DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2005 Páx. 262

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 29 de decembro de 2004 sobre aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lousame.

Por orde desta consellería do 27 de xullo de 2004, resolveuse non aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lousame, de conformidade co previsto no artigo 85.5º b) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ordenando a emenda dunha serie de deficiencias.

Segundo se fai constar en certificación municipal que consta no expediente, o concello, en sesión plenaria do 5 de outubro de 2004, aprobou as correccións e modificacións derivadas da Orde do 27 de xullo de 2004.

O Concello de Lousame remite o documento refundido do Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación definitiva, de conformidade co previsto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Visto canto antecede, ao abeiro do disposto no artigo 85.5º a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo segundo informe do 29 de decembro de 2004,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Apróbase o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lousame, coa seguinte puntualización:

-No núcleo de Comparada (parroquia de Vilacova) e de conformidade co artigo 32.2º c) da Lei 9/2002, os terreos situados entre a estrada AC-308 e a liña paralela a ela situada a sete metros da aresta exterior da explanación quedarán clasificados como solo rústico de protección de infraestruturas.

Artigo 2º.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados

desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda