Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre fotografía dixital, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
-Dotar os membros dos corpos de seguridade dos coñecementos fundamentais para levar a cabo as
tarefas máis importantes no campo da fotografía dixital aplicada á función policial, especialmente aos atestados por accidentes de tráfico.
Destinatarios.
O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local de Galicia.
Os participantes deberán posuír necesariamente coñecementos de informática a nivel usuario.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
20.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 14 de febreiro de 2005, ás 13.00 horas.
3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade; avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Datas.
O curso desenvolverase en datas do 16 ao 18 de febreiro de 2005.
O horario será das 9.30 ás 14.00 h. e das 15.30 ás 19.00 horas, excepto o día 18 que será das 10.00 ás 14.00 h.
Contido.
* Fotografía dixital.
-As cámaras dixitais: manexo e posibilidades.
-O tratamento de imaxes.
-A súa crecente utilización na operativa policial.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 15 de febreiro a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
Sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura, s/n, no concello da Estrada.
Certificado de asistencia.
Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada ao mesmo.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 17 de xaneiro de 2005.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade