DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 21 de xaneiro de 2005 Páx. 1.123

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 4/2005, do 13 de xaneiro, sobre colaboración técnica e financiera da Consellería de Medio Ambiente coas entidades locais en materia de xestión de residuos.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións que en materia de medio ambiente e conservación da natureza se establece nos artigos 27.10, 11, 15 e 30 e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación; neste senso correspóndelle a autorización, vixilancia, inspección e sanción das actividades de produción e xestión de residuos no marco dos plans autonómicos de residuos, tal como se preceptúa no artigo 4.2º da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

Pola súa banda, os concellos son competentes para a xestión dos residuos, nos termos establecidos nas leis 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, 10/1998, do 21 de abril, de residuos e 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia e demais normativa de aplicación.

Un dos principios que rexe a Estratexia Galega de Xestión de Residuos é o de subsidiariedade. Segundo este principio a Xunta de Galicia actuará nos ámbitos que non sexan da súa exclusiva competencia na medida en que os obxectivos da acción pretendida non poidan ser alcanzados de maneira suficiente polos axentes directamente involucrados.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente configúrase como un elemento central para unha adecuada xestión dos residuos en Galicia, cobrando así especial relevancia a súa actividade de fomento coa redacción de proxectos construtivos e a realización das obras correspondentes que garantan a dita xestión na comunidade.

Por tanto, a necesidade de dar adecuada resposta, dun xeito áxil e efectivo, ás demandas que en materia de xestión de residuos teñen as entidades locais promovendo, impulsando e potenciando as actuacións da Xunta de Galicia neste ámbito, determina a de establecer o marco legal que regule a colaboración técnica e financeira para tal fin.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

1. É obxecto desta disposición regular a colaboración técnica e financeira entre a Comunidade

Autónoma e as entidades locais de Galicia para a execución de obras en materia de xestión de residuos, incluída a recuperación de espazos degradados por verteduras.

2. A colaboración levaraa a cabo a Consellería de Medio Ambiente, de acordo co procedemento establecido neste decreto.

Artigo 2º.-Actuacións obxecto de colaboración.

En particular, serán obxecto da colaboración técnica e financeira que se establece neste decreto as seguintes actuacións:

a) A clausura de vertedoiros de residuos sólidos urbanos.

b) A construción de puntos limpos.

c) A construción de infraestruturas ambientais e depósito de refugallos para a xestión de residuos da construción e demolición.

d) A construción de instalacións de contenerización soterrada.

e) Calquera outra obra dirixida á adecuada xestión dos residuos en Galicia en colaboración coas entidades locais.

f) Os proxectos construtivos das obras anteriores.

Artigo 3º.-Administración actuante.

As actuacións comprendidas no ámbito de aplicación deste decreto serán executadas directamente pola Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 4º.-Contía da colaboración financeira.

1. A colaboración financeira da Xunta de Galicia poderá acadar, dependendo das dispoñibilidades orzamentarias, ata un 100% do custo da obra; incluídos os modificados, obras complementarias, revisión de prezos e liquidacións.

2. No suposto de que a porcentaxe da colaboración sexa menor, deberase acreditar no expediente a inclusión nos orzamentos da entidade local interesada da dotación orzamentaria precisa para afrontar a súa parte do investimento.

3. As colaboracións financeiras coas entidades locais que prevexan obrigas de gasto plurianual, ou ben obrigas para un único exercicio por contía superior a 150.000 euros, someteranse á previa autorización do Consello da Xunta de Galicia. Logo de obterse a devandita autorización, a aprobación do gasto corresponderalle ao órgano de contratación da consellería que xestione o crédito.

Artigo 5º.-Solicitude de colaboración.

1. As entidades locais interesadas deberán instar a colaboración técnica e/ou financeira da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para tal efecto dirixirán solicitude ao conselleiro de Medio Ambiente e a presentarán no rexistro xeral da consellería de Medio Ambiente en Santiago de

Compostela ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Na solicitude identificarase con precisión a actuación que se pretende, dentro das enumeradas no artigo 2º, así como a porcentaxe na que se solicita o seu financiamento pola Administración autonómica.

2. Coa solicitude achegarase:

a) Informe xustificativo da necesidade e/ou urxencia de execución das obras.

b) Información sobre os terreos apropiados para a localización, se é o caso, das instalacións obxecto da solicitude e a súa dispoñibilidade.

c) Xustificación económica da porcentaxe na que se solicita o seu financiamento pola Administración autonómica.

d) Calquera outra que se considere necesaria.

3. Cando as solicitudes de colaboración se efectúen conxuntamente por dúas ou máis entidades locais, porque as obras necesarias ás respectivas poboacións resulten técnica ou economicamente mellores empregando infraestruturas comúns, especificarase na solicitude o sistema de xestión conxunta que se adoptará unha vez recibidas as obras, de conformidade co establecido na lexislación de réxime local.

Artigo 6º.-Tramitación das solicitudes.

1. Recibidas as solicitudes, a Consellería de Medio Ambiente examinará o cumprimento dos extremos previstos no artigo anterior e, se é o caso, solicitará o complemento ou corrección da documentación presentada.

En calquera momento da tramitación poderase requirir á entidade solicitante a información complementaria que se considere conveniente en relación coas obras obxecto da solicitude.

2. En función da necesidade e xustificación técnica e económica da solicitude, así como da súa compatibilidade coas previsións da planificación en materia de xestión de residuos, o director xeral competente na materia ditará resolución, debidamente motivada, accedendo total ou parcialmente á colaboración solicitada ou denegándoa.

3. De estimarse a solicitude na súa integridade, na propia resolución ordenarase a redacción do proxecto construtivo correspondente.

No suposto de que a estimación fose parcial, e con carácter previo á continuación do expediente, a entidade local disporá do prazo dun mes, contado a partir da data de notificación da resolución, para aceptar as condicións de colaboración que nela se establezan, achegando certificación do acordo da entidade local que así o acredite.

4. En ningún caso poderá entenderse estimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Obrigas complementarias das entidades locais.

Antes de proceder á licitación das obras, as entidades locais beneficiarias deberán achegar:

a) Certificación acreditativa da posta a disposición, libres de cargas e gravames, dos terreos necesarios para a normal execución das obras, nos termos previstos no artigo 129 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

b) Se é o caso, certificación que acredite a dispoñibilidade orzamentaria nos orzamentos das entidades locais, así como o compromiso de efectuar as achegas correspondentes, a medida que llas requira a Consellería de Medio Ambiente.

c) Renuncia expresa a reter da achega do concello calquera taxa, canon ou imposto de carácter local con motivo das obras.

d) Compromiso de asumir, unha vez recepcionadas as obras e previa comunicación da Consellería de Medio Ambiente a súa explotación, mantemento e conservación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente, para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente