DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2005 Páx. 292

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 30 de decembro de 2004 pola que se convocan e se aproban as bases polas que se regula a concesión de axudas para levar a cabo programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos de familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado a través do Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, tendo en conta o establecido no Decreto 280/2003, do 18 de xuño, polo que se modifica o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece, no seu artigo 15 a), como unha medida de prevención de posibles situacións de risco, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas técnicas dirixidas a cubrir as necesidades básicas e a mellorar o medio familiar.

Por outra parte, a Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto imputados ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vaia materializar a contraprestación.

Nos orzamentos xerais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para o exercicio 2005 normalmente vai existir crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 14.02.212A.460.0 para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 878.516,03 euros, o cal se poderá ver incrementado coas achegas doutras administracións públicas para o mesmo fin. Non obstante, segundo a normativa anteriormente mencionada, todos os actos de trámite realizados ao abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve, constitúen a normativa a que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en

todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos exixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar e aprobar as bases por que se rexe a concesión das axudas e subvencións para o financiamento de programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais, a través de equipos profesionais creados para esta finalidade.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar axudas aquelas corporacións locais que presenten un programa de educación familiar consistente na intervención, por parte de persoal especializado, con familias que se atopen en situacións de risco de marxinación social, co obxecto de facilitarlles a adquisición de habilidades de atención, coidado e educación necesarias para o axeitado desenvolvemento dos menores (pautas de alimentación, hixiene, educativas, habilidades sociais, etc.), así como a capacidade de autoorganización do núcleo familiar. O programa desenvolverase ininterrompidamente durante todo o ano, de ser posible en xornada de mañá e tarde.

As corporacións locais poderán concorrer a estas axudas de xeito individual ou mancomunadamente, sendo calquera destas dúas posibilidades excluentes entre si.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) As corporacións locais deberán participar no financiamento do programa cun 30% do seu orzamento total. Para tales efectos, a corporación local presentará certificación acreditativa de que nos seus orzamentos existe partida orzamentaria suficiente para esta finalidade. No caso de que a contía subvencionada sexa inferior ao orzamento total que inicialmente consta na solicitude, o tanto por cento que achegará a corporación local poderase reducir en igual medida.

b) A suma de subvencións outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados para a execución do programa en ningún caso poderá superar o 100% do importe total do gasto efectuado.

c) O persoal especializado que contrate a corporación local para desenvolver o programa de educación familiar deberá ter unha das seguintes titulacións: psicólogo, pedagogo, psicopedagogo, educador social ou traballador social. Naqueles casos en que o programa sexa levado a cabo por máis dun especialista primarase a composición multidisciplinar do equipo.

d) Os programas que se presenten deberán axustarse ás instrucións establecidas no anexo II desta orde.

Artigo 4º.-Prórroga das axudas ás corporacións locais que continúen cun programa subvencionado no ano anterior.

As axudas outorgadas ás corporacións locais que foran beneficiarias durante o exercicio de 2004 considéranse prorrogadas para o exercicio 2005, sen prexuízo de que o seu orzamento varíe, á alza ou á baixa, en función da valoración acadada e das dispoñibilidades orzamen

tarias. En todo caso terán que cumprirse as seguintes condicións:

-Mantemento do orzamento do programa, que non poderá ser inferior ao do exercicio anterior.

-Mantemento dos recursos humanos asignados ao programa no exercicio anterior.

-Xustificación do proxecto do ano anterior segundo as instrucións establecidas no anexo III desta orde.

Artigo 5º.-Prioridades na concesión de subvencións.

Para as solicitudes que non sexan de prórroga establécense as seguintes prioridades:

a) Terán prioridade aquelas corporacións que colaboren coa Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado noutras iniciativas, especialmente as que desenvolvan programas para a execución de medidas xudiciais de servizos en beneficio da comunidade e liberdade vixiada, no ámbito de menores.

b) Valoraranse especialmente os proxectos que abrangan o maior número de beneficiarios posible, así como aqueles, en cuxa execución, participen asociacións de voluntariado social.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

As solicitudes das axudas, tanto as que se refiran a programas novos como as que teñan por obxecto a prórroga do programa desenvolvido o ano anterior nas condicións establecidas no artigo 4 desta orde, formularanse segundo o modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde, e deberán vir acompañadas do proxecto do programa e unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para este mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

Esta documentación presentarase nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta orde e procederán a reclamarlles por escrito aos interesados a falta ou os documentos preceptivos para poder completar o expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de dez días, terase por desistida a súa petición, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Así mesmo, realizarase o trámite de audiencia nos termos previstos no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Correspóndelle ao delegado provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, por pro

posta da comisión de valoración, a resolución destas axudas por delegación da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado de conformidade co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. A antedita resolución terá lugar no prazo de 4 meses, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e seralle notificada á corporación local pola delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o/a xefe/a do Servizo de Familia, Infancia e Menores.

Vogais: tres funcionarios da respectiva delegación provincial designados polo/a delegado/a provincial.

Actuará como secretario un dos vogais. Poderá asistir con voz pero sen voto un representante da intervención territorial.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interporse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdición contencioso-administrativa competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as corporacións locais poderán requirir previamente ante o delegado provincial a anulación, revogación ou modificación da resolución mediante escrito razoado, no prazo dun mes contado desde a súa notificación. O requirimento entenderase rexeitado se non se contestase dentro do mes seguinte á súa recepción.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez ditada a resolución pola cal se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a seguir:

1. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido no artigo 16.2º un do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local exixida no artigo 3º a) desta orde. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro pagamento do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer

efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisorio de xustificación unha certificación, emitida polo órgano competente da corporación, do inicio das actividades.

b) Ata o 80% do total concedido (o seguinte 50% da subvención despois do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que deberán incluír o recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da corporación local exixida no artigo 3º a) desta orde; neste caso, procederase ao aboamento do 100% da subvención, tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local exixida no artigo 3º a) desta orde.

En todo caso, a dita corporación deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando o destino final para o cal foi concedida.

2. Aquelas corporacións locais que, ao abeiro da orde desta consellería do 28 de xaneiro de 2004, obtivesen subvención para o mesmo programa que se conceda mediante esta orde, para poderen percibir o anticipo a que se refire o punto 2 deste artigo, deberán ter xustificado previamente a totalidade da subvención concedida para o ano 2004.

3. Coa última certificación do gasto, que se presentará necesariamente dentro do primeiro trimestre do ano seguinte ao que se refire esta subvención, xuntarase a memoria xustificativa da execución do programa de acordo co modelo que figura no anexo III, así como unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas e concedidas, como das pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 10º.-Seguimento do programa.

1. Correspóndelle á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado a facultade de supervisión e control sobre a execución e o destino da axuda á finalidade para que se concedeu, podendo levarse a cabo comprobacións directas sobre a execución do programa.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle á correspondente delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado cantos informes e documentos se consideren precisos para acreditar o cumprimento da finalidade da subvención concedida. Así mesmo, deberán facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Nos casos en que fose necesaria a coordinación con outros programas asistenciais ou sociais xa existentes, os órganos competentes da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, poderán solicitar a efectiva colaboración do persoal encargado da execución dos programas de educación familiar.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para este fin.

As actuacións que se subvencionan deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2005.

Terceira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou a concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora.

Cuarta.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime disciplinario previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Quinta.-Apróbase a delegación de competencias da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado nos delegados/as provinciais desta consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Disposición transitoria

Non obstante o disposto no artigo 3º alínea c) desta orde, os diplomados en EXB contratados para desenvolveren o programa de educación familiar no ano 2004, poderán continuar participando nel.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado