DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2005 Páx. 540

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de decembro de 2004 pola que se regulan axudas destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, recolle, no seu artigo 74, a obriga de incluír anualmente na redacción dos seus orzamentos as contías necesarias para atender os gastos derivados do exercicio das competencias que o artigo 26 desta lei lle atribúe á Administración autonómica. Os artigos 75, 76 e 77 establecen a obrigatoriedade por parte das deputacións e concellos de incluír nos seus orzamentos unha partida específica destinada ao mantemento dos servizos sociais.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, de conformidade co establecido no Decreto 215/2004, do 23 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería, é o órgano da Administración autonómica ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de política de servizos sociais, sen prexuízo das competencias expresamente atribuídas a outras consellerías.

Esta orde regula a convocatoria de axudas e subvencións ás corporacións locais para o financiamento de programas sociais de atención primaria incluídos no Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que conceda a Administración autonómica e no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a esta orde, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a

tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, permite iniciar a tramitación de expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta, quedando a súa eficacia sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 215/2004, do 23 de setembro, e o Decreto 212/2003, do 3 de abril

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas ás corporacións locais para o financiamento total ou parcial de servizos sociais.

Artigo 2º.-Servizos sociais subvencionables.

Terán o carácter de subvencionables os servizos sociais de atención primaria que desenvolvan programas e presten axudas favorecedoras da participación, integración e benestar social das persoas ou grupos, dentro do medio máis próximo ao usuario e ao seu contorno. Os ditos servizos sociais comunitarios prestaranse nos seguintes equipamentos:

-Centros de servizos sociais.

-Centros de acollida.

-Albergues.

-Outros equipamentos de apoio ao traballo social de atención primaria.

Dentro das actividades que se desenvolvan nos centros de servizos sociais ou servizos sociais de base, serán obxecto de financiamento prioritario os seguintes programas básicos de actuación: información, orientación e asesoramento; de atención no fogar e apoio á unidade de convivencia; de prevención e inserción social; de aloxamento alternativo; de fomento de cooperación social e todos aqueles que se poidan levar a cabo desde o primeiro nivel de atención.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar as axudas que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou teñan a titularidade dos centros ou servizos que se mencionan no artigo anterior.

Artigo 4º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son as seguintes:

a) De mantemento de servizos sociais de atención primaria.

b) De realización de programas básicos de actuación de carácter comunitario, destinados á poboación en xeral.

c) De investimento en equipamentos de atención primaria de servizos sociais.

-Adquisición de inmobles.

-Construción de nova planta.

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Equipamento e mobiliario.

Artigo 5º.-Prórroga.

As subvencións outorgadas aos concellos para o mantemento de servizos sociais de atención primaria durante o exercicio de 2004 considéranse prorrogadas para o exercicio de 2005 conforme os seguintes termos:

a) A contía referente aos gastos de persoal calcularase en función da concedida para o ano 2004, cun incremento igual ao sinalado no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005, respecto ao persoal ao seu servizo.

b) A contía do programa de axuda no fogar será a que resulte de multiplicar 901,52 euros polo número de unidades familiares atendidas e xustificadas no ano 2004, sen que en ningún caso o importe resultante supere o da subvención concedida no pasado exercicio para esta finalidade.

Será condición indispensable para a concesión das prórrogas correspondentes ás novas concesións de usuarios de axuda no fogar no exercicio 2004, de acordo coa orde que regulou estas axudas nese exercicio económico, dar conta do cumprimento do programa nunha relación específica que se incluirá na avaliación xustificativa de execución de programas realizados no ano 2004.

c) Para a concesión da axuda no exercicio 2005 será necesaria a presentación, con carácter previo, da avaliación do ano 2004, segundo o modelo que se facilitará. O dito modelo segue as clasificacións do Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais (SIUSS), ficha social informatizada que deberán implantar de forma progresiva todos os concellos galegos, para o que contarán co apoio técnico da Dirección Xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social

Artigo 6º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

a) Para o ano 2005, por un importe total de 16.277.779 A, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, de conformidade coa seguinte distribución:

16.04.212A.460.0 por importe de 14.255.140 A.

16.04.212A.460.1 por importe de 600.000 A.

16.04.212D.460.0 por importe de 570.148 A.

16.04.212A.760.0 por importe de 341.489 A.

16.04.212A.760.9 por importe de 15.025 A.

16.04.212D.760.0 por importe de 392.455 A.

16.04.212D.760.1 por importe de 103.522 A.

b) Se é o caso, poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual de acordo co establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con cargo aos anos e aplicacións orzamentarias que se citan:

-Ano 2006:

16.04.212A.760.0 por importe de 113.777 A.

16.04.212A.760.9 por importe de 1.502 A

16.04.212D.760.0 por importe de 410.493,30 A.

16.04.212D.760.1 por importe de 1.638,70

-Ano 2007:

16.04.212A.760.0 por importe de 682.663 A.

16.04.212A.760.9 por importe de 9.015 A

16.04.212D.760.0 por importe de 720.000 A.

16.04.212D.760.1 por importe de 332.543 A

-Ano 2008:

16.04.212A.760.0 por importe de 568.886,50 A.

16.04.212A.760.9 por importe de 7.512,50 A

16.04.212D.760.0 por importe de 600.000 A.

16.04.212D.760.1 por importe de 277.119 A

2. A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto no exercicio anterior aos dos orzamentos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos do ano seguinte aprobados polo Consello da Xunta. Neste caso, a súa eficacia queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán na Dirección Xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social, nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, así como en calquera das oficinas de información administrativa e de atención ao cidadán da Xunta de Galicia, conforme o anexo I.

2. As axudas para servizos sociais de atención primaria efectuaranse nunha única solicitude, incluídas as derivadas da prórroga establecida no artigo 5º, á que se xuntará unha memoria individualizada, asinada polo técnico competente, para cada un dos servizos, programas e investimentos para os que se solicite a subvención.

3. A Dirección Xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social e as respectivas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais prestarán o apoio e asesoramento técnico necesarios.

4. A solicitude e a documentación requirida presentarase por duplicado, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, sen prexuízo da resolución ulterior do expediente polos órganos provinciais ou centrais competentes, sendo de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Documentación.

1. Á solicitude deberá xuntárselle a documentación seguinte:

1.1. Documentación xeral:

a) Certificacións do órgano correspondente da corporación local, nas que conste o seguinte:

-A contía dedicada pola corporación local (ou corporacións locais no caso de compartir o servizo) ao mantemento e desenvolvemento dos servizos sociais de atención primaria financiados a través do plan concertado (segundo modelo 1).

Terase en conta, en todo caso, o disposto nos artigos 75 a 77 da Lei de servizos sociais.

-Acordo do órgano competente da corporación local para solicitar a subvención e, no caso de prórroga, de que continúa na prestación dos servizos nas mesmas condicións do ano anterior, para garantir a continuidade dos programas e prestacións dos servizos sociais.

-Se a dita solicitude se fixese mediante resolución da Alcaldía ou Xunta de Goberno Local, deberá achegarse certificación do acordo no que se lle dá conta ao Pleno da Corporación Local do contido da citada petición.

b) Declaración do peticionario da axuda na que figure o conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes para un mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (segundo modelo 2).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria xunto coa certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe da subvención concedida (segundo modelo 3).

1.2. Documentación específica:

a) Para a subvención relativa á axuda no fogar, os concellos deberán ter aprobado a correspondente normativa municipal, ao abeiro da Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se regula o referido servizo.

b) No suposto de solicitudes nas que se inclúan gastos de investimento, xuntarase, ademais, a seguinte documentación:

Adquisición de bens inmobles:

-Certificado do concello no que acredite participar no orzamento da adquisición.

-Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está

libre de cargas, así como a titularidade deste por parte do vendedor.

-Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade da devandita opción, así como o seu prezo.

Construción, reforma e adecuación:

-Certificado do concello no que acredite a súa participación no orzamento da obra que se vaia realizar.

-Certificado do concello que acredite o dominio do solicitante sobre o inmoble ou, se este é alugado ou cedido, certificado do propietario no que se fagan constar as condicións nas que se efectuou esta, e a súa conformidade coas obras que se pretendan realizar.

-Certificado do concello no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

-Memoria e orzamento das obras que se van realizar, xustificándose o cumprimento do disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Equipamento:

-Orzamento das adquisicións que se pretendan realizar.

Artigo 9º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Emenda da solicitude.

Os órganos responsables da tramitación comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, requirirase ao interesado, para que nun prazo de dez días emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, e procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Tramitación e comisión de valoración.

1. Unha vez revisados os expedientes e, formalmente completos, remitiranse á Comisión de Valoración.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

-Presidente: director xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

-Vicepresidente: subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

-Vogais: dous funcionarios da dirección xeral por proposta do director xeral de Servizos Comunitarios

e Inclusión Social. Actuará como secretario un dos vogais.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o seu presidente e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer nun funcionario do mesmo servizo que o substituído.

A comisión de valoración terá en conta os criterios expresados no artigo 7 do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, regulador da atención primaria, en relación coa adecuación dos servizos á planificación da Xunta de Galicia, o cumprimento da normativa en materia de equipamentos e programas básicos, os resultados da avaliación do desenvolvemento das actividades dos servizos sociais comunitarios, así como o esforzo orzamentario das corporacións locais en materia de servizos sociais.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A resolución das axudas por proposta da comisión de valoración e unha vez fiscalizadas pola Intervención Delegada, corresponderalle á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Estas axudas poderán formalizarse, se é o caso, a través de convenios de cooperación coas corporacións locais.

2. As resolucións serán motivadas e notificaranse ás corporacións locais para a execución da axuda outorgada no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolución expresa; se non o fose, o prazo será de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A resolución poderá ser impugnada directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa no prazo de 2 meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. Se non o fose, o prazo será de 6 meses contados

a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 12.2º do Decreto 287/2000.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non fose posible efectualas dentro del, e existan fondos dispoñibles. Neste suposto só poderán atenderse solicitudes presentadas dentro do prazo establecido no artigo 9º desta orde.

3. Serán de aplicación aos beneficiarios das axudas recollidas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme co procedemento establecido no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. De conformidade co establecido no Decreto 287/2000 e conforme ao acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de decembro de 2004, o pagamento das axudas para mantemento e realización de programas poderá realizarse nos seguintes prazos:

a) O primeiro, do 35% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo, deberá presentarse certificado da corporación local da achega municipal.

b) O seguinte 45% da subvención, sempre que se presente certificación emitida polo órgano competente (segundo modelo 4), de que os gastos realizados en persoal, mantemento, axuda no fogar e realización de programas igualan ou superan o 80% da cantidade concedida para cada concepto, agás no caso de que nesa data se poida xustificar que o concello realizou un gasto igual ou superior á cantidade concedida para cada concepto; neste caso procederase ao aboamento do 100% da subvención, tal como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada polo concello certificación expedida polo órgano competente de que foi realizado un gasto igual ou superior á axuda concedida en cada un dos conceptos subvencionados (segundo modelo 4), ademais da declaración á que se fai referencia no punto 5 deste artigo.

2. En todo caso, o concello deberá emitir nun prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que foi rexistrada na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

3. As actuacións subvencionables deberán realizarse dentro do exercicio 2005. Cando algunha das prestacións non se desenvolva na súa totalidade, por circunstancias que se acreditarán nos documentos correspondentes á avaliación do proxecto financiado, os remanentes de crédito que puidesen existir ao remate do exercicio quedarán adscritos ao mesmo programa de actuación, de forma improrrogable para o exercicio inmediato seguinte.

4. Para subvencións de capital a data límite de xustificación do investimento é o 30 de novembro de 2005.

5. Os beneficiarios no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes, para un mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (segundo modelo 2).

6. A falta de presentación de documentación requirida nesta orde entenderase como renuncia á subvención concedida e, logo de audiencia do interesado, procederase conforme ao disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e ocasionará ademais a imposibilidade de prorrogar os proxectos para futuros exercicios.

7. No suposto de subvencións para gastos de investimento, deberase presentar ademais, certificación emitida polo órgano competente da corporación local, sobre a realización do mencionado investimento e expresiva dos importes investidos ou executados na acción subvencionada.

Para os distintos conceptos relativos a gastos de investimento non se realizarán anticipos nin pagamentos parciais.

Artigo 15º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá ao reintegro total ou parcial da contía percibida xunto aos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá ao reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas e doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase conforme o procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19 ao 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para o seguimento dos proxectos aprobados, co fin de garantir que as prescricións contidas no convenio-programa do Plan concertado para o desenvolvemento das prestacións básicas de servizos sociais sexan respectadas.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitir á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no prazo dun mes desde que se lles requirise, cantos informes e documentos se consideren precisos para acreditar o cumprimento da finalidade obxecto da subvención concedida.

3. Así mesmo, as entidades locais beneficiarias quedan sometidas ao control financeiro que corresponda á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

4. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2004.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais