DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 07 de xaneiro de 2005 Páx. 189

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 27 de decembro de 2004 pola que se regula a concesión de subvencións a asociacións de inmigrantes e emigrantes retornados.

O Decreto 274/2004, do 18 de novembro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Emigración, establece entre as súas competencias o exercicio da política inmigratoria en Galicia.

O fenómeno da globalización e os constantes movementos migratorios que actualmente se están producindo afecta a todos os países, e Galicia non é allea a esta situación. De feito, a nosa comunidade autónoma presenta nos últimos cinco anos un notable incremento dos movementos inmigratorios. Ante esta situación, a creación da Consellería de Emigración responde á decisión do Goberno galego de elaborar unha política autonómica propia en materia de inmigración, axeitada á realidade que se está a presentar no noso país.

Con este fin, e con base na competencia asumida pola consellería, de apoio ao movemento asociativo inmigratorio, e ante a existencia de asociacións de inmigrantes e emigrantes retornados radicadas no noso territorio, convócase esta orde de axudas co fin de facilitarlles a estas entidades o desenvolvemento das súas actuacións.

Finalmente, o marco normativo ao cal se axusta esta convocatoria, ademais das bases establecidas nela, axústase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións publicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de subvencións, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano seguinte, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 17.03.213A.480 (160.000 euros) e 17.03.213A.780 (50.000 euros) que figuran no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade da convocatoria.

O obxecto desta orde é regular os requisitos e as condicións para a concesión de subvencións a aso

ciacións de emigrantes retornados e inmigrantes radicadas en Galicia e que desenvolvan programas que favorezan a integración social destes colectivos na nosa comunidade autónoma.

Artigo 2º.-Requisitos das entidades solicitantes.

As asociacións que soliciten subvención con cargo a esta convocatoria deberán reunir, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscrita como asociación sen ánimo de lucro no rexistro de asociacións da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, e constituída maioritariamente por inmigrantes ou emigrantes retornados.

b) Ter entre os seus fins estatutarios a atención a emigrantes retornados ou á poboación inmigrante en Galicia, e que así conste expresamente nos seus estatutos.

c) Ter un local propio no territorio autonómico no cal se realicen as actividades.

d) Desenvolver programas que favorezan a integración social destes colectivos.

e) Ter xustificado, de ser o caso, e antes do remate do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria, outras subvencións concedidas pola Consellería de Emigración.

Artigo 3º.-Accións subvencionables e contía da axuda.

Poderán subvencionarse con cargo a esta convocatoria os gastos correntes, excluídos os gastos de persoal da propia asociación, e de equipamento, derivados do funcionamento das entidades, así como para a realización de actividades correspondentes ao exercicio económico do ano 2005.

Cada entidade beneficiaria poderá recibir unha axuda máxima de ata o 70% do orzamento total presentado, sendo a cantidade máxima a solicitar e recibir por asociación de 10.000 A.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

1. Para a determinación tanto das asociacións beneficiarias como da contía que se vai conceder a cada unha delas, teranse en conta:

a) Nº de asociados. De 0 a 100 con 10 puntos; de 101 a 200 con 20 puntos; de 201 a 300 socios con 30 puntos e máis de 300 socios, 40 puntos.

b) Realización de actividades que vai desenvolver a asociación e que se deberán encadrar dentro dos seguintes programas:

I. Programas de sensibilización e fomento da interculturalidade, que promovan accións tendentes ao respecto e á tolerancia e que rexeiten toda clase

de actuacións xenófobas e promocionen o intercambio cultural entre a poboación inmigrante e a poboación autóctona.

II. Programas de información e asesoramento, tendentes a lle proporcionar á poboación inmigrante un coñecemento dos seus dereitos e dos recursos aos cales pode acceder pola súa condición e situación.

III. Programas que promovan a coordinación e cooperación social neste eido, e que potencien a creación de redes solidarias, coordinación de actuacións e transmisión de experiencias que favorezan a mellora da calidade da intervención neste sector.

IV. Programas culturais que axuden a manter as tradicións do país de orixe.

V. Outros programas que favorezan a integración social destes colectivos.

b.1) Valorarase de 1 a 20 puntos cada actividade en función dos seguintes criterios:

1) Actividade que se vai desenvolver, con indicación do programa dentro do cal se inclúe. Colectivo para o que vai dirixida a dita actividade e previsión de participantes. Cronograma de execución, de ser o caso, e coherencia na súa distribución (0-10 puntos).

2) Achegas financeiras para a súa execución que achegue a asociación ben directamente ou ben a través doutras fontes distintas á subvención solicitada (0-4 puntos).

3) Persoal dedicado ao seu desenvolvemento (0-2 puntos).

4) Infraestrutura necesaria para levar a cabo a actividade que achegue a asociación (0-4 puntos).

b.2) Terase que acadar un mínimo de catro puntos no punto 1) anterior, e cando menos dous puntos no punto 4) para ser obxecto de valoración a actividade de que se trate.

b.3) A puntuación máxima que se vai acadar na valoración das actividades é de 100 puntos.

c) Nivel de representatividade do colectivo, de 0 a 30 puntos.

2. Para que unha asociación poida resultar beneficiaria, deberá acadar como mínimo 60 puntos na suma das alíneas a) b) e c) anteriores.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse á Consellería de Emigración e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación será de cincuenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitude e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial establecido como anexo a esta orde á cal deberán xuntar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente cotexada:

1. Copia dos estatutos da asociación.

2. Acreditación do requisito de inscrición da entidade no rexistro sinalado no artigo 2º a).

3. Acreditación da identidade da persoa asinante da solicitude.

4. Acreditación da capacidade de representación do asinante da solicitude presentada pola asociación.

5. Tarxeta de identificación fiscal.

6. Certificación do secretario da asociación que acredite o número de socios da entidade, coa desagregación dos que teñan a condición de emigrantes retornados ou inmigrantes, e a nacionalidade ou procedencia destes.

7. Acreditación de dispor de local propio, debendo achegar documentación relativa a algún dos seguintes conceptos:

Contrato de propiedade, alugamento ou, de ser o caso, acordo, certificación ou documento que acredite a cesión ou posta á disposición dos locais a nome da asociación. Facturas de gastos de funcionamento a nome da entidade do último mes dispoñible (teléfono, electricidade, auga).

8. Memoria detallada das actividades realizadas en 2004.

9. Memoria das actividades que se van realizar en 2005.

10. Orzamento total da asociación (segundo modelo do anexo).

11. Orzamento de gastos das actividades que se van desenvolver.

12. Certificación bancaria da conta corrente na cal se ingresará, se é o caso, o importe da subvención concedida (segundo modelo do anexo).

13. Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesmas actividades, das distintas administracións públicas competentes (segundo modelo do anexo).

Aquelas asociacións que fosen beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 9 de xuño de 2004 desta consellería estarán exentas de presentar a documentación recollida nos puntos 1), 2), 5) e 12) anteriores, agás no caso de que se producise algún cambio na dita documentación con respecto á presentada na convocatoria do ano 2004.

Artigo 7º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Consellería de Emigración requirirá o interesado para que, no prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Resolución.

A competencia para resolver as solicitudes de axudas correspóndelle ao conselleiro de Emigración, quen ditará a correspondente resolución no prazo máximo de seis meses, que se computarán a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase a resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de concesión de axuda para gastos de equipamento, unha vez notificada a resolución deberán presentar, no prazo máximo de 15 días naturais, orixinal ou fotocopia cotexada de certificacións acreditativas de estar a entidade beneficiaria ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e de que non ten pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Recursos.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da corres

pondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

Os beneficiarios destas axudas deberán:

a) Realizar a actividade, servizo ou investimento que fundamenta a concesión da subvención. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberanse realizar dentro do exercicio de 2005.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos a das condicións que determinen a concesión da axuda ou subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Emigración.

d) Manter a súa actividade, polo menos, durante dous anos que se computarán a partir do momento da concesión da axuda, agás causas de forza maior debidamente xustificadas.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que considere oportuno a Consellería de Emigración e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas segundo a lexislación vixente na materia, facilitando o seu labor de fiscalización e control.

f) As asociacións beneficiarias de axudas deberán informar inmediatamente a Dirección Xeral de Inmigración sobre calquera eventualidade que altere ou dificulte o desenvolvemento da actividade subvencionada.

As asociacións beneficiarias quedan obrigadas a lle facilitar, á Dirección Xeral de Inmigración, o exame das actividades tanto na súa execución como con posterioridade á finalización destas, así como canta información lles sexa requirida, para o que garantirá o acceso dos representantes da dirección xeral ao lugar das accións, ás contas e demais documentación que se considere oportuna.

Artigo 11º.-Forma de pagamento e xustificación da axuda.

O pagamento da axuda realizarase da seguinte forma: efectuarase un anticipo, sen previa xustificación, do 50% do importe da axuda concedida no momento da súa concesión.

O 50% restante librarase unha vez que a asociación presente un informe final que acredite o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda

así como a completa xustificación económica da totalidade da axuda concedida nos seguintes termos:

a) Unha memoria de execución que conterá os obxectivos, actividades e resultados e que deberá estar asinada polo representante da asociación. A dita memoria incluirá tamén a xustificación económica das actividades e unha relación do persoal que participou nas actividades.

b) Documentos xustificantes de gasto e relación comprensiva destes, copias cotexadas de facturas; contratos de alugamento ou de servizos ou subministracións; recibos validamente emitidos. O órgano xestor reserva para si a facultade de solicitar calquera outro documento que considere convenientes para a correcta xustificación do gasto.

Igualmente, deberá xuntarse no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

A Dirección Xeral de Inmigración, en todo momento, poderá solicitar calquera outra documentación que considere oportuna para a xustificación da execución das actividades, correspondéndolle a esta a aprobación do informe final.

O importe da subvención concedida será transferido á conta bancaria da que sexa titular a entidade beneficiaria e así se acredite mediante certificación bancaria segundo o modelo establecido no punto correspondente do anexo desta orde.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión e revogación.

As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Consellería de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das actividades, podendo a consellería adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas concedidas en virtude desta orde serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza, administración ou entidade que as conceda, sempre que a suma de todas elas non supere o custo total da actividade subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste requisito, o beneficiario da axuda deberá informar no momento

da solicitude e ao longo do ano 2005 de todas as axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba de calquera entidade pública ou privada.

Artigo 14º.-Reintegro.

De conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e os xuros de demora rendados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario pola concesión da axuda.

e) Incumprimento da obriga de xustificación na forma e prazos establecidos na resolución concesoria.

f) Modificación substancial das actividades subvencionadas sen autorización expresa do órgano competente.

g) Exceso percibido sobre o custo da actividade desenvolvida.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo aos créditos dos programas 17.03.213A.480 e 17.03.213A.780, estando supeditada á existencia de crédito suficiente nos citados programas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005.

Estas cantidades poderán incrementarse conforme as disposicións orzamentarias da Dirección Xeral de Inmigración.

Segunda.-Autorízase a delegación de competencias do conselleiro de Emigración no director xeral de Inmigración para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Terceira.-Facúltase o director xeral de Inmigración para que dite, no exercicio das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2004.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración