DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2005 Páx. 1.274

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 6/2005, do 7 de xaneiro, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o vinte e dous de marzo de dous mil un o Decreto 78/2001, polo que se crea o Observatorio Galego de Educación Ambiental. A creación deste observatorio respostou á necesidade de establecemento dun instrumento de colaboración e participación dos axentes sociais implicados no desenvolvemento da educación ambiental, estando prevista a sua creación na propia Estratexia Galega de Educación Ambiental.

Con posterioridade e a través do Decreto 218/2002, do 23 de maio, procédese á modificación do Decreto 78/2001, do 22 de marzo, desde a perspectiva dun axustamento nas denominación de varios órganos administrativos implicados no desenvolvemento de políticas ambientais, na funcións de asesoramento e seguimento das actuacións en materia de educación ambiental do observatorio e na creación no seu seo de comisións de traballo para o estudo e análise de aspectos sectoriais ou problemáticas específicas dentro do seu ámbito de actuación.

A entrada en vigor do Decreto 22/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, así como dos decretos subseguintes de fixación da estrutura orgánica dos diferentes departamentos, implica unha nova organización administrativa, o que leva consigo as conseguintes modificacións de varios órganos administrativos implicados no desenvolvemento sustentable das políticas ambientais.

Estes cambios requiren, polo tanto, un novo axuste do Decreto 78/2001, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio Galego de Educación Ambiental, adaptando a súa composición aos cambios operados pola referida normativa. Neste mesmo sentido e para efectos de evitaren unha indesexable dispersión normativa, procede aprobar unha disposición que recolla todas as previsións e regulacións do Observatorio Galego de Educación Ambiental nun só texto normativo.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de sete de xaneiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto regular o funcionamento e composición do Observatorio Galego de Educación Ambiental.

Artigo 2º.-Funcións.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental exercerá as seguintes funcións:

1. Analizar as necesidades educativas e formativas en materia ambiental da poboación galega no seu conxunto, así como dos seus sectores específicos.

2. Participar no desenvolvemento do programa de I+D da Estratexia Galega de Educación Ambiental co fin de impulsar e dinamizar a propia estratexia, achegando suxestións e recomendacións co fin de optimizar a súa eficacia.

3. Propoñer a elaboración de indicadores, instrumentos e procedementos de avaliación, especificamente dirixidos ao ámbito da educación ambiental.

4. Realizar un seguimento do nivel de aplicación da Estratexia Galega de Educación Ambiental, propoñendo e suxerindo directrices e liñas de actuación que faciliten o logro dos fins e obxectivos xerais e específicos nela establecidos.

5. Colleitar experiencias, recursos e programas que se consideran de referencia, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma como do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación e promoción.

6. Asesorar os organismos das administracións públicas no deseño e avaliación dos programas e iniciativas de educación ambiental.

7. Emitir informes periódicos sobre o estado da educación ambiental en Galicia, facilitándolles á opinión pública e aos axentes implicados no seu desenvolvemento un coñecemento permanente dos problemas, os proxectos en marcha e os avances conseguidos.

8. Promover o desenvolvemento de foros de discusión e debate, en particular, o Foro Galicia de Educación Ambiental, co fin de facilitar o encontro e a reflexión dos diferentes axentes sociais involucrados nas problemáticas ambientais e nas súas derivacións educativas.

Artigo 3º.-Composición.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental terá a seguinte composición:

-Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente.

-Vicepresidente primeiro: o director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente.

-Vicepresidente segundo: o director xeral de Centros e Ordenación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Secretario: o subdirector de Información, Formación e Prospectiva Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

-Vogais:

a) Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp): dous vogais.

b) Universidade de Santiago de Compostela: un vogal.

c) Universidade de Vigo: un vogal.

d) Universidade da Coruña: un vogal.

e) Sociedade Galega de Educación Ambiental: un vogal.

f) Asociacións protectoras do medio: un vogal.

g) Asociacións sindicais: catro vogais.

h) Confederación de Empresarios de Galicia: un vogal.

i) Dirección Xeral de Saúde Pública: un vogal.

j) Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: dous vogais.

k) Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio: un vogal.

l) Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos: un vogal.

m) Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais: un vogal.

n) Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente: un vogal.

o) Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente: un vogal.

p) Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente: un vogal.

q) Organismo autónomo Augas de Galicia: un vogal.

r) Tres expertos de recoñecido prestixio no campo da educación ambiental, nomeados polo presidente do observatorio, oído o Pleno.

Artigo 4º.-Nomeamento.

1. Os membros do Observatorio Galego de Educación Ambiental serán nomeados polo conselleiro de Medio Ambiente, por proposta das organizacións, órganos e institucións que se relacionan no artigo anterior. Igualmente nomearanse os suplentes de cada un dos membros ordinarios do observatorio.

2. O nomeamento dos membros titulares e suplentes será por un período de dous anos a partir da data da súa publicación e será renovable por outros dous. No suposto de que un dos membros perdese a súa representatividade, procederase ao seu cesamento e designarase un substituto, conforme o sinalado anteriormente e polo tempo que reste de exercicio no cargo.

Artigo 5º.-Funcionamento.

1. O réxime de funcionamento do Observatorio Galego de Educación Ambiental axustarase ao previsto no seu regulamento de réxime interior, aprobado no Pleno por maioría, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

2. O Observatorio Galego de Educación Ambiental poderá solicitar no exercicio das súas funcións o asesoramento e asistencia de expertos, funcionarios e doutros responsables das políticas sectoriais con incidencia sobre a educación ambiental.

3. O presidente do Observatorio Galego de Educación Ambiental convocará sesións ordinarias cada seis meses. Así mesmo, convocará sesións extraordinarias cando exista algún motivo de especial transcendencia relacionado coa competencia do devandito observatorio ou pola petición dun terzo dos seus membros.

Artigo 6º.-Comisións de traballo.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental creará, por acordo do seu Pleno, as comisións de traballo que resulten necesarias para a análise de aspectos sectoriais ou problemáticas concretas vencelladas coas funcións relacionadas no artigo 2º deste decreto. O devandito acordo establecerá o seu réxime de funcionamento, así como o seu carácter temporal ou indefinido.

Artigo 7º.-Informe e ditames.

1. O Observatorio Galego de Educación Ambiental realizará con carácter anual un informe sobre o estado da educación ambiental en Galicia, facilitándolles á opinión pública e aos axentes implicados no seu desenvolvemento o coñecemento dos problemas detectados, proxectos en marcha e avances acadados.

2. Os órganos da Xunta de Galicia con incidencia sobre a educación ambiental poderanlle solicitar informes ao Observatorio Galego de Educación Ambiental sobre as materias da súa competencia. Os informes solicitados deberán emitirse no prazo máximo dun mes e non terán carácter vinculante. Este prazo poderá ampliarse, en función da complexidade do informe, ata un máximo de tres meses.

Artigo 8º.-Adscrición.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental adscríbese á Consellería de Medio Ambiente, que lle prestará o soporte persoal e material preciso para o exercicio das súas funcións.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados os seguintes decretos:

-O Decreto 78/2001, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio Galego de Educación Ambiental.

-O Decreto 218/2002, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 78/2001, polo que se crea o Observatorio Galego de Educación Ambiental e as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta disposición.

Disposición derradeira

Única.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xaneiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente