DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2005 Páx. 262

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 30 de decembro de 2004 sobre aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de San Cibrao das Viñas.

Por orde desta consellería do 10 de novembro de 2004, resolveuse non aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal de San Cibrao das Viñas, de conformidade co previsto no artigo 85.5º b) da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ordenando a emenda dunha serie de deficiencias.

Segundo se fai constar en certificación municipal que consta no expediente, o concello, en sesión plenaria do 16 de decembro de 2004, aprobou as correccións e modificacións derivadas da Orde do 10 de novembro de 2004.

O Concello de San Cibrao das Viñas remite o documento refundido do Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación definitiva de conformidade co previsto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Visto canto antecede, ao abeiro do disposto no artigo 85.5º a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo segundo informe do 29 de decembro de 2004,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Apróbase o Plan Xeral de Ordenación Municipal de San Cibrao das Viñas, coa seguinte puntualización:

-No artigo 170 da normativa (ordenanza O-1 de barrios orixinarios) o texto: inclúense neste nivel de protección os edificios inventariados nas normas provinciais, os cales presentan en xeral unha excepcional calidade arquitectónica e valor histórico, que se inclúe no seu punto 4.2.1.3.1, letra a), deberá substituírse por este outro: inclúense neste nivel de protección os edificios do núcleo inventariados no

catálogo do presente plan xeral, os cales presentan en xeral unha excepcional calidade arquitectónica e valor histórico.

Artigo 2º.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda