DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2005 Páx. 575

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 30 de decembro de 2004 pola que se establece e regula o programa de axudas asistenciais individuais a emigrantes galegos para o exercicio de 2005.

A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, evoca o espírito asociativo e solidario dos galegos, que os levou a constituír fóra de Galicia auténticas comunidades que serven de vínculo de unión e comunicación coa súa terra de orixe, recoñecéndolles o dereito a participar da vida social e cultural de Galicia.

O Decreto 274/2004, do 18 de novembro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Emigración, atribúe a esta as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior, e política inmigratoria nacional e estranxeira en Galicia.

No ámbito do exercizo correspondente ao 2005 está previsto publicar unha orde que regule os programas de axudas e subvencións para a promoción asistencial, social, cultural e informativa das comunidades de galegos no exterior, mediante a concesión de subvencións ás entidades galegas que presten servizos sanitarios, asistenciais ou residenciais á colectividade de asociados de orixe galega que carezan de medios económicos.

Cómpre agora darlle continuidade ás liñas de acción que dan resposta ás situacións concretas de necesidade que afectan os galegos residentes no

exterior, co fin de contribuír ao benestar social e a calidade de vida de todos os galegos alí onde se atopen.

A situación xeral da nosa colectividade, que continúa sometida na actualidade ás profundas crises que están a atravesar algúns dos países de asentamento en Iberoamérica, fan aconsellable o establecemento de programas de axudas asistenciais individuais, de carácter social, dirixidas aos propios emigrantes galegos e ás súas familias que se atopen en situación de precariedade económica e carezan de cobertura axeitada para cubrir as súas necesidades básicas.

A inquietude e sensibilidade da comunidade galega manifestase neste exercicio coa aplicación dos créditos que resulten aprobados para este fin no programa 213-A (Accións a favor das comunidades galegas) que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, así como no interese manifestado polas deputacións provinciais de Galicia en colaborar e coordinar, coa Consellería de Emigración, programas que contribúan a mellorar a situación dos seus veciños que residen fóra de Galicia, e en especial, daqueles que sofren dificultades acusadas en determinados países de Iberoamérica, particularmente na Arxentina.

Deste xeito, a Xunta de Galicia e as deputacións provinciais da Coruña, Ourense e Pontevedra, na súa función de apoio ós municipios correspondentes, teñen a previsión

de sumar esforzos financeiros e coordinar políticas atendendo os principios de eficacia e eficiencia dos recursos destinados ao apoio social dos emigrantes, polo que os créditos reservados na aplicación orzamentaria 17.02.213.A.480.0 da Consellería de Emigración para estes fins poderán verse incrementados coas achegas das deputacións provinciais interesadas.

As bases reguladoras destas axudas e a súa convocatoria axústanse ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e ao establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Por todo isto e desde os principios e obxectivos expostos, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Programa de axudas asistenciais individuais a emigrantes galegos.

Artigo 1º.-Obxecto e características.

O obxecto deste programa é a concesión de prestacións económicas directas, individuais, extraordinarias e non periódicas, de carácter social, dirixidas ás persoas de orixe galega e ás súas familias, residentes no estranxeiro, que se atopen en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia como manutención, aloxamento e atención socio-sanitaria.

Estas axudas destinaranse aos países iberoamericanos, debido á súa situación actual e a da nosa comunidade alí residente, aínda que puideran ser atendidos os casos de especial e de grave necesidade sen distinción en canto ao lugar de residencia sempre que esta sexa no estranxeiro.

Artigo 2º.-Requisitos xerais dos solicitantes.

Poderán solicitar estas axudas as persoas de orixe galega que cumpran e acrediten documentalmente, os requisitos xerais que a continuación se sinalan:

2.1. Teren o seu lugar de residencia nos países iberoamericanos ou, nos casos de especial gravidade, en calquera lugar no estranxeiro.

2.2. Careceren de bens e ingresos que permitan o nivel mínimo de subsistencia, computándose todo tipo de rendas incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante a esta, sempre que non cubran as súas necesidades básicas. A comisión de avaliación á que se refire o artigo 12º, fixará, en cada país o limiar máximo de ingresos persoais e familiares, segundo o suposto de axuda que, en calquera caso, serán inferiores ao equivalente ao importe das pensións non contributivas en España referidas ao 2005.

2.3. As axudas asistenciais individuais son incompatibles coa percepción das pensións asistenciais por ancianidade establecidas no Real decreto 728/1993, do 14 de maio, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, en favor dos emigrantes españois, agás nos casos establecidos no número 2 do artigo 4º e no artigo 5º desta orde.

2.4. Residiren en domicilios particulares e non pertenceren a organizacións, comunidades, ou institucións que polas súas regras ou estatutos estean obrigados a prestarlles asistencia.

Ademais dos requisitos anteriores, en cada un dos supostos de axuda previstos no seguinte artigo, os solicitantes terán que cumprir os requisitos específicos que nel se sinalan.

Artigo 3º.-Supostos de axuda e requisitos específicos para naturais de Galicia, menores de 65 anos.

Poderán solicitar estas axudas os naturais de Galicia que cumpran, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, os requisitos xerais previstos no artigo 2º e aqueles específicos que se sinalan para cada un dos seguintes supostos:

3.1. Axudas por invalidez ou enfermidade permanente:

3.1.1. Teren menos de 65 anos de idade, contados á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.2. Encontrarse nunha situación de invalidez ou enfermidade permanente que o incapacite para desenvolver calquera tipo de actividade laboral.

3.2. Axudas para paliar unha situación de paro xeneralizado na unidade familiar:

3.2.1. Seren menores de 65 anos, contados á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.2.2. Estar a unidade familiar en situación de paro xeneralizado, situación que debe de abranguir necesariamente o solicitante e o seu cónxuxe.

Artigo 4º.-Supostos de axudas e requisitos específicos para naturais de Galicia, maiores de 65 anos.

Poderán solicitar estas axudas os naturais de Galicia que cumpran, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, os requisitos xerais previstos no artigo 2º e aqueles específicos que se sinalan para cada un dos seguintes supostos:

4.1. Axudas para a cobertura de medicamentos para enfermidades crónicas ou graves, cando teñan un custo elevado:

4.1.1. Ter cumpridos 65 anos de idade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4.1.2. Padeceren unha enfermidade crónica ou grave, que requira dun tratamento farmacolóxico de custo elevado e careza da correspondente cobertura.

4.2. Axudas para lles facilitar aos emigrantes en situación de dependencia o acceso a coidados de terceiros, con asistencia domiciliaria e atención no

fogar, mediante a correspondente contraprestación económica:

4.2.1. Ter cumpridos 65 anos de idade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4.2.2. Padeceren unha situación de dependencia física ou psíquica que lles faga precisar doutra persoa para realizar as actividades esenciais da vida diaria.

4.2.3. Seren perceptores das pensións asistenciais por ancianidade.

Artigo 5º.-Supostos de axuda e requisitos específicos para naturais de Galicia en casos de infortunio familiar:

Poderán solicitar estas axudas os cabezas de familia naturais de Galicia que cumpran, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, os requisitos xerais previstos no artigo 2º e estean nalgún dos seguintes supostos:

5.1. Estaren o solicitante, cónxuxe ou fillos padecendo unha enfermidade grave con necesidade de atención urxente ou en situación de grande invalidez, incapacidade permanente absoluta ou enfermidade conxénita invalidante e careza da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

5.2. Que teñan sucedidos feitos extraordinarios, de carácter puntual, que afecten gravemente a cobertura da necesidade básica de vivenda tales como inundación, incendio, desaloxo e infravivenda.

Artigo 6º.-Supostos de axuda e requisitos específicos para fillos de galegos.

Poderán solicitar as axudas para paliar situacións de necesidade en casos de grande invalidez, incapacidade permanente absoluta ou enfermidade conxénita invalidante, os fillos de naturais de Galicia que non poden ser atendidos por estes por mor de falecemento e que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 2º e os seguintes específicos:

6.1. Ser orfo de natural de Galicia. No caso de incapacidade poderá presentar a solicitude o seu titor.

6.2. Non posuír cobertura médica e asistencial suficiente.

6.3. Ser menor de 40 anos de idade.

6.4. Estar nalgunha das tres situación seguintes:

-De grande invalidez.

-De incapacidade permanente absoluta.

-Enfermidade conxénita invalidante.

Artigo 7º.-Contía da axuda.

A contía da axuda será dun importe mínimo de trescentos euros. Ademais, nos supostos previstos no artigo 5º, a dita contía será fixada en función da gravidade xustificada da situación, do número de solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8º.-Natureza das axudas.

As axudas teñen carácter persoal e intransferible.

As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias deste exercicio, previstas para esta finalidade.

Artigo 9º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle ao conselleiro de Emigración.

Artigo 10º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Consellería de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia.

Para a presentación telemática das solicitudes os interesados deberán posuír un certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda.

Non obstante, os interesados que non teñan ese certificado dixital e así o desexen, poderán dirixirse aos centros coordinadores que se sinalan a continuación, onde hai persoas habilitadas para o efecto:

-En Arxentina:

Oficina Delegada da Consellería de Emigración no Centro Gallego de Buenos Aires.

-En Brasil:

Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Bahía.

-En Cuba:

Oficina Administradora de Comunidades Galegas. Centro Gallego da Habana.

-En Uruguai:

Casa de Galicia de Montevideo.

Unión de Sociedades Galegas de Montevideo.

-En Venezuela:

-Hermandad Galega de Venezuela en Caracas.

Neste caso, a utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado lle outorga á persoa habilitada do centro coordinador de que se trate para que proceda á remisión da súa solicitude vía telemática. Esa autorización poderase facer constar no modelo de solicitude correspondente a este programa.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 28 de febreiro de 2005 agás as correspondentes ao artigo 5º que poderán presentarse na época do ano na que se produza a continxencia, xunto cun informe do centro, quedando condicionada a súa concesión á existencia de crédito na partida orzamentaria correspondente.

Artigo 11º.-Documentación.

1. Todos os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo modelo normalizado do anexo I desta orde. No caso de que os solicitantes previstos no artigo 6º sexan menores de idade ou incapacitados, asinará a solicitude o pai ou nai ou titor daquel.

No modelo da solicitude inclúese unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas, das distintas administracións públicas competentes.

b) Documentos nos que consten os ingresos do solicitante e de todos os membros da unidade familiar que convivan con el:

-Último recibo de cada xubilación ou pensión percibida incluso as que proveñan doutro país.

-Último recibo de cada salario percibido.

-No caso de traballadores por conta propia ou que realicen traballos esporádicos: declaración xurada de puño e letra na que se indique a orixe dos ingresos e contía anual recibida o ano anterior.

-Imposto inmobiliario ou contribución urbana relativas ás propiedades dos membros da familia do solicitante. Noutro caso, recibo do aluguer.

c) Fotocopia do pasaporte español ou documento de identidade no que consten os seus datos persoais.

d) Outros documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

2. Ademais, para cada caso concreto deberán completar a documentación achegando:

2.1. Para os casos de invalidez ou enfermidade permanente previstos no artigo 3º.1:

a) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo II, realizado polos servizos médicos dunha sociedade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Cando o certificado médico anterior non poida ser expedido pola sociedade galega ou española aludida, poderá admitirse como válido un certificado médico expedido por calquera centro de saúde pública oficial (centros médicos nacionais, provinciais ou municipais) do país de residencia, preferentemente referendado pola dirección médica das ditas sociedades galegas ou españolas, naqueles lugares nos que estas existan. Podería admitirse un certificado médico nun modelo distinto do anexo II, sempre que cumprise o anteriormente

sinalado e del se puidesen extraer obxectivamente os mesmos datos que aparecen no modelo normalizado.

2.2. Para os casos de paro xeneralizado na unidade familiar previstos no artigo 3º.2:

a) Xustificantes da situación de paro, con indicación de se é subsidiado ou non, do cabeza de familia e do seu cónxuxe, así como do resto dos membros que compoñen a unidade familiar e que estean nesa situación.

b) Xustificación de non estar en activo laboramente para os membros da familia que estean nesa situación.

2.3. Para os casos de cobertura de medicamentos para enfermidades crónicas ou graves previstos no artigo 4º.1:

a) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo III, nos mesmos termos que o descrito na alínea 2.1º a) deste mesmo artigo.

b) Xustificación dos gastos mensuais en mendiciñas efectivamente aboados polo solicitante.

2.4. Para os casos de acceso a coidados de terceiros previstos no artigo 4º.2:

a) Documentación que probe que na actualidade é perceptor dunha pensión asistencial por ancianidade recoñecida pola Administración do Estado.

b) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo IV, nos mesmos termos que o descrito na alínea 2.1º a) deste mesmo artigo e outros xustificantes que poidan servir como comprobantes do grao de dependencia de terceiras persoas para o desenvolvemento da súa vida diaria.

2.5. Para os casos de infortunio familiar previstos no artigo 5º:

a) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que o descrito na alínea 2.1º a) deste mesmo artigo para os casos recollidos no artigo 5º.1, e outros xustificantes que poidan servir como comprobantes das circunstancias.

b) Xustificantes que poidan servir como comprobantes das circunstancias recollidas no artigo 5º.2.

2.6. Para os casos que atinxen a orfos de natural de Galicia previstos no artigo 6º:

a) Documentación xustificativa da súa condición de orfo de natural de Galicia.

b) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo VI, nos mesmos termos que o descrito na alínea 2.1º a) deste mesmo artigo e outros xustificantes que poidan servir como comprobantes das situacións descritas no artigo 6º.4.

Artigo 12º.-Tramitación.

Os centros galegos poderán comprobar que as solitudes estean completas e correctamente cubertas, coordinando cos solicitantes o seu envío.

En cada un dos países en que existan centros coordinadores a Consellería de Emigración poderá constituír unha comisión, para a que nomeará un representante na persoa dun funcionario e na cal estarán, así mesmo, representados os centros galegos en función do número de solicitudes presentadas baixo o seu abeiro polos residentes na súa área de influencia e o seu peso específico dentro da colectividade galega. Así mesmo, poderá asistir un representante do consello de residentes correspondente á demarcación en que se celebra a comisión, preferentemente galego, por razóns de coñecemento e integración na comunidade galega asentada nese país e, polos mesmos motivos, preferiblemente pertencente e representante dalgún dos centros constituíntes da comisión.

De constituírse, a comisión avaliadora reunirase dentro do prazo de 60 días contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación de instancias, e levantará acta da relación provisional de persoas seleccionadas, que terá valor de proposta de selección e se expoñerá ao público nos taboleiros de anuncios dos centros durante sete días naturais. Durante este período os interesados poderán presentar as correspondentes reclamacións e o centro coordinador poderá pedirlles aos preseleccionados canta documentación coide oportuna para comprobar a veracidade dos datos citados nas solicitudes. No oitavo día natural, o centro coordinador elevará informe e, se é o caso, a proposta de modificacións xunto coa oportuna documentación xustificativa e informe do centro no que foi presentada a correspondente solicitude, á Consellería de Emigración que, despois dos trámites legais oportunos, comunicará a resolución aprobatoria aos interesados e aos centros coordinadores, que se expoñerá

publicamente nos taboleiros de anuncios.

De non constituírse a dita comisión, os centros coordinadores deberanlle remitir á Consellería de Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo de 5 días a partir do remate do prazo de presentación.

Artigo 13º.-Criterios de valoración.

Tendo en conta o crédito dispoñible para este programa elaborarase a relación provisional de persoas seleccionadas, aplicando os criterios e a gradación deste que a continuación se sinalan:

1. No caso do artigo 3º.1:

a) Grao de autonomía: autoválido ou con dependencia de terceiros para as súas necesidades básicas.

b) Ingresos económicos: insuficientes ou moi insuficientes.

c) Gastos médico/farmacéuticos: normais ou altos.

2. No caso do artigo 3º.2:

a) Incidencia de paro en relación co número de membros da unidade familiar: alto ou moi alto.

b) Ingresos económicos: insuficientes ou moi insuficientes.

c) Idade do solicitante: media ou alta.

3. No caso do artigo 4º.1.

a) Gasto farmaceutico: elevados ou moi elevados.

b) Ingresos económicos: insuficientes ou moi insuficientes.

c) Idade do solicitante: avanzada ou moi avanzada.

4. No caso do artigo 4º.2:

a) Grao de dependencia de terceiros: media ou alta.

b) Ingresos económicos: insuficientes ou moi insuficientes.

c) Idade do solicitante: avanzada ou moi avanzada.

5. No caso do artigo 5º:

a) Grao de infortunio: alto ou moi alto.

b) Ingresos económicos: insuficientes ou moi insuficientes.

c) Avaliación da necesidade: alta ou moi alta.

6. No caso do artigo 6º:

a) Gravidade da situación da enfermidade/incapacidade/invalidez: media ou alta.

b) Ingresos económicos: insuficientes ou moi insuficientes.

c) Grao de dependencia de terceiros: media ou alta.

Para os efectos da gradación dos criterios sinalados neste artigo deberán terse en conta os informes socio ambientais elaborados polos traballadores sociais realizados a través de entidades asistenciais galegas e españolas e outros informes realizados, de ser o caso, para o desenvolvemento de programas asistenciais.

Artigo 14º.-Resolución.

1. Dada a especificidade do programa e para unha maior operatividade e eficacia, delégase no director xeral de Emigración da Consellería de Emigración a resolución da concesión ou denegación das axudas que se convocan por esta orde.

2. As resolucións seranlles notificadas aos interesados, debendo ser sempre motivadas.

3. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezarán a contar desde a data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán endenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio aministrativo, de acordo co establecido na Lei 28/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios de axudas e subvencións correspondentes aos programas convocados por esta orde quedan obrigados a:

-Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral de aplicación ás axudas de subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar a entidade concedente e as de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e os procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 16º.-Modificación da resolución, concesión e revogación.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Consellería de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as que se solicitou a axuda, podendo a consellería adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponde.

Procederá a revogación das axudas, así como o reintegro total o parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta orde.

Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean a disposición da Consellería de Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas ás que van dirixidos os programas regulados nesta orde, así como as entidades citadas nela, prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

Segunda.-A Consellería de Emigración poderá requririr en todo momento a documentación orixinal ou copia compulsada que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para as axudas previstas nesta orde.

Terceira.-Facúltase a Dirección Xeral de Emigración da Consellería de Emigración, sempre que a natureza e tramitación orzamentaria o permitan, para ampliar os prazos sinalados nesta orde mediante resolución, sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Cuarta.-De conformidade coa Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto, non se comunicará resolución de concesión aos beneficiarios ata que resultaren aprobados os créditos do programa 213-A (Accións a favor das comunidades galegas) que amparen o gasto correspondente. Os citados créditos figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comundiade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Quinta.-As axudas precisas para a realización deste programa concederase con cargo á aplicación orzamentaria 17.02.213-A.480.0.-Subvencións dedicadas ao cumprimento da Lei 4/1983. O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de 800.000 euros. O citado importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que poidan producirse na devandita aplicación ou ben por xeracións de crédito orixinadas por achegas das deputacións provinciais de Galicia que teñan por finalidade a atención socio-sanitaria de galegos residentes en Iberoamerica.

A concesión das axudas estará sempre condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na referida aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Emigración da Consellería de Emigración para ditar as resolucións que tecnicamente sexan necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2004.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA