DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 01 de febreiro de 2005 Páx. 1.666

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 8/2005, do 20 de xaneiro, polo que se acorda a cesión en propiedade, a título gratuíto, a favor do Instituto Galego da Vivenda e Solo, dun inmoble na rúa Cabaleiros, número 23, esquina rúa Chile, na cidade da Coruña.

O artigo 30.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, sinala que os bens patrimoniais inmobles da Comunidade Autónoma dos que non se xulgue previsible a súa afectación demanial ou aproveitamento pola propia administración, poderán ser cedidos gratuitamente polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, a favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, que deberán destinalos a fins de utilidade pública ou de interese social.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo solicitou a cesión en propiedade do inmoble situado na rúa Cabaleiros, nº 23, da cidade da Coruña, que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 368/2004, do 5 de marzo, sobre ampliación de medios patrimoniais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 3317/1982, do 24 de xullo, en materia de estradas (BOE nº 72, do 24 de marzo).

Mediante o Decreto 126/2004, do 10 de xuño (DOG nº 118, do 21 de xuño), desafectouse do dominio público o citado inmoble e, pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 2004 (DOG nº 148, do 2 de agosto) declarouse a súa alleabilidade.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Instituto Galego da Vivenda e Solo, da propiedade dun soar, parcela nº 97 do polígono de Elviña, 1ª fase, 2ª ampliación, hoxe rúa Cabaleiros, nº 23, esquina rúa Chile, da cidade da Coruña, que ten unha superficie de 550,61 m, na actualidade 568 m segundo catastro, que estrema: norte, estación de autobuses; sur, rúa Chile; leste, casa nº 5 da rúa Chile; oeste, rúa Cabaleiros.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 da Coruña no tomo 2.178, libro 2.178, folio 192, predio nº 9.697, inscrición 3ª.

Referencia catastral: 8404014NJ4080S0001IK.

Artigo 2º

A cesión en propiedade relacionada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a construción de vivendas de promoción pública.

b) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado dentro do prazo dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

c) A cesión formalizarase mediante escritura pública, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, sendo os custos de outorgamento de conta do cesionario, así como os impostos derivados da transmisión, incluído se o houbese o de incremento de valor de terreos.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda