das comisións de asesoramento e de grupos de xestión creados para executar as liñas de actuación nas materias da súa competencia.

2. Contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A execución e control dos programas de investimentos do Sergas en materia de obras e instalacións dos seus centros asistenciais e administrativos.

b) Desenvolver as funcións que lle correspondan á oficina de supervisión de proxectos conforme a lexislación sobre contratos das administracións públicas no ámbito do Sergas, así como calquera outra que lle poida ser encomendada por disposicións propias do organismo.

c) A elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia da súa competencia, así como o seu seguimento ou dirección.

d) Servir de apoio ao funcionamento da Comisión Técnica de Mantemento do Sergas.

2.2. Servizo de Equipamentos:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A execución e control dos programas de investimentos do Servizo Galego de Saúde en materia de equipamento e instalacións dos seus centros asistenciais e administrativos.

b) A elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia da súa competencia, así como o seu seguimento ou dirección.

2.3. Servizo de Xestión:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración e tramitación de expedientes para a contratación de obras, subministracións e cantos outros estean relacionados coas funcións da subdirección.

b) O control administrativo da execución dos respectivos expedientes.

2.4. Servizo de Patrimonio:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión do patrimonio do Servizo Galego de Saúde.

b) A xestión do inventario de bens e dereitos do organismo.

3. Da Subdirección Xeral de Obras, Instalacións e Equipamento dependerá a Comisión Técnica de Mantemento do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 15º.-A Subdirección Xeral de Contratación e Xestión Económica.

1. Correspóndelle, con carácter xeral, a tramitación de expedientes de contratación, a coordinación da xestión de servizos xerais do Sergas, a execución e seguimento da xestión económica e o asesoramento nesta materia aos órganos directivos dos servizos centrais.

2. Realizará tamén a coordinación das comisións de asesoramento e dos grupos de xestión creados para executar as liñas de actuación nas materias da súa competencia.

3. Contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Xestión Económica:

Correspóndenlle, sen prexuízo das funcións atribuídas a outras unidades as seguintes:

a) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e proposta de pagamentos realizados polos centros de gasto dos servizos centrais.

b) A habilitación de gastos dos servizos centrais e a coordinación das habilitacións periféricas.

c) A xestión económico-administrativa dos créditos de gasto de bens correntes e servizos dos servizos centrais.

d) A elaboración das instrucións para unha correcta xestión económica e o seguimento e control da súa execución polos centros de gasto dos servizos centrais.

3.2. Servizo de Contratación:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación dos servizos centrais do organismo.

b) A tramitación dos expedientes de contratación centralizada de servizos para os centros de gasto.

c) A coordinación dos procedementos de contratación do Sergas, elaboración das instrucións e fixación de criterios para a homoxeneización de procedementos, control e seguimento deles polos centros do organismo.

d) A coordinación da xestión dos servizos xerais dos centros do Sergas ou adscritos a este.

Artigo 16º.-A División de Recursos Humanos.

1. A División de Recursos Humanos é o órgano encargado de deseñar e executar a política de persoal do organismo e ao cal lle corresponde a xestión de todos os colectivos que se integran nel, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública en relación cos funcionarios públicos regulados na Lei 4/1988, da función pública de Galicia, e o persoal suxeito ao convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

2. Por delegación do presidente do Servizo Galego de Saúde e sen prexuízo das funcións que o presidente delegue noutros órganos periféricos, ou da súa eventual avocación, a División de Recursos Humanos exercerá as seguintes funcións:

a) As atribuídas ao presidente en materia de recursos humanos pola Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

b) A proposta, tramitación e ordenación de gastos e pagamentos referentes ás retribucións do persoal de centros de gasto do organismo que non posúan esta atribución, así como a aprobación dos expedientes de modificación do cadro do persoal dos centros sanitarios, de conformidade co previsto para o efecto pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

c) A negociación do Plan anual de formación do persoal do organismo autónomo, por proposta da División de Asistencia Sanitaria, así como a elaboración da proposta do plan de formación do persoal de xestión e servizos xerais.

d) As funcións de impulso, participación cos órganos de representación de persoal e coordinación en materia de prevención de riscos laborais do persoal das institucións sanitarias do Sergas.

e) De acordo co establecido na Lei 55/2003, do 16 decembro, de Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, correspóndelle a elaboración do Plan de ordenación de recursos humanos do Sergas e a súa elevación ao Consello de Dirección para a súa aprobación, sen prexuízo do disposto no artigo 66.2º da Losga, Así mesmo, correspóndelle, con base no artigo 79 e 80 da citada lei, a participación nas mesas sectoriais de negociación e a elaboración e tramitación de proxectos de pactos e acordos.

f) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa normativa vixente.

3. A División de Recursos Humanos, para o cumprimento das súas funcións, conta coa seguinte estrutura:

-Subdirección Xeral de Políticas de Persoal.

-Subdirección Xeral de Persoal.

-Subdirección Xeral de Réxime Xurídico, Recursos e Reclamacións.

-Subdirección Xeral de Réxime Retributivo e Xestión de Persoal.

Artigo 17º.-Subdirección Xeral de Políticas de Persoal.

1. É a unidade a que lle corresponden as seguintes funcións:

a) Participación na elaboración dos obxectivos da división e asesoramento nas liñas da política de persoal, funcións de relacións laborais levando a cabo a negociación nos termos da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo da Administración pública. Impulso á política de prevención de riscos e coordinación na materia de prevención de riscos laborais.

b) Elaboración, tramitación e deseño dos plans de ordenación de recursos humanos do Sergas.

c) Elaboración de informes de interese estratéxico para a división.

d) Servir de canle cos axentes sociais e institucións doutros servizos de saúde ou institucións relacionadas por razón de competencias en materia de recursos humanos.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Planificación en materia de prevención de riscos.

b) Coordinación e asesoramento dos servizos e unidades dependentes das institucións sanitarias de prevención de riscos laborais.

c) Asesoramento aos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, en materias relacionadas coa prevención de riscos laborais.

d) Impulso da execución dos plans aprobados en materia de prevención.

e) Participación dos técnicos como asesores na Comisión Central de Seguridade e Saúde, ou nos órganos de información, consulta e participación dos traballadores en materia de prevención de riscos que se constitúan.

2.2. Servizo de Relacións Laborais:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A execución e deseño das relacións laborais coas organizacións sindicais e órganos de representación do persoal e o seguimento e control dos seus dereitos.

b) A canalización e o informe das relacións individualizadas co persoal dependente do Sergas, sen prexuízo das funcións atribuídas a outros órganos.

c) A elaboración e proposta das liñas de actuación na negociación colectiva, participación no seu desenvolvemento e control e seguimento dos acordos derivados dela.

d) A proposta de plans de formación do persoal de xestión e servizos xerais, mediante o deseño de programas orientados a aumentar a calidade dos servizos correspondentes.

e) A negociación e proposta do fondo de acción social no ámbito do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das funcións doutros órganos da Comunidade Autónoma.

Artigo 18º.-Subdirección Xeral de Persoal.

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión de todo o persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, e da Lei 17/1989, do 23 de outubro, e do persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia, que preste servizos no organismo e na Consellería de Sanidade.

b) A xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais do organismo e da Consellería de Sanidade, así como o cumprimento das obrigas en materia de Seguridade Social e dereitos pasivos.

c) A formulación de propostas relativas ás relacións de postos de traballo de todo o persoal funcionario e laboral do organismo e da consellería, así como o seguimento e control do mantemento e actualización do rexistro deste persoal.

d) A preparación e execución da oferta de emprego público e dos distintos procedementos para a selección do persoal e, en especial, do persoal estatutario e do persoal funcionario sanitario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

e) A preparación e execución dos procesos de provisión de postos de traballo e, en especial, do persoal estatutario e do persoal funcionario sanitario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

f) A elaboración dos estudos de adecuación e reforma do réxime xurídico aplicable ao persoal do organismo, das propostas de adopción da normativa e de criterios básicos e comúns para a coordinación e homologación da xestión de persoal.

2. Contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Persoal Funcionario e Laboral:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento da xestión de todo o persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, e da Lei 17/1989, do 23 de outubro, e do persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

b) A confección das relacións de postos de traballo, o mantemento e actualización do rexistro deste tipo de persoal e a organización, custodia e o arquivo dos seus expedientes.

c) A xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais do organismo e da Consellería de Sanidade.

d) O cumprimento das obrigas en materia de Seguridade Social e dereitos pasivos.

2.2. Servizo de Planificación de Procesos de Selección e Provisión:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo e a preparación dos anteproxectos normativos en materia de selección do persoal do organismo e, en especial, do persoal estatutario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989.

b) O estudo e a preparación dos anteproxectos normativos en materia de provisión de postos de traballo e, en especial, do persoal estatutario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989.

c) A preparación das ofertas de emprego público do dito persoal.

d) O asesoramento, estudo e elaboración de informes nestas materias.

2.3. Servizo de Xestión de Procesos de Selección e Provisión:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A execución das ofertas de emprego público do persoal do organismo, en especial do persoal estatutario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

b) A execución dos distintos sistemas de provisión de postos de traballo para o persoal estatutario dependente do organismo e para o persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

c) A execución dos procesos para a selección temporal do persoal estatutario dependente do organismo.

Artigo 19º.-A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico, Recursos e Reclamacións.

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de anteproxectos normativos e a proposta de circulares e instrucións internas en materia de xestión de recursos humanos do organismo.

b) O asesoramento e apoio técnico en todas cantas cuestións afecten a ordenación e deseño do réxime xurídico do persoal do organismo.

c) A elaboración dos estudos de adecuación e reforma do réxime xurídico aplicable ao persoal do organismo, con elaboración das propostas de modificacións normativas e de criterios básicos e comúns para a coordinación e homologación da xestión de persoal, sen prexuízo das competencias atribuídas expresamente nesta materia a outras unidades da división.

d) O abastecemento, sistematización e, de ser o caso, publicación, en colaboración coa Secretaría Xeral, daquela documentación de interese relativa á ordenación e ao réxime xurídico dos recursos humanos do organismo.

e) Se é o caso, o estudo, a tramitación e formulación das propostas de resolución dos expedientes, reclamacións e recursos que se formulen en materias relativas ao persoal do organismo.

2. Contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

-Servizo de Réxime Xurídico, Recursos e Reclamacións.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As atribuídas á subdirección en materia de asesoramento, apoio técnico e elaboración de estudos e modificacións normativas.

b) As atribuídas á subdirección en materia de recursos e reclamacións.

c) Preparar os antecedentes, dilixenciar as comunicacións xudiciais e emitir os informes que procedan sobre as demandas que se substancien en vía xurisdicional.

d) A realización dos trámites e informes que procedan en relación coas solicitudes de compatibilidade formuladas polo persoal do organismo.

e) O estudo e tramitación das queixas remitidas polos distintos organismos.

Artigo 20º.-A Subdirección Xeral de Réxime Retributivo e Xestión de Persoal.

1.Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración da proposta de anteproxecto do orzamentos do capítulo I do Sergas e o estudo, seguimento e control da súa execución.

b) A elaboración e seguimento dos cadros de persoal do organismo.

c) O desenvolvemento da xestión de persoal estatutario.

d) A proposta de desenvolvemento da política retributiva do persoal estatutario.

e) A xestión dos sistemas de información do persoal do Sergas.

f) A implantación das aplicacións informáticas en materia de persoal.

2. Contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Réxime Retributivo e Sistemas de Información:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A proposta e desenvolvemento normativo en materia de réxime retributivo de persoal do organismo.

b) O orzamento e a execución da política de acción social.

c) Coordinación da aplicación homoxénea e uniforme das políticas retributivas e de vinculacións nos centros do Sergas.

d) A proposta de implantación de aplicacións informáticas en materia de recursos humanos así como o establecemento dos criterios funcionais da súa aplicación.

e) A elaboración do cadro de mandos da División de Recursos Humanos e o deseño e coordinación dos sistemas de información del.

2.2. Servizo de Xestión de Persoal Estatutario:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento da xestión de persoal estatutario do organismo, sen prexuízo das atribucións que lles corresponden a outros órganos e unidades.

b) O estudo, preparación e execución dos procesos de integración do persoal do organismo no réxime estatutario en desenvolvemento do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

c) O seguimento, control e, de ser o caso, o informe ou proposta de declaración das situacións administrativas do persoal estatutario.

d) A execución das competencias da División de Recursos Humanos en materia de autorización de vinculacións de persoal estatutario nos centros do Sergas, así como o seu seguimento e control.

e) Propostas de resolución de concesión das omisións de servizo do persoal estatutario entre institucións do Sergas, a adscrición do persoal dos servizos centrais e a autorización para prestar servizos noutras entidades ou organismos das administracións públicas, así como dos permisos nos que teña atribuída a competencia a División de Recursos Humanos.

f) A proposta de desenvolvemento normativo e de criterios básicos e comúns para a coordinación e homologación do persoal estatutario.

2.3. Servizo de Avaliación Económica, Orzamentaria e de Cadros de Persoal:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión da informatización do cadro de persoal do organismo, e o seu seguimento e control, en coordinación cos centros asistenciais.

b) O informe e a tramitación das propostas de modificación do cadro de persoal.

c) A confección dos estudos previos á elaboración da proposta do anteproxecto dos orzamentos do capítulo I do Sergas, e as propostas de modificación de crédito.

d) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos e asesoramento en materia orzamentaria do referido capítulo aos centros do organismo.

Capítulo II

Órganos periféricos de dirección

Artigo 21º.-As áreas sanitarias.

1. Para o exercicio das súas competencias, o Servizo Galego de Saúde organízase en áreas sanitarias, como estruturas organizativas sen personalidade xurídica que xestionan a Rede Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública e integran todos os centros asistenciais do Sergas no seu ámbito territorial. Correspóndelles ás áreas a xestión unitaria dos recursos sanitarios do seu ámbito territorial, así como das prestacións e programas sanitarios que desenvolvan, agás as funcións de autoridade sanitaria.

2. O ámbito xeográfico de cada unha das áreas sanitarias determinarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia, a proposta da Consellería de Sanidade, en función das necesidades sanitarias da comunidade autónoma e tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, meteorolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación.

3. A estrutura e as funcións dos órganos de dirección e xestión das áreas sanitarias e dos dispositivos sanitarios dependentes delas, se é o caso, determinaranse regulamentariamente.

4. Á fronte da área sanitaria, como máximo responsable da asistencia sanitaria e da seguridade e saúde dos traballadores, estará o director de área, con dependencia directa do director xeral da División de Asistencia Sanitaria.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación das distintas unidades administrativas existentes con anterioridade ou se suprima algunha das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Sanidade para readscribir o persoal afectado a postos deste ou inferior nivel, sempre que sexan de libre designación, ou adscribilo con carác

ter temporal a postos de igual ou inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso, ata que, neste caso, os ditos postos sexan cubertos na forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún caso a readscrición ou adscrición supoña un cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública de Galicia e na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Segunda.-A Consellería de Sanidade, de conformidade co disposto no artigo 15.5º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, elaborará a proposta de relación de postos de traballo resultantes da aplicación deste decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa vixente.

Terceira.-Mentres non se estableza a estrutura das áreas sanitarias correspondentes, manteranse as estruturas das direccións provinciais, baixo a dependencia do director da División de Asistencia Sanitaria, coas seguintes funcións:

a) A avaliación, seguimento e control dos plans e actuacións do Sergas.

b) Dirixir a xestión dos servizos da dirección provincial e exercer a supervisión e o seguimento das súas actividades, asumindo a plena representatividade deles.

c) As informacións previas e instrucións de expedientes disciplinarios do persoal estatutario non facultativo, nos termos previstos na normativa reguladora.

d) A recepción, tramitación e, se é o caso, resolución de cantas denuncias, queixas, recursos e reclamacións se produzan no seu ámbito funcional.

e) A coordinación daquelas cuestións que afecten máis dun centro ou institución sanitaria, así como a relación entre os hospitais e servizos de atención primaria.

f) A xestión do persoal da propia dirección provincial e a avaliación, seguimento e control da xestión do persoal de todos os centros de gasto e institucións sanitarias do Sergas.

Dentro desta competencia en materia de xestión de persoal inclúense:

-A declaración das situacións administrativas do persoal estatutario.

-A convocatoria e resolución dos procesos selectivos que se desenvolvan de forma descentralizada, conforme a normativa vixente, logo de autorización da División de Recursos Humanos, e conforme o que se estableza na convocatoria xeral.

-A selección, conforme os procedementos establecidos, para o desempeño de postos de traballo incluí

dos nas dotacións existentes nos cadros de persoal das institucións e servizos sanitarios do seu ámbito territorial, agás os postos definidos como de libre designación e os que resulten da resolución de probas selectivas.

-A concesión de comisións de servizo entre institucións sanitarias do seu ámbito territorial, logo da autorización da División de Recursos Humanos.

-O recoñecemento da antigüidade, para os efectos retributivos, do persoal estatutario.

-As declaracións correspondentes ás situacións de xubilación forzosa e voluntaria do persoal estatutario.

-A tramitación e xestión de nóminas do persoal das súas unidades administrativas.

-O control do horario e da asistencia e presenza física do persoal das súas unidades administrativas.

-As decisións ou acordos que se adopten no exercicio das anteriores funcións seranlles notificadas á División de Recursos Humanos do Sergas e ás respectivas institucións sanitarias.

g) A xestión económica da propia dirección provincial e a avaliación, seguimento e control da xestión dos centros de gasto e institucións, así como a xestión económica das prestacións sanitarias.

Dentro desta competencia na materia de xestión económica inclúense:

-A autorización dos gastos e as propostas de pagamento con cargo aos orzamentos dos seus respectivos centros.

-A actuación como órgano de contratación nos contratos imputables aos seus respectivos créditos que se refiran a contratos de obras ata un importe de 300.000 euros, e sempre que a obra non requira informe da oficina de supervisión de proxectos por afectar a estabilidade, seguridade ou estanquidade.

-Contratos de consultoría e asistencia e de servizos, ben que, cando a contía exceda 300.000 euros, requirirá autorización expresa da División de Recursos Económicos, e se a contía excede 1.200.000 euros requirirá autorización expresa do presidente do Sergas.

-Contratos de subministracións, nas mesmas condicións previstas no parágrafo anterior, agás os contratos de subministracións mediante a modalidade de arrendamento, que requirirá autorización expresa da División de Recursos Económicos cando a súa contía exceda 60.000 euros, e autorización expresa do presidente do Sergas cando a contía exceda 1.200.000 euros. Na modalidade de arrendamento con opción de compra computarase a contía prevista da opción para os efectos de determinar os importes referidos neste parágrafo. Quedan excluídos os contratos de subministracións mediante a modalidade de arrendamento financeiro.

-A formalización de contratos de carácter mancomunado que afecten centros vinculados ás direccións provinciais imputables a créditos dos respectivos centros nas mesmas condicións respecto ao tipo de contrato e contía previstos na alínea anterior.

-A tramitación e resolución dos expedientes de reintegro de gastos aos beneficiarios da asistencia sanitaria da Seguridade Social, de contía inferior a 30.000 euros.

-En relación co persoal da dirección provincial, a autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización, así como a concesión de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo dos orzamentos.

-A formalización de contratos administrativos especiais tras a autorización expresa da División de Recursos Económicos.

-As contratacións relativas á prestación de asistencia por importe inferior a 12.000 euros, motivada por supostos de urxencia.

h) Calquera outra competencia administrativa ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou lles sexan delegadas pola autoridade competente.

Cuarta.-Cando como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto algunha das unidades administrativas existentes cambie a súa adscrición do Servizo Galego de Saúde á Consellería de Sanidade ou ao envés, ou dentro da mesma sección cambie de servizo, poderán continuar coa xestión dos créditos orzamentarios que teñan encomendados independentemente do orzamento de gastos onde se sitúen estes.

Quinta.-Mentres non se estableza a estrutura das áreas sanitarias, o conselleiro de sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde poderá delegar nos xerentes de Atención Primaria e Especializada funcións relacionadas cos seus correspondentes ámbitos de actuación.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estrutura orgánica que se establece neste decreto non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás no relativo aos seus efectos eco

nómicos respecto dos cales a entrada en vigor se producirá o día 1 de marzo de 2005.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade