DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2005 Páx. 1.343

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2005 pola que se convocan unhas xornadas sobre o sector ferroviario.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2005 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre o sector ferroviario, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Poñer ao día formativamente os profesionais, os empregados públicos e persoas con especial interese no campo ferroviario e no ámbito dos servizos públicos, mediante a exposición a debate dos temas máis candentes no sector a partir das políticas de liberalización iniciadas nos últimos anos. Combínase a formulación teórica coa experiencia práctica dos relatores, para conseguir o necesario equilibrio entre o rigor académico e a proximidade aos problemas reais que acostuman preocupar o operador xurídico ou técnico.

O obxectivo destes sete relatorios é ofrecer unha visión, nun momento de cambio, do panorama xurídico do ferrocarril en España, con especial incidencia no modelo autonómico e, en particular, referencia á Comunidade Autónoma galega.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A distribución competencial no marco do sector ferroviario.

-Encadramento do novo concepto de servizo público e a súa repercusión no sector ferroviario.

-A integración da Lei do sector ferroviario no sistema administrativo español.

-A liberación ferroviaria e a Lei 39/2003, do sector ferroviario.

-Os axentes do transporte ferroviario no novo marco regulador.

-Urbanismo e liberación do sector ferroviario.

-A rede ferroviaria galega.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación de Presidencia na Coruña, sita na praza de Pontevedra nº 22, da citada cidade os días 15 e 16 de febreiro de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres 11 de febreiro de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 14 de febreiro, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate das xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA