DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2005 Páx. 567

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 30 de decembro de 2004 pola que se regulan programas de axudas e subvencións de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2005.

A Consellería de Emigración é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior e a política inmigratoria nacional e estranxeira en Galicia.

En execución da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, procede, a través desta orde, establecer o marco normativo para o que se deberán de axustar no exercicio de 2005 as axudas e subvencións que posibiliten ás nosas comunidades galegas a actualización, adaptación e modernización das súas infraestruturas e locais, co fin de optimizar a prestación de servizos asistenciais, sanitarios, sociais, culturais, deportivos, etc. que estatutariamente lles son propios e que contribúen á cobertura xeral de centos de miles de galegos residentes no exterior que participan da vida asociativa destas comunidades, ou da actividade que estas realizan.

Para acadar a modernización das citadas estruturas asociativas e a súa adaptación ás novas circunstancias polas que atravesa a emigración galega, establécense medidas de impulso para o axeitamento de estruturas e medios acordes coas necesidades de cooperación e integración de esforzos, que contribúan no futuro a ase

gurar a presenza, os servizos, o patrimonio e a forza na proxección cultural e identidade propia da nosa comunidade galega no exterior.

Terán a consideración de prioritarios aqueles proxectos que supoñan unha integración de tipo funcional ou de carácter xurídico entre distintas comunidades galegas, e que estean orientados á mellora da atención aos galegos residentes nunha área xeográfica determinada, evitando a dispersión e fragmentación na prestación de servizos e na aplicación dos recursos dispoñibles.

O obxectivo esencial destas subvencións será atender os colectivos máis necesitados ou de maior idade dentro da nosa poboación emigrante, en especial no que se refire a certas áreas xeográficas e a países en que as comunidades galegas posúen instalacións de servizos sanitarios e asistenciais dirixidas ás persoas de maior idade. Sen embargo, para lograr un fortalecemento da galeguidade universal é preciso a integración de xente nova de primeira, segunda e terceira xeración na vida asociativa da Galicia exterior, como elemento de pervivencia do denominado terceiro ámbito que consideramos unha oportunidade única para Galicia.

Establécense especificamente axudas para equipamento das comunidades con medios avanzados de intercomunicación e informatización, que serán completados coa entrada en funcionamento dun portal da emigración interactivo en internet que integre e ofreza novos servizos ás comunidades galegas no exterior.

De igual xeito, aténdense os proxectos de remodelación e ampliación, así como a modernización estru

tural, a renovación de equipamentos, o incremento de medios instrumentais, a incorporación de novas tecnoloxías e, conforme a exixencia dos tempos, a dotación de sistemas de información e de comunicación axustados ás técnicas vixentes. Así mesmo, require axuda e apoio a promoción polas comunidades galegas de novos proxectos, especialmente de carácter asistencial.

As bases reguladoras destas axudas e subvencións e a súa convocatoria axústanse ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Programa de axudas a entidades asociativas de

emigrantes galegos no exterior para a

rehabilitación de instalacións e para a

promoción de novos proxectos

Capítulo I

Obxecto e finalidade das axudas

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é contribuir á mellora das instalacións das comunidades galegas no exterior, mediante a concesión de axudas destinadas ao financiamento, en todo ou en parte, dos investimentos que estas realicen en obras de rehabilitación ou para a promoción de novos proxectos, preferentemente de carácter asistencial, durante o exercicio de 2005.

Artigo 2º.-Finalidade das axudas.

De acordo co obxecto, a finalidade destas subvencións é a seguinte:

1. Prestar axuda ás comunidades galegas que posúan instalacións físicas propias para o seu necesario mantemento ou rehabilitación. As axudas dedicaranse a conseguir a mellora, conservación ou acondicionamento das instalacións das entidades galegas para a mellor prestación dos seus servizos asistenciais, sociais, culturais, educativos, deportivos, etc. destinados aos seus asociados coidando, se é o caso, que atraian a atención dos máis novos e contribúan á súa integración e identificación coas entidades, propiciándolles un auténtico sentimento de pertenza á propia institución.

2. Prestar axuda ás comunidades galegas que teñan instalacións físicas propias e que fagan investimentos para proporcionar aos seus socios prestacións socioculturais ou deportivas atractivas para a mocidade.

3. Prestar axuda ás entidades que carezan de instalacións físicas propias e non teñan posibilidade de afrontar a súa adquisición, pero que necesiten realizar obras imprescindibles de adecuación nos locais que ocupan.

4. Prestar axuda á promoción de novos proxectos, preferentemente de carácter asistencial ou de asistencia social, tales como residencias, centros hospitalarios, cen

tros de día, novos servizos, etc., que sexan promovidos polas comunidades galegas do exterior nos seus lugares de asentamento para a atención dos seus asociados.

5. Prestar axudas ás entidades galegas que atenden especificamente aos maiores, para que poidan acondicionar locais dentro das súas instalacións, co obxectivo de habilitar fogares diúrnos, con servizo de cafetería e comedor, onde os galegos emigrantes de maior idade poidan realizar actividades de convivencia, de terapia ocupacional ou de carácter lúdico, recreativo ou cultural.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 4º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle ao conselleiro de Emigración.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente, en concreto á Consellería de Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 28 de febreiro de 2005.

Artigo 6º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo I desta orde, e poderán ir acompañadas de follas adicionais para o desenvolvemento dos puntos que se consideren necesarios, así como da seguinte documentación:

a) Proxecto ou memoria descritiva das obras que se van realizar, onde figure, ademais, a xustificación dos puntos recollidos nas distintas alíneas do artigo 7º desta orde, en canto á súa incidencia nos servizos que as entidades solicitantes veñen prestando á comunidade.

b) Orzamento detallado do custo das obras para as que se solicita a axuda.

c) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto para o que se solicita a axuda, das distintas administracións públicas competentes ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

d) De solicitar o pagamento por transferencia, certificación da entidade bancaria na que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose achegada con anterioridade ou se producise algún cambio.

e) Fotocopia do NIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, CADASTRO, ...) sempre que non fose achegado con anterioridade.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías, etc.).

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

A Consellería de Emigración avaliará as solicitudes presentadas en función dos criterios de valoración e gradación destes de acordo coa seguinte orde de prioridades:

1. Na valoración de necesidades das actuacións propostas consideraranse prioritarios os proxectos presentados que teñan como finalidade xustificada a integración institucional ou funcional de medios entre distintas comunidades galegas a favor dunha mellor atención do conxunto dos galegos da súa área, evitando a dispersión de medios e recursos na prestación de servizos á comunidade.

2. Os servizos destinados pola entidade galega a asociados e emigrantes galegos en xeral durante os tres últimos exercicios en función da súa natureza socio-asistencial, de integración da xuventude, cultural e asociativa, por esta orde.

3. Finalidade social da acción e número previsto de beneficiarios en relación co orzamento total que supón a actuación de rehabilitación ou o novo proxecto que se promove.

4. Situación xurídica das instalacións, locais ou edificios en que se vai realizar o investimento, atendendo o réxime de utilización polos centros, como propietarios ou arrendatarios.

Artigo 8º.-Resolución.

1. As resolucións serán ditadas polo órgano competente e notificadas aos interesados, e deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir

do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.

1. A acción subvencionada deberá ser executada durante o ano 2005.

2. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, as entidades beneficiarias de axudas deberán remitirlle á Consellería de Emigración, dentro do exercicio orzamentario, a seguinte documentación xustificativa:

a) Certificación do secretario da entidade beneficiaria, co visto e prace do seu presidente, en que conste a descrición das obras realizadas en execución do proxecto para o que se concedeu a subvención -mellora, conservación, acondicionamento de instalacións, promoción de novos proxectos, etc. e o importe investido na moeda do país no que estea situada a entidade, así como a súa equivalencia en euros, de ser o caso.

b) Factura ou facturas acreditativas dos gastos realizados pola entidade na execución das obras subvencionadas. Estas facturas deberán presentarse ben en documento orixinal, ou ben en fotocopia debidamente cotexada polo secretario da entidade beneficiaria da subvención.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas -tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución- para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Para as entidades radicadas en España, previamente ao cobramento do importe da axuda deberase acreditar que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias coa comunidade autónoma, e estatais, se for o caso, así como coa Seguridade Social, de conformidade co establecido no artigo 78.4º da Lei de réximen financeiro e orzamentario de Galicia.

4. Unha vez resolto o expediente, poderanse efectuar pagamentos parciais ou ben autorizarse anticipos de pagamentos ata a contía máxima prevista no artigo 29.5º da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e para subvencións de capital no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo cos requisitos que neles se establecen. O resto do importe librarase no momento da completa xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda e demais condicións exixidas nesta orde.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios de axudas e subvencións correspondentes aos programas convocados por esta orde quedan obrigados a:

-Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos

poida efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

-Se, por calquera motivo, a actuación programada non se puidese realizar, deberáselle comunicar á Consellería de Emigración, que poderá dispoñer do citado crédito para subvencionar proxectos inicialmente non atendidos ou aumentar a axuda doutros subvencionados parcialmente.

-As entidades beneficiarias de axudas ou subvencións recollidas nesta orde quedarán obrigadas á difusión do cofinanciamento por parte da Consellería de Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión e revogación

As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Consellería de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das obras subvencionadas, podendo a consellería adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

TÍTULO II

Programa de axudas para entidades asociativas de

emigrantes galegos no exterior para a mellora de

dotacións e equipamentos

Capítulo I

Obxecto e finalidade das axudas

Artigo 12º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é contribuir á mellora das dotacións e equipamentos das entidades de emigrantes galegos no exterior, mediante a concesión de axudas destinadas ao financiamento, en todo ou en parte, dos investimentos que estas realicen con destino a:

a) Dotación de mobiliario e equipamentos que contribúan a mellorar as condicións asistenciais, culturais, educativas, etc., en beneficio dos seus asociados galegos.

b) Adquisición de equipamentos tecnolóxicos que contribúan a mellorar as súas comunicacións das entidades galegas con Galicia e entre elas mesmas, posibilitando un eficiente fluxo de información. Tamén se apoiará a axilización da xestión interna das entidades coa dotación de equipamentos informáticos.

c) Adquisición de instrumentos musicais e material necesario para mellorar o equipamento dos seus grupos de folclore.

Artigo 13º.-Finalidade das axudas.

A finalidade destas axudas é a seguinte:

1. Apoiar as entidades que teñan patrimonio propio e que desenvolvan actividades socio-asistenciais des

tinadas á poboación de maior idade e menos recursos. Estas axudas destinaranse, fundamentalmente, á adquisición de equipamentos tecnolóxicos de carácter sanitario.

2. Facer realmente efectivos os dereitos de información e comunicación que lles concede ás comunidades galegas a Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade:

-Mediante o apoio económico na adquisición de medios actualizados que melloren a comunicación das comunidades galegas entre estas e con Galicia.

-Coa axuda para a adquisición de equipamentos audiovisuais polas comunidades galegas que posibiliten actividades educativas e culturais aos seus asociados galegos. Inclúese especialmente neste punto a adquisición e instalación nos centros de sistemas de equipamentos de comunicación en liña e de videoconferencias así como de recepción vía satélite, antenas, etc., que permitan a transmisión aos seus asociados dos programas de radio e televisión españois destinados ou abertos ao exterior.

-Subvencionando a adquisición de equipamentos informáticos polas entidades galegas coa finalidade de modernizar a súa xestión interna, a conexión á Internet e a comunicación por correo electrónico, permitindo, así mesmo, o acceso a bases de datos que posibiliten o coñecemento en xeral, e o achegamento e difusión da realidade de Galicia en particular.

-Subvencionando os investimentos de carácter inmaterial e especificamente destinados á creación de páxinas web que permitan unha maior información e acceso aos servizos da entidade.

3. Apoiar as comunidades galegas que necesitan dotar as súas sedes de equipamentos, mobiliario, equipamentos tecnolóxicos, etc, ou aos seus grupos culturais de instrumentos musicais, vestiario ou material, para atender os seus propios fins mediante a realización de actividades asistenciais, educativas, culturais e sociais.

Artigo 14º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as entidades que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 15º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle ao conselleiro de Emigración.

Artigo 16º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente, en concreto á Consellería de Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 28 de febreiro de 2005.

Artigo 17º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo II desta orde, e poderán ir acompañadas de follas adicionais para o desenvolvemento dos puntos que se consideren necesarios, así como da seguinte documentación:

a) Memoria na que se fagan constar os motivos ou a necesidade dos equipamentos.

Nos supostos das alíneas a) e b) do artigo 12º deste programa, as solicitudes de axuda por un importe do gasto superior a 3.000 euros, acompañaranse necesariamente do orzamento ou orzamentos correspondentes realizados polos provedores aos que se prevé adquirir os equipamentos obxecto de subvención.

b) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para as adquisicións para as que se solicita a axuda das distintas administracións públicas competentes, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

c) De solicitar o pagamento por transferencia, certificación da entidade bancaria na que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose achegada con anterioridade ou se producise algún cambio.

d) Fotocopia do NIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, CADASTRO, ...) sempre que non fose achegado con anterioridade.

Artigo 18º.-Criterios de valoración.

A Consellería de Emigración avaliará as solicitudes presentadas en función dos criterios de valoración e gradación dos mesmos de acordo coa seguinte orde de prioridades:

1. Para as axudas previstas nas alíneas a) e b) do artigo 12º, finalidade social da actuación programada e número previsto de beneficiarios directos en relación cos servizos socio-asistenciais, de integración da xuventude, culturais e asociativos que vén prestando a entidade.

2. No suposto da alínea c) do artigo 12º, número de socios da entidade solicitante e de compoñentes do grupo.

3. Orzamento total que supoñan os equipamentos que se pretenden adquirir.

Artigo 19º.-Resolución.

1. As resolucións serán ditadas polo órgano competente e notificadas aos interesados, debendo ser sempre motivadas.

2. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 20º.-Xustificación e pagamento.

1. Os equipamentos subvencionados deberán ser adquiridos durante o ano 2005.

2. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, as entidades beneficiarias de axudas deberán remitirlle á Consellería de Emigración, antes do remate do exercicio orzamentario, a seguinte documentación xustificativa:

a) Certificación do secretario da entidade beneficiaria, co visto e prace do seu presidente, na que consten as adquisicións realizadas de equipamentos tecnolóxicos de carácter sanitario, de comunicación, de informática, de carácter inmaterial destinadas á creación de páxinas web, de moblaxe, etc. en execución do previsto na solicitude de subvención, así como o importe investido, na moeda do país en que estea situada a entidade, e a súa equivalencia en euros, se for o caso.

b) Factura ou facturas acreditativas dos gastos realizados pola entidade referidas ás adquisicións efectuadas en execución da finalidade para a que se concedeu a subvención. Estas facturas deberán presentarse ben en documento orixinal ou ben en fotocopia debidamente cotexada polo secretario da entidade beneficiaria da subvención.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas -tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución-para a adquisición dos mesmos equipamentos, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Para as entidades radicadas en España, previamente ao cobramento do importe da axuda deberase acreditar que o beneficiario se atopa ao día nas súas obrigas tributarias coa comunidade autónoma, e estatais, se for o caso, e coa Seguridade Social, de conformidade co establecido no artigo 78.4º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

4. Unha vez resolto o expediente, poderanse efectuar pagamentos parciais ou ben autorizarse anticipos de pagamentos ata a contía máxima prevista no artigo 29.5º da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e para subvencións de capital no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo cos requisitos que neles se establecen. O resto do importe librarase no momento da completa xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda e demais condicións exixidas na presente orde.

Artigo 21º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios de axudas e subvencións correspondentes aos programas convocados pola presente orde quedan obrigados a:

-Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

-Se por calquera motivo a actuación programada non se puidese realizar, deberase comunicar á Consellería de Emigración, que poderá dispoñer do citado crédito para subvencionar proxectos inicialmente non atendidos ou aumentar a axuda doutros subvencionados parcialmente.

-As entidades beneficiarias de axudas ou subvencións recollidas nesta orde quedarán obrigadas á difusión do cofinanciamento por parte da Consellería de Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 22º.-Modificación da resolución de concesión e revogación.

As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Consellería de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a adquisición dos equipamentos subvencionados, podendo a consellería adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta orde.

Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades ás que van dirixidos os programas regulados nesta orde prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

Segunda.-A Consellería de Emigración poderá requirir en todo momento a documentación orixinal ou copia compulsada que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para as diferentes axudas previstas nesta orde.

Terceira.-O conselleiro de Emigración poderá, sempre que a natureza e tramitación orzamentaria o permitan, ampliar os prazos sinalados na presente orde mediante resolución, sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros. Esta ampliación non poderá exceder da metade dos prazos consignados nesta orde.

Cuarta.-De conformidade coa Orde do 11 de febreiro de 1998 da Consellería de Economía e Facenda, sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto, non se lles comunicará resolución de concesión aos beneficiarios ata que resulten aprobados os créditos dos programa 213-A (Accións en favor das comunidades galegas) que amparen o gasto correspondente. Os citados créditos figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Quinta.-As subvencións recollidas nos programas a que se refire a presente orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 17.02.213A.780.0.-Dotación e rehabilitación de centros. O crédito inicialmente destinado para estas finalidades é de 1.954.733 A sen prexuízo das modificacións que legalmente poidan efectuarse ao longo do exercicio.

A concesión das axudas e subvencións estará sempre condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na referida aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

As subvencións concedidas ao amparo desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidera ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levará a cabo o beneficiario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Emigración da Consellería de Emigración para ditar as resolucións que tecnicamente sexan necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2004.

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración