DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2005 Páx. 1.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de xaneiro de 2005 pola que se anuncian cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua e extensión cultural galega para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia confírelle á comunidade autónoma competencia exclusiva en relación coa lingua e coa cultura galegas.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, ordénalle ao Goberno galego que faga uso dos recursos necesarios para que os galegos residentes no exterior poidan dispor de servizos culturais e lingüísticos no idioma propio de Galicia.

Por outra banda, a Lei 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, dispón que se lles debe facilitar ás comunidades galegas a organización de cursos de lingua e extensión cultural galegas.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua, de extensión cultural galega e de animación ao coñecemento do galego para nenos, que terán lugar nas localidades e para os centros galegos, asociacións de galegos residentes no exterior e grupos de persoas

interesadas no idioma e na cultura de Galicia que determine a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Consellería de Emigración, segundo se dispón nos seus programas, tendo en conta as solicitudes recibidas e a dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 2º

1. Poderán asistir a estes cursos os galegos residentes no exterior e os seus descendentes, os membros dos citados centros e asociacións, e outras persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

2. Para acceder ao curso de perfeccionamento é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

3. O número de asistentes a cada curso será de 20 persoas como mínimo, agás casos excepcionais debidamente xustificados.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas e realizaranse, ordinariamente, con carácter intensivo. Nos casos en que existan profesores de galego no lugar de celebración do curso, poderase ampliar este prazo ordinario, completándose a realización do curso dentro do ano natural. Responderán aos contidos sinalados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e completaranse, no caso dos cursos de extensión cultural galega, cunha visión da historia e da actualidade de Galicia nos seus aspectos socioeconómicos e culturais.

O curso de animación ao coñecemento de galego vai especialmente deseñado para nenos e nenas de 8 a 14 anos, cunha visión xeral da realidade galega.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

3. A avaliación dos cursos de lingua galega deberá responder aos principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma galego, para o que se farán as probas necesarias. Ao remate de cada curso, aos asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de «apto».

Artigo 4º

1. As persoas que desexen asistir a estes cursos presentarán a solicitude nos locais dos centros ou asociacións aos que se alude no artigo 1º, nos prazos que determinen esas propias entidades e tendo en conta o disposto no programa da Consellería de Emigración.

2. Os solicitantes do curso de perfeccionamento deberán presentar canda a solicitude unha fotocopia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso de iniciación.

Artigo 5º

A relación de admitidos será aprobada polos centros, asociacións ou grupos de persoas referidos no artigo 1º desta orde.

O horario, o lugar de celebración e a data de comezo de cada curso determinaraos a Dirección Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Consellería de Emigración e máis coas asociacións, centros ou grupos respectivos, tal e como se establece no programa da Consellería de Emigración.

Artigo 6º

1. O profesorado destes cursos nomearao o director xeral de Política Lingüística tendo en conta os límites establecidos na Lei 53/1984 e no Real decreto 598/1985, sobre incompatibilidades, así como tamén no Decreto 156/1988, polo que se declara de interese público a realización de cursos e actividades de formación de lingua galega, no que respecta ao persoal docente que impartirá estes cursos, feito que se acreditará enviando declaración xurada en que, de xeito expreso, se poña de manifesto que non incorre nos casos previstos nas disposicións anteriores, recollendo, así mesmo, que, ao abeiro do disposto no artigo 200 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, de contratos das administracións públicas, se van designar os profesores docentes tendo en conta a súa solvencia técnica e científica para impartir as actividades referidas.

2. O gasto do profesorado ocasionado pola celebración destes cursos financiarase con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, aprobados pola Lei 13/2004, do 29 de decembro.

Os gastos ocasionados polo desprazamento e estadía de profesores nos lugares de celebración dos cursos correrán por conta da Consellería de Emigración e das entidades beneficiarias dos cursos.

3. As retribucións correspondentes son as establecidas no Decreto 202/2002, do 6 de xuño (DOG do 17 de xuño).

Artigo 7º

Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ao establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Política Lingüística para ditar as instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria