DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2005 Páx. 1.490

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de xaneiro de 2005 pola que se anuncian cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tanto a Lei 3/1983, de normalización lingüística, coma o Decreto 247/1995, que a desenvolve, no tocante ao ensino non universitario, buscan, por unha parte, que os alumnos vaian acabando cada unha das etapas do ensino cun dominio semellante do galego e do cas

telán e, por outra, que o galego sexa a lingua de uso habitual non só da Administración educativa, senón tamén das actividades de relación, organizativas e culturais dos centros educativos.

Para axudar a isto, cómpre contar cun profesorado que coñeza e domine o galego dun xeito suficiente, non só para impartir as clases no idioma propio de Galicia, senón tamén para facelo coa calidade que axude a mellorar o dominio que desa lingua teñen os alumnos.

A promoción e o ensino da lingua galega correspóndenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tal e como o determina o Decreto 213/1998, polo que se establece a estrutura orgánica da propia consellería, e o 247/1995, antes citado. Consecuentemente, é labor desa consellería a organización dos cursos e das actividades formativas precisas para que o persoal ao seu servizo acade o necesario dominio oral e escrito do idioma galego.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, que se realizarán naquelas localidades que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica, tendo en conta o número de solicitudes e as dispoñibilidades orzamentarias.

2. O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, aprobados pola Lei 13/2004, do 29 de decembro.

3. As retribucións correspondentes son as establecidas no Decreto 202/2002, do 6 de xuño (DOG do 17 de xuño).

Artigo 2º

1. Os cursos impartiranse durante o ano 2005. A data de comezo, o lugar de celebración e o horario determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Os cursos terán unha duración de 75 horas e responderán aos contidos sinalados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

4. A avaliación que se realice nestes cursos deberá responder aos principios de formativa e continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, para o que se efectuarán as probas necesarias. Ao remate de cada curso, aos asistentes que teñan superadas as dis

tintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

5. Estes cursos recoñeceránselles, para os efectos de cómputo de sexenios, aos profesores que os realicen e os superen.

Artigo 3º

1. As solicitudes presentaranse utilizando o modelo de formulario que figura como anexo a esta orde, no rexistro das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será de vinte días hábiles seguintes ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 4º

1. O número de asistentes a cada curso será de 35 como máximo e de 15 como mínimo.

2. Para acceder ao curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter aprobado o curso de iniciación (ou telo validado, segundo o establecen as respectivas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria). Ao formulario de solicitude unirase unha copia compulsada da correspondente certificación ou validación.

Artigo 5º

Todas as actividades que se realicen nos cursos se farán en galego e se aterán, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ao establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL