DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2005 Páx. 758

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 5 de xaneiro de 2005 pola que se modifica o modelo de declaración complementaria da taxa por servizos profesionais, polas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estableceu no seu anexo 2, entre outras, as tarifas aplicables pola taxa por servizos profesionais, modalidade administrativo-facultativa nas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza. Nesta tarifa en concreto recóllese a posibilidade de aplicar deducións polos conceptos de persoal auxiliar e axudante e/ou melloras na ordenación do sacrificio, coa finalidade de adecuar a contía da taxa aos custos reais da inspección veterinaria nestes establecementos.

A primeira das deducións, a dedución por persoal auxiliar e axudante, víñase aplicando xa, en casos nos que procedese, coa normativa anterior. Tras a experiencia alcanzada nos últimos anos na xestión destas taxas, constatouse que unha manifesta mellora na xestión dos establecementos de obtención de carnes frescas e carnes de coello e caza (número mínimo de sacrificios diarios, organización e planificación estritas no sacrificio, ausencia de tempos mortos ou intervalos de espera, uniformidade dos animais destinados ao sacrificio) supoñía un aforro considerable no tempo de inspección destas actividades, o que xustificou o establecemento da segunda das deducións, a dedución pola mellora na ordenación do sacrificio.

Para a aplicación destas deducións cumpría o desenvolvemento regulamentario das condicións que determinasen o seu recoñecemento pola Consellería de Sanidade, desenvolvemento que se realizou mediante a orde da Consellería de Sanidade do 8 de xuño de 2004 sobre aplicación de deducións na taxa de inspección e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza.

Por outra banda, os suxeitos pasivos teñen a obriga de autoliquidar a tarifa correspondente polas actuacións habidas en cada un dos trimestres naturais do ano, nos prazos regulamentariamente establecidos e xunto coa autoliquidación deberán presentar unha declaración complementaria debidamente cuberta, que se axustará ao modelo establecido no anexo II da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 30 de xuño de 1992, pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por ser

vizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación.

A posibilidade de que se recoñeza o dereito a aplicar a dedución pola mellora na ordenación do sacrificio fai necesaria a adaptación do modelo sinalado a esta circunstancia.

Por ese motivo e no uso das facultades conferidas pola disposición adicional primeira do Decreto 172/1992, do 26 de xuño, polo que se ditan as normas para a xestión, liquidación e recadación das taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do modelo de declaración complementaria.

Modifícase o modelo de declaración complementaria da taxa por servizos profesionais polas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza contido no anexo II da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación, quedando substituído polo anexo I desta orde.

Disposición transitoria

Os suxeitos pasivos que non teñan o recoñecemento do delegado provincial da Consellería de Sanidade para a dedución por melloras na ordenación do sacrificio poderán seguir empregando os impresos de declaración complementaria que posúan que fosen editados consonte co modelo do anexo II da orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992 anteriormente citada, segundo a modificación establecida pola Orde do 27 de novembro de 2001, pola que se desenvolve o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica e se aproban os diferentes modelos de declaración e de declaración-liquidación, así coma os documentos de ingreso en euros a utilizar para a xestión de tributos propios e cedidos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG e terá efectos desde o 1 de xaneiro do ano 2005.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2005.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda