DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2005 Páx. 1.276

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 7/2005, do 13 de xaneiro, polo que se crea e regula o funcionamento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua.

O II Programa nacional de formación profesional, no seu obxectivo primeiro, establece a necesidade de incrementar a profesionalización e a integración da formación profesional continua co resto dos subsistemas de formación profesional.

O Plan galego de formación profesional recoñece como unha das claves do desenvolvemento social de Galicia a potenciación da formación profesional continua; avoga, así, pola implantación dunha política de financiamento e de apoio á formación que estimule as oportunidades de adquirir formación coa calidade adecuada así como os investimentos en formación, mediante unha maior planificación e unha maior contribución de recursos.

Todo isto nun marco de competencias que lle permitirá asumir plenamente a capacidade de planificación da formación profesional continua á Comunidade Autónoma de Galicia.

As sentenzas do Tribunal Constitucional do 25 de abril e do 17 de outubro de 2002 inscriben a regulación da formación profesional continua no ámbito da lexislación laboral, polo que se recoñecen ámbitos de competencia autonómica na xestión e execución da normativa propia deste subsistema.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e a formación profesional, ten por obxeto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditación que debe favorecer a formación ao longo de toda a vida. Este sistema debe rexerse polos principios de igualdade dos cidadáns, participación e cooperación dos axentes

sociais cos poderes públicos nas políticas formativas e de cualificación profesional.

O Real decreto 1046/2003, do 1 de agosto, polo que se regula o subsistema de formación profesional continua, modifica o modelo de xestión da formación e reciclaxe profesional dos traballadores ocupados, regulado ata esa data mediante os acordos nacionais de formación continua, subscritos entre as organizacións empresariais e sindicais máis representativas e o Goberno do Estado. O novo modelo de xestión da formación profesional continua articúlase coa incorporación na súa xestión das comunidades autónomas e co recoñecemento do protagonismo dos axentes sociais no desenvolvemento deste subsistema.

Co fin de asegurar a implementación do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional en Galicia e, en concreto, a implantación do novo modelo de xestión do susbsistema de formación profesional continua garantindo os devanditos principios programáticos, asinouse o 29 de marzo de 2004 o Acordo galego de formación profesional continua entre os axentes sociais máis representativos de Galicia e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Este acordo establece como o seu principio primeiro cubrir as necesidades formativas das empresas e dos traballadores galegos, desde a perspectiva dunha planificación coordinada, ordenada e racional do conxunto das políticas de formación en Galicia, dentro dun marco integrado dos actuais subsistemas de formación profesional.

Pola súa vez, establece como os seus obxectivos os seguintes: mellorar a competencia profesional e a actualización dos coñecementos e capacidades dos traballadores e traballadoras, segundo as necesidades de evolución do seu emprego como consecuencia dos cambios tecnolóxicos e organizativos dos procesos de produción, incrementar o grao de axuste das accións de formación profesional continua financiadas con fondos públicos ás necesidades de diversos sectores mediante o incremento dos recursos asignados aos sectores con maiores necesidades formativas ou de maior importancia para a economía galega, incrementar a cobertura das accións de formación profesional continua, incrementar a participación na formación profesional continua daqueles colectivos de traballadores e traballadoras con maiores riscos de inestabilidade ou exclusión do emprego, promover os investimentos empresariais en formación profesional continua, promover a dedicación dos traballadores e traballadoras á formación

profesional continua, promover un sistema de financiamento motivador da formación profesional continua e contribuír á difusión da cultura empresarial máis avanzada sobre a formación profesional continua.

Para a consecución destes obxectivos, o Acordo galego de formación profesional continua recolle a necesidade de constituír a Comisión Galega de Formación Profesional Continua.

Co obxecto de poñer en funcionamento a formación profesional continua en Galicia dentro do novo ámbito competencial e de xestión, acórdase crear a Comisión Galega de Formación Profesional Continua.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais, o Consello Galego de Formación Profesional e os asinantes do Acordo galego de formación profesional continua, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

Créase a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, adscrita á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, como o órgano executivo para a consecución dos obxectivos establecidos no Acordo galego de formación profesional continua.

Artigo 2º.-Competencias.

As competencias da Comisión Galega de Formación Profesional Continua son as seguintes:

a) Propoñer o marco normativo xenérico para a xestión da formación profesional continua en Galicia.

b) Elaborar e aprobar as convocatorias da formación profesional continua en Galicia.

c) Determinar as prioridades tanto das accións formativas que se financiarán como dos seus beneficiarios.

d) Velar polo cumprimento da normativa reguladora da formación profesional continua en Galicia e a súa eficacia en relación cos obxectivos xerais do subsistema.

e) Elaborar e aprobar a programación de formación profesional continua en Galicia, de acordo cos recursos existentes.

f) Elaborar e aprobar os mecanismos de control das accións programadas.

g) Aprobar a distribución dos recursos de financiamento do subsistema de formación profesional continua provenientes do Fondo Social Europeo, transferencias do Estado e recursos propios da Comunidade Autónoma, dentro do marco establecido pola correspondente normativa reguladora.

h) Aprobar o seu orzamento de funcionamento.

i) Trasladarlle ao Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional cantos informes e propostas se acorden sobre as materias da súa competencia.

j) En xeral, calquera outra función que se acorde para o seguimento e a análise da planificación, execución e avaliación das iniciativas de formación pro

fesional continua co fin de manter a coherencia e complementariedade deste subsistema dentro do sistema integral de cualificacións en formación profesional.

k) Elaborar e aprobar o seu regulamento de funcionamento.

l) Todas aquelas cuestións en materia de formación profesional continua recollidas no Plan Galego de Formación Profesional.

Artigo 3º.-Composición.

1. A Comisión Galega de Formación Profesional Continua terá carácter tripartito e paritario e estará composta por:

-Tres representantes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos á Dirección Xeral de Formación e Colocación; un deles terá o cargo de presidente.

-Tres representantes das organizacións empresariais máis representativas no ámbito intersectorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Tres representantes das organizacións sindicais máis representativas en Galicia.

2. A Comisión Galega de Formación Profesional Continua estará constituída polo presidente, os vogais e o secretario.

3. Cada compoñente poderá incorporar asesores e técnicos segundo as materias que se traten en cada sesión que non terán a condición de membros da comisión.

Artigo 4º.-Nomeamento e renovación.

1. Os membros da comisión e, se é o caso, os suplentes, serán nomeados polo/a titular da consellaría por proposta desta e das respectivas organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia. De igual forma disporase o seu cesamento.

2. A renovación da comisión producirase cada catro anos, tendo en conta as modificacións producidas na representatividade das organizacións empresariais e sindicais.

3. Durante cada período de funcionamento os seus compoñentes poderán facer propostas de nomeamento e cesamento dos titulares e suplentes que os representan.

Artigo 5º.-O presidente.

A presidencia corresponderalle ao director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

No caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outras causas de imposibilidade poderá ser substituído pola persoa que teña a subdirección dependente da Dirección Xeral de Formación e Colocación con competencias en materia de formación profesional continua.

Artigo 6º.-Competencias do presidente.

Correspóndelle ao presidente da comisión:

a) A representación da comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día.

c) Presidir e levantar as reunións e moderar o desenvolvemento dos debates.

d) Dirimir as votacións no caso de empate.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos da comisión.

f) Velar pola correcta execución dos acordos adoptados pola comisión nos termos que esta acorde.

g) Velar polo cumprimento das disposicións deste decreto.

h) As demais propias do presidente dun órgano colexiado, segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Competencia dos vogais.

Correspóndelles aos vogais:

a) Asistir ás reunións e participar nos debates.

b) Exercer o seu dereito a voto.

c) Propoñerlle ao presidente, a través da secretaría da comisión, a inclusión de asuntos na orde do día e formular rogos e preguntas.

d) Solicitar a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas.

e) Aqueloutras funcións que lles sexan asignadas.

Artigo 8º.-Suplencias.

Os membros titulares da comisión poderán ser substituídos nas reunións polos suplentes designados por cada unha das organizacións ás que representan.

Artigo 9º.-Secretaría.

Exercerá a secretaría da Comisión Galega de Formación Profesional Continua un funcionario da Dirección Xeral de Formación e Colocación, nomeado por proposta do director xeral, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 10º.-Competencias.

1. Correspóndelle ao secretario:

a) Realizar a convocatoria das sesións así como as notificacións e citacións por orde do presidente.

b) Redactar e asinar, co visto e prace do presidente, as actas das reunións.

c) Facilitarlles aos vogais a información e a asistencia técnica necesarias para o correcto desenvolvemento do seu traballo.

d) Expedir certificacións das consultas, acordos e ditames aprobados.

2. A secretaría é a destinataria única dos actos de comunicación dos vogais coa comisión e a ela deben dirixirse toda clase de escritos dos cales esta deba ter coñecemento.

3. O secretario contará cun suplente, funcionario da Dirección Xeral de Formación e Colocación, que o substituirá nas reunións da comisión ás que este, por causas xustificadas, non poida asistir.

Artigo 11º.-Funcionamento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua.

1. A Comisión Galega de Formación Profesional Continua funcionará en pleno. Tamén poderá actuar en comisións de traballo, cando así se decida.

2. A comisión reunirase como mínimo catro veces ao ano ou cando a convoque o presidente, por iniciativa propia ou por solicitude da terceira parte dos seus membros.

Artigo 12º.-Convocatorias.

1. As sesións serán convocadas polo presidente con oito días naturais de antelación, agás por razóns de urxencia que poderán convocarse con 48 horas de antelación.

2. As convocatorias deberán indicar o día, a hora e o lugar da reunión así como a orde do día.

3. Coa convocatoria xuntarase a documentación correspondente a cada un dos puntos da orde do día.

4. Na citación para a primeira convocatoria incluirase a da segunda.

Artigo 13º.-Constitución e réxime de acordos.

1. A Comisión Galega de Formación Profesional Continua quedará validamente constituída cando asistan os dous terzos dos seus membros en primeira convocatoria ou a metade máis un dos seus membros en segunda.

2. Só se poderán adoptar acordos sobre puntos que figuren incluídos na orde do día, agás que, estando presentes todos os membros da comisión sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

3. Os seus acordos serán vinculantes.

4. Para a válida adopción de acordos requirirase o voto favorable da maioría dos membros asistentes. O regulamento de réxime interno da comisión determinará os casos en que se exixirán maiorías cualificadas para a adopción dos acordos.

5. De cada sesión levantarase acta que relacionará as persoas asistentes, as intervencións, lugar e data e os puntos principais da deliberación, a forma e os resultados da votación e o contido dos acordos.

Os vogais poderán facer constar na acta a súa desconformidade co acordo adoptado ou a súa abstención xunto cos motivos que as xustifiquen.

As actas serán redactadas e asinadas polo secretario co visto e prace do presidente e aprobaranse na seguinte sesión. Xuntaranse á convocatoria da seguinte sesión.

6. O secretario da comisión expedirá certificación dos acordos adoptados nas súas reunións cando así o solicite algún dos seus membros. Esta certificación deberá ir asinada polo secretario co visto e prace do presidente.

Artigo 14º.-Sede.

A Comisión Galega de Formación Profesional Continua terá a súa sede na Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en Santiago de Compostela, e poderá realizar as súas sesións en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Comisións sectoriais.

As comisións sectoriais, creadas ao abeiro do Decreto 263/2002, do 31 de xullo, actuarán como órganos de carácter consultivo e de asesoramento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua nas materias recollidas no artigo 4 deste decreto, especialmente en:

a) Canalizar as demandas de formación profesional continua existentes en cada sector.

b) Analizar a oferta formativa en materia de formación profesional continua que se considere máis adecuada ás necesidades actuais e de futuro en cada sector.

c) Elaborar os informes que se lle soliciten.

d) Participar na elaboración da planificación da formación profesional continua no seu ámbito de competencia.

Disposicións adicionais

Primeira.-O presidente da Comisión Galega de Formación Profesional Continua convocará a súa sesión constitutiva no prazo de tres meses desde a publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-No prazo máximo de seis meses a partir da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia o Pleno da Comisión Galega de Formación Profesional Continua aprobará o regulamento de réxime interno deste órgano, que desenvolverá os aspectos relativos a cuestións organizativas e de funcionamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o/a titular da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para ditar os actos e as normas necesarios para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais