DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2005 Páx. 263

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 17 de decembro de 2004 pola que se abre o prazo para presentación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos singulares.

O Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 235,

do 5 de decembro) incorpora unha nova categoría de parques eólicos, os denominados singulares, que tenta desenvolver unha nova concepción nestas instalacións de xeración que non é outra que a de achegar esta ao consumidor final.

Ben que os artigos 22 e 23 establecen os requisitos que deben reunir as solicitudes, así como a tramitación a que se someterán estas, unha mínima coherencia na actuación administrativa fai conveniente, o igual que nos parques eólicos comúns, determinar anualmente unha cota máxima de potencia para os parques eólicos singulares, así como un procedemento previo para a selección daqueles parques que resulten admitidos a tramitación dentro da mencionada cota máxima. Desta forma resulta posible determinar, dentro das limitacións que impón a planificación e o desenvolvemento das infraestruturas de evacuación, que solicitudes son as que reúnen mais requisitos valorables para iniciar a tramitación propiamente dita.

Esta previsión tomou carta de natureza coa publicación da Orde do 29 de outubro de 2002 (DOG nº 216, do 8 de novembro).

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante a presente orde convócase os promotores interesados para a presentación de solicitudes de autorización de parques eólicos singulares na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Presentación de solicitudes.

A) Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte á publicación desta orde.

B) Requisitos.

Deberase presentar a documentación establecida no artigo 6 da Orde do 29 de outubro de 2002 pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos singulares.

Artigo 3º.-Criterios de valoración.

No que respecta á valoración das solicitudes observarase o establecido no artigo 7 da Orde do 29 de outubro de 2002. De entre as ditas solicitudes terán preferencia aquelas solicitudes onde a potencia do parque se integre nun plan eólico en vigor.

Artigo 4º.-Potencia a tramitar no ano 2004.

Na resolución que derive da presente convocatoria admitiranse a tramitación solicitudes que non excedan na potencia global solicitada 100 megavatios.

Disposición adicional

Cando a documentación exixida ao promotor xa estivese en poder da Administración actuante, o solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f)

do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados.

Nos supostos de imposibilidade material de obter a documentación, debidamente xustificada no expediente, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte á súa publicación.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2004.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio