DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 07 de febreiro de 2005 Páx. 1.992

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 12/2005, do 3 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Polo Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, fixouse a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. O tempo transcorrido desde a súa entrada en vigor e, por conseguinte, a experiencia adquirida do exercicio das competencias asignadas ás distintas consellerías en relación coa demanda social, aconsella proceder a unha nova distribución competencial que supoña unha maior racionalidade da distribución dos recursos, humanos e materiais. Neste sentido, a Consellería de Sanidade garante a prestación farmacéutica na Rede Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública nos termos recollidos na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e demais normativa reguladora. Tamén desenvolve as funcións de farmacovixilancia, o control das reaccións adversas aos medicamentos e o control sanitario doutros produtos de utilización diagnóstica, terapéutica ou auxiliar. Polo tanto, na nova distribución competencial considérase oportuno o traslado da División de Farmacia e Produtos

Sanitarios, na actualidade adscrita orgánicamente ao Servizo Galego de Saúde, convertíndoa nunha dirección xeral dependente orgánicamente da propia consellería.

Por todo o anterior e, en virtude do disposto no artigo 4.15º da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de outubro, por iniciativa do conselleiro de Sanidade, e por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 8 do Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que queda redactado co seguinte teor literal:

«Artigo 8º

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Saúde Pública.

3. Dirección Xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios.

b) O Servizo Galego de Saúde (Sergas), organismo autónomo de carácter administrativo, estará adscrito

orgánicamente á Consellería de Sanidade e contará cos seguintes órganos superiores.

1. Secretaría Xeral.

2. División de Asistencia Sanitaria.

3. División de Recursos Económicos.

4. División de Recursos Humanos».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros de Economía e Facenda e de Sanidade para que no marco das suas respectivas competencias diten as disposicións e adopten as medidas que consideren oportunas para dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública