DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 01 de febreiro de 2005 Páx. 1.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO9/2005, do 13 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, no expediente de expropiación forzosa, dos terreos necesarios para proseguir coas labores de explotación das concesións mineiras Queivane III número 4286 e Lavandeira número 4276, sitas en Carballeda de Valdeorras (Ourense), solicitada pola sociedade Pizarras Trevinca, S.A.

Rogelio López Rodríguez en nome e representación da sociedade Pizarras Trevinca, S.A., solicitou da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a incoación dun expediente de expropiación forzosa polo procedemento de urxencia dos terreos necesarios para proseguir os labores de explotación das concesións mineiras Queivane III nº 4286 e Lavandeira nº 4276, sitas en Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Os bens aos que fai referencia a declaración de urxente ocupación están determinados no expedien

te, o cal foi sometido ao trámite de información pública, sendo ademais realizadas notificacións individuais aos interesados dos predios afectados.

A solicitude foi efectuada conforme o disposto no artigo 105 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, en relación co artigo 131 do regulamento que desenvolve a citada lei, así como o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de l954 e o artigo 56 do seu regulamento, do 28 de abril de 1957.

Como consecuencia da información pública e das notificacións individuais, foron presentados escritos de alegacións, procedendo a desestimación destas, xa que non desvirtúan as razóns obxectivas polas cales neste momento é urxente a ocupación dos predios para evitar a paralización dos traballos de explotación na concesión de referencia, todo iso en función do que consta no informe da Delegación Provincial de Industria de Ourense e na memoria-proposta da Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

A expropiación está xustificada e é de todo punto necesaria e ademais polo procedemento de urxencia, xa que permitirá proseguir o aproveitamento racional do xacemento mantendo as regulamentarias condicións de seguridade mineira.

De acordo co plan de labores presentado e aprobado, aos predios obxecto de expropiación están afectados para realizar os labores de desmonte necesarios, posto que a extracción actual está alcanzado os límites de altura regulamentarios, necesarias para garantir a súa estabilidade e seguridade, sendo esta a única alternativa posible para manter a actividade da explotación, polo que a desestimación da petición acarrearía graves trastornos ao concesionario, tanto de orde técnica e económica, como de seguridade, segundo o sinalado precedentemente, así como unha influencia negativa na economía da comarca polo impacto que nela causaría a perda de postos de traballo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trece de xaneiro de dous mil cinco

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase urxente, segundo o mencionado artigo 105 da Lei de minas e para os efectos dispostos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, a ocupación dos predios aos que se contrae o expediente e definidos nel, sitos no termo municipal de Carballeda de Valdeorras (Ourense), definidas nos planos presentados e das que se publicou a súa relación nos boletíns correspondentes, predios que é necesario expropiar para dar continuidade ao laboreo das concesións mineiras Queivane III nº 4286 e Lavandeira nº 4276.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio