DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 03 de febreiro de 2005 Páx. 1.778

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de xaneiro de 2005 pola que se regulan as probas de acceso á universidade para os alumnos e as alumnas que cursaron as ensinanzas de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro, DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencia en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG), determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a de Santiago de Compostela, a da Coruña e a de Vigo.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, define as características básicas do bacharelato, os seus obxectivos xerais, a súa organización en materias comúns, materias propias de modalidade e materias optativas. Así mesmo, a disposición transitoria quinta da Lei 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, determina que mentres non sexan ditadas ulteriores normas regulamentarias, serán de aplicación, en cada caso, as normas deste rango vixentes.

Pola súa parte a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na súa disposición derradeira quinta, dispón que se manterá vixente o actual sistema de acceso aos estudos universitarios, mentres non sexa derrogada a Lei 30/1974, do 24 de xullo, sobre probas de aptitude para o acceso á universidade.

O Real decreto 986/1991, do 14 de xuño (BOE do 25 de xuño), establece no seu artigo 23.1º que as administracións educativas adoptarán as medidas necesarias para que a estrutura e o currículo das ensinanzas organizadas con carácter experimental, ao abeiro do Real decreto 942/1986, do 9 de maio (BOE do 14 de maio), comecen a ser adaptadas no curso 1992-1993 á nova ordenación do sistema educativo.

O Real decreto 1178/1992, do 2 de outubro (BOE do 21 de outubro), establece as ensinanzas mínimas do bacharelato.

O Real decreto 3474/2000, do 29 de decembro (BOE do 16 de xaneiro de 2001) modifica o Real decreto 1700/1991, do 29 de novembro, polo que se establece a estrutura do bacharelato, e o Real decreto 1178/1992, do 2 de outubro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas do bacharelato.

De acordo coa distribución de competencias que deriva da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia e conforme o establecido no artigo 4º da Lei orgánica 1/1990, correspóndelles ás comunidades autónomas establecer o currículo dos distintos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades do sistema educativo.

En consecuencia co anterior e co artigo 5 do Real decreto 1178/1992, a Comunidade Autónoma de Galicia establece polo Decreto 275/1994, do 29 de xullo (DOG do 31 de agosto), o currículo do bacharelato para esta Comunidade Autónoma, modificado polo Decreto 231/2002, do 6 de xuño (DOG do 15 de xullo), e a súa estrutura pola Orde do 4 de xullo de 2002 pola que se regula a organización académica do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de xullo).

O artigo 11 c) parágrafo 2º do Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro (BOE do 22 de xaneiro), polo que se regulan os procedementos para o ingreso nos centros universitarios, desenvolve o disposto no artigo 1 do Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro (BOE do 27 de outubro), modificado polo Real decreto 990/2000, do 2 de xuño (BOE do 3 de xuño), modificado, pola súa vez, polo Real decreto 1025/2002, do 4 de outubro (BOE do 22 de outubro), dispoñendo que os estudantes que teñan superado o segundo curso do bacharelato regulado na Lei orgánica 1/1990 (LOXSE) non poderán ser admitidos nos estudos universitarios sen a superación previa da correspondente proba de acceso.

Os exercicios da proba de acceso á universidade estrutúranse tendo en conta o carácter do bacharelato reflectido tanto nos seus obxectivos, comúns a todas as modalidades, como nas materias comúns e propias de modalidade que os alumnos e alumnas teñen que cursar e realizaranse en consonancia cos deseños curriculares base desta comunidade autónoma.

Como consecuencia da entrada en vigor da citada Orde do 4 de xullo de 2002, os currículos e estrutura do bacharelato sobre os que versarán as probas de acceso á universidade na nosa comunidade autónoma a partir do ano académico 2003-2004 foron determinados pola Orde do 19 de maio de 2003 (DOG do 28 de maio).

En virtude do exposto, por proposta conxunta da Dirección Xeral de Universidades, da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e facendo uso da autorización expresada na disposición derradeira segunda do Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro (BOE do 27 de outubro),

DISPOÑO:

Artigo 1º

A proba de acceso á universidade para os alumnos que sigan ensinanzas de bacharelato, establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, valorará con carácter obxectivo, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, a madurez académica dos alumnos e os coñecementos adquiridos nas ensinanzas desta etapa.

Artigo 2º

A proba de acceso á universidade, que se realizará en chamamento único por convocatoria, calquera que sexa a modalidade cursada, versará sobre as materias do segundo curso do bacharelato, de acordo coa distribución establecida pola Orde do 4 de xullo de 2002 (DOG do 29 de xullo), tendo en conta o que se determina na Orde do 19 de maio de 2003 (DOG do 28 de maio).

Artigo 3º

1. Poderán participar na proba de acceso á universidade os alumnos que estean en posesión do título de bacharelato, establecido na Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, así como os alumnos que teñan superado en anos académicos anteriores o COU.

2. Anualmente celebraranse dúas convocatorias: ordinaria e extraordinaria. Cada alumno disporá dun número máximo de catro convocatorias para a superación da proba e considerarase superada cando o sexa por algunha das vías previstas no artigo 4º.1. desta orde. Non se considerará consumida convocatoria cando o alumno non se presentase a ningún dos exercicios.

Artigo 4º

1. Os alumnos e as alumnas, para realizaren a proba de acceso á universidade, poderán escoller, tendo en conta as materias cursadas, algunha das seguintes vías ás que están vinculadas as materias que se sinalan no artigo 5º, número 3:

-Vía científico-tecnolóxica.

-Vía ciencias da saúde.

-Vía humanidades.

-Vía ciencias sociais.

-Vía artes.

2. A vinculación entre estas vías e os estudos universitarios establécese no anexo á presente orde.

Artigo 5º

1. As probas de acceso á universidade constarán de dúas partes.

2. A primeira parte, de carácter xeral, versará sobre as materias comúns do segundo curso do bacharelato, apreciará a formación xeral do alumno e estará concibida para avaliar destrezas académicas básicas, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe e as capacidades para analizar, relacionar e sintetizar, expresar ideas e así mesmo o coñecemento dunha lingua estranxeira. Esta parte constará de catro exercicios dunha hora e media de duración.

a) Composición dun texto sobre un tema ou cuestión de carácter histórico ou filosófico a partir de diversas fontes documentais incluídas na proposta de exame. A composición deberá integrar os coñecementos do alumno e a información facilitada. Na devandita proposta ofertaránselle ao alumnado dúas probas de entre as que elixirá unha.

No caso do alumnado que repetise no ano académico 2003-2004 o segundo curso de bacharelato con tres ou menos materias e do alumnado que superase o bacharelato no ano académico 2002-2003 ou anteriores, este exercicio versará obrigatoriamente sobre un tema ou cuestión de carácter histórico.

b) Análise dun texto en idioma estranxeiro, da linguaxe común, non especializada. A partir do texto proposto o estudante realizará un comentario persoal e responderá a cuestións relacionadas co texto, que serán formuladas e respondidas por escrito no mesmo idioma, sen axuda de dicionario nin de ningún outro material didáctico. Na devandita proposta ofertaránselle ao alumno dúas probas de entre as que elixirá unha.

c) Análise e comprensión dun texto de lingua castelá e literatura. A proposta, que consistirá en dúas probas das cales o alumno elixirá unha, constará de tres partes, nas cales se medirá: a capacidade de análise e síntese do contido do texto mediante a elaboración dun resumo e/ou esquema deste; o comentario crítico sobre o contido do texto e as respostas a un cuestionario de lingua castelá e literatura relacionadas co texto.

d) Análise e comprensión dun texto de lingua galega e literatura. A proposta, que consistirá en dúas probas das cales o alumno elixirá unha, constará de tres partes, nas cales se medirá: a capacidade de análise e síntese do contido do texto mediante a elaboración dun resumo e/ou esquema deste; o comentario crítico sobre o contido do texto e as res

postas a un cuestionario de lingua galega e literatura relacionadas co texto. Os alumnos e as alumnas que teñan exención en lingua galega nalgún dos dous cursos do bacharelato non terán que facer este exercicio.

3. A segunda parte da proba, de carácter específico, versará sobre tres materias propias de modalidade do segundo curso. Entre elas, necesariamente incluiranse as dúas materias vinculadas a cada vía de acceso; a terceira elixiraa libremente o estudante entre as materias propias de modalidade cursadas. Esta parte apreciará a formación especializada do alumno e estará concibida para avaliar destrezas básicas da especialidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe específica e as capacidades de analizar, relacionar e sintetizar.

4. Respecto a estas materias, o alumno necesariamente deberá examinarse das seguintes disciplinas vinculadas ás vías de acceso que se sinalan:

a) Alumnado que a partir do ano académico 2003-2004 inicie os estudos de segundo curso de bacharelato ou repita este curso completo, así como alumnado que teña superado o curso de orientación universitaria:

-Matemáticas e física: vía científico-tecnolóxica.

-Bioloxía e química: vía ciencias da saúde.

-Latín e historia da arte: vía humanidades.

-Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais e xeografía: vía ciencias sociais.

-Debuxo artístico e historia da arte: vía artes.

b) Alumnado que no ano académico 2003-2004 repetise o segundo curso do bacharelato con tres ou menos materias e alumnado que teña superado o bacharelato no ano académico 2002-2003 ou anteriores:

-Matemáticas e física: vía científico-tecnolóxica.

-Bioloxía e química: vía ciencias da saúde.

-Latín e historia da filosofía: vía humanidades.

-Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais e xeografía: vía ciencias sociais.

-Debuxo artístico e historia da arte: vía artes.

En cada unha destas materias ofertaránselle ao alumnado dúas opcións de entre as que elixirá unha ou un único exame con diversas posibilidades de resposta. Estes exames poderán incluír comentarios, cuestións ou repertorios de problemas ou preguntas.

A duración dos exercicios destas materias será de hora e media para cada un deles.

Artigo 6º

Para a superación da proba, os estudantes poderán presentarse por unha ou dúas das vías de acceso previstas. Neste último caso deberán examinarse unicamente das catro materias vinculadas ás vías de acceso elixidas. O alumnado ao que se fai referencia no número 4 a) do artigo 5º, e que se presente ás probas polas vías de humanidades e artes, unicamente deberá examinarse das tres materias vinculadas ás vías de acceso citadas.

Artigo 7º

A cualificación de cada un dos exercicios que compoñen a proba de acceso realizarase da maneira seguinte:

1. Cada exercicio cualificarase entre cero e dez puntos.

2. A cualificación da primeira parte da proba será a media aritmética dos catro exercicios.

3. A cualificación da segunda parte da proba obterase sumando o 40 por 100 das cualificacións obtidas en cada unha das materias vinculadas á vía e o 20 por 100 da materia de libre elección.

4. A cualificación global da proba será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas partes.

5. Cando se acceda por dúas vías, a cualificación do primeiro exercicio farase conforme se determina no punto segundo. Para o segundo exercicio haberá dúas cualificacións, unha para cada unha das vías, calculadas do seguinte modo: sumarase o 40 por 100 das cualificacións de cada unha das materias vinculadas á vía e o 20 por 100 da cualificación máis alta das obtidas nas materias correspondentes á outra vía.

Para ser declarado apto por unha vía de acceso deberanse obter, polo menos, catro puntos na cualificación global desa vía.

Artigo 8º

A cualificación definitiva para o acceso á universidade calcularase ponderando un 40 por 100 a cualificación global da proba e un 60 por 100 a nota media do expediente académico do alumno no bacharelato, obtida tal e como se indica nos artigos 9.4º e 9.5º desta orde. Para considerar superada a proba de acceso á universidade por unha vía, deberase acadar unha puntuación de cinco ou superior na cualificación definitiva.

Artigo 9º

1. Os alumnos e as alumnas realizarán a inscrición e a proba de acceso nos lugares que determine a comisión organizadora designada para os efectos.

No prazo sinalado pola comisión organizadora das probas, o alumno comunicará, mediante escrito dirixido ao director ou directora do centro, e segundo

o modelo facilitado pola comisión organizadora, a vía ou vías de acceso polas que concorre á proba de acceso, ou a terceira materia elixida libremente polo estudante entre as materias propias de modalidade cursadas, o idioma estranxeiro de que terá que examinarse na primeira parte da proba e, finalmente, sinalar se ten dereito de exención do exercicio de análise e comprensión dun texto de lingua galega e literatura, de acordo co disposto no artigo 5º.2 d) desta orde.

2. Os alumnos e as alumnas que desexen concorrer ás probas de acceso formalizarán a súa inscrición e aboarán as taxas correspondentes de acordo co disposto no Decreto 189/2004, do 29 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2004-2005 (DOG do 9 de agosto). Estes trámites realizaranse no centro, segundo os prazos establecidos no número 3 deste artigo. A comisión organizadora facilitará os modelos de solicitude e as entidades bancarias nas que os alumnos e as alumnas deberán realizar o ingreso.

3. Os centros de ensino secundario e as escolas de artes aplicadas e oficios artísticos remitiranlle á comisión organizadora, no prazo e segundo o procedemento que esta estableza, a información relativa aos alumnos e ás alumnas matriculados na convocatoria correspondente da proba de acceso.

A dita información incluirá, polo menos, os datos básicos e persoais do/a alumno/a; nota media do seu expediente de bacharelato; lingua estranxeira sobre a que versará a parte do primeiro exercicio regulada no artigo 5º.2 b); elección da materia -filosofía ou historia- sobre a que versará a composición do texto correspondente ao primeiro exercicio, se é o caso, conforme o regulado no artigo 5º.2 a) desta orde; a vía ou vías de acceso polas cales concorre e, finalmente, a materia propia de modalidade elixida libremente ata completar as materias das que se debe examinar.

4. Para a obtención da nota media do expediente académico do alumno á que fai referencia o artigo 8º desta orde, computaranse as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas dos dous cursos da modalidade de bacharelato cursada e consignarase un só decimal.

5. A nota media á que se fai referencia no número anterior non incluirá a cualificación obtida nas ensinanzas de relixión, de conformidade co disposto no artigo 16.3º do Real decreto 1700/1991, do 29 de novembro (BOE do 2 de decembro), polo que se establece a estrutura do bacharelato.

6. A elección de materias ou da vía de acceso realizadas para a convocatoria de xuño poderá modificarse nas sucesivas convocatorias ás que o alumno teña dereito. Para iso, o interesado deberá notifi

carlle a súa decisión por escrito ao director ou directora do centro con anterioridade ao prazo que estableza a comisión organizadora para que poida ser incluído na relación que se lle remite á universidade.

Artigo 10º

1. A organización das probas de acceso á universidade é competencia da comisión organizadora.

2. Será competencia desta comisión, para a organización das probas de acceso, adoptar, entre outros, os acordos procedentes sobre:

a) Definición dos criterios para a elaboración das propostas de exame.

b) Establecemento dos criterios xerais de avaliación das probas.

c) Adopción de medidas necesarias para garantir o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exames, así como o anonimato dos exercicios realizados polos alumnos.

d) Adopción das medidas necesarias para garantir que os alumnos poidan utilizar calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma para a realización dos exercicios.

e) Coordinación cos centros nos cales se imparta bacharelato.

f) Designación e constitución dos tribunais.

g) Resolución de reclamacións.

Para adoptar os acordos procedentes nas alíneas a) e b) deste punto, a comisión organizadora contará para cada materia co asesoramento do correspondente grupo de traballo.

3. A comisión organizadora informará os centros de bacharelato sobre a estrutura e a organización das probas e facilitaralles modelos de exame das distintas materias nos cales se dará unha orientación sobre a puntuación máxima que se outorgará a cada parte e os criterios xerais de corrección.

4. Despois da convocatoria de setembro, a comisión organizadora elaborará un informe no cal, entre outros aspectos, se recollerán e avaliarán os resultados obtidos nas probas polos alumnos dos diferentes centros, en relación coas cualificacións dos seus expedientes académicos, así como cantos datos, consideracións e propostas estimen convenientes para a adopción de medidas que contribúan á máxima garantía de obxectividade das probas. Este informe seralle remitido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 11º

1. As probas deberán, en todos os casos, axustarse aos currículos e estruturas do bacharelato que se determinan na Orde do 19 de maio de 2003 (DOG do 28 de maio).

2. A comisión organizadora encargaralles a elaboración das probas aos directores dos grupos de traballo, que poderán contar coa colaboración dos restantes membros do grupo, especialistas da universidade, dos servizos de Inspección Educativa, dos centros de ensino secundario e das escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, coñecedores do currículo do bacharelato, sendo de aplicación o disposto no título II, capítulo III, artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), referente á abstención e recusación.

3. As probas, elaboradas segundo os criterios que a comisión organizadora estableza, deberán incluír necesariamente os criterios xerais de corrección delas, especificando tanto o valor asignado a cada unha das partes como aqueloutras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva. Así mesmo, a comisión organizadora encargaralles aos directores dos grupos de traballo a elaboración dos criterios específicos de corrección que servirán de base para a avaliación dos exercicios e para a resolución das reclamacións das probas que soliciten os alumnos.

Artigo 12º

1. A comisión organizadora constituirá o tribunal único e as comisións delegadas e de avaliación das probas de aceso á universidade de acordo cos criterios seguintes:

a) O presidente do tribunal e os das diferentes comisións delegadas serán nomeados polo presidente da comisión organizadora entre profesores dos corpos aos cales se refire o artigo 33.1º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria.

b) O secretario do tribunal e os das diferentes comisións delegadas serán designados pola comisión organizadora.

c) Cada comisión delegada está integrada, ademais, exclusivamente por profesores especialistas das distintas materias que compoñen as probas.

Os membros das comisións de avaliación serán profesores especialistas designados en igual número entre profesores de universidade dos corpos mencionados no punto anterior e profesores de ensino secundario que estean a impartir a materia obxecto de exame, incluíndo tamén os profesores de escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, e corrixirán un número de exercicios non superior a douscentos.

2. Unha vez designados pola comisión organizadora o presidente e o secretario das distintas comisións delegadas e de avaliación, designaranse os vogais entre aqueles profesores que lle solicitasen ao presidente da comisión organizadora formar parte delas.

3. Co obxecto de garantir a imparcialidade do proceso, os profesores que formen parte das comisións delegadas e de avaliación non poderán examinar ou avaliar os alumnos do seu centro de procedencia, tendo en conta o disposto no título II, capítulo III, artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Un vogal designado por cada centro incorporarase á comisión delegada correspondente.

4. A comisión organizadora velará polo mantemento do anonimato do alumno durante o proceso de realización e de corrección dos exercicios das probas de acceso.

5. Os criterios xerais de corrección aos que se alude no artigo 11º.3 desta orde, deberán ser coñecidos polos membros das comisións delegadas e polos alumnos no momento da realización das probas. Os criterios específicos de corrección faranse públicos, unha vez realizadas estas, nos centros onde os alumnos finalizasen os seus estudos de bacharelato.

6. Unha vez corrixidos os exercicios, a comisión organizadora porá á disposición dos vogais designados polos centros os exames corrixidos para a súa revisión.

Artigo 13º

1. Os alumnos poderán solicitar perante o presidente do tribunal unha segunda corrección dos exercicios en que se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais e específicos de corrección aos que se fai referencia no artigo 11º.3 desta orde.

O prazo de presentación desta solicitude será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións. Os exercicios sobre os que se solicitase esta segunda corrección serán avaliados por un profesor especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

A cualificación resultará da media aritmética de ambas as correccións, agás nos casos de erros de suma, nos cales a cualificación será a que resulte correcta e non a media aritmética. No suposto de que existise unha diferenza de tres ou máis puntos entre ambas as cualificacións, un tribunal distinto efectuará unha terceira corrección, outorgando a cualificación que resolverá a revisión solicitada. Este procedemento efectuarase no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo establecido anteriormente.

2. Sobre a cualificación outorgada tras o proceso de dobre corrección establecido no punto anterior, resolución que xunto coas actas de cualificación se fará pública no taboleiro da CIUG e nos LERD e que terá efectos de notificación oficial aos interesados, os alumnos poderán presentar reclamación

ante a comisión organizadora, no prazo de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación da resolución do tribunal á que se refire o punto anterior.

Así mesmo, os alumnos poderán presentar reclamación no mesmo prazo sinalado no punto primeiro, directamente ante a comisión organizadora sobre a cualificación outorgada tras a primeira corrección, quedando excluída a posibilidade de solicitar a segunda corrección á que se refire o punto anterior. A cualificación será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada após a primeira corrección, agás en casos de erros de suma, en que a cualificación será a que resulte correcta.

Contra a resolución adoptada pola comisión organizadora, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante a propia comisión. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición.

Artigo 14º

1. Os alumnos de música e danza que estean en posesión do título de bacharelato, obtido ao abeiro do artigo 41.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e desexen acceder a estudos universitarios, farano por unha ou dúas das vías previstas no artigo 4º.1 desta orde, elixidas libremente no momento da inscrición. Realizarán completa a primeira parte da proba; da segunda parte da proba examinaranse unicamente das materias cursadas no bacharelato e vinculadas á vía ou vías elixidas.

2. A cualificación da primeira parte da proba será a media aritmética dos catro exercicios. A cualificación da segunda parte da proba de acceso para os alumnos de música ou danza será a media aritmética das materias vinculadas á vía. De acceder por dúas vías, haberá dúas cualificacións, unha para cada unha das vías. Para o cálculo da cualificación global e definitiva rexerá o disposto respectivamente no artigo 7º.4 e no artigo 8º desta orde.

Artigo 15º

Para aqueles alumnos que no momento da súa inscrición xustifiquen debidamente algunha discapacidade que lles impida realizar a proba de acceso cos medios ordinarios, a comisión tomará as medidas oportunas para que poidan facela nas condicións máis favorables.

Disposición adicionais

1. Para o control do número de convocatorias ao que se fai referencia no artigo 3º.2, desta orde, terase en conta o disposto na Orde do 9 de xuño de 1993

(BOE do 10 de xuño). Unha vez superada a proba de acceso á universidade, os alumnos poderán presentarse de novo en sucesivas convocatorias, ordinarias e extraordinarias, coa finalidade de mellorar a nota. A cualificación global obtida nas convocatorias para mellorar a nota será tida en conta unicamente se é superior á outorgada anteriormente. No caso de que o alumno teña superada a proba de acceso á universidade por dúas vías de acceso, cando se faga uso desta posibilidade, a proba realizarase por só unha das distintas vías de acceso previstas. No caso de que o alumno se presentase á proba de acceso á universidade por dúas vías, tendo superada a proba por só unha delas, poderá presentarse de novo polas dúas vías, coa finalidade de superar a proba pola vía de acceso suspensa e para mellorar a súa nota pola vía de acceso aprobada. A posibilidade de repetición das probas non será obstáculo para que o estudante poida formalizar a súa matrícula na universidade no ano académico en curso en

que realice as devanditas probas.

2. O alumnado que teña superado o curso de orientación universitaria deberá presentarse á proba de acceso á universidade de acordo coa normativa establecida, elixindo libremente unha ou dúas das vías de acceso previstas no artigo 5º.4 a) desta orde.

Disposición transitoria

Para esta convocatoria, as funcións da comisión organizadora á que se fai referencia no artigo 5 do Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro (BOE do 27 de outubro), serán desempeñadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), coincidindo a presidencia da comisión organizadora e os seus membros coa presidencia e membros da CIUG.

Se por causas accidentais ou sobrevidas, algúns dos membros designados non puidesen desempeñar a súa función, a Administración autonómica designará unha persoa ou persoas que os substitúan no seu labor dentro da comisión organizadora.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Universidades para que, dentro das súas respectivas competencias, diten as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG, e será aplicable para o curso académico 2004/2005.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Titulacións do SUGVía de acceso

12345

Licenciado en administración e

dirección de empresas

***

Arquitecto**

Licenciado en belas artes*****

Licenciado en bioloxía**

Licenciado en ciencias da

actividade física e do deporte

*****

Licenciado en ciencias do mar**

Licenciado en ciencias políticas e

da administración

*****

Licenciado en comunicación

audiovisual

*****

Licenciado en dereito*****

Licenciado en economía***

Enxeñeiro de camiños, canais e

portos

**

Enxeñeiro industrial**

Enxeñeiro en informática**

Enxeñeiro de minas**

Enxeñeiro naval e oceánico**

Enxeñeiro químico**

Enxeñeiro de telecomunicacións**

Licenciado en farmacia*

Licenciado en filoloxía alemana*

Licenciado en filoloxía clásica*

Licenciado en filoloxía francesa*

Licenciado en filoloxía galega*

Licenciado en filoloxía hispánica*

Licenciado en filoloxía inglesa*

Licenciado en filoloxía italiana*

Licenciado en filoloxía portuguesa*

Licenciado en filoloxía románica*

Licenciado en filosofía*****

Licenciado en física**

Licenciado en historia***

Licenciado en historia da arte***

Licenciado en humanidades*****

Licenciado en matemáticas**

Licenciado en medicina*

Licenciado en odontoloxía*

Licenciado en pedagoxía*****

Licenciado en psicoloxía*****

Licenciado en publicidade e

relacións públicas

*****

Licenciado en química**

Licenciado en socioloxía*****

Licenciado en tradución e

interpretación

*****

Licenciado en veterinaria*

Licenciado en xeografía*****

Licenciado en xornalismo*****

Arquitecto técnico**

Diplomado en biblioteconomía e

documentación

*****

Diplomado en ciencias empresariais***

Diplomado en educación social*****

Diplomado en enfermaría*

Diplomado en fisioterapia*

Diplomado en logopedia*****

Diplomado en máquinas navais**

Diplomado en navegación marítima**

Diplomado en óptica e optometría**

Diplomado en podoloxía*

Diplomado en relacións laborais*****

Diplomado en terapia ocupacional*****

Diplomado en traballo social*****

Titulacións do SUGVía de acceso

12345

Diplomado en turismo*****

Diplomado en xestión e

administración pública

*****

Enxeñeiro técnico agrícola,

especialidade en explotacións

agropecuarias

**

Enxeñeiro técnico agrícola,

especialidade en hortofruticultura

e xardinaría

**

Enxeñeiro técnico agrícola,

especialidade en industrias agrarias

e alimentarias

**

Enxeñeiro técnico agrícola,

especialidade en mecanización e

construcións rurais

**

Enxeñeiro técnico en deseño

industrial

***

Enxeñeiro técnico forestal,

especialidade en explotacións

forestais

**

Enxeñeiro técnico forestal,

especialidade en industrias forestais

**

Enxeñeiro técnico industrial,

especialidade en electricidade

**

Enxeñeiro técnico industrial,

especialidade en electrónica

industrial

**

Enxeñeiro técnico industrial,

especialidade en mecánica

**

Enxeñeiro técnico industrial,

especialidade en química industrial

**

Enxeñeiro técnico en informática de

sistemas

**

Enxeñeiro técnico en informática de

xestión

**

Enxeñeiro técnico naval,

especialidade en estruturas mariñas

**

Enxeñeiro técnico naval,

especialidade en propulsión e

servizos do buque

**

Enxeñeiro técnico de obras

públicas, especialidade en

transportes e servizos urbanos

**

Enxeñeiro técnico de obras

públicas, especialidade en

construcións civís

**

Enxeñeiro técnico de

telecomunicación, especialidade en

sistemas de telecomunicación

**

Enxeñeiro técnico de

telecomunicación, especialidade en

son e imaxe

**

Enxeñeiro técnico en topografía*

Mestre, especialidade de audición e

linguaxe

*****

Mestre, especialidade de educación

especial

*****

Mestre, especialidade de educación

física

*****

Mestre, especialidade de educación

infantil

*****

Mestre, especialidade de educación

musical

*****

Mestre, especialidade de educación

primaria

*****

Mestre, especialidade de lingua

estranxeira

*****

As vías de acceso que figuran no cadro anterior son as seguintes:

1. Científico-tecnolóxica.

2. Ciencias da saúde.

3. Humanidades.

4. Ciencias sociais.

5. Artes.

A vinculación das titulacións universitarias coas vías establecidas no punto 4 do artigo 5º regúlase polas O.M. do 30 de maio de 1995 (BOE do 7 de xuño), O.M. do 26 de decembro de 1996 (BOE do 10 de xaneiro de 1997), O.M. do 28 de agosto de 1998 (BOE do 9 de setembro), O.M. do 6 de maio de 1999 (BOE do 8 de maio), O.M. do 25 de novembro de 1999 (BOE do 30 de novembro), O.M. do 27 de xuño de 2000 (BOE do 4 de xullo) e O.M. do 14 de maio de 2001 (BOE do 22 de maio).