DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2005 Páx. 1.339

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2005 pola que se convoca un curso de monitores de tiro para o plan anual de tiro.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de monitores de tiro para o plan anual de tiro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Adquirir os coñecementos que lles permitan:

a) Controlar adecuadamente o estado, uso e mantemento das armas de dotación de cada cadro de persoal.

b) Establecer os programas das correspondentes prácticas de tiro do seu concello.

c) Intervir na adquisición de munición para a realización das prácticas de tiro do seu concello.

d) Levar o control de realización individualizada das prácticas de tiro programadas polo concello, mediante o correspondente caderno persoal de tiro.

-Determinar as técnicas de manexo e control dos alumnos-tiradores, para que lles permitan actuar como apoio ou auxilio do instrutor das prácticas de tiro que, se é o caso, se realizasen na Academia Galega de Seguridade.

Destinatarios.

1. Persoal funcionario da policía local que cumpra os requisitos dos puntos seguintes e que pertenza a concellos con 10 ou máis policías no seu cadro de persoal.

2. O nomeamento ou designación do/s aspirante/s deberá facelo o alcalde, concelleiro delegado ou xefe do cadro de persoal, quen deberá asinar no punto correspondente do anexo da solicitude, establecendo unha orde de prelación ou prioridade no caso de que sexan dous ou máis os nomeados.

3. Persoal que estea realizando funcións de mantemento do armamento ou de dirección das prácticas de tiro naqueles concellos que o precisen, ou que o pretenda facer no futuro.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 10. Non obstante, convocarase a máis solicitantes para facer unha proba de aptitude inmediatamente antes do comezo do curso, que permita seleccionar aos aspirantes de xeito adecuado.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 15 de febreiro, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas e horario.

O curso desenvolverase en datas do 17 de febreiro ao 10 de marzo, das 9.30 ás 13.30 horas e das 15 ás 17 horas, cunha duración de 60 horas lectivas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 16 de febreiro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolveráse na sede da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as correspondentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de xaneiro de 2005.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade