DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 04 de febreiro de 2005 Páx. 1.906

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 28 de xaneiro de 2005 pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas para o exercicio do ano 2005 que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, financian accións de fomento de emprego das entidades locais, e pola que se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e

os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 23/2003, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exercicio das competencias

e funcións que ata o momento lle correspondían á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Correspóndelle, pois, agora a esta consellería a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social e o de contratación de técnicos locais de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de programas de cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios de que traen causa.

A filosofía dos denominados programas de cooperación corresponde á necesidade de lles dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de ser mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben polas propias entidades locais afectadas ou, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado pola vía do mantemento do servizo.

Os programas de cooperación concíbense, ademais, como medida de fomento do emprego a través da adquisición de experiencia profesional dos traballadores desempregados participantes na realización das obras ou servizos, de xeito que, coa mellora da súa empregabilidade, se poidan situar en mellores condicións para acceder a un posto de traballo, unha vez rematada a súa participación neles.

Nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen ás entidades locais. A orde estrutúrase en tres capítulos. O capítulo I recolle as disposicións comúns ás dúas liñas de axuda obxecto desta orde, tales como solicitudes, tramitación, resolución e pagamento. O capítulo II, que recolle as normas específicas que rexen o outorgamento das subvencións para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. Finalmente, o capítulo III, baixo a rúbrica das subvencións para a contratación de servizos públicos, contén unha especial formulación do obxecto deste, desde a perspectiva do

impulso da iniciativa emprendedora e do apoio ás empresas novas de recente creación, concretamente, empresas creadas nos últimos tres anos, e promovidas por integrantes de colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo -mozos, desempregados que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional, parados de longa duración ou mulleres por ser as que, desde a perspectiva da promoción do emprego, requiren de maior apoio institucional de cara á súa perdurabilidade e estabilidade, o que repercute positivamente na xeración de emprego estable no contorno local.

As directrices europeas sobre o emprego recollen a importancia da creación de postos de traballo a nivel local e esbozan unha estratexia de implicación de toda a sociedade nese empeño. Así, o Comité das Rexións da Unión Europea, na súa resolución sobre o Pacto Europeo para o Emprego, considera determinante que municipios e rexións, na medida do posible, poidan planificar e aplicar as medidas activas de emprego do modo máis oportuno, en colaboración cos interlocutores sociais e de conformidade cos piares das devanditas directrices. Consecuentemente, procede implementar un dispositivo que axude a promover iniciativas e a articular mecanismos para que as administracións locais actúen como impulsoras do desenvolvemento local desde a perspectiva de que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, e é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Desde esta perspectiva, faise necesario potenciar o papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, unha diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostible.

Así mesmo, deben terse presentes as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o Emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ao desenvolvemento do espírito de empresa, ao fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ao reforzamento da política de igualdade de oportunidades, que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas a que aquela dea lugar.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido

da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, igualdade e non-discriminación na concesión das axudas e subvencións.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.241A.460 da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, por un importe de 12.909.940 A.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consecuentemente con todo o anterior, informado o Comité Autonómico de Emprego, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Inspección Xeral de Servizos e da Intervención Delegada e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade e financiamento.

1. Esta orde ten por finalidade a definición, regulación e convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, dos distintos programas de axudas da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais.

2. A distribución de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase a través da articulación conxunta e ponderada dos seguintes criterios:

a) O paro rexistrado.

b) A evolución da poboación.

c) A densidade de poboación.

d) O PIB por habitante.

3. As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 16.02.241A.460 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

A través desta orde, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais subvencionará as entidades locais que contraten:

a) Traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social e competencia das entidades locais, nos termos establecidos no capítulo II desta orde.

b) A prestación de servizos públicos con empresas cualificadas como iniciativas de emprego, con centros especiais de emprego ou con empresas de economía social constituídas por mozos ou desempregados que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou por parados de longa duración ou por mulleres, nos termos establecidos no capítulo III desta orde.

Artigo 3º.-Beneficiarios das subvencións.

Poderán ser beneficiarios das subvencións as entidades locais ou entidades públicas dependendentes ou vinculadas a unha Administración local que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

Artigo 4º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As entidades locais que pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formalizar as correspondentes solicitudes, segundo o modelo anexo I, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ao seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. As solicitudes, que en todo caso deberán ser subscritas polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, deberán ir acompañadas, en duplicado exemplar, da seguinte documentación:

A) Documentación común:

-Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

-Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo VI.

-Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo VII.

B) Documentación específica:

B.1) Axudas reguladas no capítulo II desta orde:

a) Certificación do secretario da entidade local na cal consten os seguintes extremos:

* A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

* A aprobación da solicitude de subvención.

* A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

* A referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo IV.

b) Memoria explicativa, redactada polo técnico local de emprego da entidade local, se o hai, en que necesariamente debe figurar:

* Un estudo actualizado da estrutura do paro por colectivos do seu ámbito territorial.

* A vinculación dos programas de cooperación solicitados coa estrutura do paro do ámbito territorial, cos colectivos aos cales van dirixidos e cos recursos e potencialidades da zona, apuntando os aspectos positivos que previsiblemente terá a posta en práctica dos programas no desenvolvemento económico e social do territorio.

c) Se é o caso, proxecto global do conxunto dos plans de obras e servizos que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II.

d) Unha memoria de cada obra ou servizo, no modelo que se publica como anexo III, xunto co proxecto e planos cando o tipo de obra así o exixa.

B.2) Axudas reguladas no capítulo III desta orde:

a) Certificación do secretario da entidade local en que consten os seguintes extremos:

* A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

* O acordo de adxudicación provisional do contrato, cando este sexa preciso, a súa duración e o seu custo.

b) Memoria explicativa da conveniencia da prestación dos servizos, no modelo que se publica como anexo V, que inclúa, ademais, os datos identificativos da empresa concesionaria ou centro especial de emprego.

3. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso exixidos ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá do solicitante que,

nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para o seu estudo e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vogais o xefe de Servizo de Fomento do Emprego e un xefe de sección do dito servizo; este último actuará como secretario.

Artigo 6º.-Resolución e recursos.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o delegado provincial, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ditará a resolución que proceda, que deberá serlles notificada aos interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

2. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Nos casos en que procedese o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44 da devandita lei, o prazo contarase desde o día seguinte a aquel en que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

Artigo 7º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida,

o que se xustificará mediante a presentación, na delegación provincial da consellería, da seguinte documentación:

A) Documentación común: declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

B) Documentación específica:

B.1) Axudas reguladas no capítulo II desta orde:

-Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados e dos partes de alta na Seguridade Social.

-A certificación prevista no artigo 16.3º desta orde, relativa á selección e contratación dos traballadores.

-Un certificado do secretario da entidade local en que consten as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

B.2) Axudas reguladas no capítulo III desta orde:

-Contrato administrativo de prestación de servizos públicos, copia compulsada do documento nacional de identidade dos socios traballadores, dos autónomos e, se é o caso, dos contratos debidamente comunicados dos traballadores contratados por conta allea, xustificación dos colectivos aos que pertencen, alta no IAE e, de ser o caso, no réxime de autónomos.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servizo e, como data límite, o 15 de novembro de 2005, agás autorización expresa de ampliación deste por aquela, logo da solicitude motivada da entidade beneficiaria.

Artigo 9º.-Incompatibilidades e obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, o importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

2. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde estarán obrigadas a:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda, en

particular, e no caso das axudas do capítulo III, que os requisitos que serviron de base á concesión da subvención se manteñen ao longo da duración do período subvencionado.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicarlle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servizos que se realicen, adecuándose á normativa correspondente e ás previsións do Fondo Social Europeo.

f) Satisfacer, no momento do seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

g) Cumprir as demais obrigas que poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 10º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou na normativa que a desenvolva orixinará, á vista da natureza, causas do incumprimento, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos

de interese xeral e social

Artigo 11º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Artigo 12º.-Contía.

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente, por cada traballador desempregado contratado. En ningún caso se poderá deducir o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos traballadores.

2. A contía da subvención prevista reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

Artigo 13º.-Requisitos e criterios para a selección das obras ou servizos.

1. As obras ou servizos que se van realizar deberán ser de interese xeral, social e competencia das entidades locais, incluídas aquelas que se realicen sobre bens inmobles que poñan á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e que se refiran a:

a) Obras destinadas á construción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos titulares de iniciativas de emprego, durante 5 anos e mediante o pagamento reducido de alugueres.

b) Obras destinadas á construción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos promotores de iniciativas de emprego, para a posta en marcha das anteditas iniciativas.

c) Obras ou servizos de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espazos públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten a xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

d) Obras ou servizos que sirvan para complementar ou rematar os traballos dunha escola obradoiro.

e) Servizos de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

f) Servizos personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas con discapacidade ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigamento social.

g) Servizos dirixidos aos mozos e tendentes a favorecer a súa participación social e laboral.

h) Obras ou servizos dirixidos a paliar ou reparar os danos ou efectos producidos con ocasión de temporais, inclemencias meteorolóxicas ou calquera outro fenómeno da natureza.

i) Aqueloutras obras ou servizos de recoñecido interese xeral ou social que poidan demandar as entidades locais e que redunden en beneficio dos cidadáns.

2. Ademais, as obras ou servizos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polas empresas ás cales se adxudique a súa execución.

b) Que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a porcentaxe mínima de traballadores desempregados que se vaian ocupar na realización da obra ou servizo sexa do 75 por 100.

d) Que as obras e servizos se poidan executar na súa totalidade dentro do ano natural do exercicio orzamentario en que se produce a colaboración, agás que, por causas debidamente xustificadas, o órgano competente para resolver autorice que poidan quedar rematadas dentro dos seis primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte.

e) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

3. De entre as obras e servizos que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de outorgarlles as correspondentes subvencións, dándolles preferencia aos proxectos que:

a) Teñan un ámbito de actuación superior ao municipal e impliquen, no seu deseño e execución, outras entidades locais do contorno.

b) Incidan nos novos viveiros de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ao territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

c) Se axusten ás características dos demandantes de emprego do territorio e teñan en conta, se é o caso, os seus itinerarios de inserción.

d) Aos proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

e) Aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade local no momento da finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver, ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

f) Aos proxectos que conten, se é o caso, co financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia

deste programa. Para estes efectos terase en conta o esforzo investido para cada suposto.

g) Aos proxectos que se realicen, preferentemente, en períodos de baixo nivel de contratación, cando as obras ou servizos sexan executados nunha zona ou localidade con ciclos de emprego estacional.

h) Os proxectos en que a elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio, ou cando estivesen vinculados ou xurdisen en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

Artigo 14º.-Contido da resolución.

A resolución que poña fin ao expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servizo aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) Duración e data de inicio.

d) Contía da subvención que se vai outorgar.

e) Categoría profesional e grupo de cotización dos traballadores que se van contratar.

f) Localización xeográfica da realización da obra ou servizo.

g) Código que se vaia incluír nos contratos para a súa posterior mecanización e rexistro para efectos estatísticos.

h) Referencia ao 70% do cofinanciamento da subvención concedida pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo, programa operativo fomento do emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

Artigo 15º.-Selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servizos e polos cales se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta de emprego na oficina de emprego correspondente, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados; deberán presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

3. Recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, e proporcionando, de ser posible, o número

de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous; terán preferencia os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como:

a) Parados de longa duración.

b) Discapacitados.

c) Mulleres.

d) Desempregados maiores de 45 anos.

e) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente beneficiarios da renda de integración social de Galicia.

4. Así mesmo, teranse en conta os seguintes criterios:

a) O nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

b) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinte e seis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

5. Cando as obras ou servizos que se van realizar sirvan para complementar ou rematar os traballos dunha escola obradoiro de duración inferior a 24 meses, daráselles preferencia aos traballadores desempregados que participasen naquela.

6. Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 16º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior e, con carácter xeral, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación, como data límite o 31 de outubro de 2005, nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión de axudas.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados comunicaránselle á oficina de emprego correspondente coa indicación de programas de cooperación Xunta de Galicia-entidades locais, e deberá incluírse, en cada contrato, o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitiralle á delegación provincial, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 8 desta orde, unha certificación do secretario da entidade local na cal consten os seguintes extremos:

a) A formulación de oferta na correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

b) A relación nominal de traballadores desempregados facilitada pola oficina de emprego.

c) A relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados.

Artigo 17º.-Inicio das obras ou servizos.

1. Con carácter xeral, a obra ou servizo iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución, e como data límite o 31 de outubro de 2005, tendo en conta o prazo máximo para a remisión da documentación xustificativa prevista no artigo 8º.

2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, o delegado provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Artigo 18º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servizo, a entidade local remitiralle á respectiva delegación provincial un informe certificado de fin de obra ou servizo, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servizos deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado, no cal constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación

de servizos públicos

Artigo 19º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación por parte destas, da prestación de servizos públicos de interese xeral e social con empresas creadas nos últimos tres anos, computados ata o remate do prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 4º.4 desta orde, que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que teñan a cualificación de iniciativas de emprego e que xerasen emprego estable para tres desempregados no momento da contratación do servizo pola entidade local.

b) Que se trate de centros especiais de emprego.

c) Que se trate de empresas de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por algún dos seguintes colectivos:

* Menores de 30 anos.

* Mulleres.

* Traballadores que, ata a súa incorporación á empresa, tivesen a condición de parados de longa duración.

* Traballadores que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional sobre a actividade que presta a empresa constituída.

2. Para os efectos previstos nesta orde, entenderanse por entidades de economía social, cuxa contratación é susceptible de ser subvencionada, as seguintes:

a) As cooperativas de traballo asociado e as sociedades laborais en que polo menos a metade dos seus socios traballadores pertenzan a algún dos colectivos enumerados na alínea c) do punto 1 anterior.

b) Os autónomos que, pertencendo a algún dos citados colectivos, teñan contratados, como mínimo, dous traballadores por conta allea, dos que polo menos un estea incluído nun destes colectivos.

c) As sociedades limitadas, nas cales todos os seus socios sexan persoas físicas, teñan un capital social fundacional inferior a 120.200 A, estean constituídas por un máximo de tres socios, agás que todos os socios pertenzan a algún dos colectivos do punto 1 c) deste artigo, e sempre que cando menos a maioría dos seus socios pertenzan a algún destes colectivos.

3. As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, que estean obrigadas á contratación ou á prórroga da contratación da prestación de servizos públicos de interese xeral e social coas entidades referidas nos puntos anteriores, poderán ser beneficiarias da subvención, sempre que:

a) Non resolvesen ou deixasen de renovar, nos tres anos inmediatamente anteriores, un contrato co mesmo obxecto.

b) A duración mínima do contrato sexa igual ou superior a 6 meses.

c) Se respecte a lexislación vixente en materia de contratación administrativa das administracións públicas.

4. Os requisitos exixidos nas epígrafes anteriores deberán manterse ao longo da duración do período subvencionado.

Artigo 20º.-Contía.

1. Con carácter xeral, a subvención consistirá no financiamento de ata o 50 por 100 do custo total da contratación do servizo, co límite máximo de 9.100 A por emprego estable creado, socio traballador ou traballador contratado a tempo completo.

2. Cando a contratación se realice con empresas dirixidas e constituídas, preferentemente, por beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia doméstica, mozos que participasen como alumnos nunha escola obradoiro ou casa de oficios subvencionada nos últimos tres anos pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou ben en obras ou servizos de interese xeral e social realizados en virtude de calquera outro programa de fomento do emprego subvencionado nos últimos dous anos pola

citada consellería, a subvención poderá financiar ata o 75 por 100 do custo total da contratación do servizo, respectando o límite máximo anteriormente establecido.

Artigo 21º.-Criterios para a selección dos contratos que se van subvencionar.

De entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos sinalados, farase unha selección co obxecto de outorgarlles as correspondentes subvencións, dándolles preferencia:

a) Aos proxectos que, fomentando a xeración de novas actividades ligadas ao territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral se realicen, preferentemente, nalgún dos seguintes subsectores vinculados aos novos viveiros de emprego:

* Servizos de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espazos públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten a xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

* Servizos de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

* Servizos personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas con discapacidade ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigamento social.

* Servizos dirixidos aos mozos e tendentes a favorecer a súa participación social e laboral.

b) Aos proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

c) Ás prórrogas de subvencións concedidas en exercicios anteriores.

Artigo 22º.-Prórroga da contratación.

1. As entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que percibisen en exercicios anteriores a subvención prevista neste capítulo poderán solicitar a correspondente prórroga que competirá, en réxime de concorrencia competitiva, coas solicitudes novas.

2. Na resolución que, de ser o caso, aprobe a concesión da prórroga, terase en conta o cumprimento dos requisitos previstos no momento da concesión inicial e que non se poderá subvencionar unha mesma contratación durante máis de tres exercicios orzamentarios.

Artigo 23º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate do contrato, a entidade local remitiralle á respectiva delegación provincial un informe pormenorizado dos servizos realizados pola empresa contratada, dos postos de traballo xerados, así como das perspectivas de continuidade dela.

2. Para efectos de difusión pública, nas accións que se realicen deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado, no cal constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 16.02.241A.460 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005.

Segunda.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 70%, e encóntranse dentro do programa operativo fomento do emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, nos ámbitos territoriais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial.

Quinta.-Por resolución do director xeral de Promoción do Emprego poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego europeas e o Plan Nacional de Acción para o Emprego e demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacions Laborais