DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2005 Páx. 1.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 15 de decembro de 2004 de aprobación do documento definitivo da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), ampliación do parque empresarial dos Airíos (sección 2), (Expediente AC-02/052-ADD).

O planeamento urbanístico vixente no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) son as normas subsidiarias de planeamento municipal (NSPM) aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 9 de decembro de 1985.

A orde desta consellería do 19 de abril de 2004 (DOG nº 84, do 3 de maio) aprobou definitivamente o proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), ampliación do parque empresarial Os Airíos, coa seguinte condición: que aos terreos que constitúen unha banda de solo, de 5 m de profundidade por ambas marxes, do regato que sinala Augas de Galicia no seu informe do 15-9-2003, correspóndelles a categoría de solo rústico de protección das augas, e que eses terreos se incorporan ao ámbito da actuación como solo de sistema xeral adscrito de espazos libres e zonas verdes públicas sen perder a súa condición de solo rústico de especial protección e sen que se teña en conta a súa superficie para os efectos de cómputo de edificabilidade.

Así mesmo, a referida orde dispuxo, no seu artigo 2, que o concello, posteriormente a que dea cumprimento á condición recollida no artigo anterior incorporando ao documento todos os particulares necesarios para tal efecto, deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP, de conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

O alcalde das Pontes de García Rodríguez remitiu, para a súa aprobación por esta consellería, tres exemplares do documento da modificación puntual das NSPM ampliación do parque municipal dos Airíos (sección 2), aprobado polo Pleno do concello na súa sesión do 2 de novembro de 2004, no que se incorporaron as determinacións resultantes da condición imposta na Orde do 19 de abril de 2004.

A competencia para adoptar a presente decisión correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio de conformidade co disposto no artigo 85.5º da Lei 9/2002.

En mérito do dito anteriormente, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar o documento definitivo da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento das Pontes

de García Rodríguez (A Coruña), ampliación do parque empresarial dos Airíos (sección 2), que fora aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello das Pontes de García Rodríguez na súa sesión do 2 de novembro de 2004, e que vén substituír o aprobado pola xa dita orde desta consellería con data do 19 de abril de 2004.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas do documento definitivo aprobado no BOP.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda