DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 11 de xaneiro de 2005 Páx. 410

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de decembro de 2004 pola que se establecen subvencións para investimento, mantemento e promoción de actividades destinadas á prestación de servizos sociais polas asociacións e outras entidades de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de seguridade social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais para Galicia, recolle no seu artigo 49 que a Administración autonómica poderá establecer subvencións a entidades prestadoras de servizos sociais.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 212/2003, do 3 de abril, é o órgano responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Entre as competencias da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais figura a de realizar a planificación xeral dos servizos sociais de atención primaria coordinando as actuacións das entidades prestadoras de servizos sociais, coa finalidade de atender de forma ordenada e global as necesidades, sacarlles rendemento aos recursos dispoñibles, garantir a calidade na prestación dos servizos, evitar os desequilibrios territoriais e estimular a cultura da participación e do protagonismo da sociedade na provisión de servizos de atención social.

Na procura do anterior obxectivo, considérase axeitado o establecemento de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para a prestacións de servizos sociais sempre que cumpran os requisitos legalmente establecidos de adecuarse á planificación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e ao control dela sobre as actividades, servizos ou investimentos subvencionados.

Mediante Real decreto 373/1999, do 5 de marzo, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos da Seguridade Social en materia de asistencia e servizos sociais encomendados ao Instituto Social da Mariña (ISM).

A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto desta orde axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que conceda a Administración autonómica e no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, atendendo, en todo caso, aos

principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 215/2004, do 23 de setembro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas ás entidades que desenvolvan programas e presten servizos sociais de atención primaria favorecedoras da participación e benestar social das persoas ou colectivos que sofren algún tipo de carencia ou desatención dentro do seu contorno comunitario.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social das referidas no artigo 32.2º.c) da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, que desenvolvan programas e presten os servizos establecidos no artigo anterior, sempre que se atopen inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relación Laborais regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior.

2. O outorgamento da subvención para o mantemento de centros de que sexan titulares as entidades de iniciativa social quedará condicionado á solicitude do permiso de inicio de actividades previsto no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, antes do remate do prazo de presentación das instancias desta orde. A solicitude do permiso de inicio de actividades presentarase en modelo normalizado e irá acompañada da documentación prevista no artigo 21 do citado decreto. En todo caso, será requisito previo para a obtención deste tipo de axuda a acreditación do permiso de inicio de actividades con anterioridade á data da resolución que a recoñeza.

3. Inclúense no ámbito subxectivo desta orde as entidades que, cumprindo cos requisitos establecidos nela, dirixan a súa actividade a traballadores, pensionistas e beneficiarios do sector marítimo pesqueiro.

4. As entidades que accedan a esta convocatoria deberán dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1º desta orde.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas de atención primaria que se poderán solicitar son as seguintes:

a) De investimento:

-Adquisición, construción, reforma, ampliación ou mellora de inmobles.

-Equipamento e moblaxe.

b) De mantemento:

-De centros e programas sociais destinados a colectivos con déficit social que requiran de apoio para favorecer o benestar social no contorno comunitario.

-De asociacións e outras entidades.

c) De promoción de actividades:

-De inserción social.

-De carácter asociativo ou comunitario.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) Todas as axudas reguladas nesta orde poderán estar suxeitas á formalización dun convenio entre a institución beneficiaria e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

b) Tanto para as subvencións de investimento como para as de mantemento e promoción de actividades, a subvención poderá significar o financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos ou privados, percibidas coa mesma finalidade, non supere o importe total do gasto efectuado. Así mesmo, a subvención reducirase proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do gasto para o que foi concedida.

c) As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servizos centrais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas ás asociacións de iniciativa social en canto ao cumprimento dos requisitos exixidos pola Lei de servizos sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento.

d) As institucións con personalidade xurídica independente que desenvolvan actuacións nun mesmo ámbito territorial, provincial ou supraprovincial, estarán facultadas para solicitar subvencións dirixidas á realización conxunta de actividades con idéntica finalidade. As instancias cursaranse individualmente e cada entidade solicitará unha parte proporcional da axuda, de xeito que a suma resultante das subvencións solicitadas por todas elas non poderá superar o custo total da actividade.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005, por un importe máximo 1.520.739,90 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, nas aplicacións seguintes:

16.04.212D.480.0 polo importe de 1.261.909,90 euros.

16.04.212A.482.2 polo importe de 58.526 euros.

16.04.212D.780.1 polo importe de 200.304 euros.

A concesión das axudas reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expe

dientes de subvencións, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano seguinte aprobados polo Consello da Xunta.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos que se facilitarán nos servizos centrais ou periféricos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, así como nos centros de servizos sociais, servizos sociais municipais ou en calquera das oficinas de Información Administrativa e Atención ao Cidadán da Xunta de Galicia. A devandita solicitude deberá ir acompañada, ademais de pola documentación requirida para as distintas axudas, pola documentación estatística relativa á institución e aos distintos centros ou servizos xestionados, debidamente cuberta nos modelos conforme os anexos VII, VIII ou IX desta orde, segundo corresponda.

1. Documentos comúns a todas as axudas:

a) Solicitude segundo o modelo (anexo I).

b) Memoria da institución segundo o modelo (anexo II).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo (anexo III).

d) Certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, se é o caso, o importe da subvención concedida.

e) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

h) As entidades que solicitasen subvención no exercicio anterior quedarán exentas de presentar a documentación prevista nas alíneas c), d), e) e f), sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante certificación expedida polo representante da entidade.

2. Documentos específicos para cada tipo de subvención:

2.1 Para subvencións de investimento:

2.1.1. Adquisición de bens inmobles:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade en que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste a favor do vendedor.

b) Documento de opción de compra, en que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

c) Informe técnico sobre o estado do inmoble.

2.1.2. Construción, reforma, ampliación ou mellora:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do inmoble polo solicitante ou, se está en aluguer ou cedido, declaración do propietario en

que faga constar as condicións nas cales se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente en que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta e que esta cumpre cos requisitos establecidos na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Memoria das obras que se van realizar, e orzamento de execución material delas.

d) Plan de financiamento da obra.

2.1.3. Equipamento:

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretenden realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construción do centro, acreditación de que a obra está totalmente rematada.

2.2. Para subvencións de mantemento:

Memoria en que conste a identificación do centro, descrición técnica deste, cadro-resumo do persoal, relación de beneficiarios e orzamento de mantemento (anexo IV).

Cando se trate de programas nos cales, polo seu carácter de transitoriedade ou natureza da atención prestada, non sexa posible ou conveniente identificar concretamente as persoas atendidas, substituirase o cadro-resumo e a relación de beneficiarios por unha certificación do director do centro, co visto e prace do presidente da institución, na cal se indique o número de beneficiarios ou a frecuencia dos servizos que se prestan, segundo proceda.

2.3. Para subvencións de promoción de actividades:

a) Programa das actividades que se pretenden realizar (anexo V):

-Denominación de cada programa ou actividade.

-Resumo do contido de cada programa.

-Colectivo de atención.

-Descrición e fins de cada programa.

-Período de execución. Localización territorial.

-Número de usuarios directos.

-Metodoloxía e instrumentos que se van utilizar.

-Avaliación e seguimento do programa: obxectivos que se pretenden acadar, indicador de impacto utilizado para a súa medición e resultado esperado en relación a cada obxectivo.

b) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos cos que se conte para o seu financiamento.

A entidade solicitante que opte pola realización conxunta dun programa con outras institucións participantes, identificará estas, indicando expresamente o custo total da actividade, a parte proporcional da axuda que solicita cada unha delas e os recursos materiais e económicos que achegan.

c) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudos e publicacións, así como de presentar un informe destes.

Artigo 7º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 8º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e a documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos normalizados, nos servizos centrais ou periféricos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e será de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior, emitirá unha certificación relativa ás entidades inscritas, para o efecto de comprobar o disposto no artigo 2º.1, e remitirállela a todas as delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. As delegacións provinciais ou, cando proceda, os servizos centrais da consellería comprobarán que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirán dos interesados a que no prazo de dez días emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á Comisión Provincial ou Central de Valoración de Axudas Institucionais, que terá a función de propoñer a aprobación ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

4. A composición das comisións de valoración será a seguinte:

a) Nos servizos centrais:

-Presidente: o director xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

-Vogais: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais e o xefe de Servizo de Prestacións. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do director xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

b) Nos servizos periféricos:

-Presidente: o secretario provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-Vogais: dous funcionarios designados polo delegado provincial. Actuará como secretario un dos vogais. Deberase convocar, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da respectiva comisión e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servizo ao cal pertenza o substituído.

Artigo 10º.-Criterios de prioridade na valoración das axudas institucionais.

1. Criterios xerais:

-Implantación social da entidade e número de socios ou afiliados.

-Garantías de realización das actuacións propostas.

-A constitución da entidade con polo menos dous anos de antelación á publicación da convocatoria. Exceptúanse confederacións ou federacións de recente creación que estean compostas maioritariamente por federacións ou asociacións de máis de dous anos de antigüidade.

-A estrutura, capacidade e eficacia de xestión da entidade para executar as actividades para as cales se solicite subvención.

-A introdución de metodoloxías novas que teñan como obxectivo debilitar os factores que provocan situacións de exclusión social.

-A complementariedade coas actuacións públicas ou a satisfacción, por parte dos proxectos deseñados, de necesidades sociais non cubertas suficientemente.

2. Criterios específicos:

a) Axudas de investimento:

-O déficit ou a insuficiencia de recursos na zona de influencia.

-A adaptación dos centros e servizos ao cumprimento dos requisitos exixidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais e á correspondente normativa en función do tipo de centro, así como á lexislación sobre accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma galega.

b) Axudas de mantemento:

-O mantemento de centros de atención primaria favorecedores da participación e benestar social das persoas ou colectivos que sofren algún tipo de carencia ou desatención dentro do seu contorno comunitario.

-O mantemento de servizos de base comunitaria de atención directa, de forma continuada.

c) Axudas de promoción de actividades:

-O desenvolvemento de programas e a realización daquelas actividades que tendan a posibilitar e fomen

tar o desenvolvemento persoal e a inserción social.

-Valoraranse os obxectivos que pretenda acadar a entidade solicitante, o impacto da actividade, o número de usuarios e a poboación á cal vai dirixida.

-En todo caso, gozarán de preferencia neste punto as solicitudes que formulen entidades xuridicamente independentes para a consecución e financiamento conxunto de actividades con idéntica finalidade.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Delégase a competencia para resolver a concesión das axudas solicitadas ao abeiro desta orde nos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais segundo o seu respectivo ámbito territorial, unha vez fiscalizadas polas intervencións competentes. Exceptúanse do disposto anteriormente aquelas axudas destinadas a subvencionar investimento, mantemento e promoción de actividades de asociacións ou entidades de ámbito supraprovincial, que serán resoltas pola conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizaranse en réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos criterios de prioridade establecidos nesta orde.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaránselles aos interesados para a execución da axuda outorgada no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Se vencese o prazo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que consideren oportuno.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e con carácter excepcional, poderanse efectuar reso

lucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non fose posible efectualas dentro del, por existiren fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes; neste suposto só se poderán atender solicitudes presentadas dentro do prazo establecido no artigo 7º desta orde.

3. En materia de infraccións e sancións observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no artigo 79 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, e de función pública e actuación administrativa, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

Os beneficiarios destas axudas deberán:

a) Realizar o investimento, a actividade ou o servizo que fundamenta a concesión. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determine a concesión da axuda ou subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

d) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 14º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. De conformidade co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005, as asociacións e outras entidades de iniciativa social quedarán exentas de acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa comunidade autónoma, agás no caso daquelas subvencións ou axudas para investimento por unha contía superior aos 1.500 euros.

2. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ao pagamento e xustificación na forma que a continuación se indica, agás nos casos en que se establezan convenios nos cales se aplicará o que neles se sinale, ademais do establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro

e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2.1. Subvencións de mantemento e promoción de actividades:

Ao abeiro do establecido no artigo 16.2º.1 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e de acordo co disposto por acordo do Consello da Xunta do 29 de decembro de 2004, o pagamento destas axudas poderá facerse segundo se establece a continuación:

Para aquelas subvencións que non superen o importe de 6.010 euros, poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata o 50%, e librarase o 50% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida, mediante un balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou responsable da entidade no cal se reflectirá que o gasto realizado foi igual ou superior ao importe total da axuda, acompañado dos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

Nos demais casos, o pagamento das axudas poderá facerse nos seguintes prazos:

a) Un primeiro, de ata o 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación, que se poderá acordar no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberán presentarse os seguintes medios documentais provisionais de xustificación:

1. Para as subvencións de mantemento, unha certificación do director ou responsable da entidade dos gastos realizados durante o exercicio e as cantidades pendentes de pagamento.

2. Para as subvencións de promoción de actividades, unha certificación do director ou responsable da entidade do inicio das actividades.

b) Ata o 80% da subvención concedida poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique ter realizado un gasto equivalente, mediante certificación do director ou responsable da entidade xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

c) O 20% restante farase efectivo, unha vez xustificada a aplicación da totalidade da subvención para o fin para o que foi concedida, mediante un balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou responsable da entidade en que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ao importe total da axuda, xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión de axuda para mantemento e promoción de actividades, a entidade beneficiaria deberá remitir no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da recepción de resolución de concesión, unha notificación conforme foi aceptada a subvención.

Así mesmo, a entidade deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural conforme o anexo VI, así como unha memoria no caso de promoción de actividades. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

2.2. Subvencións de investimento:

No suposto de subvencións para gastos de investimento, o pagamento e a xustificación efectuaranse de acordo co establecido no artigo 16.2º.2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Subvención para adquisición de inmobles. O aboamento da subvención efectuarase unha vez presentada ante os servizos centrais ou periféricos da consellería, segundo proceda, unha copia da escritura pública de compravenda, que recollerá unha cláusula en que se faga constar que o inmoble obxecto da subvención se deberá manter, polo menos durante trinta anos, destinado á finalidade que serviu de fundamento á petición.

b) Subvencións para construción, reforma, ampliación ou mellora de inmobles:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, en que se faga constar a realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificado ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Nas subvencións para a construción de nova planta, presentarase compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará, durante 30 anos, á finalidade que serviu de fundamento á petición.

c) Subvención para equipamento e moblaxe:

-Certificado do representante da entidade en que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

3. Nos dous puntos anteriores, as facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro, e nas súas modificacións posteriores.

4. No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás axudas reguladas nesta orde.

5. A documentación xustificativa dos gastos realizados deberase presentar antes do 30 de novembro do ano 2005.

Artigo 15º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento total ou parcial da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos cales o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas e doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase a cabo conforme o procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 16º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

2. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2004.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais