DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 01 de febreiro de 2005 Páx. 1.697

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2005 pola que se publica o orzamento desta universidade para 2005.

Con data do 29 de decembro de 2004 foi aprobado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela o orzamento da universidade para o ano 2005.

Este reitorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 171 dos estatutos da universidade, resol

ve publicar o acordo do Consello Social, así como as súas bases de execución.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2005.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Orzamento da Universidade de Santiago

de Compostela para o ano 2005

En virtude do disposto no artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no artigo 171 dos estatutos da universidade aprobados por Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, por esta norma apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 2005, que acadan a contía inicial en ingresos e gastos de cento noventa millóns oitenta e seis mil novecentos trinta euros.

1. Clasificación económica

Ingresos190.086.930

Capítulo III.Prezos públicos e outros ingresos36.501.460

Capítulo IV.Transferencias correntes113.416.460

Capítulo V.Ingresos patrimoniais371.500

Capítulo VII.Transferencias de capital32.797.510

Capítulo IX.Variación de pasivos financeiros7.000.000

Gastos190.086.930

Capítulo I.Retribucións de persoal115.369.870

Capítulo II.Gastos en bens correntes e servizos23.323.810

Capítulo III.Gastos financeiros990.000

Capítulo IV.Transferencias correntes2.994.030

Capítulo VI.Investimentos reais47.171.940

Capítulo VII.Transferencias de capital83.190

Capítulo IX.Variación de pasivos financeiros154.090

2. Normas de execución do orzamento dos gastos de persoal

Artigo 1º

1. As retribucións do persoal activo ao servizo da universidade quedan suxeitas ao que, nesta materia, dispón a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega. Os custos de persoal docente e investigador, así como os de administración e servizos, deberá ser autorizados pola Comunidade Autónoma. Os proxectos de disposicións que creen ou modifiquen a estrutura orgánica da universidade ou os cambios das relacións de postos de traballo non derivadas dunha nova estrutura orgánica, incluíndo o seu custo, remitiranse á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coas instrucións que esta fixe para a autorización dos custos pola Comunidade Autónoma.

2. As contratacións de persoal para substitucións de vacantes, baixas por enfermidade ou outras causas serán financiadas con cargo aos créditos dos correspondentes cadros de persoal sempre que exista crédito dispoñible. Para estes efectos a xerencia ditará as instrucións necesarias para asegurar o control orzamentario na xestión dos créditos correspondentes.

3. A partida de persoal laboral eventual de administración e servizos aplicarase a atender necesidades coxunturais de servizos de investigación, Consello Social, atención de horarios expandidos de bibliotecas, reforzos para os procesos de matrícula

e información a estudantes e reforzo do Centro de Linguas Modernas ata a súa reorganización.

4. Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal con motivo da prestación de servizos financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán superar os ingresos.

5. A xerencia determinará os gastos de persoal que deban ser cofinanciados entre distintas partidas do orzamento e emitirá os cargos internos correspondentes.

6. Terán a consideración de créditos ampliables os créditos para o pagamento dos gastos de mérito docente, produtividade investigadora, complemento retributivo autonómico, trienios e Seguridade Social.

7. Inclúense no capítulo I os créditos destinados ao financiamento dos planos de formación do Persoal de Administración e Servizos, así como os correspondentes á achega da universidade ao Plano de Pensións e Seguros do Persoal.

8. O Servizo de Planificación e Programación Docente e Persoal Docente e Investigador e o Servizo de Planificación e Programación de PAS deberán efectuar trimestralmente o control orzamentario das partidas e categorías correspondentes.

Dos créditos e as súas modificacións

Artigo 2º

1. Os créditos autorizados teñen carácter vinculante e limitativo a nivel de concepto. No entanto, os créditos destinados a gastos de persoal terán carácter vinculante a nivel de capítulo, agás o artigo 15 (gratificacións e produtividade). Os investimentos reais, activos e pasivos financeiros terán carácter vinculante a nivel de artigo. Os gastos en bens correntes e servizos terán carácter vinculante a nivel de capítulo.

2. Con carácter xeral terán carácter vinculantes os créditos con financiamento específico, e a nivel de subconcepto, as subvencións nominativas.

3. Non se poderán adquirir compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos autorizados no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

4. Os créditos asignados polo Consello de Goberno e o Consello Social ás facultades, escola politécnica superior e escolas universitarias terán por finalidade financiar os gastos da docencia, así como tamén aqueles gastos que son necesarios para o funcionamento ordinario do centro. Namentres non se efectúe a distibución por centro destes créditos de acordo cos criterios que se establezan, consignarase como crédito inicial dispoñible para cada centro o 60% do repartido en 2004 redondeado a múltiplos de 10, quedando a diferenza global orzamentada nun

fondo de reparto que se vai distribuír con posterioridade.

5. Os créditos distribuídos aos departamentos teñen como primeiro obxectivo atender os gastos derivados da investigación que se faga neles, e deberán financiar, ademais, outros gastos asociados ao funcionamento ordinario destes.

6. Non se poderá contratar persoal ou nomear bolseiros con cargo aos créditos dos departamentos.

7. Para a adopción de medidas de mellora da calidade docente ou investigadora, coa autorización do Vicerreitorado de Organización Académica e Profesorado ou do Vicerreitorado de Investigación e Innovación, os centros e departamentos poderán tramitar diante da xerencia proposta de cofinanciamento de persoal de apoio con cargo aos seus respectivos créditos.

8. As partidas orzamentarias do orzamento para o 2005 preséntanse de acordo coas clasificacións económica, funcional e orgánica, sen establecer vinculacións xurídicas dentro da clasificación funcional.

9. Os responsables de Asuntos Económicos deberán facer as retencións de crédito e sucesivos axustes dos gastos correspondentes ás nóminas de persoal contratado con cargo a créditos financiados con achegas específicas conforme lle sexa comunicado pola unidade administrativa correspondente.

10. Os gastos de reparación e mantemento de edificios que sexan inferiores a 1.200 A deberán financiarse con cargo ao crédito descentralizado aos centros para esa finalidade.

11. A dotación de anualidades ou novas partidas orzamentarias para contratos, convenios, proxectos e infraestruturas de investigación serán realizadas pola Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT) con distribución desde as partidas xenéricas 8050.2000.62300 (infraestruturas) 8050.2000.64100 (proxectos) e 8050.2000.64100 (contratos e convenios). O importe dotado corresponderase coa anualidade indicada na resolución da correspondente subvención e, no caso de prestación de servizos, co importe da facturación prevista para 2005. No caso de que as dotacións que se vaian realizar superen o importe das referidas partidas efectuarase a correspondente xeración de crédito. A comunicación das dotacións orzamentarias que efectúa a OIT aos directores dos centros de gasto e responsables de asuntos económicos é plenamente operativa, sen que sexa precisa a comunicación polo Servizo de Contabilidade e Orzamentos.

12. No mes de xaneiro de 2005 efectuarase retención de crédito polo importe dos contratos en vigor de servizos e subministracións, o importe que se vai consignar será o acordado para o ano en caso de ser un contrato de contía fixa e o importe estimado de consumo en caso de contratos de contía variable. Para a revisión de prezos dos contratos deberá enviarse ao Servizo de Control Interno a retención de crédito efectúada segundo o dito anteriormente.

Artigo 3º

A Xunta de Centro e o Consello do Departamento teñen a obriga de aprobar a distribución anual dos seus créditos así como a súa execución.

Artigo 4º

1. A modificación dos créditos orzamentarios axustarase ao disposto no artigo 175 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela -mentres non se efectúe o desenvolvemento do artigo 82 da Lei orgánica de universidades- e nestas bases.

2. O Consello de Goberno autorizará as transferencias de crédito entre os diferentes capítulos de gastos e de gastos correntes a gastos de capital, non obstante o reitor acordará as que non superen o 5% do importe total do capítulo afectado. As transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo serán autorizadas polo Consello Social, por proposta do Consello de Goberno.

O reitor autorizará as distribucións de crédito que se realicen tecnicamente como transferencias por esixencias do programa contable e que se corresponden coas dotacións efectuadas desde as partidas que actúan como fondos que se vaian distribuír: titulacións propias, créditos centros docentes pendentes de repartición, aulas informáticas, prácticas de campo, programas de calidade, cursos posgrao, teses de doutoramento, concursos de provisión de prazas, imprevistos, proxectos, contratos e infraestruturas de investigación.

3. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da universidade, os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzamentada, derivados das seguintes operacións:

* Prestacións de servizos.

* Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da universidade.

* Correspóndelle ao reitor a aprobación dos expedientes de xeración de crédito.

Artigo 5º

4. O reitor poderá determinar, por iniciativa do director do centro de gasto correspondente, a imputación a créditos do exercicio corrente de obrigas xeradas en exercicios anteriores, como consecuencia de compromisos adquiridos, de conformidade co ordenamento, para os que existise crédito dispoñible no exercicio de procedencia.

5. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos que se vaian xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servizo pendentes ao cerre do exercicio, imputaranse ao exercicio corrente sen o trámite establecido no parágrafo anterior ao non existir obriga con terceiros e estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 6º

1. Son remanentes específicos os créditos non obrigados o 31 de decembro correspondentes a infraestrutura, proxectos, contratos e convenios de investigación, prácticas de campo, créditos por accións de calidade, cursos, congresos, e en xeral, os créditos financiados con achegas específicas.

2. No capítulo IV só poderán ser obxecto de incorporación ao exercicio seguinte os créditos financiados con achegas específicas.

3. A incorporación destes créditos deberá autorizala o reitor, que dará conta ao Consello de Goberno e mais o Consello Social dos expedientes aprobados.

4. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ao remanente xenérico de tesourería será aprobado polo Consello de Goberno.

5. A incorporación de remanentes de crédito correspondentes a departamentos e outras operacións de capital será autorizada polo reitor en función das dispoñibilidades financeiras existentes despois de realizada a liquidación do exercicio.

Da contratación administrativa

Artigo 7º

1. Serán de aplicación para o exercicio 2005 a Lei de contratos das administracións públicas e as disposicións que a desenvolvan e o Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela aprobado polo Consello de Goberno e o Consello Social.

2. Procederá poñer en coñecemento do Servicio de Xestión Económica todos aqueles gastos para os que, con independencia da súa contía, se considere procedente a sinatura de contrato.

Das tarifas

Artigo 8º

1. Anualmente xunto co orzamento actualizaranse as tarifas pola prestación de servizos ou venda de bens, agás as correspondentes a servizos académicos que serán revisadas previamente ao inicio do curso.

2. Toda proposta de establecemento de novas tarifas deberá ser remesada á xerencia acompañada dunha memoria económico-financeira que xustifique o importe destas así como o grao de cobertura dos custos correspondentes.

Disposición adicional

Autorízase o xerente da universidade a que dite as instrucións necesarias para a adaptación e desenvolvemento das normas de execución do orzamento.

Disposición transitoria

Autorízase o reitor a concertar pólizas de crédito para atender situacións transitorias de déficit de tesouraría. sempre e cando exista a autorización da Comunidade Autonóma e se cancelen dentro do exercicio.

Disposición derradeira

Estas normas entrarán en vigor o día seguinte ao da aprobación do orzamento polo Consello Social, sen prexuízo de que a súa executividade se entenda a partir do 1 de xaneiro de 2005.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA