DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2005 Páx. 518

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 5 de xaneiro de 2005 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para formación de persoal especialista en temas de investigación mariña correspondentes ao Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social

e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a dita lei no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 14 de marzo de 2002, aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005).

Dentro do plan, o programa de recursos mariños persigue a utilización óptima dos recursos mariños, incluíndo a determinación das bases técnicas da xestión, actuando sobre dúas áreas fundamentais, a pesca e a acuicultura que exixen unha cada vez máis forte presencia de persoal con altos niveis de formación e experiencia.

En aplicación do plan e dentro do programa de recursos humanos, tendo en conta a intensa demanda de especialistas no campo da investigación mariña,

DISPONSE:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria de bolsas para a realización de teses de doutoramento en temas de investigación mariña, dentro do programa de recursos humanos con vista á formación de persoal en temas mariños, e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerá a respectiva convocatoria que se inclúe como anexo I desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Artigo 2º

O financiamento destas bolsas farase con cargo á partida orzamentaria 12.04.432A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega dos anos 2005 (21.200 A) e 2006 (4.240 A) e dado que se tramita como anticipado de gasto, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente para financiar as obrigas derivadas do mesmo no exercicio orzamentario correspondente.

Artigo 3º

De conformidade co disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a competencia para a concesión destas axudas é obxecto de delegación por parte do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 4º.-Prazo de resolución e recursos.

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao amparo desta convocatoria será de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poden ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación no caso de resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estimar a presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se é a resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2005.

Enrique C. López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Bolsas para a realización de teses de doutoramento

en temas de investigación mariña

O obxecto desta convocatoria é a concesión de dúas (2) bolsas dun ano de duración, prorrogable por períodos dun ano ata un máximo de catro, para a realización de teses de doutoramento nos seguintes campos:

a) Acumulación de toxinas ASP en pectínidos.

b) Avaliación de caracteres produtivos en moluscos bivalvos cultivados nas rías galegas.

1. Requisitos dos solicitantes.

Para optar a unha destas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas todas as disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado en:

-Bioloxía, veterinaria, farmacia ou ciencias do mar, para a realización da tese de doutoramento no ámbito de acumulación de toxinas ASP en pectínidos.

-Bioloxía para a realización da tese de doutoramento no ámbito de avaliación de caracteres produtivos en moluscos bivalvos cultivados nas rías galegas.

c) Non ter desfrutado destas bolsas ou outras homologadas a elas en anteriores convocatorias.

2. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

2.1. Unha asignación mensual bruta de 1.000 A, se ben poderá incrementarse durante o período de realización da bolsa, nunha liña tendente á homologación con bolsas estatais no caso de existir crédito axeitado e suficiente.

2.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

O seguro de asistencia médica será extensible, de ser o caso, ao cónxuxe e fillos do beneficiario cando estes carezan de Seguridade Social.

A contía da bolsa poderá ser incrementada, en función das dispoñibilidades orzamentarias, ata un máximo de 1.510 A para actividades de formación dentro do programa da bolsa, logo de solicitude do bolseiro e informe favorable da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e sempre que o titor considere necesaria a súa asistencia.

3. Período de desfrute.

3.1. A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre o 1 de marzo de 2005 e o 28 de febreiro de 2006.

3.2. Aos adxudicatarios destas bolsas de nova adxudicación prorrogaráselles a bolsa automaticamente por períodos dun ano ou fracción ata completar un total máximo de catro anos, logo da presentación, antes do 1 de febreiro do ano seguinte ao de obtención da bolsa ou prórroga, da seguinte documentación:

-Memoria das actividades académicas e investigadoras realizadas durante o período transcorrido en que desfrutou da bolsa de nova adxudicación e plan de traballo durante a prórroga solicitada. Deberá ir asinada polo bolseiro e co visto e prace do director/es do proxecto de investigación.

-Informe (en papel oficial ou con selo do correspondente centro/departamento), do director/es no que se confirme que as actividades realizadas polo

bolseiro durante o período de desfrute da bolsa, en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación, foron axeitadas.

-Declaración do solicitante de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das administracións públicas competentes.

-Ademais, para solicitar a terceira prórroga o bolseiro deberá presentar o diploma de estudos avanzados.

O importe mensual das prórrogas equipárase ao das bolsas de nova adxudicación que se convoquen para o ano correspondente.

4. Centro de realización.

Centro de Investigacións Mariñas (CIMA)-Corón (Vilanova de Arousa).

5. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial RHU-05 do que a carátula externa se publica como anexo II a esta orde, están á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e na internet nos enderezos: http://www.xunta.es/newpesca/noticiaspesca.nsf/ e http://www.sxid.org. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

5.1. Fotocopia do DNI ou documento equivalente no caso de ser estranxeiro.

5.2. Certificación académica detallada na que figuren as calificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudos convalidados, deberá presentarse, así mesmo, certificación académica, de idénticas características, para os estudos de orixe.

Os que acceden ao 2º ciclo dunha licenciatura a través do curso de adaptación correspondente, por estar en posesión dun título de diplomado ou por ter realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determinar a media do expediente académico, deberán xuntar, ademais da certificación correspondente ao curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou aos estudos de 1º ciclo realizados.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese de licenciatura e o título desta.

5.3. Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

5.4. Declaración xurada do solicitante na que conste que cumpre o requisito establecido no punto 1 c).

5.5. Declaración do solicitante de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. Tramitación.

Por parte dos servizos administrativos da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro comprobarase que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase, nun prazo de dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e na internet nos enderezos: http://www.xunta.es/newpesca/noticiaspesca.nsf/ e http://www.sxid.org. Esta lista estará exposta durante dez días, podendo os interesados, durante ese prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

7. Selección de candidatos.

7.1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados polo director xeral de Investigación e Desenvolvemento.

7.2. Criterios de selección.

A selección de bolseiros farase en función dos méritos acreditados nos puntos 5.1 e 5.2.

7.2.1. Baremación de solicitudes:

a) Expediente académico de 1º e 2º ciclo (media licenciatura): máximo 4 puntos.

As cualificacións de 1º e 2º ciclo (estudos de licenciatura), valoraranse de acordo co seguinte baremo:

Matricula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso/non presentado: 0 puntos.

b) Currículum vitae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1) A proximidade temporal á obtención do título de licenciado (ano 2004: 1 punto; ano 2003: 0,75 puntos; ano 2002: 0,50 puntos; ano 2001: 0,25 puntos..).

b.2) Outros (cursos, coñecemento de idiomas..).

A puntuación final de cada solicitante obterase da suma de expediente + currículum.

Os solicitantes ordenaranse por orde decrecente da puntuación obtida en función do tipo de bolsa e adxudicaranse as bolsas comezando polo candidato de maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes, en cada ámbito, por orde decrecente de puntuación, na que figurarán os solicitantes que cumprindo os requisitos non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatario de bolsa.

Os solicitantes que figuren na lista de suplentes só poderán acadar bolsa de producirse renuncias de bolseiros antes do 31 de maio de 2005.

8. Resolución do concurso.

A Comisión de Selección de Investigación elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación) así como cos contratos derivados do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro poderá conceder, só en casos excepcionais, interrupcións no aproveitamento da bolsa a petición razoada do interesado, logo de informe do seu director de tese.

As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 6 meses ao longo da duración da bolsa e as posibles renovacións e non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

Así mesmo, no caso de maternidade poderá concederse, logo de petición, unha interrupción de ata un máximo de 4 meses, reducíndose a contía da bolsa, no dito período a un 75%.

No momento en que algún dos beneficiarios destas bolsas realice a lectura da súa tese de doutoramento deberá comunicalo á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro; se o escrito ven acompañado dun informe do director da tese dando conta de que o doutorando participa noutras tarefas de investigación do grupo poderase, por parte da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pes-

queiro, autorizar a continuación do desfrute da bolsa ata o remate do período para o que se lle concedeu.

10. Aceptación da bolsa e pagamento.

10.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nestas bases. Antes de iniciar os pagamentos, os bolseiros deberán presentar unha declaración xurada na que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa.

10.2. As bolsas aboaranse mensualmente. O pagamento do último mes farase despois de que o bolseiro presente:

-O informe final que resuma a totalidade do traballo realizado co visto e prace do director do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. No informe deberá figurar o visto e prace do director do proxecto.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

11. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con adicación exclusiva á súa función.

Antes de finalizar o segundo semestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitir á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro un informe do traballo realizado ata o momento.

A concesión e desfrute da bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ao que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ao cadro de persoal deste.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación aos que expresamente se lles autorice.

O bolseiro está obrigado a notificar á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese deberá notificalo igualmente á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro indicando as causas que motivaron dita circunstancia.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases supoñerá a perda da bolsa concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades cobradas consonte o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL