DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2005 Páx. 317

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 30 de decembro de 2004 pola que se convocan axudas para o mantemento de centros de atención á primeira infancia dependentes das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais da familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Consellería de Familia Xuventude, Deporte e Voluntariado a través do Decreto 195/2003, do 20 de marzo.

Así mesmo a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

Por outra banda, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é o órgano da Administración do Estado ao que lle corresponde a promoción e o fomento dos programas sociais no marco das obrigas estatais e da cooperación coas comunidades autónomas, coofinanciando estas axudas en materia de primeira infancia (0-3) xunto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, que corresponda ao exercicio orzamentario no que se vaia materializar a contraprestación. Non obstante, todos os actos de trámite realizados ao abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no intre en que se produciron aqueles.

Esta orde adaptarase o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 14 de outubro de 2004.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212A.4610, recollida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e o importe destinado a elas ascenderá a 3.300.000 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o que foron establecidos

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para subvencionar o mantemento de centros dedicados á atención á primeira infancia (garderías e escolas infantís) dependentes das corporacións locais que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais, e na Orde do 29 de febreiro de 1996, da extinta Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, modificada pola Orde do 6 de novembro de 2000, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reunir os centros de menores e os centros de atención á infancia, e que presten atención educativa e asistencial a nenos de 0 a 3 anos. Non obstante, poderá eximirse do límite de idade os nenos de integración logo de informe dos equipos de valoración e orientación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou do órgano correspondente na Administración do Estado ou nas

respectivas comunidades autónomas, no que se motive a necesidade de integración, se é o caso.

Para efectos desta orde, enténdese por nenos/as de 0 a 3 anos os nados/as con posterioridade ao 31 de decembro de 2001.

2. Co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais ou representantes legais dos usuarios, os centros de atención á primeira infancia prestarán servizos cinco (5) días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, e aqueles nos que concorra causa xustificada, logo de autorización da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. Salvo causa de forza maior, as solicitudes para o peche temporal dos centros durante o ano 2005 presentaranse antes do 31 de marzo.

3. As corporacións locais deberán realizar a selección de solicitudes de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo VI.

4. Quedan excluídos desta orde todos aqueles programas de atención á primeira infancia que polas súas propias características non se apoien para a súa execución en centros municipais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan en funcionamento un centro de atención a primeira infancia (gardería ou escola infantil) e cumpran os requisitos anteriores.

Artigo 3º.-Criterios de concesión.

Serán criterios preferentes para a concesión das axudas previstas nesta orde, e co obxecto de lles dar continuidade aos centros en funcionamento:

a) Aqueles centros que fosen cofinanciados en anos anteriores con cargo ao Programa de Atención á Primeira Infancia (0-3) polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a Comunidade Autónoma e a corporación local.

b) Os centros de atención á primeira infancia que en anos anteriores recibiron subvencións da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e obtiveron unha valoración satisfactoria.

c) As novas solicitudes atenderanse en función da dotación de recursos e criterios de necesidade e poboación.

Artigo 4º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servizos concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 5º.-Normas xerais de subvención.

O importe da subvención por mantemento regulada nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

Artigo 6º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Os módulos de referencia para o cálculo da axuda serán os seguintes:

A) Contía anual da axuda por gastos xerais do centro. Esta contía estará en función da capacidade, servizos e horario do centro de atención á primeira infancia.

CapacidadeCon servizo de comedorSen servizo de comedor

De 0 a 30 prazas2.464,15 A1.848,12 A

De 31 a 50 prazas3.080,19 A2.464,15 A

De 51 a 70 prazas3.696,22 A3.080,19 A

Máis de 70 prazas4.312,26 A3.696,22 A

No caso de que o centro de atención á primeira infancia cumpra algunha das condicións que se indi

can o seguir, a contía que corresponda segundo o regulado nesta epígrafe incrementaranse ata o dobre do seu valor:

a) Que preste servizo en caso de necesidade urxente.

b) Que preste servizo durante un horario mínimo ininterrompido de dez horas diarias e, en todo caso, dentro deste horario de apertura estea comprendida a franxa horaria das 8.00 ás 17.00 horas.

Para efectos desta orde enténdese por necesidade urxente aquel servizo que se presta á unidade familiar para a atención, coidado e protección do neno/a durante o tempo de ausencia dos pais ou titores legais nos casos debidamente xustificados e informados polos servizos sociais ben de base ou especializados.

No caso de que as prazas ocupadas no centro de atención á primeira infancia sexan inferiores ao 50 por cento da súa capacidade total, as contías que poidan corresponder segundo o regulado neste epígrafes reduciranse nun 50 por cento.

B) Contía mensual da subvención en función do número de prazas ocupadas do centro de atención á primeira infancia.

Ocupación do centroNenos/as con comedorNenos/as sen comedor

De 0 a 20 prazas80,08 A61,60 A

De 21 a 30 prazas77,01 A58,53 A

De 31 a 40 prazas70,85 A52,37 A

De 41 a 50 prazas67,76 A49,28 A

De 51 a 70 prazas64,69 A46,21 A

Máis de 70 prazas61,60 A43,12 A

Para efectos deste epígrafe B), considérase que os nenos/as de integración ocupan dúas prazas.

Aqueles centros de atención á primeira infancia que, debido ao intervalo aplicado conforme este epígrafe, resulte unha contía para subvencionar inferior á que correspondería de aplicar o intervalo anterior, recibiran o importe máximo do intervalo anterior.

C) Contía mensual da subvención en función das circunstancias da unidade familiar.

a) Por cada neno/a atendido, integrante dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 300 A:

-24,64 A máximo ao mes, con carácter xeral.

-18,48 A máximo ao mes, se utiliza servizo de comedor.

-18,48 A máximo ao mes, se utiliza servizo de transporte escolar.

b) Por cada neno/a atendido, integrante dunha familia numerosa, percibirán unha subvención de 24,64 A máximo ao mes.

c) Por cada neno/a atendido, integrante dunha familia monoparental percibirán unha subvención de 24,64 A máximo ao mes.

d) Por cada neno/a que teña algún irmán no centro de atención á primeira infancia percibirán unha subvención de 24,64 A máximo ao mes.

2. Para os efectos de cálculo da axuda, en ningún caso o número de prazas para subvencionar poderá superar a capacidade máxima do centro de atención á primeira infancia.

3. Aqueles centros nos que previa autorización da consellería da Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, non se preste servizo os doce meses anuais, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar na proporción correspondente o tempo en que non estea o centro en funcionamento.

4. En caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as corporacións locais que resulten beneficiarias.

5. No caso de que, unha vez calculadas estas axudas, existise remanente de crédito, este poderase distribuír entre todas as corporacións locais beneficiarias desta orde en proporción ás cantidades que lles correspondan, logo de aplicar os módulos de referencia establecidos neste artigo.

6. A contía para subvencionar non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2005 segundo os datos económicos consignados na solicitude (anexo I).

7. Para os efectos desta orde considérase familia monoparental aquela formada polo pai ou a nai solteiro/a que non convivan e os cónxuxes en situación de separación, divorcio ou viuvez.

Artigo 7º.-Renda per cápita mensual.

1. Para efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ao 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos, a suma da parte xeral mais a parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 8º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán participar no financiamento do mantemento do centro alomenos cun 30 por 100 do seu orzamento total do centro.

Artigo 9º.-Cotas complementarias.

1. Sen prexuízo da autonomía municipal, as corporacións locais que sexan beneficiarias destas axudas deben asumir a obriga de tomar como referencia para as cotas complementarias que aboen os pais, as contías máximas reguladas no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro (DOG do 13 de marzo), polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Os prezos sinalados nos puntos anteriores refírense aos servizos básicos prestados polo centro ás unidades familiares. Para estes efectos, enténdese por servizos básicos, a asistencia ao centro, o comedor e o transporte.

3. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto aos especificados no punto anterior, o prezo deste servizo será establecido libremente pola corporación local titular do centro, e en todo caso, a súa utilización será voluntaria pola unidade familiar.

Artigo 10º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañada da seguinte documentación:

A) Proxecto educativo do curso 2004/2005, adaptado á seguinte estrutura:

a) Previo: análise do contexto.

-Realidade sociocultural e económica da zona.

-Características do alumnado.

-Características do centro.

b) Sinais de identidade.

c) Obxectivos do centro.

Prioridades de actuación nos diversos ámbitos:

-Pedagóxicos.

-Organizativos.

-Institucionais.

d) Organización do centro.

Estrutura e funcionamento de:

-Órganos unipersoais e colexiados.

-Profesorado: adscrición, horarios, coordinación.

-Colaboración cos pais.

-Utilización dos espazos escolares.

-Equipamento e recursos didácticos.

-Horario xeral do centro.

B) Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada ao mantemento do centro de atención á primeira infancia.

C) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II).

D) Memoria do centro do curso escolar 2003/2004.

E) O permiso de inicio de actividades será comprobado de oficio pola Administración.

F) Se é o caso, compromiso formal de que o centro presta servizo en casos de necesidade urxente.

2. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

3. Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35 f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As corporacións locais solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta no modelo oficial conforme o anexo IV desta orde.

5. Así mesmo, deben presentar declaración de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

6. As corporacións locais que en anos anteriores percibiran axudas para o mantemento do centro de atención á primeira infancia, deberán presentar declaración de que a tarifa de prezos do centro de atención á primeira infancia adáptanse o disposto no artigo 9º desta orde. As corporacións locais que soliciten por primeira vez as axudas desta orde, no caso de resultar beneficiarias, deberán enviar a tarifa de prezos adaptada ao disposto nesta orde, no prazo de catro meses desde a notificación da resolución favorable. Así mesmo, todas as corporacións locais beneficiarias das axudas, deberán informar de todas as modificacións de prezos que se produzan durante o ano 2005.

7. No caso de que se acollan á subvención en función dos recursos familiares (artigo 6º.1.C.a), ademais da documentación anterior deberán presentar:

A) Fotocopia compulsada do libro de familia onde se reflicten o total de membros da unidade familiar.

B) Xustificación de ingresos da unidade familiar:

a) Persoas que presentaron declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar. En caso de declaracións individuais, copia da declaración de cada persoa da unidade familiar obrigada a declarar.

b) Persoas que non presentaron declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-Os solicitantes de devolución rápida (modelo 104), presentarán copia da comunicación que lles enviou a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (modelo 104), presentarán certificación dos datos existentes na Administración, que en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, expide a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Cando se produzan causas sobrevidas que afecten aos recursos da unidade familiar, é preciso un informe do asistente social do concello neste senso. Así mesmo, é preciso o devandito informe naqueles casos nos que por distintas razóns non se poidan acreditar as rendas dos pais con escasos recursos.

A documentación xustificativa de ingresos a que se refiren as epígrafes a) e b) anteriores, corresponde ao ano 2003.

8. No caso de familia numerosa, unidade familiar monoparental ou asistencia ao centro doutros irmáns, deberan acreditarse as ditas condicións.

9. No caso de nenos/as de integración deberán presentar informe do equipo de valoración e orientación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ou órgano correspondente na Administración do Estado ou nas respectivas comunidades autónomas, no que se motive a necesidade de integración, de ser o caso.

A documentación a que fai referencia nos puntos 7, 8 e 9, presentarase clasificada por neno/a dentro de cada grupo de idade.

Artigo 11º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A solicitude e mais a documentación requirida presentaranse na Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Dirección Xeral de Familia, como órgano responsable da tramitación dos expedientes, comprobará que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indi

cación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes, e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Central de Valoración para que, unha vez puntuados, dite a proposta de resolución, propoñéndolle ao órgano competente para a súa resolución a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificacións que estime pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: a directora xeral de Familia.

Vogais: tres funcionarios designados pola conselleira por proposta da directora xeral de Familia, actuando un deles como secretario.

Á dita comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da intervención competente.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle á conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, no prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. As resolucións concedidas seralle comunicadas ao Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais para o seu coñecemento.

5. Se a entidade estivera tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.

1. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación:

A) As subvencións poderanse facer efectivas da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80 por 100 da contía outorgada, librándose o 20 por 100 restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso, o importe do gasto certificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local segundo o disposto no artigo 8º.

B) Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30 por 100 da totalidade da subvención, no momento da súa concesión.

b) Ata o 80 por 100 do total concedido (o seguinte 50 por 100 da subvención despois do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que deberán incluír o recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da corporación local, segundo o disposto no artigo 6º; neste caso, procederase ao aboamento do 100 por 100 da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20 por 100 restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso, o importe do gasto certificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local segundo o disposto no artigo 8º.

A corporación local receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que se rexistrou na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

Artigo 15º.-Outras obrigas.

As corporacións locais beneficiarias das axudas estarán, ademais, obrigadas a:

1. En relación coas solicitudes de novo ingreso no centro de atención á primeira infancia:

A) Adaptar os modelos de solicitude de praza que conterán, como mínimo, a información do modelo que figura como anexo V desta orde. Os solicitantes de praza deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que corresponda en cada caso.

B) Puntuar as solicitudes de novo ingreso de acordo co baremo que figura como anexo VI a esta orde.

C) Enviar á Delegación Provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado con anterioridade ao 15 de maio de 2005, a relación de solicitantes que figuran en lista de espera para o curso 2005/2006 e que, pola súa vez, opten por unha praza do Programa Cheque Infantil. Esta relación deberá indicar a seguinte información:

a) Nome e apelidos do neno/a.

b) Nome e apelidos do solicitante.

c) Idade do neno/a.

d) Puntuación que corresponde en aplicación do baremo a que se fai referencia nesta epígrafe.

e) Renda per cápita da unidade familiar.

Xunto a esta relación enviarase copia das solicitudes en lista de espera e a documentación que se tivera en conta para puntualas.

2. Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado respecto dos centros subvencionados.

3. Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As corporacións locais que soliciten por primeira vez estas axudas, no caso de resultar beneficiarias, deberán adaptar os prezos do centro de atención á primeira infancia ao disposto no artigo 9º, no prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 16º.-Reintegro.

Procederá ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, nos casos establecidos no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento do expediente entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2005.

Terceira.-Sen prexuízo do disposto no título sexto, da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, as corporacións locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Cuarta.-As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Autorízase a directora xeral de Familia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado

ANEXO VI

Baremo de aplicación ás solicitudes de admisión nos centros de atención á primeira infancia

1. Situación sociofamiliar.

1.1. Por cada membro da unidade familiar: 4 puntos.

1.2. Por cada persoa que non formando parte da unidade familiar estea a cargo desta: 2 puntos.

1.3. Por cada membro da unidade familiar afectado por minusvalía física, psíquica ou sensorial,

enfermidade crónica que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 4 puntos.

1.4. Pola condición de familia monoparental: 6 puntos.

1.5. Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 12 puntos.

1.6. Por irmán/á - áns/ás con praza renovada no centro: 5 puntos.

1.7. Pola condición de familia numerosa: 6 puntos.

1.8. Calquera outra grave circunstancia socio-familiar debidamente acreditada: ata 5 puntos.

2. Situación laboral familiar.

2.1. Situación laboral de ocupación de ambos os dous membros parentais: 8 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego sen prestación económica:

-Pai: 4 puntos.

-Nai: 4 puntos.

2.3. Situación laboral de desemprego con prestación económica:

-Pai: 3 puntos.

-Nai: 3 puntos.

No caso de familias monoparentais adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous, exceptuado a epígrafe 2.1, na que a puntuación da familia monoparental se asimila á formada por dous membros.

3. Situación económica.

RPC mensual da unidade familiar, referida ao salario mínimo interprofesional vixente:

-Inferior ao 50% do SMI: +3 puntos.

-Entre o 50% e o 75% do SMI: +2 puntos.

-Superior ao 75% e inferior ao 100% do SMI: +1 punto.

-Entre o 100% e o 125% do SMI: -1 punto.

-Superior ao 125% e inferior ao 150% do SMI: -2 puntos.

-Superior ao 150% do SMI: -3 puntos.

* En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

* Para efectos desta orde están a cargo da unidade familiar as persoas que convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional anual vixente.