DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2005 Páx. 1.194

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

DECRETO 5/2005, do 13 de xaneiro, polo que establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

A través do Decreto 306/2001, do 15 de decembro, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, modificada polo Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro. Posteriormente, a través do Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, modificado polo Decreto 215/2004, do 23 de setembro, fíxase a estrutura orgánica dos seus departamentos. No artigo 11 da citada norma estableceuse a estrutura orgánica básica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, a cal se desenvolve agora a través deste decreto.

De acordo co anterior, faise necesario acomodar esta estrutura ata o nivel de xefatura de servizo, distribuíndo as funcións asignadas dun xeito racional, para así conferir a máxima eficacia no exercicio delas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, co informe previo das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado é o órgano da Administración autonómica ao que lle corresponde, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola constitución española, o exercicio das competencias e funcións en materia de política de servizos sociais de atención especializada nas áreas de familia, infancia e menores, muller, maiores e persoas con discapacidade así como en política de deportes, xuventude e voluntariado, sen prexuízo das competencias doutras consellerías nestas materias.

Artigo 2º

Un. A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado desempeñará as funcións da súa competencia a través dos seguintes órganos superiores:

I. O/a conselleiro/a.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Familia.

IV. Dirección Xeral de Xuventude.

V. Dirección Xeral para o Deporte.

VI. Dirección Xeral do Voluntariado.

VII. Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

VIII. As delegacións provinciais.

Dous. O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo con categoría de dirección xeral, adscríbese á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e rexerase en canto aos seus obxectivos, funcións, estrutura e funcionamento polo previsto na Lei galega 3/1991, do 14 de xaneiro, da súa creación, e polo Decreto 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa existente en materia de muller e demais normas que a desenvolvan, modificado polo Decreto 249/2002, do 18 de xullo.

I. O/A conselleiro/a.

Artigo 3º

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e, con tal carácter, está investido/a das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 4º

Un. A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con todas as unidades e servizos dependentes da consellería, a inspección dos servizos e dos centros e organismos dependentes ou adscritos a ela, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Inspección Xeral de Servizos da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, a coordinación das publicacións editadas pola consellería, así como as funcións relativas á xestión do programa estatístico anual da consellería considerada no Plan Galego de Estatística sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística, así como aquelas que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do/a titular do departamento.

Dous. Para o exercicio das súas funcións, a secretaría xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Contratación e Control Orzamentario.

Levará a cabo a confección do borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control, coordinación e a tramitación e xestión, se é o caso, dos expedientes de contratación relativos a obras, servizos, subministracións, consultoría e asistencias da consellería, así como os convenios de cooperación e colaboración coas entidades locais en materia de investimento, a elaboración do plan de necesidades de obras e equipamentos das distintas unidades e centros da consellería, así como a coordinación da súa execución e calquera outra de contido administrativo que lle

atribúa o secretario xeral. Exercerá, asemade, a suplencia do secretario xeral en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

Para o desenvolvemento das distintas funcións e servizos contará coas seguintes unidades, co nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

A este servizo corresponderalle a elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería, así como a execución, seguimento, coordinación e o seu control. Levará a cabo, igualmente, a tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria, habilitación de pagamentos e adquisición, xestión e control de medios materiais para o funcionamento ordinario da consellería.

1.2. Servizo de Contratación e Obras.

A este servizo corresponderalle a coordinación e xestión, se é o caso, dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da consellería, cando se trate de obras, xestión de servizos públicos, subministracións, de consultoría e asistencia ou calquera outra figura contractual análoga, así como os convenios de cooperación e colaboración coas entidades locais en materia de investimento.

1.3. Servizo de Supervisión de Proxectos.

A este servizo corresponderalle desenvolver as funcións das oficinas de supervisión dos proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que realice a consellería, así como o seguimento destas e das correspondentes aos convenios de investimento coas corporacións locais.

2. Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa.

Esta unidade exercerá as funcións de xestión de persoal, réxime interno, asistencia técnico-xurídica, organización do rexistro xeral da consellería, coordinación do sistema de xestión de procedementos administrativos e outras de contido administrativo que lle atribúa o secretario xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Persoal e Réxime Interno.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da consellería, sen prexuízo da competencia doutros órganos e unidades e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

-A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo de todo o persoal funcionario e laboral da consellería.

-As propostas de adopción de criterios básicos e comúns para a coordinación e homologación da xestión de persoal.

-O mantemento e actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral e a organización, custodia e o arquivo dos seus expedientes.

-A xestión dos plans de formación do persoal que presta os seus servizos no ámbito da consellería.

-A coordinación, xestión e difusión da información relativa a recursos humanos e aos cidadáns.

-O estudo, a tramitación e formulación das propostas de resolución dos expedientes, reclamacións e recursos que se formulen en materias relativas ao persoal da consellería.

-A execución de sentenzas en materia de persoal funcionario e laboral da consellería.

-A tramitación dos expedientes de incompatibilidade e disciplinarios referentes ao persoal da consellería.

-A xestión e tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da consellería.

-O cumprimento das obrigas da consellería en materia de Seguridade Social e dereitos pasivos.

-A confección dos estudos previos á elaboración da proposta do anteproxecto dos orzamentos do capítulo I da consellería e as propostas de modificacións de crédito.

-O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da consellería.

-Control do funcionamento do rexistro xeral da consellería, do arquivo e os restantes aspectos relacionados co réxime interior, así como o control da asistencia e puntualidade.

2.2. Servizo Técnico Xurídico.

Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

-O estudo e tramitación de todos os anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral emanados dos distintos centros directivos da consellería, así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

-O estudo, tramitación e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións emanados dos distintos órganos da consellería, cando non lles estean atribuídos a outros órganos daquela.

-O estudo, preparación e informe dos asuntos que, após o paso pola Comisión de Secretarios Xerais, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos acordos desta.

-A coordinación para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería.

-Levar a cabo as funcións que a consellería teña encomendadas sobre as fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado.

-A tramitación de expedientes sobre cuestións demaniais ou patrimoniais, en canto sexa competencia da consellería.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia, polo secretario xeral.

3. Servizo de Informática.

Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

-Planificar, impulsar e mecanizar os sistemas de información da consellería.

-Estudo, seguimento, informe e, se é o caso, proposta sobre plans xerais de informatización.

-Coordinación, supervisión, apoio e asesoramento técnico sobre os plans de informatización.

-Xestionar as bases de datos, redes e sistemas informáticos.

-Velar polo cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal.

-Calquera outra función relativa a sistemas ou procesos informáticos da consellería.

O desenvolvemento destas funcións realizarase sen prexuízo das competencias que, en materia informática, ten atribuídas a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Tres. Integradas organicamente na Secretaría Xeral, con nivel orgánico de Subdirección Xeral, haberá as seguintes unidades administrativas:

1. Asesoría Xurídica.

2. Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Familia.

Artigo 5º

Un. Correspóndelle a esta dirección xeral:

A xestión da política autonómica en materia de acción social, nos sectores de familia, infancia e, menores, segundo o disposto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, agás cando estivese legal ou regulamentariamente reservada a outro órgano ou ente da Administración autonómica, e en concreto a xestión de política autonómica familiar en desenvolvemento do previsto na Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, a elaboración e seguimento dos plans integrais de apoio á familia, as competencias de mediación familiar derivadas da Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar, e do Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, o rexistro de mediadores familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta, así como a protección e tutela dos menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores nos termos establecidos na lexislación

específica, así como o rexistro, autorización, acreditación e inspección de centros e entidades prestadoras de servizos sociais no ámbito de familia, infancia e menores.

2. O estudo da realidade social, a planificación e coordinación das entidades prestadoras de servizos sociais nos anteditos sectores, así como a cooperación con elas e, en particular, coas entidades de iniciativa social.

3. A xestión das prestacións e programas nesas mesmas áreas.

4. En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, e sen prexuízo das competencias atribuídas á secretaría xeral en materia de persoal, xestión económica e orzamentaria, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlle a asistencia técnica necesaria para o desenvolvemento da súa actividade.

Dous. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estrutúrase como segue:

1. Subdirección Xeral de Familia.

Levará a cabo funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos e centros dedicados á prestación de servizos sociais relativos á familia, infancia e colectivos necesitados de especial protección, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada.

Para o desenvolvemento das súas funcións estrutúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Familia, Infancia e Programas Especiais.

A este servizo corresponderanlle as funcións relativas ao estudo, elaboración, implantación, seguimento e avaliación dos programas destinados á familia, e infancia, en especial os contidos no Plan integral de apoio á familia; á elaboración de propostas para o desenvolvemento normativo da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega de familia, infancia e da adolescencia, e na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, nesta materia, así como a coordinación e seguimento das institucións e as competencias de mediación familiar derivadas da Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar, e do Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta.

2. Subdirección Xeral de Menores.

Levará a cabo funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos e centros dedicados á prestación de servizos sociais dedicados aos menores en situación de risco ou desamparo, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada; así como todas as funcións derivadas da aplicación e desenvolvemento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, para a execución das medidas xudiciais nesta comunidade autónoma.

Para o desenvolvemento das súas funcións estrutúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Defensa do Menor.

A este servizo corresponderalle a implantación, desenvolvemento, seguimento e avaliación dos pro

gramas contidos no Plan integral de apoio á familia, tanto no que atinxe á promoción e defensa dos dereitos da infancia, como nas actuacións de prevención ante situacións de risco ou de desprotección social que poidan afectar aos menores; a coordinación dos equipos provinciais do menor e as propostas de desenvolvemento normativo nas materias da súa competencia, así como cantas outras lle correspondan no seu exercicio.

2.2. Servizo de Atención a Menores en Situación de Conflito Social.

A este servizo corresponderanlle cantas actuacións procedan para a execución das medidas previstas na normativa vixente e acordadas polos xulgados de menores de Galicia ante a comisión de infraccións tipificadas como faltas ou delitos pola poboación menor de idade penal; a implantación, execución, seguimento e avaliación dos programas dirixidos a menores en conflito social, tanto en medio aberto como en internamento, en aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

3. Servizo Administrativo de Centros.

A este servizo corresponderanlle, dentro do ámbito competencial da Dirección Xeral, as seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes relativos ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais.

-A tramitación dos expedientes de autorización, creación, modificación substancial e concesión do permiso de inicio de actividades dos centros de servizos sociais.

-A inspección, asesoramento, seguimento e control do cumprimento dos requisitos funcionais e materiais dos centros de servizos sociais.

-Coordinar as funcións, en materia de inspección, coas delegacións provinciais para o desenvolvemento do plan de inspección.

-Controlar o cumprimento dos niveis de calidade propondo plans de mellora dos servizos sociais competencia da dirección xeral e propor, se é o caso, a elaboración e revisión de normas relativas ás materias relacionadas coas súas funcións.

-Calquera outra función que lle atribúa o Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, no relativo á inspección e o réxime sancionador.

IV. Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 6º

Un. Corresponderalle a esta dirección xeral a xestión e coordinación das actuacións da consellería en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e especificamente o apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da xuventude na vida social. En relación cos centros,

tanto propios como dependentes doutras entidades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral en materia de persoal, xestión económica e orzamentaria, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlle a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade. Así mesmo, corresponderalle o fomento das relacións e da cooperación con outras comunidades autónomas e intercambios co estranxeiro en materia de xuventude, fomento dos programas de Turismo Xove e promoción e organización das actuacións en materia de información e documentación para a xuventude.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Xuventude estrutúrase do xeito seguinte:

1. Subdirección Xeral de Programas.

Levará a cabo as funcións de promoción, difusión e seguimento de programas, actividades e convenios dirixidos a fomentar a colaboración coas administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados con actividades dirixidas á xuventude, o seguimento na xestión do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Rede Galega, a promoción e desenvolvemento da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil en coordinación con centros de información do Estado español e das comunidades autónomas, a elaboración, publicación e difusión de enquisas, estudos e informes sobre a xuventude galega e a información, promoción e coordinación dos programas da Unión Europea dirixidos á xuventude.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Programas.

A este servizo correspóndenlle as funcións de desenvolvemento e seguimento dos distintos programas e servizos dedicados á formación, información, estudos e estatísticas en materia de xuventude, a promoción, difusión e seguimento dos programas e actividades dedicados á xuventude organizados polas administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados, a información, promoción e coordinación dos programas europeos dedicados á xuventude e a tramitación e seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias deste servizo, así como a coordinación das relacións co Consello da Xuventude de Galicia.

2. Subdirección Xeral de Centros e Promoción de Actividades.

Levará a cabo as funcións de promoción e seguimento do asociacionismo xuvenil, a organización e xestión dos programas de actividades culturais de lecer e tempo libre, a promoción e fomento dos programas de Turismo Xove, a coordinación, asistencia técnica, seguimento e avaliación dos programas de servizos e centros dedicados á xuventude, o fomento e promoción de intercambios e mobilidade de xoves

con outras comunidades autónomas e países estranxeiros, a promoción e difusión dos distintos carnés dirixidos á xuventude e o desenvolvemento das funcións propias da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Promoción de Actividades.

A este servizo corresponderanlle as funcións de desenvolvemento, coordinación, xestión e seguimento dos programas e servizos a favor da xuventude que lle correspondan á Subdirección Xeral, a participación na xestión e programación das actividades que se realizan en campamentos, albergues, casas e centros de xuventude, a promoción e difusión de intercambios xuvenís con outras comunidades autónomas e países estranxeiros, a elaboración e xestión das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias deste servizo e a promoción e xestión do Carné Xove e Carné Máis, así como a coordinación e xestión do rexistro de instalacións xuvenís.

Así mesmo, a este servizo corresponderanlle as funcións de fomento e seguimento de todas as actividades relacionadas co asociacionismo xuvenil e a coordinación e xestión do censo de asociacións xuvenís, a promoción das diferentes actividades formativas relacionadas cos programas e actividades xestionados pola Subdirección Xeral, a tramitación e seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias deste servizo, a coordinación dos servizos prestados nos albergues e residencias da nosa comunidade autónoma integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís, a programación e ordenación de ensinanzas a través da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre, a promoción e xestión dos carnés nacionais e internacionais para a xuventude.

3. Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

A este servizo, con dependencia directa do/a director/a xeral de Xuventude, corresponderalle a execución, coordinación e tramitación do pagamento das axudas e subvencións para os programas e actividades xestionadas pola Dirección Xeral de Xuventude, a xestión da contratación administrativa para a realización de programas e actividades xuvenís, a coordinación e xestión do rexistro de instalacións xuvenís e calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

V. Dirección Xeral para o Deporte.

Artigo 7º

Un. Correspóndelle a esta dirección xeral:

1.A colaboración coas administracións locais na promoción e difusión da cultura física e do deporte. O apoio e promoción das asociacións deportivas, sempre que o seu ámbito de actuación non exceda do propio da comunidade autónoma.

2. A elaboración e execución dos plans de construción de instalacións deportivas propias. En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral en materia de persoal, xestión económica e orzamentaria, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlles a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

3. A xestión das prestacións e programas en materias propias da Dirección Xeral así como a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade físico-deportiva e da infraestrutura deportiva galega.

Dous. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estrutúrase como segue:

1. Subdirección Xeral de Deportes.

Exercerá as seguintes funcións:

-A elaboración e execución de plans de tecnificación deportiva e realización de estudos sobre competicións de deportistas federados.

-A xestión deportiva do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e a súa coordinación coas federacións deportivas e outras entidades para a súa utilización.

-A coordinación da actividade deportiva cos plans, programas e actuacións docentes do INEF de Galicia.

-O rexistro de entidades deportivas.

-Fomento e promoción do deporte, deporte extraescolar e de tempo libre.

-Levará a cabo a elaboración e coordinación dos plans de instalacións deportivas así como a coordinación e supervisión do funcionamento administrativo dos centros e instalacións deportivas.

-Tamén participará na elaboración do anteproxecto do orzamento da dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Coordinación Deportiva.

Este servizo realizará os seguintes cometidos:

-A dirección dos plans e programas das competicións deportivas.

-A xestión administrativa da actividade de fomento e promoción deportiva.

-A coordinación dos plans de formación realizados desde a Escola Galega do Deporte.

1.2. Servizo de Infraestruturas Deportivas.

A este servizo corresponderanlle a execución, coordinación e tramitación dos expedientes, axudas, subvencións e convenios dos programas xestionados pola Dirección Xeral; a coordinación e asistencia técnica dos centros e instalacións deportivas para o correcto

desenvolvemento da súa actividade, así como o control interno de xestión orzamentaria dos capítulos de gasto encomendados á Dirección Xeral.

VI. Dirección Xeral do Voluntariado.

Artigo 8º

Un. Corresponderalle a esta dirección xeral a xestión e coordinación das actuacións da consellería en materia de voluntariado, así como a elaboración e o seguimento do Plan galego de fomento e promoción da acción voluntaria e a xestión do sistema de rexistro autonómico das entidades de acción voluntaria.

Tamén será a súa función o desenvolvemento das actuacións de promoción, investigación, asistencia e formación en materia de voluntariado e todas aquelas segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral do Voluntariado estrutúrase como segue:

1. Subdirección Xeral do Voluntariado.

Corresponderalle a esta unidade promover o voluntariado galego, fomentar e canalizar as iniciativas de asociacións, persoas voluntarias ou entidades tanto públicas como privadas e buscar solucións a necesidades que presenta este colectivo na realización das súas tarefas, así como a elaboración e seguimento do Plan galego para a promoción e o fomento da acción voluntaria e a xestión do rexistro de entidades de acción voluntaria.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Formación e Apoio Técnico do Voluntariado.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

-Coordinación dos programas e proxectos de voluntariado en áreas de interese xeral existentes na consellería con outras áreas de actuación dependentes doutros departamentos e entidades públicas e privadas.

-Xestión e organización do Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

-Establecer os criterios para o seguimento e control das entidades de acción voluntaria.

-Coordinación dos centros de iniciativas de voluntariado galego nas delegacións provinciais.

-Proporcionar información, asistencia e asesoramento técnico ás entidades locais e demais entidades públicas ou privadas interesadas no desenvolvemento de programas ou proxectos de acción voluntaria.

-Fomentar, por iniciativa propia ou en colaboración con entidades públicas ou privadas, o desenvolvemento de actuacións de voluntariado en áreas

de interese xeral en que non existan este tipo de actuacións.

-Fomentar entre as entidades de acción voluntaria a elaboración de estudos, investigacións e estatísticas sobre o voluntariado en Galicia.

-Planificar e colaborar con entidades, públicas e privadas, no desenvolvemento de accións ou programas educativos, formativos e culturais que faciliten a formación básica e específica do voluntariado, así como a cualificación dos xestores das entidades de acción voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de facilitar a profesionalización dos distintos axentes que actúan neste ámbito.

-Asesoramento, apoio técnico, participación e seguimento das actuacións da Comisión de Arbitraxe do Voluntariado, así como noutros órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente en materia de voluntariado.

-Elaboración e seguimento da execución dos programas e accións previstos no Plan Galego para a Promoción e o Fomento da Acción Voluntaria por parte dos distintos departamentos da Xunta de Galicia e entidades públicas e privadas que obteñan financiamento da Administración autonómica de Galicia.

1.2. Servizo de Promoción e Axudas do Voluntariado.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

-Promover e fomentar a participación da poboación da Comunidade Autónoma de Galicia en actuacións de voluntariado, ben directamente, ben a través das entidades legalmente constituídas para o efecto.

-Promoción, participación e cooperación con entidades ou organismos doutras comunidades autónomas, de ámbito estatal ou internacional para actuacións do voluntariado.

-Desenvolvemento de campañas de difusión e sensibilización á poboación da Comunidade Autónoma de Galicia sobre os programas de acción do voluntariado.

-Tramitación, seguimento e control dos expedientes de subscrición de convenios, concertos ou outras figuras legais de colaboración con entidades de acción voluntaria para a execución e o desenvolvemento de programas e proxectos en materia de voluntariado.

-Promocionar os proxectos de voluntariado social en Galicia mediante a xestión da convocatoria anual de axudas e subvencións dirixidas a entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro.

-Elaboración e xestión de proxectos europeos de política social en relación con áreas de acción voluntaria en Galicia.

-Confección e mantemento do catálogo de recursos do voluntariado e creación e xestión de fondos documentais e bases de datos sobre voluntariado.

-Elaboración de proxectos normativos, informes, estudos e estatísticas referentes aos programas de voluntariado.

-Asesoramento e coordinación do Consello Galego de Voluntariado, exercendo as funcións de secretariado deste.

VII. Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

Artigo 9º

Un. Correspóndelle a elaboración de propostas para a formulación da política da consellería en materia de atención aos maiores e ás persoas discapacitadas. Así, realizará funcións de ordenación, coordinación, planificación e execución dos plans, equipamentos e servizos de atención especializada nas áreas de maiores e discapacidades e o asesoramento, asistencia técnica e a coordinación coas entidades prestadoras de servizos sociais nos devanditos ámbitos, así como a coordinación do funcionamento do Consello Galego das Persoas Maiores e do Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

Así mesmo, correspóndelle formular as propostas no seu ámbito competencial para a elaboración do Plan Galego de Equipamentos e Servizos Sociais, a creación e xestión dos equipamentos, programas e servizos que asuma a Administración autonómica, a implantación e seguimento dos plans de calidade que os afecten, a xestión de concertos, prestacións e axudas establecidas, a supervisión das actuacións das entidades destinadas á atención e promoción de maiores e persoas discapacitadas, a elaboración de propostas de normativa que afecten a estes sectores que considerarán, se é o caso, a participación dos usuarios no financiamento dos servizos de conformidade cos principios de solidariedade e redistribución, o rexistro, autorización, acreditación e inspección de centros e entidades prestadoras de servizos sociais no ámbito dos maiores e persoas discapacitadas, a autorización e xestión do procedemento de inclusión de entidades no programa de cheque asistencial, así como calquera outra función

relativa a materias da súa competencia ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente no eido dos servizos sociais.

En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, e sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral en materia de persoal, xestión económica e orzamentaria, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlle a asistencia técnica e económica necesaria para o desenvolvemento da súa actividade.

Correspóndelle a elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade contará coas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Atención a Persoas Maiores.

É a unidade a que lle corresponde a coordinación e supervisión dos servizos dependentes dela, a xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, servizos e equipamentos de atención especializada ás persoas maiores.

Así mesmo, correspóndelle a coordinación da atención sociosanitaria no que atinxe ao ámbito das competencias da consellería.

Tamén levará a cabo a avaliación da necesidade de recursos e actuacións encamiñadas a cubrir as demandas do colectivo das persoas maiores, o fomento e promoción de actuacións e medidas favorecedoras da plena participación dos maiores na sociedade e da mellora da súa calidade de vida, a fixación dos criterios de aplicación dos baremos para seren beneficiarios dos servizos, a proposta e xestión da creación de programas e recursos, a elaboración das propostas de ordenación e avaliación dos recursos, así como a coordinación do funcionamento do Consello Galego das Persoas Maiores.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Programas para Maiores.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A planificación, a xestión, o seguimento e o control dos servizos e programas dirixidos ao sector das persoas maiores.

-A elaboración, coordinación, seguimento e control dos programas de axudas e subvencións, así como dos convenios con entidades prestadoras de servizos sociais que atinxen ao colectivo das persoas maiores.

-O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, en que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

-A planificación, control e seguimento de todas aquelas accións educativas, formativas e culturais que faciliten a promoción e integración social dos maiores, a súa participación activa e a coordinación cos centros colaboradores en materia de formación permanente de adultos.

-A elaboración de informes e estatísticas, así como a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo.

1.2. Servizo de Coordinación Sociosanitaria.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-Actuar como unidade de coordinación dos programas sociais existentes na consellería con outras áreas de actuación dependentes doutros departamentos, así como a xestión operativa dos recursos sociais susceptibles de colaboraren con outras áreas.

-A elaboración dos informes e estatísticas de resultados dos programas que estean en funcionamento así como propostas que permitan mellorar os resultados das intervencións sociais, en relación coas actuacións desenvolvidas desde outras áreas.

-A coordinación e control de xestión dos centros e servizos competencia desta consellería, así como a elaboración de propostas de xestión operativa de medios humanos e recursos.

-A elaboración, coordinación, seguimento e control dos convenios para a reserva e ocupación de prazas en centros de atención a persoas maiores.

-O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, en que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

-Fixar os criterios de avaliación socioeconómica para establecer o diagnóstico sobre as necesidades dos maiores solicitantes de recursos sociais e definir criterios de seguimento dos beneficiarios que permitan avaliar a idoneidade do servizo ou axuda concedida e a mellora da súa calidade de vida.

2. Subdirección Xeral de Atención a Persoas con Discapacidade.

É a unidade a que lle corresponde a coordinación e supervisión dos servizos dependentes dela, a xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, servizos e equipamentos de atención especializada na área de actuación de discapacidades.

Así mesmo, correspóndelle a elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración social das persoas discapacitadas, así como á promoción da accesibilidade, á rehabilitación, tratamento e á prevención das discapacidades.

Tamén realizará a coordinación dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente, no seu ámbito competencial, e a elaboración e xestión de concertos, convenios, convocatorias de subvencións ou axudas e outras prestacións económicas.

Correspóndelle, ademais, a coordinación do funcionamento do Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programas para Discapacitados.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A preparación, xestión, seguimento e control dos servizos e programas de actuación dirixidos ás persoas con discapacidade e a potenciación e promoción de programas e medidas para a integración social.

-A preparación, coordinación e seguimento das actuacións e axudas establecidas.

-A elaboración, coordinación, seguimento e control dos convenios de prazas coas entidades prestadoras de servizos sociais na área de actuación das persoas con discapacidade.

-O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, en que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

-O estudo de necesidades do sector e a proposta de actuacións e de normativa no ámbito de competencia do servizo.

-A actualización e explotación do censo de discapacitados.

2.2. Servizo de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A preparación, coordinación, seguimento e control dos convenios de investimento en obras e equipamento coas entidades prestadoras de servizos sociais.

-A coordinación e seguimento da área funcional dos centros de atención a persoas con discapacidade dependentes da Administración autonómica.

-O impulso do cumprimento da normativa sobre accesibilidade e supresión de barreiras, así como a proposta de actuacións e de normativa na materia competencia do servizo.

-A promoción da divulgación, información e o estudo da accesibilidade e supresión de barreiras.

-O asesoramento a responsables institucionais, profesionais e entidades implicadas en programas de accesibilidade e supresión de barreiras.

-O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, en que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

-O apoio técnico e administrativo á Comisión Técnica de Accesibilidade e ao Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.

Servizo de Autorización e Inspección de Centros.

Correspóndenlle respecto das entidades, centros e servizos sociais do ámbito competencial da Dirección Xeral as seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes relativos ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais e a autorización, creación, modificación substancial e concesión do permiso de inicio de actividades dos centros de servizos sociais.

-A xestión dos expedientes de inclusión das entidades prestadoras de servizos sociais no programa de atención a persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial.

-Asegurar a calidade das prestacións mediante a verificación do cumprimento das condicións funcionais e materiais dos centros, servizos e programas de servizos sociais.

-O exercicio da función inspectora velando polo cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais e, en especial, polo respecto dos dereitos dos usuarios de servizos sociais, previstos no artigo 34 e seguintes da Lei 4/1993, e levar a cabo a tramitación das iniciativas e reclamacións dos usuarios, así como propoñer a adopción das medidas necesarias para corrixir as deficiencias detectadas.

-Elaborar o plan de inspección dos programas e centros de servizos sociais.

-Coordinar as funcións, en materia de inspección, coas delegacións provinciais para o desenvolvemento do plan de inspección.

-Colaborar cos órganos e entidades competentes en materia de servizos sociais dos diferentes ámbitos territoriais, mediante a elaboración de informes ou a achega de datos para mellorar a regulación, planificación e xestión dos centros sociais.

-Controlar o cumprimento dos niveis de calidade propondo plans de mellora dos servizos e realizando as tarefas de supervisión e auditoría interna do grao de implantación do sistema de calidade en centros de servizos sociais públicos.

VIII. As delegacións provinciais.

Artigo 10º

Un. En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación provincial da Consellería da Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, de acordo co establecido no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, polo que se organiza a Administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos seus órganos territoriais.

Dous. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado/a que, reunindo os requisitos exixidos no Decreto 244/1990, do 18 de abril, asumirá as funcións e competencias que lle atribúe o Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e a demais normativa vixente. Dependerá orgánica e funcionalmente do conselleiro, sen prexuízo das directrices funcionais

que diten os distintos centros directivos da consellería. Exercerá, así mesmo, as funcións e competencias como delegado provincial do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e as atribucións que correspondían á extinta Secretaría Xeral para o Deporte de acordo co disposto nas ordes do 17 de maio de 1983 e do 20 de decembro de 1986, en relación cos procedementos para o rexistro de entidades deportivas e a modificación do rexistro de entidades e clubs.

Artigo 11º

Para o desenvolvemento das súas funcións, as delegacións provinciais contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo.

1. Secretaría da delegación.

Corresponderalle ao/a secretario/a provincial, baixo a autoridade e supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, á tramitación administrativa, xestión de persoal, á elaboración de estatísticas e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado/a, a quen substituirá nas súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade. Así mesmo, corresponderalle a coordinación e control do funcionamento de todos os servizos e centros dependentes da delegación provincial, velando polo cumprimento das instrucións impartidas polo delegado.

2. Servizo de Administración e Contratación.

Corresponderalle a este servizo a elaboración do borrador do anteproxecto do orzamento da delegación e a xestión dos créditos que se lle asignen, así como o desenvolvemento de todas as actuacións inherentes á contratación administrativa cando o delegado/a provincial actúe como órgano de contratación. Así mesmo, desenvolverá funcións de xestión e tramitación dos expedientes nas áreas do Servizo de Promoción e Igualdade do Home e da Muller no ámbito da provincia.

3. Servizo de Familia, Infancia e Menores.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Familia en materia de familia, infancia e menores no respectivo ámbito provincial.

4. Servizo de Xuventude.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Xuventude no respectivo ámbito provincial.

5. Servizo de Deportes.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral para o Deporte no respectivo ámbito provincial.

6. Servizo do Voluntariado.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral do Voluntariado no respectivo ámbito provincial.

7. Servizo do Maior e de Persoas con Discapacidade.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral do Maior e Persoas con Discapacidade no respectivo ámbito provincial.

Artigo 12º

Están adscritos á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, coa composición e funcións que sinalan as súas normas de creación, os seguintes órganos colexiados:

-Comisión Interdepartamental de Xuventude.

-Observatorio Galego da Familia.

-Consello Galego do Voluntariado.

-Comité Galego de Xustiza Deportiva.

- Comisión Galega para a prevención da violencia no deporte.

-Comisión Interinstitucional do Menor.

-Consello Galego das Persoas Maiores.

-Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

-Consello Galego para a promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.

-A Comisión Técnica de Accesibilidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-As competencias en materia de rexistro, de autorización, acreditación e inspección de centros e entidades de servizos sociais, que promovan a igualdade de dereitos e non discriminación entre homes e mulleres, a participación e integración da muller na vida social, cultural, económica e política de Galicia, corresponderanlle ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Segunda.-As competencias que a Lei 3/2000, do voluntariado de Galicia lle atribúe ao Servizo Galego do Voluntariado serán exercidas pola Dirección Xeral do Voluntariado.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados o Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado así como todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido das subdireccións ou servizos existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das devanditas unidades, autorízase a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, por proposta do secretario xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos, con carácter temporal, a postos de inferior nivel, se tratase de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida sen que, en ningún caso, supoña a adscrición, cambio de residencia. Todo

isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Segunda.-Facúltase a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado