DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2005 Páx. 1.586

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Preámbulo.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, a Comunidade Autónoma de Galicia asume a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e un reparto máis xusto dos froitos do crecemento económico.

A lei regula as accións con que a Comunidade Autónoma de Galicia fai efectiva aquela responsabilidade e aplícase ao conxunto das actuacións, iniciativas e recursos que as diferentes organizacións, entidades e administracións públicas galegas poñen ao servizo dos pobos máis desfavorecidos co fin de contribuír ao seu desenvolvemento humano, definido este como unha medición de tres indicadores: vivir unha vida longa e saudable, recibir educación e gozar dun nivel de vida decoroso, de acordo cos obxectivos, principios, criterios, prioridades xeográficas e sectoriais que se enuncian no capítulo I da lei.

O punto 2 da disposición final segunda da lei dispón que o seu desenvolvemento regulamentario se efectuará no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor.

A xestión ordinaria das accións da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia na materia exixe contar canto antes coa participación inmediata, para os efectos de consulta e asesoramento, dos axentes de cooperación previstos no artigo 23 da lei, así como co concurso das entidades locais e dos outros departamentos para a mellor coordinación daquelas. Tamén resulta ineludible crear o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento onde figuren os datos precisos para implementar de forma áxil as medidas de fomento previstas na lei, tendo en consideración que a orde en vigor desde 1994 ten como finalidade rexistrar as entón chamadas organizacións non gobernamentais de axuda ao desenvolvemento e que a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, amplía o abano de axentes de cooperación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, de acordo co ditame do Consello Consultivo

de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Obxecto.

Apróbase o regulamento polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego para os Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, que se publica como anexo a este decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os órganos de coordinación e asesoramento constituiranse no prazo máximo de dous meses contados a partir da entrada en vigor deste regulamento.

Segunda.-Para os efectos operativos e de coordinación entre os rexistros de entidades que actúan nas áreas relacionadas coa política de cooperación para o desenvolvemento, no prazo de tres meses desde a publicación desta disposición, procederase á súa conexión informática a través do Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos (SXPA).

Terceira.-As unidades administrativas da Xunta de Galicia responsables daqueles rexistros facilitarán a documentación precisa e procederán a realizar a adaptación informática necesaria para garantir a coordinación interrexistral.

Cuarta.-As entidades actualmente inscritas no Rexistro de Organizacións non Gobernamentais de Axuda ao Desenvolvemento que acorden a súa extinción e destinar o seu patrimonio a unha fundación ou asociación que teña entre os seus fins a cooperación para o desenvolvemento, causarán baixa naquel rexistro. A entidade que adquira os bens e dereitos da que se extinga, caso de incluír nos seus estatutos o compromiso de asumir as obrigas derivadas da concesión a aquela de axudas ou subvencións públicas da comunidade autónoma durante os catro últimos exercicios, conservará a antigüidade daquela para os efectos da concorrencia ás convocatorias de subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os procedementos administrativos que se encontren en tramitación á entrada en vigor deste decreto deberán seguir cursándose de acordo coas súas disposicións específicas anteriores.

Segunda.-Os vogais nomeados en representación das entidades locais na comisión interterritorial de cooperación para o desenvolvemento (Cintercode) continuarán nos seus cargos ata a celebración das vindeiras eleccións municipais.

Terceira.-As entidades actualmente inscritas no Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais de Axuda ao Desenvolvemento quedarán inscritas no Rexistro de Axentes de Cooperación, de oficio, tras achegar a documentación que se lles requira para o efecto de complementar a exixida por este decreto

ou actualizar a que existe no centro directivo encargado da conservación daquel rexistro, no prazo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

Cuarta.-Entre tanto o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento non aprobe o seu regulamento de funcionamento, este rexerase polas normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Constitúe o obxecto deste regulamento o desenvolvemento regulamentario da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, no atinente á regulación da composición e funcionamento dos órganos de coordinación e asesoramento previstos na sección terceira do capítulo III daquela e á creación do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

2. Os órganos regulados son a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (Cintercode), a Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento (Cincode) e o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode).

Capítulo II

Dos órganos de coordinación e asesoramento

Sección primeira

Da Comisión Interterritorial de Cooperación para

o Desenvolvemento (Cintercode)

Artigo 1º.-Natureza e adscrición.

1. De acordo co artigo 20 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comisión Interterritorial de Cooperación para o desenvolvemento é o órgano de colaboración entre a Xunta

de Galicia e as administracións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que inclúan nos seus orzamentos partidas computables como axuda de cooperación para o desenvolvemento.

2. A comisión adscríbese ao departamento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Artigo 2º.-Funcións.

De acordo co establecido no número 1 do artigo 20 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, as funcións da Cintercode son:

a) Asegurar un intercambio de información permanente entre a Xunta de Galicia e as entidades locais sobre as actuacións que ambas leven a cabo no ámbito da cooperación para o desenvolvemento.

b) Debater a programación de cooperación, co fin de garantir a coherencia e complementariedade das accións de desenvolvemento que aquelas realizan no marco das súas competencias.

c) Planificar e impulsar as accións conxuntas de cooperación para o desenvolvemento entre as administracións locais e a Xunta de Galicia.

d) Facilitar o coñecemento dos proxectos desenvolvidos e o seu impacto entre os cidadáns e as cidadás nos distintos concellos galegos.

Artigo 3º.-Composición.

1. A Cintercode compoñerase dos seguintes membros:

a) O conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, que desempeñará a súa presidencia.

b) O titular do órgano superior ou centro directivo con competencias en materia de cooperación para o desenvolvemento, que será o seu vicepresidente.

c) Os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia competentes en materia de facenda, administración local, pesca e ambiente, en calidade de vogais.

d) En representación das entidades locais, catro vogais que deben reunir a condición de cargos locais electos, designados pola Federación Galega de Municipios y Provincias (Fegamp) de entre aquelas que nos seus orzamentos consignaren fondos destinados á cooperación para o desenvolvemento.

e) Dous vogais en representación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, nomeados pola súa xunta directiva.

f) A secretaría da Cintercode desempeñaraa, con voz mais sen voto, o titular dunha subdirección xeral competente da área de cooperación para o desenvolvemento, que será substituído por un funcionario de igual rango, nomeado polo presidente, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade. Para o exercicio das funcións da secretaría, o titular dela poderá ser auxiliado polo persoal funcionario que designe para estes efectos.

2. Os nomeamentos dos vogais incluirán a designación dos vogais suplentes por cada unha das entidades representadas na Cintercode. Mediante orde comunicada, os titulares dos departamentos designarán os vogais suplentes entre os titulares dos centros directivos da súa consellería.

3. Os vogais en representación das entidades locais designados pola Fegamp formarán parte da Cintercode por un período que coincidirá co do mandato das corporacións locais. Os vogais, titulares e suplentes, en representación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade terán mandato por igual período e renovaranse cando o sexa a súa xunta directiva.

4. Nos supostos de renuncia, morte ou cesamento dalgún vogal ou suplente, ou de perda da condición de cargos electos dos vogais titulares ou suplentes en representación das entidades locais, as vogalías vacantes proveranse do seguinte xeito:

a) Os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia serán substituídos polo conselleiro que sexa encargado do despacho dos asuntos do departamento, entre tanto non se produza o nomeamento do novo titular. As vacantes dos vogais suplentes en representación daqueles serán provistas consonte o prevido no número 5 deste artigo.

b) As vacantes en representación das entidades locais serán cubertas mediante nomeamento da Fegamp. No prazo dun mes desde a constitución das corporacións resultantes das eleccións locais, a Fegamp designará os vogais do Cintercode en representación das entidades locais

c) O Fongasol cubrirá as vacantes nas súas vogalías mediante acordo da súa xunta directiva que será comunicado á secretaría da Cintercode no prazo de dous meses desde que aquelas se produzan, incluídas aquelas derivadas da renovación da xunta directiva. Cando traian causa da expiración dun mandato cuadrienal das entidades locais, aquel prazo contarase a partir do día da constitución das novas corporacións locais.

Artigo 4º.-Funcionamento.

1. A comisión realizará unha sesión ordinaria anual e sesións extraordinarias cando así o decida o presidente ou o solicite a metade, polo menos, dos seus vogais.

2. As sesións serán convocadas polo secretario, por orde do presidente, con polo menos quince días de antelación, agás as extraordinarias de carácter urxente, nas cales abondará cunha antelación de catro días hábiles.

3. A comisión constituirase validamente, para efectos de celebración de sesión, se están presentes os representantes da Xunta de Galicia, das entidades locais e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

4. Seccións permanentes e relatorios específicos. Para o mellor cumprimento das súas funcións de coordinación da Cintercode poderanse constituír seccións permanentes de traballo de carácter sectorial por materias e/ou prioridades xeográficas, así como tamén relatorios para temas específicos. Na súa composición

garantirase a paridade derivada da composición da Cintercode.

5. Nas sesións que celebre a Cintercode, os seus membros terán voz e voto.

6. Para o non previsto anteriormente, o réxime de funcionamento da comisión, das seccións ou relatorios específicos rexerase polas normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección segunda

Da Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento (Cincode)

Artigo 5º.-Natureza e adscrición.

1. De acordo co previsto no artigo 21 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, a Comisión Interdepartamental de Cooperación para o desenvolvemento é o órgano técnico de coordinación entre os departamentos da Xunta de Galicia que levan a cabo actuacións de cooperación para o desenvolvemento.

2. A Cincode adscríbese ao departamento competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Artigo 6º.-Funcións.

De acordo co establecido no número tres do artigo 21 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, as funcións da Cincode son:

a) Obter a necesaria información, complementariedade, coherencia e coordinación nas accións que desenvolva a Xunta de Galicia no eido da cooperación para o desenvolvemento.

b) Participar na elaboración do plan director e nos respectivos plans anuais.

c) Coñecer o seguimento e a avaliación do plan director e dos plans anuais.

d) Outras que lle encomende o seu presidente.

Artigo 7º.-Composición.

1. A Comisión Interdepartamental de Cooperación para o desenvolvemento estará formada por:

a) O titular do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, que será o seu presidente;

b) A vicepresidencia ostentaraa un director xeral do departamento competente en materia de administración pública nomeado polo seu titular.

c) Un vogal en representación de cada un dos restantes departamentos designados polos seus titulares, con rango de director xeral.

d) Un subdirector xeral da área de cooperación para o desenvolvemento, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

2. Os vogais suplentes en representación dos departamentos serán designados polos seus titulares, entre funcionarios que teñan o rango de subdirector xeral.

3. En función do contido das materias que se vaian debater, o presidente poderá acordar a asistencia dos titulares doutros organismos, funcionarios, técnicos ou especialistas na materia de que se trate, co obxecto de que informen ou asesoren. A comisión poderá, así mesmo, solicitar informes ou ditames técnicos doutras comisións e órganos administrativos.

Artigo 8º.-Réxime de sesións e funcionamento.

1. A Cincode celebrará sesión ordinaria con carácter anual e sesións extraordinarias cando así o decida o seu presidente.

2. Nas sesións que celebre a Cincode os seus membros terán voz e voto.

3. Para o non previsto nas regras anteriores, o réxime de funcionamento da comisión rexerase polas normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección terceira

Do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode)

Artigo 9º.-Natureza e adscrición.

De acordo co previsto no artigo 22 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento é o órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación para o desenvolvemento, adscrito ao departamento competente na materia.

Artigo 10º.-Funcións.

De acordo co previsto no artigo 22 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, as funcións da Congacode son:

a) Coñecer e emitir informes sobre os proxectos de normas en materia de cooperación para o desenvolvemento.

b) Emitir informe sobre a proposta dos plans directores e dos plans anuais de cooperación para o desenvolvemento, así como facer as propostas que coiden oportunas.

c) Coñecer os resultados do documento de seguimento do plan anual e da avaliación da cooperación.

d) Recibir información e emitir opinión sobre as diferentes convocatorias públicas de axuda e financiamento para proxectos e programas de cooperación para o desenvolvemento, realizadas pola Administración da Xunta de Galicia.

e) Aprobar o regulamento de funcionamento do consello.

f) Elaborar por iniciativa propia todo tipo de informes e propostas que, en opinión dos seus membros, contribúan a mellorar a calidade da cooperación para o desenvolvemento galego sempre que a devandita iniciativa sexa acordada pola maioría dos seus membros.

Artigo 11º.-Composición.

1. A composición é a seguinte:

1.1. Presidente: o titular do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

1.2. Vicepresidente: será nomeado polo consello de entre os representantes dos axentes de cooperación, excluída a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.1. Vogais en representación da Xunta de Galicia. Serán nomeados mediante orde comunicada polos xefes dos departamentos que se enumeran a seguir, de entre os titulares dos seus centros directivos:

2.1.1. Departamento competente en materia de facenda.

2.1.2. Departamento competente en materia de sanidade.

2.1.3. Departamento competente en materia de ambiente.

2.1.4. Departamento competente en materia de pesca.

2.1.5. Departamento competente en materia de voluntariado.

2.1.6. Departamento competente en materia de educación.

2.1.7. Departamento competente en materia de emigración e inmigración.

2.1.8. Departamento competente en materia de asuntos sociais.

2.1.9. Departamento competente en materia de administración local.

2.2. Vogais en representación dos outros axentes de cooperación:

2.2.1. Cinco representantes das ONGD radicadas en Galicia, propostos pola Coordinadora Galega de ONGD ou asociación que a suceda. En caso de escisión, as vogalías distribuiranse en función do número de socios con que conten as ONGD agrupadas nas posibles asociacións resultantes.

2.2.2. Un representante das empresas galegas proposto pola Confederación de Empresarios de Galicia.

2.2.3. Un representante das organizacións sindicais proposto polas tres de maior representatividade na comunidade autónoma.

2.2.4. Un representante das comunidades galegas no exterior proposto pola comisión delegada do Consello das Comunidades Galegas.

2.2.5. Un representante do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

2.2.6. Un representante das universidades galegas proposto polo Consello Galego de Universidades.

2.2.7. Un representante proposto polas fundacións das caixas de aforros de Galicia.

2.2.8. Os expertos independentes nomeados por maioría cualificada dos representantes dos axentes de cooperación que integran a Congacode.

2.3. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un subdirector xeral da área de cooperación para o desenvolvemento, que poderá ser asistido polo persoal que designe para o efecto.

3. Os órganos de goberno dos axentes de cooperación con representación na Congacode proporán os vogais titulares e suplentes. Serán substituídos polos suplentes en caso de ausencia, renuncia, cesamento, vacante ou enfermidade.

4. Os vogais non poderán delegar a súa representación ou voto noutro vogal da Congacode.

5. Os vogais da Congacode, agás o seu vicepresidente e os representantes dos departamentos da Xunta de Galicia, serán nomeados e cesados polo titular do departamento competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, logo de proposta das entidades con representación nel, mediante orde publicada no Diario Oficial de Galicia, e desempeñarán os seus cargos por un período de catro anos.

6. Se algún membro cesa no cargo por razón do que foi elixido para el, o órgano do axente de cooperación que o elixiu proporá a súa substitución no prazo máximo dun mes para os efectos do seu nomeamento, que durará ata a seguinte renovación do consello.

7. Se no período de catro anos de mandato se produce unha renovación dos órganos de representación dos axentes de cooperación, procederase a modificar a composición do consello, por instancia dos seus órganos de goberno.

8. As funcións realizadas non serán remuneradas, sen prexuízo do aboamento das axudas de custo e dos gastos por desprazamento.

9. Nas sesións que celebre a Congacode os seus membros terán voz e voto.

Capítulo III

Do Rexistro dos Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento

Sección primeira

Da creación, do ámbito, das características e da organización do rexistro

Artigo 12º.-Creación e ámbito.

Créase o Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia, no cal poderán inscribirse os axentes recoñecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, excepción feita das administracións públicas, que conten con sede social ou delegación permanente en Galicia, agás as comunidades galegas no exterior, e que desenvolvan ou pretendan desenvolver programas e proxectos de cooperación para o desenvolvemento en colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Características.

1. A inscrición no rexistro é voluntaria. Non obstante, a inscrición será requisito para integrar as accións, actividades e iniciativas das entidades no plan director de cooperación para o desenvolvemento e nos plans anuais que o desenvolvan e para acceder ás axudas e subvencións públicas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento previstas no artigo 23.1º b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, para a súa inscrición no rexistro deberán acreditar que reúnen os seguintes requisitos:

a) Non ter ánimo de lucro.

b) Que o seu obxecto estatutario ou fins inclúa algún dos obxectivos e fins definidos no artigo 2 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

3. Os datos do rexistro serán públicos e o acceso a eles polos cidadáns exercerase nos termos e condicións establecidas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Organización.

O Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento organízase en cinco seccións xerais:

a) Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

b) Empresas e organizacións empresariais.

c) Sindicatos.

d) Comunidades galegas no exterior.

e) Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Sección segunda

Do procedemento de inscrición

Artigo 15º.-Iniciación.

1. A solicitude de inscrición no rexistro deberá presentarse nos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixirase ao centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento asinada polo representante legal da entidade no modelo normalizado que figura como anexo II, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade ou pasaporte do representante legal da entidade.

b) Copia compulsada do acordo de creación da entidade e dos seus estatutos si se trata da primeira inscrición en calquera rexistro da Administración da comunidade autónoma. As entidades xa inscritas noutro rexistro indicarano, xunto co código de inscrición e a data dela.

c) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

d) Escritura de poder outorgada a favor do representante da entidade ou certificación expedida pola secretaría da entidade en relación á última renovación dos órganos de goberno acreditativa da persoa que ostenta a representación legal daquela; neste último suposto, a sinatura do titular da secretaría estará lexitimada notarialmente ou mediante comparecencia do funcionario encargado do rexistro.

e) Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación en Galicia.

f) Certificación da secretaría da entidade referida á última renovación dos órganos de goberno ou de administración e dos acordos de aprobación do último orzamento anual e da última liquidación do exercicio económico. A sinatura do titular da secretaría deberá estar lexitimada notarialmente ou mediante comparecencia perante o funcionario encargado do rexistro.

g) Declaración responsable do representante legal da entidade de que esta non se atopa inhabilitada para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

2. As comunidades galegas no exterior só indicarán no modelo normalizado que figura como anexo II o número de inscrición no rexistro homónimo e data daquela. Quedan exentas de presentar a documentación sinalada nas alíneas b), c), d), e) e f).

3. Cando do exame da documentación presentada resultase falta ou defecto nela requirirase ao representante legal para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 42, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Tramitación.

1. O centro directivo competente na materia, unha vez recibida a solicitude, requirirá, se é o caso, a documentación precisa dos rexistros da Administración autonómica en que figure inscrita a entidade.

2. En calquera momento, logo de requirimento cursado para o efecto, achegarase a documentación complementaria ou aclaratoria que se coide necesaria para a comprobación da exactitude e certeza dos datos fornecidos.

3. Cando no procedemento consten outros feitos, alegacións ou probas non aducidos polo interesado, con carácter previo á redacción da proposta de resolución, conferiráselle a aquel trámite de audiencia, nos termos previstos no artigo 84 da Lei 30/1992, do 19 de xuño, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Resolución.

1. O centro directivo competente ditará e notificará resolución motivada, estimando ou denegando a inscrición solicitada no prazo de tres meses. A falta de resolución e notificación en prazo terá carácter estimatorio da solicitude.

2. A resolución de inscrición sinalará o número de rexistro asignado e terá carácter declarativo.

Sección terceira

Da modificación e cancelación da inscrición rexistral

Artigo 18º.-Modificación.

1. As entidades estarán obrigadas a comunicarlle ao rexistro calquera alteración respecto dos documentos e/ou datos rexistrados, no prazo de dous meses desde que se produza.

2. O centro directivo competente, á recepción da comunicación prevista no parágrafo anterior, realizará de oficio as modificacións dos datos ou novas circunstancias producidas, sempre que se manteña o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto para a inscrición da entidade.

3. Anualmente, o centro directivo competente, de oficio, solicitará dos representantes legais das entidades que remitan certificación da secretaría daquelas relativa á renovación dos órganos de goberno ou administración, da variación na representación legal da entidade e dos acordos de aprobación do orzamento anual e da liquidación do exercicio económico.

Artigo 19º.-Causas de cancelación.

Serán causas de cancelación:

a) Extinción ou disolución da entidade.

b) Incumprimento reiterado dos fins e obrigas establecidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, ou das previstas neste decreto.

c) Inactividade da entidade por un período de tres anos, debidamente probada.

d) Que na inscrición consten datos ou documentos constitutivos de falsidade, declarada por sentenza xudicial firme.

Artigo 20º.-Procedemento de cancelación.

O centro directivo competente, de oficio ou por instancia da entidade ou persoa interesada, logo da instrución do oportuno expediente administrativo en que se lle dará audiencia á entidade, resolverá e notificará no prazo máximo de tres meses podendo acordar a cancelación definitiva ou temporal da inscrición de entidades cando concorra algunha das causas establecidas no artigo anterior.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA