DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2005 Páx. 1.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2005 pola que se convocan dous cursos de segundo nivel de busca e salvamento en montaña e zonas illadas.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de 2 cursos de segundo nivel de busca e salvamento en montaña e zonas illadas, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil de coñecementos teórico-prácticos para desempeñar tarefas de busca e salvamento de persoas na montaña e zonas illadas.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil das provincias de Lugo e A Coruña respectivamente que previamente superasen o curso básico de protección civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

2. Duración e data: os cursos terán lugar durante o ano 2005 en fins de semana e cunha duración de 35 horas lectivas.

Curso provincia da Coruña: 5, 6, 12, 13, 19 e 20 de marzo de 2005.

Curso provincia de Lugo: 2, 3, 9, 10, 16 e 17 de abril de 2005.

3. Lugar: determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 20 de febreiro de 2005.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada ou fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Xeneralidades. Coordinación do socorro. Protocolos de busca. Distribución de tarefas. Orografía e cartografía. Lectura e interpretación de mapas. Principios básicos de orientación e utilización do compás. Métodos de busca de persoas desaparecidas. Busca en situacións especiais. Técnicas de busca e salvamento en zonas de difícil acceso. Axentes agresores na montaña. Actuacións en situacións de risco vital. Técnicas de inmobilización e traslado con medios convencionais e improvisados. Consellos prácticos para a prevención de accidentes.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de xaneiro de 2005.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade