DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2005 Páx. 523

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 21 de decembro de 2004 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local en virtude do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, na súa disposición transitoria establece a obriga dos colexios profesionais galegos e os consellos galegos de colexios, que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei, de adaptar os seus estatutos a ela.

De acordo coa devandita lei os estatutos elaborados polos colexios profesionais, así como a súas modificacións, serán comunicados á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva.

En cumprimento da devandita disposición o Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra acordou na asemblea xeral celebrada o 10 de outubro de 2003 a aprobación dos estatutos.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO

Estatutos do ilustre Colexio Oficial de Enfermaría

de Pontevedra

Exposición de motivos

A Constitución no seu artigo 36 recoñece a existencia de colexios profesionais, remitindo á lei a regulación das particularidades do seu réxime xurídico e establecendo a premisa do carácter democrático da súa estrutura interna e réxime de funcionamento.

A Lei 12/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, na súa redacción vixente, configura os colexios profesionais como corporacións de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, facultando a cada colexio provincial para elaborar os seus estatutos particulares.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 1 que lles é de aplicación a dita lei aos colexios profesionais que desenvolven a súa actividade exclusivamente no ámbito da Comunidade Autónoma reiterando os principios que enumeran as dúas disposicións normativas anteriores. Dado que esta lei na súa disposición transitoria establece un prazo dun ano para a adaptación dos estatutos ao disposto nela, procede por este colexio profesional a aprobación en asemblea xeral dos seguintes estatutos o día 10 de outubro de 2003 para así cumprir co devandito mandato legal.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

1. O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra é unha corporación de dereito público de carácter profesional con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. A súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

Artigo 2º.-Ámbito territorial e sede.

1. O ámbito territorial será o da provincia de Pontevedra.

2. A súa sede fíxase na cidade de Pontevedra, rúa Michelena nº 11-1º, e a súa delegación na cidade de Vigo, rúa Aragón nº 197, baixo-interior.

Artigo 3º.-Integrantes.

1. Ao colexio incorporaranse, como exercentes, os que estando en posesión do título de diplomado/a en enfermaría, axudante técnico sanitario, enfermeiro/a ou matrona ou outras especialidades da enfermaría e desexen exercer a súa profesión en calquera das súas modalidades, tendo en conta o establecido no artigo 6 destes estatutos.

2. Voluntariamente poderán solicitar a súa colexiación como non-exercentes os que estando en pose

sión dalgún dos títulos recollidos no punto anterior non exerzan a profesión.

Artigo 4º.-Fins e funcións.

1. Son fins esenciais do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra os seguintes:

a) A ordenación do exercicio da profesión de enfermaría no ámbito da súa competencia, para garantir a ética e a dignidade profesional.

b) Vixiar o exercicio da profesión, facilitando o coñecemento e cumprimento de todo tipo de disposicións legais que afecten a esta, así como velar polo axeitado nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados; para isto promoverase a formación e perfeccionamento destes.

c) A defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a representación exclusiva da profesión.

d) A colaboración cos poderes públicos na consecución do dereito á protección da saúde e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da enfermaría.

2. Para o cumprimento destes fins, o Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra ten as seguintes funcións:

a) Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velar pola ética, deontoloxía e dignidade profesional, conciliando os seus intereses co interese social e os dereitos dos cidadáns.

b) Asumir a representación e defensa corporativa da profesión de enfermaría e dos intereses profesionais dos colexiados, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten a estes.

c) Exercer a potestade disciplinaria relativa aos colexiados, nos termos previstos nos presentes estatutos.

d) Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal entre eles.

e) Vixiar e exixir o cumprimento do deber de colexiación e exercer as accións que as leis establezan para evitar o intrusismo, sen prexuízo das actuacións de inspección e sanción ás que están obrigadas as administracións públicas.

f) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando os colexiados o soliciten libre e expresamente e o colexio crease os servizos axeitados, sempre que non se vulneren as normas sobre competencia.

g) Organizar e impulsar cursos de formación e/ou perfeccionamento para os colexiados, actividades comúns de carácter profesional, cultural, asistencial e análogos que sexan de interese para os colexiados. Así mesmo, ofertarlles aos colexiados unha serie de prestacións e servizos tales como, asesoramento xurídico, fiscal e financeiro, seguros, incluíndo a cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles no exercicio da súa profesión, vivendas,

ocio, calquera outro análogo, así como crear, fomentar e, se é o caso, participar en sociedades, cooperativas, fundacións, empresas e colaboracións comerciais.

h) Participar nos órganos consultivos da Administración, cando aquela o requira ou así o establezan as disposicións aplicables.

i) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións galegas e colaborar con estas mediante a realización de estudos, informes, estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins.

j) Colaborar coas autoridades académicas universitarias na elaboración dos plans de estudo sen menoscabo do principio de autonomía universitaria, preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos colexiados; realizar aquelas actividades de interese común para a formación ou o perfeccionamento no exercicio da profesión de enfermaría, podendo para o efecto constituír ou participar en fundacións, consorcios ou outras persoas xurídicas ou coa Administración pública.

k) Establecer e exixir as cotas dos colexiados. Elaborar e aprobar os seus orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.

l) Cooperar coa Administración de xustiza facilitando, conforme as leis, a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos en asuntos xudiciais, ou designalos por si mesmos, así como emitir informes, ditames ou realizar outras actividades oficiais cando sexa requirido para iso por calquera órgano xurisdicional.

ll) Establecer baremos de honorarios, que terán carácter meramente orientativo.

m) Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos nos que se susciten cuestións que afecten a materias da competencia profesional, se iso fose procedente.

n) Aprobar autonomamente os seus estatutos e regulamentos de réxime interior.

o) Participar nos órganos consultivos da Administración en materia sanitaria, cando aquela o requira ou así o establezan as disposicións aplicables.

p) Participar nas alegacións que o colexio presente por requirimento da Administración co fin de informar os anteproxectos lexislativos que sexan elaborados por esta en materia sanitaria.

q) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os colexiados, e actuar como árbitro nos conflitos entre os colexiados e terceiros cando así sexa solicitado por ambas partes.

r) Cantas outras funcións que tendan á mellora da profesión, se encamiñen ao cumprimento dos fins

e obxectivos colexiais, e non se opoñan á lexislación vixente.

Artigo 5º.-Relacións coa Administración autonómica.

1. O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra relacionarase no referente a aspectos institucionais e corporativos coa consellería competente en materia de colexios profesionais.

2. No relativo aos contidos da profesión de enfermaría relacionarase coa Consellería de Sanidade, sen prexuízo de poder colaborar con calquera outro órgano da Administración autonómica galega en materias de interese común.

TÍTULO II

Colexiados e exercicio da profesión

Capítulo I

Da colexiación

Artigo 6º.-Condicións xerais.

1. Os profesionais que posúan a diplomatura universitaria en enfermaría, axudante técnico sanitario ou matrona, ou calquera outras especialidades de enfermaría que no futuro se desenvolvan, e estean vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da profesión por conta da Administración á que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa Administración. Si será obrigatoria, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada conforme o disposto no artigo 3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Verificación de cumprimento.

O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra está facultado para verificar e exixir o cumprimento do deber de colexiación.

Artigo 8º.-Requisitos para adquirir a condición de colexiado.

Para adquirir a condición de colexiado será necesario presentar unha solicitude dirixida ao presidente da Xunta de Goberno, a que irá xunto coa seguinte documentación:

a) Certificado de nacemento ou documento nacional de identidade.

b) Título profesional orixinal ou testemuño notarial deste.

No caso de que non se recibise aínda o título profesional, a Xunta de Goberno poderá conceder unha colexiación provisional, sempre e cando o interesado presente certificación académica acreditativa de ter rematados os estudos e xustificante que acredite ter aboados os dereitos de expedición do título correspondente, o cal terá obriga de presentar no colexio para o seu rexistro, cando lle sexa facilitado.

c) Recibo acreditativo de ter pagada a cota de incorporación.

Artigo 9º.-Obrigas de comunicación ao colexio.

1. O/A enfermeiro/a pertencente ao Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra que vaia exercer nun territorio diferente ao da súa colexiación, deberá comunicarllo ao colexio do ámbito no que teña de intervir directamente.

O/A enfermeiro/a pertencente a outro colexio que vaia exercer no ámbito territorial do presente colexio, deberá comunicarllo ao Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra.

A comunicación producirá efectos desde a súa presentación, rexistro e selo da copia, sen prexuízo de que se obteña do colexio de orixe, que faga constar ante o colexio de destino que o comunicante está incorporado neste como enfermeiro/a en exercicio e que non foi sancionado ou incapacitado para o devandito exercicio en ningún colexio de enfermaría de España.

2. Nas actuacións profesionais que leve a cabo no ámbito territorial doutro colexio, o/a enfermeiro/a estará suxeito ás normas deontolóxicas e réxime disciplinario deste, sen prexuízo de que a sanción produza efectos en todos os colexios de España.

Artigo 10º.-Incorporación de colexiados provenientes doutros colexios.

Os que pretendan incorporarse ao Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra, se pertencesen con anterioridade a outro, deberán presentar certificación do colexio de orixe que acredite a súa inscrición neste, a súa condición de exercente ou non exercente, a súa situación respecto ao pagamento das cotas ordinarias e extraordinarias, así como as restantes cargas colexiais, e certificado de non estar inhabilitado temporal ou definitivamente para o exercicio da profesión.

Artigo 11º.-Competencias e recursos.

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno resolver sobre as solicitudes de incorporación que se presenten practicando as dilixencias e solicitando os informes que, se é o caso, considere oportunos.

2. A Xunta de Goberno resolverá no prazo máximo de dous meses desde a súa presentación, pasado o cal se considerará admitida.

3. Se a resolución fose suspensiva ou denegatoria, será motivada e deberalle ser notificada nun prazo de cinco días ao interesado, que poderá impugnala ante o propio Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra nos termos e prazos previstos no artigo 78º destes estatutos.

Artigo 12º.-Suspensión das solicitudes.

A tramitación das solicitudes de colexiación e incorporación ao colexio será suspendida se o interesado non achega os documentos necesarios ou existen dúbidas respecto á súa lexitimidade ou certeza, mentres non se reciban as compulsas oportunas, e

cando aqueles deixasen de satisfacer as cotas doutro colexio mentres non xustifiquen o seu aboamento.

Artigo 13º.-Denegación da solicitude.

As solicitudes de incorporación denegaranse se os que as formulan se encontran comprendidos nalgunha das seguintes situacións:

a) Estar inhabilitado ou suspendido expresamente para o exercicio profesional en virtude dunha sentenza ou resolución firme no momento da solicitude.

b) Ter algún impedimento para ser admitido, por non cumprir os requisitos establecidos legal e regulamentariamente.

c) Ter sido sancionado disciplinariamente coa suspensión do exercicio profesional ou a expulsión do colexio de enfermaría correspondente.

Artigo 14º.-Límite de colexiados.

O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra non pode limitar o número dos seus compoñentes nin impedir a incorporación de novos profesionais que reúnan as condicións sinaladas nestes estatutos ou preceptos que os desenvolvan.

Artigo 15º.-Cotas e outros gastos.

No momento de realizar a solicitude de incorporación, deberá procederse, con carácter condicional, ao pagamento das cotas de entrada e demais gastos provenientes dela. Este pagamento quedará suxeito á concesión daquela.

Artigo 16º.-Clases de colexiados.

1. Establécense as seguintes clases de colexiados:

a) Con exercicio.

b) Sen exercicio.

c) De honor.

2. Serán colexiados con exercicio aqueles que tendo obtido a incorporación ao Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra, practiquen o exercicio profesional en calquera das súas diversas modalidades no ámbito territorial do colexio.

3. Serán colexiados sen exercicio aqueles que, desexando pertencer ao Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra, non exerzan a profesión en ningunha das súas modalidades.

4. Serán colexiados de honor aquelas persoas físicas ou xurídicas que reciban este nomeamento por acordo da asemblea xeral por proposta da Xunta de Goberno e en atención a méritos ou servizos relevantes prestados en favor da profesión ou da sanidade en xeral, todo iso sen prexuízo dos premios e distincións que se lle poidan conceder de acordo coa disposición adicional primeira destes estatutos.

5. Os profesionais incorporados noutros colexios de enfermaría que exerzan ocasionalmente a profesión no ámbito territorial do Colexio de Enfermaría de Pontevedra non teñen a condición de colexiados e non poden participar nos órganos de goberno do colexio nin exercer o dereito de voto. Non obstante,

poderán utilizar os servizos colexiais directamente relacionados co exercicio da profesión e quedarán suxeitos á disciplina deste colexio nas súas actuacións profesionais.

Artigo 17º.-Perda da condición de colexiado.

1. A condición de colexiado pérdese:

a) Por deixar de satisfacer catro cotas ordinarias ou dúas extraordinarias ou as demais cargas colexiais ás que estivese obrigado.

b) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Por expulsión do colexio, acordada segundo o disposto nestes estatutos e as normas que o desenvolven.

d) Por baixa voluntaria, solicitada por escrito á Xunta de Goberno.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado polas causas das letras a), b) e c) deberá serlle comunicada por escrito ao interesado, momento en que producirá efectos.

3. No suposto da letra a), requirirase do colexiado que proceda ao aboamento das cotas ou cargas colexiais e formule cantas alegacións estime oportunas no prazo de sete días. Transcorrido este sen efectuar o pagamento ou xustificar a súa improcedencia, comunicarase de maneira que faga fe sen máis trámite a perda da condición de colexiado, que non ten carácter disciplinario e enténdese sen prexuízo da facultade do colexio de reclamar xudicialmente o importe das cantidades que se deben.

Sen prexuízo do anterior, o colexiado poderá rehabilitar os seus dereitos pagando o que debe e a cantidade que corresponda como cota de incorporación.

4. Se se incoase un expediente disciplinario, quedará en suspenso a solicitude de baixa mentres se tramita o procedemento e para os únicos efectos da exixencia da responsabilidade disciplinaria que procedese.

5. A Xunta de Goberno deste colexio de enfermaría acordará o pase á situación de non-exercente daqueles colexiados nos que concorra algunha das circunstancias determinantes de incapacidade ou incompatibilidade para o exercicio, mentres aquela subsista, sen prexuízo de que se iso procedese, resolva o que proceda en vía disciplinaria.

Capítulo II

Dos colexiados non-exercentes

Artigo 18º.-Dereitos e deberes.

1. Os que pertenzan a este colexio en calidade de non-exercentes, terán os dereitos e deberes que lles recoñecen eses estatutos, quedándolles prohibido o exercicio profesional.

2. A realización de actividades profesionais, calquera que sexa a súa finalidade, considerarase falta moi grave.

3. Os colexiados exercentes que causen baixa no exercicio profesional, por xubilación ou incapacidade física, voluntariamente manifestada, poderán continuar como colexiados, en calidade de non-exercentes.

Capítulo III

Dos dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 19º.-Dereitos.

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Exercer a profesión sen máis limitacións que as previstas na lei, as normas deontolóxicas ou estes estatutos.

b) Intervir na xestión corporativa, exercendo o dereito de petición, o do voto e o de acceso aos postos e cargos directivos, mediante os procedementos e cos requisitos dos presentes estatutos.

c) Obter o amparo e seren defendidos, por petición propia, polo colexio cando sexan lesionados ou menoscabados con motivo do exercicio profesional.

d) Promover a actuación dos órganos de goberno do colexio a través dos medios previstos nestes estatutos.

e) Crear agrupacións representativas de intereses específicos no seo do colexio, con sometemento, en todo caso, aos órganos de goberno.

f) Seren representados e asesorados polo colexio cando necesiten presentar reclamacións fundadas ás autoridades, tribunais, entidades públicas ou privadas e en cantas diverxencias xurdan con ocasión do exercicio profesional, sendo de cargo do colexiado solicitante os gastos e custas xurídicas que o procedemento ocasione, salvo que a Xunta de Goberno dispoña o contrario.

g) Participar no uso e gozo dos bens e servizos que o colexio teña establecidos.

h) Pertencer ás entidades de previsión establecidas para protexer aos profesionais.

i) Examinar os libros de contabilidade e de actas do colexio, logo da solicitude; así como solicitar a expedición daqueles acordos que os afecten persoalmente.

j) Coñecer, en calquera momento, o estado de tramitación dos expedientes nos que teñan a condición de interesados.

k) Exixirlles aos titulares dos órganos de goberno a responsabilidade sobre a súa xestión, mediante o voto de censura regulado nos presentes estatutos.

l) Non soportar outras cargas corporativas que as sinaladas polas leis, estes estatutos ou as validamente acordadas polos órganos de goberno.

m) Formular ante a Xunta Xeral as queixas, peticións e iniciativas que considere pertinentes.

n) Ao uso das dependencias do colexio, nas condicións que este determine, así como do documento

acreditativo da súa identidade profesional expedido polo colexio.

ñ) Á obxección de conciencia e ao segredo profesional, e os seus límites virán determinados polo ordenamento constitucional e polas normas éticas da profesión recollidas no código deontolóxico.

Artigo 20º.-Deberes.

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Cumprir estritamente as prescricións destes estatutos, así como as decisións deste colexio, os regulamentos internos aprobados legalmente, as normas deontolóxicas, as normas reguladoras da profesión, ou calquera outra norma colexial, sen prexuízo do dereito de impugnación.

b) Estar ao corrente no pagamento das cotas colexiais ordinarias e extraordinarias e todas aquelas contribucións que acordasen.

c) Tratar, tanto á Xunta de Goberno coma ao resto dos colexiados e persoal colaborador, coa máxima lealdade e corrección.

d) Denunciar por escrito ao colexio calquera acto de intrusismo ou de incumprimento destes estatutos que chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal, tanto por non-colexiación como por atoparse suspendido ou inhabilitado o denunciado.

e) Comunicarlle ao colexio, nun prazo non superior a 30 días, os cambios de residencia ou domicilio e dos datos que constitúan a súa ficha colexial, como tamén do número de conta bancaria onde o colexio poida facer os cargos correspondentes.

f) Os colexiados terán a obriga de facilitarlle ao colexio os datos profesionais que se lle pidan para finalidades estatísticas, de previsión ou científicas, para formalizar o arquivo profesional, con suxeición ás normas de protección de datos.

g) Calquera outro deber establecido nestes estatutos.

Capítulo IV

Do réxime de honores e distincións

Artigo 21º.-Distincións e premios.

1. Os colexiados poderán ser distinguidos ou premiados coas recompensas ou premios que a continuación se especifican, e que se farán constar no seu expediente persoal, mediante acordo de:

1º A asemblea xeral, por proposta da Xunta de Goberno ou por iniciativa dun ou varios colexiados:

-A Cruz de Enfermaría ao mérito colexial.

2º A Xunta de Goberno:

-Bolsas de estudo ou viaxes para perfeccionar coñecementos profesionais.

-Proposta á Administración pública para a concesión de condecoracións ou calquera outro tipo de honores.

Artigo 22º.-Facultades do Pleno da Xunta de Goberno.

Autorízase o Pleno da Xunta de Goberno para ditar os regulamentos ou normas de réxime interior para o desenvolvemento e aplicación do réxime de honores e distincións. Os devanditos regulamentos ou normas serán ratificados na asemblea xeral.

Capítulo V

Do réxime disciplinario

Artigo 23º.-Responsabilidade disciplinaria.

1. Con independencia da responsabilidade civil e penal, o colexio sancionará disciplinariamente todas as actuacións dos colexiados e habilitados que infrinxan os deberes profesionais e corporativos establecidos nas leis e nestes estatutos.

2. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar, en todo caso, no expediente persoal do colexiado.

Artigo 24º.-Competencia e sancións.

1. O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra é o titular da potestade sancionadora sobre todos os seus colexiados. Non obstante, no axuizamento e sanción das faltas cometidas polos membros da Xunta de Goberno haberá que aterse ao disposto na lexislación en materia de colexios profesionais.

2. Non se pode impoñer ningunha sanción colexial sen a instrución previa dun procedemento disciplinario seguido polos trámites previstos neste estatuto e, no seu defecto, polas normas reguladoras do procedemento sancionador previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e normas que a desenvolven.

3. Comprenderá como correccións as seguintes:

a) Apercibimento por escrito.

b) Reprensión privada.

c) Suspensión do exercicio de profesional por un prazo non superior a dous anos.

d) Expulsión do colexio.

Artigo 25º.-Clases de faltas.

As faltas que poden levar aparellada unha sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 26º.-Faltas moi graves.

Son faltas moi graves:

a) Os actos e omisións que constitúan unha ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a gobernan.

b) O atentado contra a dignidade ou honor das persoas que constitúen a Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións; e contra os demais compañeiros con ocasión do exercicio profesional.

c) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do uso ou exercicio da profesión ou cargos corporativos.

d) O atentado contra a dignidade das persoas con ocasión do exercicio profesional.

e) A embriaguez ou toxicomanía habitual que afecte gravemente ao exercicio da profesión.

f) A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias dos colexios ou os interfiran dalgún xeito.

g) A reiteración de falta grave.

h) O encubrimento ou favorecemento do intrusismo profesional.

i) A violación dolosa do segredo profesional.

Artigo 27º.-Faltas graves.

Son faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou regulamentarias ou dos acordos adoptados polo colexio, salvo que constitúa falta de superior entidade.

b) A falta de respecto aos compoñentes da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións; e contra calquera dos demais colexiados.

c) Alterar gravemente o normal desenvolvemento das sesións das asembleas xerais.

d) Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros no exercicio da actividade profesional.

e) A competencia desleal entre colexiados.

f) Os actos ou omisións descritos na letra a) anterior cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

Artigo 28º.-Faltas leves.

Son faltas leves:

a) A desconsideración cara aos membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta moi grave ou grave.

b) As infraccións leves dos deberes que a profesión impón.

c) A neglixencia no cumprimento de preceptos estatutarios ou de acordos do colexio ou da Xunta de Goberno.

d) Non comunicarlle ao colexio no prazo dun mes o cambio de domicilio profesional para a súa anotación no expediente persoal.

e) Os actos enumerados no artigo anterior, cando non tivesen entidade suficiente para seren considerados como graves.

Artigo 29º.-Sancións.

As sancións e correccións disciplinarias que poden impoñerse son:

a) Por faltas moi graves:

-Suspensión do exercicio profesional por un prazo superior a seis meses sen exceder dun ano.

-Inhabilitación para o desempeño de cargos colexiais directivos por prazo non superior a seis anos.

-Expulsión do colexio que só pode impoñerse, pola reiteración de faltas moi graves, mediante acordo do Pleno da Xunta de Goberno adoptado coa conformidade das dúas terceiras partes dos que o integran.

b) Por faltas graves:

-Suspensión do exercicio profesional por un prazo non superior a seis meses.

-Suspensión para o desempeño dos cargos corporativos por un prazo non superior a 5 anos.

c) Por faltas leves:

-Apercibimento por escrito, reprensión privada.

Artigo 30º.-Circunstancias atenuantes e agravantes.

Para a gradación das sancións consideraranse, en todo caso, as seguintes circunstancias:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza da infracción cometida.

c) A natureza dos prexuízos causados.

d) As demais circunstancias modificativas da responsabilidade.

Artigo 31º.-Información previa.

1. A Xunta de Goberno, ao ter coñecemento dunha suposta infracción e á vista dos antecedentes dispoñibles, con anterioridade ao inicio do procedemento, poderá decidir a apertura dun período de información previa para coñecer se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

2. A Xunta de Goberno poderá encomendar a instrución da información previa a antigos membros da Xunta de Goberno do colexio. O relator designado proporalle á Xunta de Goberno o arquivo das actuacións ou a incoación do expediente.

Artigo 32º.-Iniciación do expediente disciplinario.

O expediente disciplinario iniciarase de oficio por acordo da Xunta de Goberno ou en virtude da denuncia asinada por un colexiado ou por un terceiro con interese lexítimo presentada ante aquela

Artigo 33º.-Procedemento simplificado.

Se a Xunta de Goberno considera que existen elementos de xuízo suficientes para cualificar a infracción como leve, seguirase o procedemento simplificado regulado neste artigo:

a) A Xunta de Goberno notificaralle ao interesado o carácter simplificado do procedemento e a súa proposta de resolución, concedendo un prazo de oito días para que formule alegacións e presente os documentos que estime pertinentes na súa defensa.

b) Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo outorgado, a Xunta de Goberno resolverá sen máis trámite.

Artigo 34º.-Apertura de expediente e instrutor.

1. A apertura do expediente sancionador formalizarase co contido mínimo seguinte:

a) Identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables.

b) Feitos que motivan o expediente, a súa posible cualificación e sancións que puidesen corresponder, sen prexuízo do resultado da instrución.

c) Instrutor e, se é o caso, secretario do procedemento, con indicación do réxime de recusación.

d) Órgano competente para a resolución do expediente.

2. O instrutor designado pola Xunta de Goberno deberá ter, polo menos, dez anos de colexiación e desempeñará obrigatoriamente a súa función, salvo que concorresen motivos de abstención e esta fose aceptada pola xunta.

As causas de abstención que o instrutor crea que concorren nel seranlle comunicadas por escrito á Xunta de Goberno, no prazo de catro días desde a notificación do acordo de incoación e remisión do expediente completo.

A Xunta de Goberno tamén poderá designar secretario ou autorizar o instrutor para nomealo entre os colexiados.

3. Son causas de abstención ou recusación as previstas na lexislación estatal de procedemento administrativo. Para os efectos do exercicio do dereito de recusación, o acordo de iniciación xunto co nome do instrutor seralle notificado ao expedientado, o cal poderá facer uso de tal dereito dentro do prazo de catro días do recibimento da notificación do acordo de incoación.

4. A Xunta de Goberno resolverá sobre a abstención ou recusación no prazo máximo de dez días. Contra o acordo que se adopte non cabe ningún recurso.

Artigo 35º.-Alegacións.

1. Na notificación do acordo de incoación concederáselle ao interesado un prazo improrrogable de quince días a partir desta, para formular alegacións e propoñer a proba que estime pertinente para a súa defensa.

2. Na notificación advertiráselle ao interesado que, de non formular alegacións sobre o acordo de incoación do expediente no prazo previsto, o devandito acordo poderá ser considerado proposta de resolución.

Artigo 36º.-Medidas provisionais.

Iniciado o procedemento, a Xunta de Goberno poderá, mediante acordo motivado, adoptar medidas provisionais para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer, se existisen elementos de xuízo

suficientes para iso. Non se poderán adoptar medidas provisionais que lles poidan causar prexuízos irreparables aos interesados ou que impliquen a violación dos dereitos amparados polas leis.

Artigo 37º.-Tramitación.

1. Recibidas as alegacións do interesado ou transcorrido o prazo para presentalas, o órgano instrutor poderá acordar a apertura dun período de proba.

2. Poderá propoñerse calquera medio de proba admitido en dereito, correspondéndolle ao instrutor acordar a práctica das que considere oportunas, fosen ou non propostas.

3. Das probas practicadas deberá existir constancia escrita no expediente.

Artigo 38º.-Proposta de resolución e audiencia.

1. Concluído, se é o caso, o período de proba, o instrutor formulará a proposta de resolución, na que se fixarán os feitos, especificando os que se consideran probados, a infracción que constitúan e a sanción que propón que se impoña; ou ben proporase a declaración de non-existencia de infracción ou responsabilidade.

2. A proposta de resolución notificaráselle ao interesado, indicando a posta de manifesto do expediente e outorgando un prazo de dez días hábiles para formular alegacións e presentar os documentos que considere pertinentes.

Artigo 39º.-Resolución.

1. Unha vez recibidas as alegacións do interesado ou concluído o prazo previsto para iso, a proposta de resolución xunto con todos os documentos, alegacións e informacións que consten neste, elevaranse á Xunta de Goberno.

2. Antes de ditar resolución, o órgano competente para resolver o expediente poderá devolverllo ao instrutor para a práctica das dilixencias que sexan imprescindibles para a resolución. Na práctica destas dilixencias poderá intervir o interesado, ao que, en todo caso, se lle dará traslado do seu resultado e audiencia co fin de que alegue canto considere conveniente no prazo máximo de oito días.

3. A resolución que porá fin ao expediente será motivada e decidirá todas as cuestións presentadas polos interesados e aquelas outras derivadas do procedemento.

4. Na resolución non poderán aceptarse feitos distintos dos determinados no curso do procedemento, sen prexuízo da súa diferente valoración xurídica.

5. No caso de expedientes iniciados a partir dunha denuncia, notificaráselle ao denunciante o resultado do procedemento

6. Se non recaese unha resolución transcorridos seis meses desde a incoación do expediente, tendo en conta as posibles interrupcións por causas imputables ao interesado, producirase a caducidade á que se refire o artigo 44.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Transcorrido o prazo de caducidade,

a Xunta de Goberno resolverá declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

Artigo 40º.-Notificación e recursos.

1. A decisión que poña fin ao expediente sancionador poderá ser obxecto de recurso potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a adoptase ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, nos termos previstos no título cuarto destes estatutos.

2. A interposición en tempo e forma do recurso potestativo de reposición contra a sanción disciplinaria suspenderá a execución do acordo obxecto de recurso. A suspensión levantarase unha vez que se resolva o recurso corporativo.

3. Contra a resolución do recurso de reposición non poderá interpoñerse de novo o devandito recurso.

Artigo 41º.-Prescrición das faltas e sancións.

1. As faltas determinantes de sanción disciplinaria corporativa prescribirán, se son leves, aos seis meses; se son graves, aos dous anos; e se son moi graves, aos tres anos.

O prazo de prescrición comeza a contar desde que a infracción se cometeu, e interrómpese por calquera dilixencia ou actuación que se practique en averiguación dos feitos con coñecemento do interesado.

2. As sancións impostas por faltas leves prescriben ao ano, as impostas por faltas graves, aos dous anos e as impostas por faltas moi graves, aos tres anos.

O prazo de prescrición da sanción computarase desde o día seguinte ao que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción, interrompéndose pola iniciación do procedemento de execución con coñecemento do interesado.

Artigo 42º.-Rehabilitación.

1. Os sancionados poderán pedir a súa rehabilitación e a cancelación da nota do seu expediente persoal, nos seguintes prazos, contados desde o cumprimento da sanción:

Se fose por falta leve, aos seis meses.

a) Se fose por falta grave, aos dous anos.

b) Se fose por falta moi grave, aos catro anos.

c) Se consistise en expulsión, o prazo será de cinco anos.

2. A rehabilitación debe solicitarse á Xunta de Goberno. No caso de expulsión deberán presentarse probas da rectificación de conduta, que serán valoradas por aquela.

3. A tramitación da rehabilitación levarase a cabo da mesma maneira que o axuizamento e sanción das faltas e con iguais recursos.

TÍTULO III

Funcionamento do colexio

Artigo 43º.-Órganos de goberno colexiais.

O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra estará rexido polos seguintes órganos: a Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral.

Capítulo I

Da Xunta de Goberno

Sección primeira

Composición e funcións

Artigo 44º.-Natureza e composición.

1. A Xunta de Goberno será o órgano executivo e representativo do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra. Así mesmo, a Xunta de Goberno actuará en pleno e en comisión executiva.

2. O pleno estará integrado polos seguintes membros: un presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e catro vogais.

O presidente e secretario da Xunta de Goberno tamén o son do colexio.

No caso de ausencia, renuncia, enfermidade, recusación ou vacante, o presidente será substituído polo vicepresidente, e o resto dos membros da Xunta de Goberno será designado pola dita xunta, por proposta do seu presidente.

3. A comisión executiva da Xunta de Goberno é o órgano permanente de goberno e administración do colexio. Estará integrada polo presidente, o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro.

Artigo 45º.-Requisitos para formar parte da Xunta de Goberno.

1. Non poderán formar parte da Xunta de Goberno:

a) Os colexiados que fosen condenados por sentenza firme, que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos.

b) Os colexiados aos que se lles impuxese unha sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave, xa sexa neste colexio ou no que estivesen dados de alta, ata que non se extinguise a responsabilidade disciplinaria.

c) Os colexiados que deban cotas colexiais ordinarias ou extraordinarias.

2. O membro da Xunta de Goberno que se atopase nalgunha das situacións ás que se refiren os puntos anteriores, deberá comunicarllo ao presidente, cesando de inmediato como membro da xunta.

Artigo 46º.-Presidente.

1. Correspóndelle ao presidente a representación institucional e oficial do colexio en todas as relacións deste cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde, e velará polo cumprimento das normas regulamentarias e dos acordos e disposicións que os órganos de goberno diten.

2. Ademais, ten as seguintes funcións:

a) Presidir as Xuntas de Goberno e a Asemblea Xeral e, en xeral, todas as reunións ás que asista de calquera órgano colexial.

b) Convocar, abrir, dirixir e levantar as sesións das Xuntas de Goberno, así como asinar as actas

que lle corresponda despois de ser aprobadas, e exercer o voto de calidade, se fose preciso.

c) Dirixir e executar a política destinada á consecución dos fins e obxectivos colexiais e supervisar o desenvolvemento da actividade do colexio, coordinando os medios destinados a eses intereses.

d) Comprometerse xuridicamente en nome do colexio, concertando no seu nome calquera negocio ou contrato polo que se obrigue con entidade pública ou privada, ou persoa física ou xurídica, e que conforme o seu persoal discernimento entenda útil a aqueles fins, dándolle conta disto ao Pleno da Xunta de Goberno na reunión posterior convocada para o efecto.

e) Exercer a potestade de executar e facer que se executen os acordos dos órganos do colexio, por si mesmo ou a través de delegacións e apoderamentos que considere convenientes para a mellor xestión e consecución material destes.

f) Nomear ou cesar os asesores e delegados colexiais que considere necesarios, poñéndoo en coñecemento da Xunta de Goberno.

g) Solicitarlles aos centros administrativos correspondentes os datos que necesite para cumprir os acordos da Xunta de Goberno.

h) Autorizar os escritos, informes e comunicacións dirixidos a particulares, autoridades ou corporacións.

i) Autorizar conxuntamente co tesoureiro a apertura de contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns, cheques e outros documentos financeiros para retirar cantidades.

j) Aprobar, xunto co tesoureiro, os libramentos, ordes de pagamento e libros de contabilidade.

k) Visar as certificacións e outros documentos oficiais que o secretario do colexio expida.

l) Fomentar a cooperación e a competencia leal entre colexiados.

m) Velar pola boa conduta profesional dos colexiados e polo decoro do colexio.

n) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia dándolle conta ao órgano correspondente do colexio das decisións adoptadas para a súa ratificación na sesión seguinte.

ñ) Xestionar canto conveña ao interese do colexio.

o) Exercitar as accións que correspondan en defensa dos dereitos dos colexiados da organización colexial ante os tribunais de Xustiza e autoridades de todas as clases, outorgando e revogando os poderes que sexan necesarios para iso.

Artigo 47º.-Vicepresidente.

O vicepresidente substituirá o presidente en caso de ausencia, enfermidade, renuncia, abstención ou recusación sen necesidade de xustificación ante ter

ceiros e desenvolverá todas aquelas funcións que lle delegue o presidente.

Artigo 48º.-Secretario.

As funcións do secretario son as seguintes:

a) Redactar e dirixir, segundo as instrucións que reciba do presidente e coa anticipación debida, os oficios de citación para todos os actos do colexio.

b) Redactar as actas das reunións dos órganos colexiais.

c) Preparar e darlle conta ao presidente de todas as solicitudes e comunicacións que se lle remitan ao colexio.

d) Levar os rexistros de entrada e saída de documentos e custodiar os arquivos e selos da corporación.

e) Levar un rexistro no que, por orde alfabética dos apelidos dos colexiados, conste o historial destes dentro do colexio.

f) Levar os libros necesarios para o mellor e máis ordenado servizo, debendo existir obrigatoriamente aquel no que se anoten as correccións que se lles impoñan aos colexiados, o libro de rexistro de títulos e os libros de actas.

g) Librar certificacións co visto e prace do presidente.

h) As demais funcións que deriven do establecido nestes estatutos, das disposicións vixentes e das ordes emanadas da presidencia, que sexan necesarias para o bo funcionamento do colexio.

i) Informar á Xunta de Goberno da marcha administrativa e do colexio, propoñendo as medidas necesarias para corrixila se existe algún desequilibrio.

Artigo 49º.-Tesoureiro.

Correspóndenlle ao tesoureiro as seguintes funcións:

a) Recadar as cantidades que teñan que ser satisfeitas polos colexiados e todas aquelas outras que poidan corresponder ao colexio por calquera causa.

b) Custodiar os fondos do colexio.

c) Pagar os libramentos que fosen autorizados polo presidente.

d) Autorizar, conxuntamente co presidente, a apertura de contas correntes bancarias e os cheques, talóns e outros documentos financeiros para dispoñer dos cartos das ditas contas.

e) Redactar o proxecto de orzamento anual que a Xunta de Goberno teña que presentar para a aprobación da Asemblea Xeral.

f) Ingresar fondos nas contas bancarias, conxuntamente co presidente.

g) Expedir e cubrir por instancia do presidente os libramentos de pagamento.

h) Levar o inventario dos bens do colexio.

i) Controlar a contabilidade e verificar a caixa.

j) Formalizar anualmente as contas do exercicio económico vencido.

k) Levar os libros de ingresos e gastos

l) Informar á Xunta de Goberno da marcha económica do colexio, propoñendo as medidas necesarias para corrixila se existe algún desequilibrio.

Artigo 50º.-Vogais.

Os vogais elevarán á Comisión Executiva da Xunta de Goberno as propostas e información necesarias para que esta poida realizar as súas funcións e levarán a cabo os servizos que o presidente lles encomende.

Artigo 51º.-Compensación.

1. Independentemente das axudas de custo e gastos de representación que hai que xustificar, os membros da Xunta de Goberno poderán percibir unha compensación económica polas funcións extraordinarias que realicen e pola súa especial dedicación que compense o tempo empregado nas tarefas do cargo. Estas compensacións serán establecidas dentro dos límites que para cada anualidade fixen os orzamentos da entidade.

2. Cando así se estime oportuno, calquera dos membros da Xunta de Goberno poderá ser dedicado en réxime de dedicación exclusiva ao colexio, polo que se recoñecerán as retribucións económicas que se consideren procedentes pola Xunta de Goberno, de acordo coa dotación orzamentaria correspondente.

Sección segunda

Pleno

Artigo 52º.-Competencias do Pleno da Xunta de Goberno.

Son competencias do Pleno da Xunta de Goberno:

a) Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

b) Dirixir e administrar o colexio en beneficio da corporación, incluíndo expresamente a facultade de constituír ou celebrar, aceptar, recoñecer, modificar, ratificar, extinguir ou cancelar toda clase de pólizas de crédito, contas correntes, ou calquera outra forma de tomar diñeiro a préstamo; sen limitación de contía; con xuros ou sen eles; calquera que sexa a entidade prestamista ou crediticia, con garantía persoal ou real, incluso hipoteca en forma solidaria ou mancomunada ou outras. Tamén para expedir ou librar, adquirir, allear, avalar, endosar, aceptar, cobrar ou pagar letras de cambio, obrigas de pagamento, cheques, talóns ou calquera título ou documento de crédito.

c) Velar pola boa conduta profesional dos colexiados.

d) Propoñerlle á Asemblea Xeral a concesión de distincións e premios.

e) Convocar asembleas ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.

f) Exercer a potestade sancionadora, nos supostos expresamente previstos nestes estatutos, respecto aos colexiados e habilitados.

g) A designación provisional de membros da Xunta de Goberno, cando os seus cargos queden vacantes por proposta do presidente.

h) Propoñerlle á Asemblea Xeral a aprobación do proxecto de orzamentos de ingresos e gastos. Adoptar os acordos que considere procedentes en canto á cantidade que deba satisfacer cada colexiado por dereitos de incorporación.

i) A regulación da compensación polos gastos que ocasione o exercicio dos cargos colexiais.

j) Crear, regular e ordenar os servizos adecuados para o cobramento de percepcións, remuneracións e honorarios profesionais, por si mesmo ou pola entidade na que a xunta delegue, establecendo as condicións operativas e de participación económica da corporación por tales servizos, que serán sempre voluntarios para os colexiados.

k) A aprobación e proposta á Asemblea Xeral do proxecto da conta xeral de tesouraría e a liquidación orzamentaria.

l) Velar para que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio, provendo o necesario ao abeiro daquelas.

ll) Informar os colexiados con prontitude de cantas cuestións poidan afectalos, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural, das que a Xunta de Goberno teña noticias no exercicio da súa función.

m) Emitir consultas ou ditames.

n) Crear comisións de traballo ou seccións colexiais de colectivos de enfermaría cando se considere necesario, designando o seu coordinador ou responsable, por proposta do presidente.

ñ) Nomear o presidente e os dous vogais da mesa electoral cos correspondentes substitutos.

o) Todas as demais competencias que non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral.

p) A constitución ou participación en asociacións, fundacións ou outras entidades con personalidade xurídica sen ánimo de lucro, por proposta da Xunta de Goberno, que teñan por obxecto a promoción cultural, a asistencia social, a formación profesional dos profesionais ou contribúan mellor á consecución dos fins colexiais.

q) A aprobación das normas e contías de honorarios orientativos por proposta da Comisión Executiva da Xunta de Goberno.

r) A adquisición, alleamento, gravame e demais actos xurídicos de disposición sobre bens inmobles da corporación.

Artigo 53º.-Reunións do Pleno.

1. O Pleno da Xunta de Goberno reunirase cando a importancia dos asuntos o requira, á xuízo do presidente e, obrigatoriamente, unha vez cada tres meses.

2. As convocatorias serán feitas polo secretario, logo do mandato do presidente, con tres días naturais de antelación, polo menos. Formularanse por escrito e irán xunto coa orde do día correspondente. Só poderán adoptarse acordos sobre os asuntos incluídos na orde do día.

3. Non obstante o anterior, o presidente poderá convocar o pleno con carácter de urxencia en calquera momento, cando, ao seu criterio, as circunstancias o exixan, por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

4. O pleno entenderase validamente constituído cando asistan, en primeira convocatoria, a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria, separada media hora da primeira, entenderase constituído calquera que sexa o número de asistentes, sempre que estean presentes o presidente e o secretario ou os membros que estatutariamente os substitúan. Os acordos serán adoptados pola maioría de votos dos asistentes en primeira convocatoria. Os acordos adoptados en segunda convocatoria serán válidos, sexa cal fose o número de asistentes. O presidente terá voto de calidade.

5. Os acordos serán adoptados pola maioría de votos dos asistentes, tendo o presidente voto de calidade.

6. A asistencia ás reunións do Pleno da Xunta de Goberno é obrigatoria. A inasistencia inxustificada a tres consecutivas ou cinco alternas dará lugar ao cesamento nos termos do artigo 65º destes estatutos.

7. Ás reunións do pleno poderán asistir asesores, delegados e apoderados colexiais, membros de comisións de traballo e suplentes electos aos cargos da Xunta de Goberno sempre que sexan convocados polo presidente e participen con dereito a voz pero sen voto.

8. O presidente pode alterar a orde dos temas que hai que tratar e acordar interrupcións segundo o seu prudente arbitrio para permitir deliberacións sobre a cuestión debatida ou para descanso nos debates.

Sección terceira

Comisión Executiva

Artigo 54º.-Competencias da Comisión Executiva.

1. A Comisión Executiva da Xunta de Goberno é o órgano permanente de goberno e administración do colexio. Poderá adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, dándolle conta ao

Pleno da Xunta de Goberno das decisións adoptadas para a súa ratificación na sesión seguinte así como asumir as competencias que lle delegue o Pleno da Xunta de Goberno para o mellor cumprimento e desenvolvemento dos fins colexiais.

2. Expresamente, atribúenselle as seguintes funcións:

a) A xestión ordinaria de intereses da corporación.

b) Administrar os fondos do colexio.

c) Resolver sobre a admisión ou denegación de colexiados ou habilitados que o soliciten.

d) Executar os acordos da Asemblea Xeral dándolle conta ao Pleno da Xunta de Goberno.

Artigo 55º.-Reunións da executiva.

1. A comisión executiva reunirase obrigatoriamente unha vez ao mes e sempre que a convoque o presidente.

2. A orde do día será fixada polo presidente e xuntaráselle á convocatoria.

3. A convocatoria da comisión executiva comunicarase a todos os seus membros con corenta e oito horas de antelación coas mesmas formalidades e requisitos que para o pleno, quedando facultado o presidente para convocala de urxencia en calquera momento.

4. A comisión executiva entenderase validamente constituída, aínda sen convocatoria previa, cando, estando presentes todos os seus membros, acorden por unanimidade facer unha reunión, por proposta do presidente.

5. A asistencia ás reunións da executiva é obrigatoria. A inasistencia inxustificada a tres consecutivas ou cinco alternas dará lugar ao cesamento nos termos do artigo 65º destes estatutos.

6. Ás reunións da executiva poderán asistir asesores, membros de comisións de traballo e suplentes electos aos cargos da Xunta de Goberno sempre que sexan convocados polo presidente e participen con dereito a voz pero sen voto. O presidente terá voto de calidade nas reunións da comisión executiva.

Sección cuarta

Das eleccións á Xunta de Goberno

Artigo 56º.-Elección e sufraxio activo.

1. Os cargos da Xunta de Goberno proveranse por elección mediante votación libre, directa e secreta de todos os colexiados con dereito a voto que figuren incorporados o día anterior á convocatoria de eleccións.

2. A duración do mandato dos cargos da Xunta de Goberno será de cinco anos, podendo ser reelixidos.

Artigo 57º.-Requisitos de elixibilidade.

Para ser elixible requírese estar colexiado como exercente no Colexio Oficial de Enfermaría de Pon

tevedra e non estar incurso en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria. Así mesmo, ter unha antigüidade mínima e ininterrompida de nove anos para o cargo de presidente, de catro anos ininterrompidos para os demais cargos da Comisión Executiva, e dun ano igualmente ininterrompido para os demais cargos do pleno que tamén lle será exixible a aqueles colexiados que queiran ser elixidos como suplentes.

Artigo 58º.-Convocatoria.

A convocatoria de eleccións deberá efectuala a Xunta de Goberno, e nela deberá sinalar a data de realización destas, en concordancia co parágrafo terceiro do artigo 56º, así como as horas de apertura e peche da votación, e a relación dos cargos e suplentes que conforman a candidatura -pechada e completa- da Xunta de Goberno e a esta elección debe procederse conforme a composición da Xunta de Goberno que establecen os presentes estatutos.

Artigo 59º.-Procedemento.

1. A convocatoria, dentro dos cinco días naturais seguintes á súa adopción, quedará exposta no taboleiro de anuncios da sede colexial, será publicada en dous dos diarios de maior difusión da provincia de Pontevedra e comunicada por escrito aos colexiados.

2. No anuncio das eleccións deberá constar a relación de cargos que son obxecto de elección, calendario electoral, prazo de presentación de candidaturas, o lugar e a data de realización das eleccións e horario de sufraxio.

3. Na sede do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra poderán presentarse candidaturas dentro dos oito días naturais seguintes a aquel no que se faga pública a convocatoria.

As devanditas candidaturas presentaranse en listas pechadas e completas para os seguintes cargos: presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e catro vogais, xunto con oito suplentes, debendo ser subscritas exclusivamente polos propios candidatos.

4. A Xunta de Goberno, o día seguinte á finalización do prazo de presentación de candidaturas, se é o caso, comunicaralles aos candidatos o incumprimento das condicións para ser elixible. Se afectase a todos ou algúns dos integrantes dunha candidatura conxunta outorgarase un prazo de corenta e oito horas para a corrección ou substitución da persoa inelixible.

O acordo da Xunta de Goberno de excluír os candidatos incursos en causa de inelixibilidade pon fin á vía administrativa. Os candidatos excluídos poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ou impugnar o acordo ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

A interposición do recurso administrativo ou a impugnación xurisdicional non suspenderá a execución do acto impugnado nin a continuación do proceso electoral.

5. A Xunta de Goberno, dentro dos dous días seguintes ao da expiración do prazo para corrixir as candidaturas, proclamará a relación de candidatos admitidos, así como o cargo ao que opta cada un deles, publicando esta relación no taboleiro de anuncios do colexio ese mesmo día. No mesmo acto de proclamación das candidaturas, a Xunta de Goberno designará o presidente e os dous vogais da mesa electoral, así como os seus respectivos substitutos entre os colexiados que se encontren ao corrente das súas obrigas co colexio, designando, así mesmo, cal dos vogais desempeñará as funcións de secretario.

Artigo 60º.-Censo electoral.

Xunto á publicación dos candidatos admitidos, exporase no taboleiro de anuncios do colexio o censo electoral. Os colexiados poderán formular reclamacións para a corrección de erros do censo, dentro do prazo de dez días naturais seguintes ao da súa publicación. A Xunta de Goberno resolverá estas reclamacións dentro dos cinco días hábiles seguintes, notificándolles a resolución aos reclamantes e publicando o censo definitivo.

A cada candidatura proclamada entregarase un exemplar do censo definitivo, con expresión do nome e apelidos dos colexiados.

Artigo 61º.-Distrito electoral.

Todo o territorio ao que se estende a xurisdición do colexio formará un só distrito electoral, constituíndose a mesa electoral na sede do propio colexio ou nas dependencias elixidas para o efecto que, neste caso, terán sido concretadas na convocatoria.

Artigo 62º.-Mesa electoral.

1. O día e hora sinalados na convocatoria constituirase a mesa electoral que fose elixida pola Xunta de Goberno conforme o establecido no artigo 57º.5 dos presentes estatutos.

Á constitución da mesa electoral acudirán os colexiados suplentes para, se é o caso, substituír o membro que lles corresponda.

2. A aceptación do cargo é obrigatoria.

3. As candidaturas poderán nomear entre os colexiados un interventor que os represente na mesa electoral.

O nomeamento, que deberá recaer nun colexiado que reúna os requisitos para ser elector, deberá notificárselle a esta cunha antelación mínima de cinco días naturais anteriores á data da realización das eleccións.

Artigo 63º.-Urnas e papeletas.

1. A mesa electoral debe contar con dúas urnas, unha para os votos dos colexiados que acudan persoalmente e outra para os votos emitidos por correo.

No exterior de cada urna constará claramente o seu contido.

2. As urnas estarán pechadas, deixando unicamente unha fenda para depositar os votos.

3. Na sede na que se realice a elección deberá dispoñer a mesa electoral de suficiente número de sobres e papeletas.

4. O colexio editará os sobres e as papeletas de voto nun formato único para todas as candidaturas en número igual. Se á parte das papeletas que o colexio imprima para seren destinadas para o uso no propio acto electoral, as candidaturas solicitasen unha impresión adicional das súas respectivas papeletas para a súa propia disposición, o colexio terá que imprimilas cos nomes dos candidatos no cargo ao que cada un deles aspira, correndo os custos de edición a cargo de cada candidatura, e debendo ser solicitada dentro dos tres días naturais seguintes á proclamación das candidaturas.

Artigo 64º.-Votación.

1. Constituída a mesa electoral iniciarase a votación á hora prevista na convocatoria.

2. Os votantes están obrigados a acreditar ante a mesa electoral a súa identidade. A mesa comprobará a súa inclusión no censo e o seu presidente, tras pronunciar en voz alta o nome e apelidos do votante, indicando que vota, introducirá a papeleta co seu sobre pechado na urna correspondente.

3. Chegada a hora prevista para a finalización da votación, só poderán votar os colexiados que estivesen na sala.

4. Finalizada a votación dos asistentes e, en último lugar a dos membros da mesa, procederase ao escrutinio dos votos, nomeando en voz alta os candidatos elixidos en cada papeleta.

5. Ademais do que se establece para os votos por correo, serán nulos todos os votos que recaian en persoas que non figuren nas candidaturas proclamadas, conteñan expresións diferentes dos nomes dos candidatos, riscos ou raspaduras.

6. Finalizado o escrutinio, o presidente anunciará o seu resultado sinalando os votos obtidos por cada candidato e os votos nulos e en branco. Seguidamente, proclamará os candidatos elixidos por obter maior número de votos.

7. O secretario da mesa electoral levantará a acta do desenvolvemento e resultados da votación, que deberá ser asinada por todos os seus membros e polos interventores das candidaturas.

A acta seralle remitida á Xunta de Goberno, expedindo o colexio os correspondentes nomeamentos aos colexiados que obtivesen a maioría dos votos, que tomarán posesión do cargo o día que para tal fin sinale a Xunta de Goberno dentro do prazo establecido nestes estatutos.

Artigo 65º.-Voto por correo.

1. Os colexiados que queiran exercer o voto por correo deberán solicitalo persoal e individualmente á Xunta de Goberno, ben en comparecencia persoal

nas oficinas do colexio ou por escrito dirixido á secretaría deste. O colexiado deberá acreditar a súa identidade mediante exhibición do DNI ou, se a solicitude se formula por escrito, facendo constar todos os datos identificativos incluído o DNI, achegando a fotocopia deste. Admitiranse solicitudes de voto recibidas por vía postal ata cinco días naturais anteriores ao día fixado para a votación.

2. O secretario do colexio certificará a petición de voto e tomará nota no censo co fin de que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente.

3. No prazo de 48 horas desde a recepción da solicitude, a secretaría do colexio remitirá, por correo certificado con aviso de recepción ao domicilio que conste nos arquivos do colexio do interesado, copia selada da solicitude de papeletas para exercer o dereito ao voto, as papeletas en branco das votacións e daquelas candidaturas impresas que consten en poder do colexio, un sobre en branco e un sobre exterior, no que se fará constar no anverso a palabra «Eleccións» e no reverso a seguinte inscrición:

«Nome e apelidos

Nº colexiadoSinatura»

4. A papeleta de votación deberá introducirse dobrada no sobre branco que se pechará e introducirase á súa vez no sobre exterior, que se remitirá por correo certificado ou se presentará persoalmente na sede do Ilustre Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra.

5. Os votos por correo deberán dirixirse ao secretario da Xunta de Goberno que se fará cargo da súa custodia ata o momento do inicio das eleccións, no que fará entrega destes á mesa electoral, e o seu presidente será quen os introduza na urna designada para tal efecto.

6. Admitiranse os votos por correo que se reciban na sede electoral ata o momento do peche da votación.

7. Unha vez finalizado o horario da votación, procederase en primeiro lugar á apertura da urna cos votos por correspondencia, procedendo a comprobar que os datos do elector que constan no sobre exterior coinciden coa lista do censo electoral, e, se é este o caso, introducirase a papeleta e o seu sobre pechado na urna xeral.

8. Será nulo todo voto por correo que non cumpra a normativa prevista nestes estatutos.

9. Os colexiados que soliciten votar por correo non poderán votar persoalmente.

10. Levantarase acta e lista dos sobres recibidos e os seus votantes.

Artigo 66º.-Innecesariedade de eleccións.

1. Non se requirirá a realización das eleccións cando fose proclamada unha única lista de candidatos.

2. Nestes casos, a Xunta de Goberno levantará acta, asinada por todos os seus compoñentes, onde se expresará a devandita circunstancia e a innecesariedade de realizar eleccións.

3. Despois de levantar a acta serán expedidos polo colexio os correspondentes nomeamentos, e a súa toma de posesión verificarase o día que para tal fin sinale a Xunta de Goberno.

Artigo 67º.-Comunicación de resultados.

Unha vez elixidos os membros da Xunta de Goberno, comunicarase a súa composición á consellería competente en materia de colexios profesionais e á Consellería de Sanidade.

Sección cuarta

Cesamentos

Artigo 68º.-Cesamento.

Os membros da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra serán destituídos polas causas seguintes:

a) Incumprimento sobrevido dos requisitos para ocupar o cargo.

b) Por expiración do termo ou prazo para o que foron elixidos ou designados.

c) Renuncia do interesado.

d) Inasistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no termo dun ano.

e) Aprobación de moción de censura.

Capítulo II

Da Asemblea Xeral

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 69º.-Natureza e composición.

1. A Asemblea Xeral é o órgano soberano do colexio, onde se expresa a máxima vontade deste. Os seus acordos, validamente adoptados, obrigan a todos os colexiados, incluso aos que tivesen recorrido contra aqueles, sen prexuízo do que se resolva.

2. Ás asembleas xerais que se realicen, ordinarias e extraordinarias, poden asistir con voz e voto todos os colexiados, salvo as excepcións que no presente estatuto se establecen.

Artigo 70º.-Funcións.

Son funcións da asemblea:

a) A aprobación dos estatutos deste colexio e dos regulamentos de réxime interior e de normativas electorais que os desenvolvan, así como as súas modificacións.

b) A aprobación dos orzamentos de ingresos e gastos do colexio para o exercicio seguinte.

c) A aprobación do balance e da liquidación orzamentaria de cada exercicio.

d) A aprobación das cotas de incorporación, cotas ordinarias e extraordinarias.

e) A aprobación, se procede, da moción de censura contra a Xunta de Goberno ou calquera dos seus membros.

f) O exercicio da potestade sancionadora nos supostos previstos nestes estatutos.

g) A fusión, segregación e disolución do colexio, sen prexuízo da competencia da Xunta de Galicia nos termos da normativa autonómica.

h) Todas as demais atribucións que se lle outorguen nos presentes estatutos e aqueles asuntos que lle someta o Pleno da Xunta de Goberno por merecer a súa atención en razón da súa específica transcendencia colexial.

Artigo 71º.-Sesión ordinaria.

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario, como mínimo, unha vez ao ano para aprobar, respectivamente, os orzamentos de ingresos e gastos e a liquidación destes.

Artigo 72º.-Sesión extraordinaria.

1. A Asemblea Xeral reunirase con carácter extraordinario, por iniciativa da Xunta de Goberno ou por solicitude do 15 por cento dos colexiados, e neste caso aceptarase a orde do día que obrigatoriamente deberán xuntarlle á solicitude e realizarase nun prazo non superior a corenta días hábiles desde a presentación desta.

2. Cando a sesión extraordinaria teña por obxecto unha moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros, a proposta deberá ser subscrita polo menos polo 20 por cento dos colexiados, expresando con claridade as razóns nas que se fundamenta.

3. Só por resolución motivada e no caso de que a petición sexa allea aos fins e funcións do colexio poderá denegarse a realización da asemblea extraordinaria, sen prexuízo dos recursos que lles puidesen corresponder aos colexiados peticionarios.

Artigo 73º.-Convocatoria.

1. A Asemblea Xeral deberá convocarse cunha antelación mínima de dez días, salvo os casos de urxencia nos que, a xuízo da Xunta de Goberno, deba reducirse o prazo.

A devandita convocatoria inserirase no taboleiro de anuncios do colexio, con sinalamento da orde do día.

2. Sen prexuízo do anterior, citaranse tamén os colexiados por comunicación escrita na que, igualmente, se inserirá a orde do día. En caso de convocatoria urxente, a citación persoal bastará que se faga con dous días de antelación, publicándose ademais en dous medios locais de comunicación.

A urxencia deberá ser ratificada pola asemblea correspondente como primeiro punto da orde do día.

Artigo 74º.-Celebración.

1. A Asemblea Xeral realizarase o día e a hora sinalados, sempre que en primeira convocatoria estean presentes a maioría absoluta dos colexiados con dereito a voto. Se non se reúne este quórum, realizarase a Asemblea Xeral, media hora despois da anunciada, calquera que sexa o número de colexiados asistentes.

2. Presidirá a asemblea o presidente ou quen faga as súas veces, quen poderá alterar a orde dos temas ou retirar un asunto cando a súa aprobación exixa unha maioría especial e esta non poida obterse no momento previsto inicialmente na orde do día.

3. Durante o transcurso da sesión, o presidente poderá acordar interrupcións, ao seu prudente arbitrio, para permitir deliberacións sobre a cuestión debatida ou para descanso nos debates.

Artigo 75º.-Acordos.

1. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple de votos emitidos, salvo nos casos en que estes estatutos exixan un quórum especial. En ningún caso será delegable o voto.

2. Para a aprobación ou modificación de estatutos e réxime de liquidación do colexio exixirase un quórum de asistencia da maioría absoluta dos colexiados con dereito a voto. Se non se reúne este quórum, a Asemblea Xeral realizarase dentro das 24 horas seguintes á primeira convocatoria, deixando transcorrer polo menos media hora. En segunda convocatoria poderá adoptar acordos por maioría simple e sen quórum especial de asistencia.

3. A fusión, absorción, segregación e disolución do colexio, no seu caso e nos termos establecidos pola Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, requirirá ser aprobada por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

4. A Asemblea Xeral, para debater sobre unha moción de censura, requirirá un quórum de asistencia da maioría absoluta dos colexiados con dereito a voto. A moción entenderase aprobada cando obteña o voto favorable da dita maioría.

Artigo 76º.-Sistemas de votación.

1. As votacións serán ordinarias, nominais ou secretas. O sistema normal de votación será a votación ordinaria.

2. Só serán nominais cando o soliciten corenta ou máis colexiados ou así o determine a presidencia, para o bo reconto dos votos.

3. A votación secreta, mediante papeletas en sobres, só poderá utilizarse cando o solicite un 10 por cento dos colexiados asistentes. En calquera caso será secreto o voto cando afecte a cuestións relativas ao decoro dos colexiados.

TÍTULO IV

Do réxime xurídico

Capítulo I

Fin da vía administrativa, eficacia dos actos

e recursos

Artigo 77º.-Réxime xurídico.

Como corporación de dereito público, o exercicio de potestades públicas polo Colexio Oficial de Enfer

maría de Pontevedra, está suxeito ao dereito administrativo. O resto da súa actividade réxese polo dereito privado.

Artigo 78º.-Fin da vía administrativa.

1. Contra os actos suxeitos ao dereito administrativo emanados dos órganos do colexio caberé recurso potestativo de reposición ante a Xunta de Goberno do Colexio de Enfermaría.

2. Non obstante o anterior, os acordos ditados en materia electoral en aplicación da sección cuarta do título terceiro deste colexio serán directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. No suposto de actos e resolucións ditados en exercicio de competencias administrativas delegadas haberá que aterse aos termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer, se é o caso, do recurso correspondente.

Artigo 79º.-Eficacia e suspensión de actos.

1. Os actos ditados polo colexio presúmense válidos e producen efectos desde a súa adopción se neles non se dispón outra cousa, salvo que deban ser notificados a un colexiado ou grupo de colexiados por afectar os seus dereitos e intereses individuais, conforme a lexislación de procedemento administrativo.

2. A interposición do recurso potestativo de reposición non suspenderá a execución do acto impugnado, salvo nos casos en que se recorra unha sanción disciplinaria.

Capítulo II

Da nulidade dos actos e os libros de actas

Artigo 80º.-Nulidade dos actos.

Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra que se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Que lesione os dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Que fosen ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Que teñan un contido imposible.

d) Que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Que fosen ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Calquera outro previsto con tal carácter na lexislación básica estatal.

Artigo 81º.-Libros de actas.

As actas das asembleas xerais e das xuntas de goberno transcribiranse, separadamente, en dous

libros numerados que para tal efecto se levarán no colexio. Estas serán asinadas polo presidente e polo secretario ou polos que desempeñasen conforme a estes estatutos as súas funcións, sen prexuízo de incorporar os medios e técnicas avanzadas admitidas en dereito, sempre que se garanta a autenticidade do contido das devanditas actas.

As actas correspondentes á Xunta de Goberno e comisión executiva serán asinadas por todos os membros asistentes.

As actas da Xunta Xeral serán asinadas por tres interventores designados pola xunta xeral, polo secretario e visadas polo presidente.

TÍTULO V

Do réxime económico

Artigo 82º.-Administración e financiamento.

1. O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra ten plena autonomía para xestionar e administrar os seus bens.

2. A xestión e administración do patrimonio do colexio encoméndaselle á Xunta de Goberno e está sometida á aprobación da Asemblea Xeral.

3. O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra contribuirá ao financiamento do Consello de Colexios Oficiais de Enfermaría de Galicia e ao Consello Xeral de Colexios de Diplomados en Enfermaría nos termos que ambas corporacións acorden.

Artigo 83º.-Recursos ordinarios.

Son recursos ordinarios do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra:

1. Os rendementos de calquera natureza que produzan os bens ou dereitos que integran o patrimonio do colexio.

2. Os fondos procedentes das cotas de incorporación, habilitación, cotas ordinarias e extraordinarias.

3. Os dereitos fixados pola Xunta de Goberno pola elaboración de informes, ditames, resolucións ou taxacións.

4. A participación asignada nas certificacións, selos autorizados, ou impresos de carácter oficial.

5. A parte fixada ou que se fixe no sucesivo por prestacións de servizos xerais.

6. O produto do alleamento de bens mobles e inmobles.

7. Os xuros devengados polos depósitos bancarios.

8. As rendas procedentes do investimento dos remanentes de exercicios anteriores, se os houbese.

9. Calquera outro concepto que legalmente proceda.

Artigo 84º.-Recursos extraordinarios.

Constituirán os recursos extraordinarios do colexio:

1. As subvencións ou donativos que sexan concedidos ao colexio polo Estado, comunidades autónomas, corporacións locais, ou calquera outra entidad pública ou privada.

2. Os bens que por calquera título pasen a formar parte do patrimonio do colexio.

3. Calquera outro que legalmente procedese.

Artigo 85º.-Orzamentos.

1. O tesoureiro someterá á aprobación do Pleno da Xunta de Goberno o anteproxecto de orzamentos de ingresos e gastos por el elaborado.

2. Obtida a aprobación do Pleno da Xunta de Goberno, esta presentaralle o proxecto de orzamentos á Asemblea Xeral para a súa aprobación definitiva.

Artigo 86º.-Liquidación.

1. O balance da situación e liquidación do orzamento de ingresos e gastos presentarase ao Pleno da Xunta de Goberno polo tesoureiro.

2. Unha vez obtida a aprobación do Pleno da Xunta de Goberno, o balance da situación e liquidación do orzamento someterase á preceptiva aprobación da Asemblea Xeral.

Artigo 87º.-Cotas.

1. Cota de incorporación.

É a cantidade económica que se satisfai ao incorporarse ao Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra.

Non están obrigados a satisfacer a cota de incorporación os colexiados procedentes doutros colexios de enfermaría cando conste que a aboaron no colexio de orixe.

2. Cota ordinaria.

É a cantidade económica que se satisfai de forma periódica durante toda a vida colexial para o normal sostemento e funcionamento do colexio, por todos os colexiados, con ou sen exercicio.

3. Cotas extraordinarias.

Son cantidades económicas fixadas para facer fronte a gastos ou pagamentos extraordinarios, non previstos nos orzamentos do colexio. Unha vez aprobadas serán satisfeitas obrigatoriamente polos colexiados.

4. As cotas e as súas modificacións serán aprobadas pola Asemblea Xeral, debendo figurar a dita mención na orde do día da correspondente convocatoria que para tal efecto se publique.

5. A Xunta de Goberno está facultada para conceder o aprazamento do pagamento de cotas nos casos debidamente xustificados.

Artigo 88º.-Gastos.

1. Os gastos do colexio serán os necesarios para o sostemento dos seus servizos, sen que poida efectuarse ningún pagamento non previsto nos orzamentos, salvo casos xustificados nos que a Xunta de Goberno acorde a habilitación dun suplemento de crédito.

2. A Xunta de Goberno poderá habilitar suplementos de crédito:

a) Para o pagamento ao persoal, cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou regulamentaria.

b) Para a satisfacción de tributos estatais, autonómicos, ou locais, cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou regulamentaria.

c) Cando sexa necesario atender a outros gastos non previsibles e de ineludible cumprimento.

3. Requírese a conformidade do presidente logo dunha consulta co tesoureiro para efectuar os pagamentos dos gastos.

4. O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra, cando sexa posible, efectuará os pagamentos a través das contas correntes que manteña abertas para o mellor desenvolvemento da súa actividade. En cada conta bancaria serán sinaturas autorizadas as do presidente e o tesoureiro.

Artigo 89º.-Disolución do colexio.

1. A disolución do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra terá lugar cando así o impoña expresamente unha lei ou mediante acordo adoptado en Asemblea Xeral Extraordinaria, expresamente convocada para o efecto, á que deberá concorrer un número de colexiados non inferior ao setenta e cinco por cento dos membros censados e se aprobe por maioría cualificada de dous terzos dos colexiados presentes.

2. A certificación do acordo de disolución deberá ser dirixido á Xunta para a súa aprobación por medio de lei, logo dun informe favorable do Consello Galego de Colexios de Enfermaría.

Artigo 90º.-Liquidación do colexio.

1. Unha vez disolto o colexio por algunha das causas legalmente previstas, abrirase o período de liquidación. A Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora e levará a cabo as operacións de liquidación do activo colexial, de conformidade coas bases e prazos que fixe a Asemblea Xeral convocada para o efecto.

2. O patrimonio social será destinado en primeiro lugar a cubrir o pasivo existente, dándolle ao activo restante o destino que acorde a Asemblea Xeral por proposta da comisión liquidadora.

Artigo 91º.-Réxime de auditoría.

«As contas do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra serán verificadas por unha auditoría externa, designada para o efecto, cando se produza

a renovación ordinaria, total ou parcial dos seus órganos directivos. O resultado da auditoría someterase a consideración da primeira xunta xeral ordinaria que se realice».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas colexiais se opoñan ao establecido nestes estatutos.