DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 04 de febreiro de 2005 Páx. 1.895

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 27 de xaneiro de 2005 pola que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións para o exercicio de 2005, para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia e do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia doméstica, para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, e pola que se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 23/2003, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exercicio das competencias e funcións que ata o momento lle correspondían á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Correspóndelle agora a esta consellería a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están o Programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institu

cións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social e o de contratación de técnicos locais de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de Programas de cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios de que traen causa.

Os programas de cooperación concíbense, ademais, como medida de fomento do emprego a través da adquisición de experiencia profesional dos traballadores desempregados participantes na realización das obras ou servizos, de xeito que, coa mellora da súa empregabilidade, se poidan situar en mellores condicións para acceder a un posto de traballo, unha vez rematada a súa participación neles.

Por outra banda, o Decreto 148/2002, do 18 de abril, establece, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Programa Labora: xuventude con experiencia, concibido como unha iniciativa innovadora e ambiciosa coa que se persegue garantirlles un contrato de traballo de 12 meses de duración mínima a todos os nosos mozos e mozas desempregados que carezan de experiencia laboral, de xeito que estes poidan adquirir a práctica que lles falta, mediante unha prestación laboral efectiva, e poidan posteriormente integrarse de forma definitiva ao mercado laboral. Efectivamente, os mozos e mozas menores de 30 anos seguen a constituír un dos grupos sociais con máis dificultades para acceder a un posto de traballo, o que representa un grave problema, non só desde o punto de vista cuantitativo senón tamén porque o fenómeno do desemprego xuvenil leva implícita unha infrautilización de recursos humanos no momento da súa maior potencialidade produtiva, e mesmo, no caso dos titulados sen traballo, un

desaproveitamento do investimento público realizado na súa formación.

Así mesmo, a orde da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, do 5 de xuño, establece un Programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia doméstica cunha dobre finalidade, dunha banda, a psicosocial, de recuperación da propia identidade e autoestima e de proporcionar uns medios de subsistencia e, doutra, a de ser un primeiro paso cara á súa incorporación ou reincorporación ao mercado de traballo.

Consecuentemente, procede agora o seu desenvolvemento a través desta orde de convocatoria para articular a concesión de axudas e subvencións ás entidades locais para a contratación dos beneficiarios incorporados aos precitados programas, convocatoria que, noutra orde de cousas, se axusta ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axu

das e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, igualdade e non-discriminación na concesión das axudas e subvencións.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con fondos finalistas transferidos pola Administración do Estado e con fondos propios libres da comunidade autónoma, con cargo aos créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.02.241A.460 e 16.02.241V.460 da Lei 13/2004, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, por un importe de 11.388.480 A e 3.000.000 de A, respectivamente.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consecuentemente con todo o anterior, informado o Comité Autonómico de Emprego, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Inspección Xeral de Servizos e da Intervención Delegada, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Finalidade e financiamento.

1. Esta orde ten por finalidade a definición, regulación e convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2005, pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de Programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais que contraten para a realización de obras e servizos de interese xeral e social:

a) Beneficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia.

b) Beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia doméstica.

2. A distribución de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase a través da articulación conxunta e ponderada dos seguintes criterios:

a) Os beneficiarios incorporados aos programas sinalados no parágrafo anterior.

b) A evolución da poboación.

c) A densidade de poboación.

d) O PIB por habitante.

3. As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións 16.02.241A.460 e 16.02.241V.460 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005.

Artigo 2º.-Subvencións.

As subvencións consistirán no financiamento dunha contía equivalente aos custos salariais e de Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4º desta orde, dos traballadores contratados ao abeiro desta orde, así como do incentivo á mobilidade xeográfica daqueles que reúnan os requisitos para percibilo.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde as entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos e realicen a contratación nos termos dispostos no artigo 15º desta orde.

Artigo 4º.-Contía.

A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será:

a) Para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente, por cada traballador desempregado contratado. En ningún caso se poderá deducir o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos traballadores.

b) Para efectos do incentivo á mobilidade xeográfica será de 180 A mensuais por cada beneficiario dos programas contratados, que reúna os requisitos para percibilo.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As entidades locais que pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formalizar a correspondente solicitude, nos modelos que se publican como anexos a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ao seu dispor

nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. As solicitudes, que se publican como anexo I, que en todo caso deberán ser subscritas polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, deberán ir acompañadas, en duplicado exemplar, da seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da entidade local en que consten os seguintes extremos:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-A aprobación da solicitude de subvención.

-A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

-A referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, así como as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo III.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo V.

d) Memoria explicativa, elaborada polo técnico local de emprego, se o hai, na cal necesariamente debe figurar a vinculación das obras ou servizos solicitados co perfil dos beneficiarios adheridos ao Programa Labora do seu ámbito territorial ou coas titulacións con menor índice de colocación ou, se é o caso, xustificativa da contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia doméstica.

e) Unha memoria de cada obra ou servizo, no modelo que se publica como anexo II, xunto co proxecto e planos cando o tipo de obra así o exixa.

f) Unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo IV.

3. Para os efectos do previsto na alínea d) do parágrafo anterior, e con carácter previo á presentación das solicitudes, as entidades locais interesadas en participar nesta convocatoria poderán solicitar da respectiva delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais información sobre o número e o perfil dos incorporados aos programas correspondentes ao seu ámbito territorial, así como sobre as titulacións con menor índice de colocación, co fin de deseñar as obras ou servizos que se van solicitar.

4. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de beneficiarios do Programa Labora será de 2 meses a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, independentemente da data de inicio das obras ou servizos.

6. As solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia doméstica poderán presentarse ao longo de todo o ano.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso exixidos ou que a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, a delegación requirirá do solicitante que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para o seu estudo e proposta de resolución, tendo en conta que as solicitudes se tramitarán en dúas fases que se completarán nos meses de maio e setembro, respectivamente, en función das datas de inicio previstas nas correspondentes solicitudes.

3. Aqueles proxectos dos cales na primeira fase non se formula proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e poderán ser obxecto de ulterior valoración pola comisión de valoración.

4. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vogais o xefe do Servizo de Promoción do Emprego e un xefe de sección do dito servizo, actuando este último como secretario.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o delegado provincial, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións

Laborais ditará a resolución que proceda, que deberá serlles notificada aos interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. A resolución que poña fin ao expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servizo aprobado.

b) Duración e data de inicio.

c) Contía da subvención que se vai outorgar para efectos salariais e de Seguridade Social.

d) Categoría profesional e grupo de cotización dos traballadores que se van contratar.

e) Localización xeográfica da realización da obra ou servizo.

f) Código que se vai incluír nos contratos para a súa posterior mecanización para efectos estatísticos.

g) Referencia ao 70% do cofinanciamento da subvención concedida pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo, Programa operativo fomento do emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

3. A determinación da contía da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica dos beneficiarios que reúnan os requisitos para percibilo realizarase mediante resolución complementaria, de conformidade co previsto no artigo 10º desta orde.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, agás nos casos en que proceda o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44 da devandita lei, nos cales o prazo se contará desde o día seguinte a aquel en que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outor

gadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados e dos partes de alta na Seguridade Social.

c) A certificación prevista no artigo 15º.3 desta orde, relativa á selección e contratación dos traballadores.

d) Un certificado do secretario da entidade local en que consten as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións á Seguridade Social.

2. O aboamento da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica dos traballadores contratados, previsto no artigo 10º, farase efectivo unha vez comprobado o número de beneficiarios contratados que reúnan os requisitos para acceder a el, e ditada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola Intervención Territorial.

3. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servizo e, en todo caso, como data límite o 15 de decembro de 2005, agás autorización expresa de ampliación del por aquela, logo da solicitude motivada da entidade beneficiaria.

Artigo 10º.-Incentivo á mobilidade xeográfica.

1. Os beneficiarios dos programas que resulten seleccionados e contratados percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 7.3º do Decreto 148/2002, do 18 de abril, e no artigo 9.4º da Orde do 5 de xuño de 2003.

2. As oficinas de emprego, unha vez recibidos os contratos de traballo de conformidade co previsto no artigo15º.2, comprobarán cales e cantos dos traballadores contratados reúnen os requisitos para a percepción do incentivo á mobilidade xeográfica. Unha vez determinados, o director da oficina de emprego deberá remitir á delegación provincial, por cada expediente, unha relación certificada destes

para os efectos de ditar a correspondente resolución complementaria, nos termos previstos no artigo 9º.2.

Artigo 11º.-Incompatibilidades e obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, o importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

2. As entidades beneficiarias das axudas previstas nesta orde estarán obrigadas a:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou o desfrute da axuda.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Realacións Laborais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicarlle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servizos que se realicen, adecuándose á normativa correspondente e ás previsións do Fondo Social Europeo.

f) Satisfacer, no momento do seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

g) Cumprir as demais obrigas que poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 12º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou na normativa que a desenvolva orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, o

reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 13º.-Requisitos e criterios para a selección das obras ou servizos.

1. As obras ou servizos que se van realizar deberán ser de interese xeral e social e competencia das entidades locais, incluídas aquelas que se realicen sobre bens inmobles que poñan á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e que se refiran a:

a) Obras destinadas á construción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos titulares de iniciativas de emprego, durante 5 anos e mediante o pagamento reducido de alugueres.

b) Obras destinadas á construción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos promotores de iniciativas de emprego, para a posta en marcha das anteditas iniciativas.

c) Obras ou servizos de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espazos públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten a xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

d) Servizos de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

e) Servizos personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas con discapacidade ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigamento social.

f) Aqueloutras obras ou servizos de recoñecido interese xeral ou social que poidan demandar as entidades locais e que redunden en beneficio dos cidadáns.

2. Ademais, as obras ou servizos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa.

b) Que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

3. De entre as obras e servizos que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de lles outorgar as correspondentes subvencións, dándolles preferencia aos proxectos que:

a) Vaian dirixidos ás titulacións correspondentes aos beneficiarios incorporados do seu ámbito territorial ou a aquelas con menor índice de colocación a través do programa.

b) Incidan nos novos viveiros de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ao territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

c) Os proxectos en que a elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio, ou cando estivesen vinculados ou xurdisen en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

Artigo 14º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servizos e polos que se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia e beneficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia ou do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia doméstica.

2. A selección dos traballadores desempregados será realizada polas entidades subvencionadas sobre a base de datos de incorporados ao programa, logo da presentación por parte daquelas da correspondente oferta de emprego específica nas oficinas de emprego, segundo os modelos establecidos por resolución dos órganos competentes do Servizo Público de Emprego.

Excepcionalmente e, logo de autorización expresa da delegación provincial correspondente, poderán utilizarse ofertas especiais cando se trate de seleccionar beneficiarios do Programa Labora que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33% ou beneficiaciarias do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia doméstica.

3. As entidades locais, no momento da formulación das ofertas e da realización das correspondentes seleccións, deberán ter en conta a debida adecuación entre a titulación e as funcións que deberán desenvolver os candidatos seleccionados.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para garantir o establecido no parágrafo precedente, poderá realizar as actuacións de comprobación e control que considere necesarias.

Artigo 15º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior e, con carácter xeral, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación, como data límite o 30 de novembro de 2005, nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión das axudas.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados comunicaránselle á oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de cooperación Xunta de Galicia-entidades locais, e deberá incluírse en cada contrato o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitiralle á delegación provincial, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 9º desta orde, unha certificación do secretario da entidade local na cal consten os seguintes extremos:

a) A realización da selección de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

b) A relación nominal de traballadores desempregados facilitada pola oficina de emprego.

c) A relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados.

Artigo 16º.-Inicio das obras ou servizos.

1. Con carácter xeral, a obra ou servizo iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución, e como data límite o 30 de novembro de 2005, tendo en conta o prazo máximo para a remisión da documentación xustificativa prevista no artigo 9º.

2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, o delegado provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Artigo 17º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servizo, a entidade local remitiralle á respectiva delegación provincial un informe certificado de fin de obra ou servizo, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servizos deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo norma

lizado, no cal constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 16.02.241A.460 e 16.02.241V.460 por importe de 14.388.480 A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005.

Segunda.-Poderán financiarse con cargo aos créditos previstos nesta orde as resolucións complementarias relativas a incentivos á mobilidade xeográfica correspondentes a expedientes do ano 2004, non tramitadas antes do 31 de decembro.

Terceira.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 70%, e encóntranse dentro do Programa operativo fomento do emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

Cuarta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos.

Quinta.-Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial.

Sexta.-Por resolución do director xeral de Promoción do Emprego poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego europeas e o Plan Nacional de Acción para o Emprego e demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais