DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2005 Páx. 551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 4 de xaneiro de 2005 pola que se modifica a do 5 de xuño de 2003, que establece un programa de fomento da inserción laboral das mullerse vítimas de violencia doméstica.

A Orde do 5 de xuño de 2003 pola que se establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia doméstica establece nos artigos 1º.2 a) e 9º.3, a necesidade de que a contratación dos beneficiarios do programa no marco dos programas de cooperación se realice a través do contrato temporal de inserción, nos termos establecidos no artigo 15.1º d) do Estatuto dos traballadores (ET).

A entrada en vigor, o pasado día 23 de xullo de 2004, da Orde TAS/2435/2004, do 20 de xullo, supón excepcionar a utilización do contrato de inserción en determinados programas públicos de mellora da empregabilidade, entre os cales se atopan os programas de cooperación que xestiona a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Así mesmo, como consecuencia da implantación da orde de protección, que crea un título habilitante para acceder ás distintas medidas de asistencia social previstas para este colectivo, entre as que esta incluído este programa da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, recoñeceuse a devandita orde de protección como único medio necesario para acreditar a existencia dos malos tratos.

Como queira que estamos ante un programa especial polo colectivo a que vai dirixido, a experiencia acumulada desde a súa entrada en vigor aconsella necesario que, ademais da orde de protección como medio de acreditar a problemática social destas mulleres, se habilite calquera outra decisión xudicial que poida determinar, de ser o caso, a súa inclusión no programa. Así mesmo, co fin de lles poder ofrecer as medidas máis axeitadas a estas mulleres, a lóxica impón a solicitude do correspondente informe dos servizos sociais, por seren os que, ao atoparse máis preto destas mulleres, coñecen mellor a súa problemática social.

Á vista do anterior, resulta conveniente proceder á adaptación da normativa autonómica e, en concreto, a modificación da Orde do 5 de xuño de 2003, pola

que se establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia doméstica, no sentido exposto.

Con base no exposto, informado o Comité Autonómico de Emprego, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícanse os artigos 1º.2 a), 2º, 3º, 4º.1, 9º e o anexo I da Orde do 5 de xuño de 2003, pola que se establece un programa de inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica, que quedan redactados do seguinte xeito:

«Artigo 1º.2 a).

Para conseguir o antedito obxectivo gozarán de prioridade e outorgaránselles incentivos adicionais, de acordo co seguinte:

a) Preferencia no acceso aos programas:

-De mellora da empregabilidade, en concreto, aos servizos de orientación profesional e aos cursos de formación ocupacional.

-Aos mixtos de formación-emprego, a través da súa participación en escolas obradoiro, casas de oficios ou obradoiros de emprego.

-Aos de cooperación ou experienciais, a través dun contrato temporal de 12 meses de duración.

Artigo 2º.-Beneficiarias: requisitos.

1. Poderán ser beneficiarias do programa as mulleres galegas vítimas de violencia doméstica que estean desempregadas.

2. As mulleres que desexen incorporarse ao programa deberán acreditar a súa problemática social a través da presentación de copia da orde de protección ditada por órgano xudicial competente, ao abeiro do disposto na Lei 27/2003, do 31 de xullo.

3. Non obstante o anterior, poderán ser beneficiarias do programa aquelas mulleres que, cumprindo os requisitos establecidos nos dous primeiros parágrafos, non

estean amparadas por unha orde de protección pero acrediten suficientemente a súa problemática social, ao xuízo do órgano competente para instruír o procedemento, xuntando ao expediente auto ou sentenza ditada por órgano xudicial competente.

Artigo 3º

1. As solicitudes deberán formularse no modelo que se publica como anexo a esta orde, dirixidas ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, acompañadas dos seguintes documentos:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Copia compulsada da orde de protección ditada por órgano xudicial competente, ao abeiro do disposto na Lei 27/2003, do 31 de xullo, ou, no seu defecto, copia compulsada do auto ou sentenza ditada por órgano xudicial competente.

c) Informe emitido por técnicos dos servizos sociais.

2. Na solicitude, as interesadas deberán facer constar necesariamente os seguintes extremos:

a) As medidas, por orde de preferencia numérica, previstas no artigo 1º.2 a) desta orde, ás cales desexan acollerse.

b) O concello en que desexarían desenvolver a súa actividade laboral.

c) O nivel de estudos que posúen (estudos primairos, bacharelato, formación profesional...).

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso exixidos ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá a solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Artigo 4º.-Incorporación das beneficiarias.

1. Unha vez instruído o expediente de incorporación ao programa polas respectivas delegacións provinciais, dirixirase a cada interesada cara aos servizos de orientación profesional e elevarase a proposta de incorporación á Dirección Xeral de Promoción do Emprego ou de Formación e Colocación, en función das medidas ás cales as solicitantes desexen acollerse.

Artigo 9º

1. Ás beneficiarias que se incorporen a través dos programas de cooperación ofertaráselles, logo de inscrición como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, un contrato de traballo nunha categoría profesional adecuada á súa titulación académica, por un período de 12 meses, que se poderá desenvolver en calquera concello da Comunidade Autónoma de Galicia, á elección das propias beneficiarias.

2. A selección das beneficiarias será realizada, na forma e co procedemento que se estableza por resolución da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, polas entidades subvencionadas, mediante a presentación de ofertas especiais ante o Servizo Público de Emprego.

3. Con independencia da modalidade de contratación utilizada, as beneficiarias que consonte o establecido no parágrafo anterior resulten contratadas, percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica se o centro de traballo estivese situado nun concello distinto ao do seu domicilio, agás que as cabeceiras destes disten menos de 25 quilómetros.

4. As beneficiarias do programa poderán ser contratadas por entidades locais, por órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, ao abeiro do disposto nas respectivas ordes polas que se establecen as axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación, coas seguintes especificidades:

-As subvencións para a contratación das beneficiarias do programa deberán ser solicitadas polas propias entidades contratantes, por iniciativa propia ou por instancia da propia beneficiaria ou da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-A presentación de solicitudes de subvencións para a contratación de beneficiarias do programa poderá realizarse fóra do prazo previsto nas respectivas ordes reguladoras, en función de cando se produzan os malos tratos e a incorporación das beneficiarias.

-Na resolución de concesión da subvención farase constar, expresamente, a súa finalidade, isto é, a contratación de beneficiarias do programa.

Disposición transitoria

As solicitudes de incorporación ao programa presentadas antes da entrada en vigor desta orde, sempre que non acadasen a fase de proposta de resolución, poderanse resolver de conformidade, ben co disposto na normativa vixente no momento da súa solicitude, ben segundo as estipulacións contidas nesta orde, atendendo, en todo caso, á situación que máis favoreza a muller que desexa acollerese ao programa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os directores xerais de Promoción do Emprego e de Formación e Colocación para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais