DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 01 de febreiro de 2005 Páx. 1.697

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

XUNTA ELECTORAL PROVINCIAL DA CORUÑA

ACORDO do 27 de xaneiro de 2005 polo que se designa a Comisión de Radio e Televisión en relación co referendo convocado polo Real decreto 5/2005, do 14 de xaneiro, sobre a decisión política de ratificar o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa.

A Xunta Electoral Provincial, en reunión do día de hoxe, á vista da delegación efectuada pola Xunta Electoral Central por medio da instrución do 25 de xaneiro en curso (BOE número 23, do 17 de xaneiro), acordou designar a Comisión de Radio e Televisión en relación co referendo convocado polo Real decreto 5/2005, do 14 de xaneiro, que terá lugar o 20 de febreiro, conforme dispón o artigo 65.5º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, en relación co artigo 14.1º da Lei orgánica 2/1980, do 18 de xaneiro, sobre regulación das distintas modalidades de referendo, corresponde, baixo a dirección desta Xunta Electoral Provincial, efectuar a proposta de distribución de espazos gratuítos de propaganda electoral nos medios de comunicación de titularidade pública de ámbito rexional ou provincial e daqueles outros medios de ámbito similar, que teñan tamén o carácter de públicos.

A Comisión de Radio e Televisión, que se constituirá o próximo día trinta e un do mes que corre, ás dez horas, na Secretaría desta Xunta Electoral Provincial, estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: José Luis Iravedra Lestal, proposto polo Partido Popular.

Vogais: Francisco Suárez Fernández, proposto polo Partido Socialista Obrero Español e Lois Obelleiro Piñón, proposto polo Bloque Nacionalista Galego.

A Coruña, 27 de xaneiro de 2005.

Manuel Ferreiro González

Secretario