DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 04 de febreiro de 2005 Páx. 1.945

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2005 pola que se convocan unhas Xornadas sobre a equidistribución urbanística e a obtención de terreos dotacionais.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2005, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unhas xornadas sobre a equidistribución urbanística e a obtención de terreos dotacionais, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Acadar unha aproximación ás técnicas de obtención dos terreos destinados a dotacións públicas, así como a súa valoración. Por este motivo, é preciso realizar un repaso ás técnicas equidistributivas que funcionan como instrumentos básicos na achega dos terreos antes mencionados, do mesmo xeito que á vixencia da distinción clásica entre dotacións locais e sistemas xerais.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O principio de equidistribución urbanística. Aspectos básicos e técnicas urbanísticas. Réxime xurídico do proxecto de equidistribución: contido, procedemento de aprobación e efectos. Inscrición no rexistro da propiedade. Exemplo práctico.

-Introdución á xestión das dotacións públicas. Dotacións públicas, redes públicas, sistema xerais e dotacións locais: actualidade da distinción.

-Réxime xurídico da obtención de terreos destinados a sistemas xerais. Efectos do cálculo do aproveitamento tipo e a delimitación das áreas de repartición. Análise xurisprudencial.

-A determinación do valor dos terreos destinados a dotacións públicas.

-Mecanismos de obtención de dotacións públicas no solo urbano consolidado pola urbanización. Análise de especialidades autonómicas.

-A obtención de terreos destinados a dotacións públicas locais. Réxime dos estándares urbanísticos. A delimitación de unidades de execución. Análise de xurisprudencia.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, sito na praza da Estrela-Concepción Arenal nº 8, da citada cidade, os días 23 e 24 de febreiro de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 21 de febreiro de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 22 de febreiro, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate das xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública