DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 04 de febreiro de 2005 Páx. 1.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de xaneiro de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do desenvolvemento local no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, entre elas as relativas ás políticas activas de emprego, correspondéndolle o seu exercicio, hoxe en día, á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Xunta de Galicia, consciente de que, no ámbito local, se dispón dunha serie de recursos -humanos, económicos, institucionais, culturais e naturais- que constitúen un importante potencial e que, axeitadamente articulados e contando coa iniciativa empresarial, poden favorecer o crecemento socioeconómico e elevar o nivel de vida da súa poboación, considera necesaria, no marco das políticas activas de emprego, a iniciativa de potenciar o emprego neste ámbito.

Deste xeito, preténdese impulsar e consolidar a promoción do emprego a través do desenvolvemento no ámbito local. Para conseguir esta meta, deben implicarse no proceso as institucións públicas, os axentes socioeconómicos e a poboación en xeral.

Consonte co anterior, nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos programas de cooperación, se dirixen ás entidades locais, para a contratación da realización de estudos, informes ou actividades de promoción do contorno local e actúen, deste modo, como impulsoras da creación de emprego, na crenza de que existen necesidades non cubertas que poden xerar novas actividades que, ben explotadas, contribuirán á xeración de postos de traballo, xa que é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Deste xeito, as entidades locais fomentarán a creación de actividades e a implantación e fixación de iniciativas empresariais xeradoras de emprego, o que redundará no desenvolvemento integral do territorio e na fixación da poboación.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, igualdade e non a discriminación na concesión das axudas e subvencións.

O financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo aos créditos que figuran na

aplicación orzamentaria 16.02.241A.460.0 da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, por un importe total de 621.000,00 euros.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de promoción do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consecuentemente con todo o anterior, informado o Comité Autonómico de Emprego, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Inspección Xeral de Servizos e da Intervención Delegada, e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2005, das axudas e subvencións para a realización de estudos, informes ou actividades de promoción do contorno local, no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a xeración de emprego no contorno local.

Artigo 2º.-Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta norma as corporacións locais, por si soas ou asociadas, e as entidades dependentes ou vinculadas a aquelas.

Artigo 3º.-Liñas de axuda.

1. Será subvencionable, parcialmente, o custo da realización dos estudos e informes, realizados con medios alleos, que teñan por obxecto coñecer as posibilidades de desenvolvemento e implantación de empresas na súa zona.

2. Igualmente, será subvencionable, parcialmente, o custo daquelas campañas de carácter técnico, realizadas con medios alleos, que poidan levarse a cabo para atraer investimentos xeradores de emprego no ámbito xeográfico da entidade solicitante, tales como intercambios de coñecementos e experiencias de promoción económica local que estimulen a creación de actividade empresarial.

3. O prazo para a execución dos estudos, informes e campañas previstos nos parágrafos anteriores coincidirá co do exercicio orzamentario.

Artigo 4º.-Contía e límites.

1. A contía total da subvención, que se pagará dunha soa vez, poderá ascender ata o 70 por 100 do custo total dos estudos e campañas, sumadas ambas as dúas, cun tope máximo de 12.020, por entidade. Cando varias corporacións locais presenten conxuntamente unha solicitude, o dito límite ele

varase proporcionalmente, ata un máximo de 60.101,21 A.

2. As entidades beneficiarias só poderán percibir esta axuda unha vez, agás que concorran causas excepcionais, apreciadas polo órgano competente para conceder a subvención, sempre que se trate de estudos e informes, ou campañas imprescindibles ou complementarios dos xa subvencionados.

3. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante, obtida en concorrencia, non poderá superar o 70 por 100 do custo total dos estudos e campañas.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. De acordo co disposto no artigo 70º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as solicitudes formalizaranse, no modelo que se publica como anexo I a esta orde, que estará ao seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Xunto coa solicitude, que se deberá subscribir polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, deberá acompañarse, por duplicado exemplar, a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da entidade solicitante en que conste:

* A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

* A disposición de financiamento para custear a parte do estudo, informe ou campaña non subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

* A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Memoria descritiva do estudo, informe ou campaña obxecto de subvención, en que se fará constar:

* Denominación concreta do estudo, informe ou campaña.

* Obxectivos que se pretenden.

* Custo total.

d) Declaración en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo III.

e) Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo IV.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da devandita Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos exixidos ou a documentación achegada

contivese erros ou fose insuficiente, o órgano competente para instruír o procedemento requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se considerará desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes, e completados, de ser o caso, remitiránselle á Comisión de Valoración para o seu estudo e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a Comisión de Valoración estará composta polo subdirector xeral de escolas obradoiro e programas de cooperación, que a presidirá, e serán vocais o xefe do servizo de programas de cooperación e un funcionario adscrito ao servizo, que tamén actuará como secretario.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

De entre as solicitudes presentadas, farase a selección co obxecto de outorgarlle as correspondentes subvencións, dándolles preferencia a aqueles estudos, informes e, de ser o caso, campañas que:

a) Se proxecten sobre territorios menos favorecidos e cun maior índice de desemprego.

b) Teñan un ámbito de actuación superior ao municipal e impliquen, no seu deseño e execución, outras entidades locais do contorno.

c) Aqueles proxectos en que a elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio, ou cando estivesen vinculados ou xurdisen en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. Cumpridos os trámites que procedan para a instrución do procedemento e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, o director xeral de Promoción do Emprego, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ditará a resolución que proceda, que se deberá notificar aos interesados.

2. O prazo para resolver será de seis meses, computados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se ditase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A resolución, ditada polo director xeral de Promoción do Emprego, esgota a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, caberá a interposición de recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de

dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, agás nos casos en que procedese o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44 da devandita lei, nos cales o prazo se contará desde o día seguinte a aquel en que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Aceptación ou conformidade da entidade local solicitante, da realización do estudo, informe ou campaña e dos servizos prestados polo adxudicatario.

b) Orixinais ou copias compulsadas das facturas ou documentos análogos acreditativos do custo total do dito servizo, que necesariamente deberán expedirse dentro do ano natural en que se concede a subvención.

c) Copia completa do estudo ou informe obxecto de subvención, así como dos documentos ou informe escrito, que acrediten a realización das campañas, de ser o caso.

d) Declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á dirección xeral de Promoción do Emprego antes do 31 de decembro de 2005.

Artigo 11º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias virán obrigadas a:

a) Cumprir os requisitos establecidos na resolución administrativa de concesión da axuda.

b) Remitirlle á dirección xeral de Promoción do Emprego, aos doce meses do pagamento da subvención, unha memoria descritiva dos obxectivos acadados como consecuencia das actividades subvencionadas, que acrediten a súa eficacia.

c) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola dirección xeral de Promoción do Emprego, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de ser o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Cumprir as demais obrigas que poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 12º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde dará lugar ao reintegro total ou parcial, segundo proceda, da subvención percibida e mais os xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a concesión das axudas previstas nesta orde, existe crédito adecuado e abondo por importe de 621.000 euros, con cargo á aplicación 16.02.241A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Segunda.-Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Promoción do Emprego.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Quinta.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 70%, encontrándose dentro do Programa Operativo Fomento do Emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e

Relacións Laborais