DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 11 de xaneiro de 2005 Páx. 426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de decembro de 2004 pola que se establecen subvencións para o desenvolvemento de programas de incorporación social e laboral destinados a persoas en situación ou risco de exclusión social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais para Galicia establece nos seus artigos 49, 53 e 57 b) que a Administración autonómica poderá establecer subvencións a entidades prestadoras de servizos sociais para a promoción de actividades básicas ou innovadoras referentes a programas e servizos.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 213/2003, do 3 de abril, é o órgano responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia.

De acordo coas directrices comunitarias definidas na Axenda Social Europea, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, elaborou o I Plan Galego de Inclusión Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e incluído no Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006 no eixe 44: integración no mercado de traballo das persoas con especiais dificultades.

O Plan de Inclusión é un conxunto integrado de medidas dirixidas á inserción social e laboral que partindo do carácter multidimensional do fenómeno da pobreza e da exclusión, pon en marcha novas actuacións para promover a integración e autonomía das persoas e colectivos en situación ou risco de exclusión social.

Un dos principios orientadores na execución desas medidas é o enfoque integrado e a implicación do tecido social, preténdese dar cabida dentro do plan ás entidades de iniciativa social, aos axentes sociais e ás entidades de carácter non gobernamental, aumentando a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social, sendo esta orde un dos vehículos para a súa participación.

A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto desta orde axustarase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que conceda a Administración autonómica e no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actua

ción administrativa, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e polo Decreto 215/2004, do 23 de setembro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios de acordo coa finalidade para a que foron establecidos

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas ás entidades de iniciativa social para a realización de programas de incorporación social e laboral que contribúan a fomentar a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Artigo 2º.-Accións subvencionables.

De acordo cos obxectivos establecidos no I Plan Galego de Inclusión Social e tendo en conta as actividades que financia o Fondo Social Europeo no marco dos obxectivos de desenvolvemento dos recursos humanos, esta orde subvencionará as seguintes accións:

a) Accións que permitan a adquisición e desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais para dinamizar as capacidades e recursos persoais e sociais.

b) Accións específicas de formación de tipo laboral que permitan mellorar a cualificación profesional e o nivel de empregabilidade.

c) Accións de información, orientación e asesoramento que posibiliten o acceso a un posto de traballo, ben por conta allea ou mediante un proxecto de autoemprego.

d) Accións de acompañamento social que consistirán na posta á disposición dos usuarios de servizos de apoio persoal e/ou familiar que faciliten o axeitado desenvolvemento dos seus itinerarios de inserción sociolaboral.

Artigo 3º.-Gastos subvencionables.

1. De acordo co Regulamento (CE) nº 1685/2000, da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1260/1999, do Consello no relativo ao financiamento de gastos de operacións cofinanciables polos fondos estruturais, e en relación co artigo anterior considéranse subvencionables os seguintes gastos:

a) Gastos do persoal necesarios para a execución das actividades.

-Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais no convenio

colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia, salvo que, pola aplicación directa doutros convenios colectivos do sector, correspondan contías superiores.

-As retribucións de persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos, modalidade que terá sempre carácter excepcional, nos casos en que polas especiais características da actividade non resulte adecuado a realización polo persoal suxeito a normativa laboral vixente. Estas retribucións quedarán afectadas polas limitacións sinaladas no parágrafo anterior.

-As axudas de custo e gastos de viaxe tamén se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos, sempre que non superen no seu conxunto o 4 por 100 do importe total do programa subvencionado.

b) Gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade.

c) Os gastos xerais serán subvencionados coa condición de que correspondan a custos reais de execución da actividade financiada pola orde e se asignen de forma rateada á operación, de acordo cun método equitativo debidamente xustificado.

d) A amortización dos instrumentos e equipamentos en proporción a súa utilización exclusiva para a actividade subvencionada.

e) O aluguer debidamente xustificado.

f) Os gastos dos usuarios participantes nas accións incluirán: axudas de custo de desprazamento, remuneracións ou asignacións de participantes, seguros sociais dos alumnos en caso de actividades formativas. As bolsas terán unha contía máxima de 7 euros día/lectivo.

2. As dúbidas ou controversias en relación coa elixibilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.

Artigo 4º.-Prazo de execución das actividades.

Ao abeiro desta orde poderán subvencionarse actividades desenvolvidas desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do ano 2005.

Artigo 5º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social referidas no artigo 32.2º c) da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais.

2. Ademais, poderán presentar solicitude de subvencións as organizacións empresariais ou sindicais, os organismos paritarios de formación de ámbito sectorial e as organizacións representativas da economía social.

3. As anteriores entidades deberán estar inscritas, con anterioridade á resolución da subvención, no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior.

Artigo 6º.-Selección de usuarios.

A selección dos usuarios das accións subvencionables con cargo a esta orde realizarase de acordo co seguinte:

a) Cando se trate de programas financiados na súa totalidade pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, as accións descritas no artigo 2º estarán destinadas a persoas en situación ou risco de exclusión social, acreditadas e derivadas polas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en colaboración cos servizos sociais de atención primaria, ou ben directamente polos servizos sociais de atención primaria dos concellos que dispoñan de dispositivos de integración global para persoas desfavorecidas financiados ou cofinanciados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

b) Cando a subvención concedida con cargo a esta orde cofinancie programas que dispoñen doutras achegas financeiras públicas ou privadas, os anteriores requisitos entenderanse referidos proporcionalmente ao número de usuarios que deba atender a entidade con cargo á subvención concedida.

Artigo 7º.-Financiamento.

1. A concesión das subvenciones reguladas nesta orde terán como límite global o crédito asignado para estes fins no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2005, polo importe de 431.702 euros con cargo á aplicación orzamentaria 16.04.212A.482.1 e 590.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 16.04.212A.481.3. A concesión das axudas reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto, no exercicio anterior aos dos orzamentos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano seguinte aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse no modelo publicado como anexo I desta orde. A devandita solicitude deberá ir acompañada ademais pola seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo (anexo I).

b) Memoria da institución segundo o modelo (anexo II).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo (anexo III).

d) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

e) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

h) Programa das actividades que se pretenden realizar (anexo IV). No programa deberanse concretar polo menos os seguintes puntos:

-Denominación de cada programa ou actividade.

-Descrición, fins e resumo do contido de cada programa.

-Perfil dos destinatarios e número de usuarios previstos.

-Período de execución. Localización territorial.

-Metodoloxía e instrumentos que se van utilizar.

i) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento (anexo V).

Artigo 9º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 10º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nos servizos periféricos ou servizos centrais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior, emitirá unha certificación relativa ás entidades inscritas e ás que teñen solicitada a inscrición, para os efectos de comprobar o disposto no artigo 5º.3.

2. Os servizos centrais da consellería comprobarán que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirán os interesados para no prazo de dez días emendaren as faltas ou achegaren os documentos preceptivos con indicación de que se así non o fixesen, se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración de subvencións, que terá a función de propoñer

a aprobación ou denegación das subvencións, segundo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

4. A composición da comisión de valoración de subvencións será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

b) Vogais: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais e a xefa de Servizo de Inclusión Social. Ademais, actuando como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do presidente.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da Comisión de Valoración de Subvencións e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servizo que o substituído.

Artigo 12º.-Criterios de valoración das subvencións.

Valoraranse os seguintes aspectos:

-Garantías de realización de programas de inserción sociolaboral, mediante a experiencia acreditada da entidade solicitante.

-A complementariedade coas actuación públicas ou a satisfacción de necesidades de tipo laboral e formativo.

-Os obxectivos que se pretenden acadar en función do contido técnico do programa e do número e perfil dos usuarios que se vai atender.

-Carácter innovador no ámbito da inclusión social das accións que se van desenvolver.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva atendendo aos criterios de valoración establecidos nesta orde.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaránselles aos interesados no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, sé é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a

orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

5. En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión da subvención a entidade beneficiaria deberá remitir no prazo dun mes certificación acreditativa de que foi aceptada a subvención.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións que conceda a Administración autonómica.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, poderán efectuarse resolucións complementarias cando existan fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes. Neste caso, salvo que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta, outras solicitudes distintas ás consideradas para a resolución inicial.

3. Serán de aplicación aos beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 79 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, e de función pública e actuación administrativa, así como no procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións que conceda a Administración autonómica.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

1. As entidades que sexan subvencionadas deberán:

a) Acreditar a realización da actividade ou servizo que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio.

b) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas concedidos, a condición de subvencionada pola Consellería Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e o Fondo Social Europeo.

c) Remitir no prazo de dez días hábiles os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

d) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración pública de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos programas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade a xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Adecuar a metodoloxía de recollida e proceso de datos de seguimento de beneficiarios ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

f) Remitir, no día de inicio da actividade, unha comunicación do seu comezo.

g) Todas aquelas obrigas que se desprendan do articulado desta orde.

2. As entidades que realicen actividades formativas ademais deberán:

a) Contratar un seguro de accidentes para os alumnos que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso como os do traxecto ao lugar onde se impartan as prácticas, se é o caso.

b) Remitir ao remate da actividade unha ficha rexistro de actividades formativas.

Artigo 16º.-Pagamento das subvencións.

1. Para aquelas subvencións que non superen o importe de 6.010,12 euros, poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata o 50%, e librarase o 50% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida, mediante os documentos xustificativos que se relacionan no artigo seguinte.

2. Nos demais casos, sempre que se trate de entidades sen ánimo de lucro, e de conformidade co establecido no Decreto 287/2000, e conforme o acordo do Consello da Xunta de 29 de decembro de 2004, o pagamento das axudas poderá facerse nos seguintes prazos:

a) Un primeiro, de ata o 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación, que poderá acordarse no momento da súa concesión.

b) Ata o 80% da subvención concedida poderán acordarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique ter realizado o gasto equivalente.

c) O 20% restante farase efectivo, unha vez xustificada a aplicación da totalidade da subvención para o fin para o que foi concedida.

Artigo 17º.-Forma de xustificación.

1. De conformidade co establecido no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005, as asociacións e outras entidades de iniciativa social quedan exentas de acreditar

que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. Para facer efectivo o anticipo previsto no artigo 16.1º e 16.2º a) deberá presentarse certificación do director ou responsable da entidade, do inicio das actividades.

3. Para facer efectivos os pagamentos parciais previstos no artigo 16.2º b) deberase presentar a documentación referida nas letras a) e b) dos puntos seguintes.

4. Para facer efectivos os pagamentos finais regulados no artigo 16.2º c) deberase presentar:

a) Certificación asinada e selada polo representante da entidade na que se acredite a realización das actividades así como o seu importe.

b) Relación de facturas que soporten o gasto certificado ou documento contable de valor probatorio equivalente con expresión do seu número, data, concepto e importe. As facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro, e nas súas modificacións posteriores.

c) Balance de ingresos e gastos, referido ao custo total do programa, segundo o modelo proporcionado no anexo VI, asinado polo presidente ou responsable da entidade en que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ao importe total da subvención.

d) Memoria sucinta da actividade en que se concreten os puntos sinalados no programa de actividades.

e) No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas por esta orde.

5. A remisión da documentación referida no punto anterior, letras d) e e) considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 18º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento total ou parcial da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime económico e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 19º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Autorizar a inspección dos órganos competentes da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social aplicará un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas ás actividades subvencionadas aprobadas, e emitirá un informe do progreso da acción e do seu grao de execución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2004.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais