DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2005 Páx. 333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do calendario laboral para o ano 2005 do convenio colectivo do sector da construción.

Vista a acta do calendario laboral para o ano 2005 do convenio colectivo do sector da construción, con nº de código 3600435, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 17-11-2004, subscrito pola comisión deliberadora do convenio o 15-11-2004. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores; Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 24 de novembro de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Comisión deliberadora do convenio colectivo da construción

Asistentes:

-UGT:

Lourdes Diz Lorenzo

Ramón Carrera Molares

-CC.OO.:

Baltasar González Durán

Francisco Boullosa González

-CIG:

Xosé Xoán Melón

Alberto Fernández campo

-APEC:

Anselmo Hernández Luján

José Pampillón Alonso

José Manuel Conde Roque

Jesús Fontán Piñeiro

José Luis Campos Novo

José Antonio Martínez Fernández (gerente)

Yolanda Carballo Muñoz (asesora)

En Vigo, o 15 de novembro de 2004, na sede da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), reúnense as persoas que figuran á marxe nas representacións que se indican.

Como único punto da orde do día trátase o tema da xornada laboral recollida no artigo 43 do actual convenio colectivo, que para o ano 2005 será de 1.748 horas de efectivo traballo.

O texto do artigo 43 do convenio colectivo relativo á xornada laboral dirá textualmente:

1. A xornada ordinaria anual durante o período de vixencia deste convenio será de 1.748 horas, segundo o calendario laboral anexo.

2. A xornada ordinaria semanal será de 40 horas semanais de luns a venres durante toda a vixencia deste convenio.

3. Os traballadores terán dereito a un paro de 15 minutos durante a mañá para tomar o bocadillo, segundo as necesidades do servizo.

4. Tendo en conta as condicións climatolóxicas e as necesidades das distintas actividades do sector, poderase pactar nas empresas a distribución variable da xornada máxima anual, sen que en ningún caso se poidan superar as nove horas diarias nin as corenta horas semanais de traballo efectivo.

5. Para adaptar a xornada ás 1.748 horas acordadas para o ano 2005, os días 7 de xaneiro, 16 de maio, 26 de xullo, 12 de agosto, 31 de outubro, 5, 7, 9 e media xornada (4 horas) do 23, todos eles do mes de decembro, serán festivos e aboables para todos os efectos.

6. Ademais dos días sinalados anteriormente, nos seguintes concellos, por cadrar o festivo local con día non laborable, fíxanse os seguintes festivos:

-A Illa de Arousa e Pontecesures: 10 de xaneiro.

-A Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario e Oia: 18 de maio.

-Bueu, O Grove e Moaña: 18 de xullo.

-Fornelos de Montes: 16 de agosto.

-Poio: 26 de setembro.

7. En cada centro de traballo a empresa exporá en lugar visible o calendario laboral pactado a nivel de convenio colectivo ou o pactado en cada centro de traballo.

E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión.