DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2005 Páx. 1.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2005 pola que se convoca un curso superior de protección civil.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2005, e conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso superior de protección civil, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

A formación, capacitación e perfeccionamento profesional do persoal técnico en temas de protección civil, tendo en conta as súas funcións de responsabilidade na planificación, coordinación, dirección e toma de decisións en todo tipo de emerxencias.

Segunda.-Destinatarios.

-Persoal técnico de proteccion civil da Administración autónoma de Galicia.

-Persoal técnico, funcionarios con responsabilidade en protección civil da Administración local (bombeiros, policía local, funcionarios municipais con responsabilidade en protección civil) e da Administración xeral do Estado en Galicia.

-Xefe, subxefe ou xefe de unidade das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan realizado o curso básico e cando menos dous de segundo nivel.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 27.

2. Duración e datas: o curso dará comezo o día 7 de marzo de 2005, e terá unha duración de 130 horas lectivas.

O curso desenvolverase os luns e martes todo o día.

O horario será o seguinte:

-Mañás: das 9.30 ás 14.00 horas.

-Tardes: das 16.00 ás 20.00 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade, no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 20 de febreiro de 2005.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación ou xefe do organismo a que estea adscrito e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada ou fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

O curso consta de once módulos con clases teórico-prácticas:

Módulo I: Riscos naturais. Temporais, choivas, xeadas, fortes ventos. (Predición meteorolóxica. Interpretación de boletíns de fenómenos meteorolóxicos e mapas). Movementos sísmicos. Encoros.

Módulo II: Riscos tecnolóxicos: Risco químico. Transportes de mercadorías perigosas. Risco radioactivo. Risco gas natural.

Módulo III: Prevención e protección contra os incendios urbanos e forestais.

Módulo IV: Tráfico e seguridade vial.

Módulo V: Cartografía, orientación e localización. Interpretación de planos.

Módulo VI: Asistencia sanitaria e apoio psicolóxico en situacións de catástrofes e accidentes.

Módulo VII: Normativa legal. A protección civil como servizo público. Agrupacións de voluntarios de protección civil. Responsabilidade civil e penal.

Módulo VIII: Análise de risco.

Módulo IX: Prevención. Autoprotección e planificación.

Módulo X: Dirección e xestión das emerxencias.

Módulo XI: Información á poboación e aos medios de comunicación. Telecomunicación e sistemas de información.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos e a realización dun traballo escrito, relativo aos módulos que o compoñen.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptar os ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de xaneiro de 2005.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade