DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 01 de febreiro de 2005 Páx. 1.666

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de xaneiro de 2005 pola que se dan instrucións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitario.

A institucionalización por parte da Real Academia Galega, a partir de 1963, do día 17 de maio como o Día das Letras Galegas, foi, sen dúbida, un acontecemento que, ano tras ano, colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que, en toda a Comunidade Autónoma galega se proxecta a figura homenaxeada e serve, ao mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A Real Academia Galega tomou como punto de partida, para a celebración desta efeméride, a publicación, no ano 1863, de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O Goberno galego declara, a través do Decreto 1/2005, do 7 de xaneiro, o ano 2005 como ano de Lorenzo Varela.

Escritor e dinamizador. Mantívose dentro dos círculos vinculados a Galicia, cun contacto permanente cos membros máis destacados do pensamento galego, cos que desenvolveu un labor de fundación e promoción de proxectos, nos que se inclúen revistas, edicións e espazos radiofónicos, ademais de manter unha actividade de creación poética durnate toda a súa vida.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en todos os centros docentes situados na Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo coa liña que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades que considere oportunas para un mellor coñecemento do persoeiro ao que se lle dedica esta data.

Terceiro.-En calquera caso, dedicarase polo menos unha hora, en cada un dos grupos de cada curso, ao desenvolvemento dunha lección ou conferencia coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ao poeta e dinamizador cultural homenaxeado este ano, Lorenzo Varela.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria