DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 07 de xaneiro de 2005 Páx. 176

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 27 de decembro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego.

A evolución do mercado de traballo e a persistencia do desemprego fan necesario articular medidas que inclúan accións de atención constante e especializada dirixidas a aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral. O permanente cambio, froito das evolucións sociais, tecnolóxicas e organizativas, leva consigo unha dificultade engadida para as persoas que buscan un emprego, facendo necesario, a miúdo, procesos de orientación e asesoramento especializados, que presten colaboración ás persoas demandantes de emprego e lles faciliten o camiño cara ao mercado laboral.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumíndose as funcións e os servizos transferidos mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

As directices de emprego da Unión Europea, e plans nacionais de acción para o emprego recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da información e a orientación profesional personalizada.

Con este obxectivo, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, pon en marcha un sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación, busca activa de emprego, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade dos demandantes de emprego. Este sistema recolle a colaboración de entidades especializadas para incrementar a capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento aos usuarios e a atención a colectivos específicos.

O Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias, entre outras, en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto, e co fin de promover as posibilidades de inserción laboral en Galicia, faise necesario articular unha vía de colaboración en materia de información e orientación laboral dos usuarios do Servizo Público de Emprego de Galicia, con entidades externas, que achegen os recursos humanos, técnicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das citadas accións.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na

redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, que a modifica, establece no seu artigo 3.3º que poderán tramitarse, no exercicio inmediatamente anterior ao que se vaian imputar os correspondentes gastos, os expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas e subvencións derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente dos fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea, ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela, e que existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das medidas citadas.

Atendendo ao Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, o financiamento das axudas previstas nesta orde farase con cargo aos créditos das aplicacións 16.03.241A.482.0, 16.03.241A.460.0 e 16.03.241A.440.0, correspondente a fondos finalistas transferidos desde a Administración do Estado, e 16.03.241B.480.2, 16.03.241B.480.1, 16.03.241B.471.0 e 16.03.241B.461.0, correspondentes a fondos procedentes do Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006 (Código da Comisión Europea: 2000ES.16.1.PO.011), cun cofinanciamento do 70% correspondente ao FSE e do 30% correspondente á Xunta de Galicia. Todas elas figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2005, aprobado por acordo da Xunta de Galicia do 14 de outubro de 2004.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e solicitados os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases e a convocatoria pública para a concesión de subvencións por parte da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, a entidades colaboradoras que realicen accións de información, orientación e busca de emprego, articuladas en itinerarios de inserción ocupacional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 2º.-Programa de información profesional. Accións.

1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servizo Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas, levará a cabo accións de información profesional, consistentes en:

a) Proporcionarlle información a cada usuario demandante de emprego acerca das actuacións que

leva a cabo o Servizo Público de Emprego, directamente e a través dos seus centros colaboradores, así como pautas básicas sobre a situación do mercado laboral.

b) Tratamento da demanda de emprego, formulada perante o Servizo Público de Emprego de Galicia, mediante a revisión do currículum vitae dos demandantes de emprego que se dirixan aos ditos centros. Esta acción comporta a realización dunha entrevista individual e personalizada, a comprobación e validez dos datos que contén o currículo e dos documentos acreditativos achegados polo usuario do servizo, a posterior codificación destes datos, e a súa introdución na base de datos do Servizo Galego de Colocación. A entrevista ten por finalidade comprobar a adecuación dos datos do currículo coa relación de ocupacións á que opta o demandante de emprego e asesoralo sobre esta ocupación ou outras alternativas.

Esta acción deberá facerse efectiva polos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación nun prazo máximo de dous días desde a realización da entrevista ocupacional ao demandante de emprego.

c) Renovación do currículo cando o solicite o demandante de emprego. Enténdese por renovación o mantemento do currículo dispoñible para o seu emparellamento.

d) Modificación do currículo. Independentemente do establecido nos puntos anteriores, o demandante de emprego poderalle solicitar en calquera momento ao centro que introduciu o seu currículo ou fixo a última modificación nel, a rectificación ou modificación dos datos contidos no seu currículo. O centro deberá facer efectiva a rectificación ou modificación solicitada no prazo de dous días. A notificación á que fai referencia o artigo 16.4º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, producirase por parte do centro asociado ao Servizo Galego de Colocación, de xeito automático por medio da rede informática conectada.

2. As accións especificadas neste artigo unicamente poderán ser realizadas polo persoal expresamente autorizado para este fin pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Artigo 3º.-Programa de orientación laboral e busca de emprego. Accións.

1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servizo Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas levará a cabo as accións de orientación laboral e busca de emprego, dirixidas aos demandantes de emprego.

As ditas accións realizaranse de xeito personalizado, coa finalidade de avaliar o perfil curricular de cada demandante, actuando ao mesmo tempo sobre as súas aptitudes e capacidades, e establecendo actuacións tendentes a adecuar os seus intereses e motivacións á situación actual do mercado de traballo. Tamén poderán desenvolverse accións colectivas, dirixidas á adquisición das capacidades básicas que lles permitan aos demandantes articular itinerarios activos e eficaces na busca de emprego;

estas accións serán determinadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, que especificará a súa duración, o número de usuarios de cada acción e a metodoloxía que se vai empregar.

2. Os centros colaboradores que leven a cabo accións de orientación laboral e busca de emprego deberán actualizar na base de datos do Servizo Público de Emprego de Galicia o currículum vitae dos demandantes de emprego que sexan direccionados aos ditos centros. Neste sentido, os centros colaboradores no programa de orientación e busca de emprego estarán obrigados a respectar o disposto nos puntos a), b), c) e d) do artigo 2º.1 desta orde.

3. As accións especificadas neste artigo unicamente poderán ser realizadas polo persoal expresamente autorizado para este fin pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Capítulo II

Dos beneficiarios das accións

Artigo 4º.-Beneficiarios dos programas de información, orientación e busca de emprego.

Serán beneficiarios de ambos os programas todos os demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego ben cando o soliciten expresamente, ben cando lles sexa ofertado polo propio servizo, a través de calquera dos seus departamentos.

Capítulo III

Das entidades colaboradoras

Artigo 5º.-Definición e requisitos.

1. Poderán ser entidades colaboradoras co Servizo Galego de Colocación no programa de información profesional as sociedades públicas e outros entes públicos, as corporacións locais, as entidades privadas e as institucións sen fin de lucro, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral, e que así se recolla nos seus estatutos ou normas de constitución.

2. Poderán ser entidades colaboradoras co Servizo Galego de Colocación no programa de orientación laboral e busca de emprego as asociacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma, as entidades locais e as entidades sen ánimo de lucro que realicen as accións de orientación laboral e busca de emprego segundo o disposto nesta orde. Todas elas deberán acreditar experiencia no ámbito da orientación profesional e laboral, selección de persoal e/ou valoración de postos de traballo.

3. As entidades definidas nos puntos 1 e 2 deste artigo deberán reunir os seguintes requisitos no momento de realizar a solicitude:

a) Dispoñer de locais con despacho ou despachos axeitados para atención individual aos demandantes de emprego.

b) Dispoñer dun fax con numeración autónoma, independentemente do tipo de acceso utilizado (liña analóxica, acceso básico RDSI ou outros), co fin de garantir a comunicación entre os servizos centrais do Servizo Galego de Colocación e a entidade colaboradora.

c) Conexión coa Rede Corporativa da Xunta de Galicia. A conexión pódese facer de tres formas diferentes:

1. Acceso básico dedicado RDSI.

2. Acceso a rede corporativa por liña dedicada ADSL.

3. Acceso a rede corporativa vía internet.

d) En calquera das tres opcións o hardware de comunicación que posibilite a conexión á Rede Corporativa da Xunta de Galicia terá que cumprir os estándares definidos polo organismo xestor da rede corporativa.

e) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo TCP/IP. A conexión do ordenador á Rede Corporativa da Xunta de Galicia deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non se poderá acceder a el a través doutras canles de comunicación, por elementos situados en redes alleas á propia entidade.

Queda expresamente prohibido o uso de técnicas NAT, proxy ou similares na canle de comunicación que oculten a identidade única da estación de traballo. O enderezo IP da estación de traballo debe ser fixo en calquera das tres modalidades de conexión. En calquera das modalidades de acceso, os diferentes elementos da rede de comunicación permitirán a apertura de sockets TCP desde os servizos centrais do Servizo Galego de Colocación ata a estación de traballo do usuario.

Tanto o software de base instalado como as caracterísitcas do hardware da estación de traballo deberán posibilitar o correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servizo Galego de Colocación.

f) Dispoñer de acceso á internet e correo electrónico.

g) A entidade terá que aplicar as medias de seguridade nivel medio no tratamento da información de carácter persoal relacionada coas súas tarefas co Servizo Galego de Colocación. Ademais, deberá contar con software antivirus, debidamente actualizado e con mantemento periódico, en todas as estacións de traballo que teñan acceso á rede corporativa.

4. Ademais dos requisitos especificados no punto anterior, as entidades que desexen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa información profesional deberán acreditar experiencia en tarefas de intermediación no mercado laboral e xestión de bolsas de traballo.

5. Pola súa parte, as entidades que desexen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa de orientación laboral e busca de emprego deberán acreditar experiencia en materia de orientación profesional e laboral, motivación cara ao emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción, selección de persoal e/ou valoración de postos de traballo.

6. Os centros que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no desenvolvemento desta orde poderán levar a cabo as accións previstas no artigo 2º desta orde, as previstas no artigo 3º ou os dous tipos de actuación ao mesmo tempo, sempre que reúnan os requisitos exixidos nesta orde para a realización das ditas accións.

7. As entidades que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Colocación na realización das accións previstas nos artigos 2º e 3º desta orde levarán a cabo as ditas accións cos seus medios propios e nas instalacións habilitadas por cada entidade para o seu desenvolvemento.

Artigo 6º.-Solicitude.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obter o recoñecemento como centro colaborador do Servizo Galego de Colocación na área de información, orientación e busca de emprego deberán formalizar a correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I a esta orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado, e dirixida ao director xeral de Formación e Colocación.

2. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asinar a solicitude.

d) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

e) Licenza municipal de apertura.

f) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 5º:

-Planos do local, selados e asinados polo representante legal da entidade, nos que debe figurar o enderezo do centro ou centros aos que corresponden, e con indicación expresa do despacho ou despachos que se dedicará á realización das accións de información e/ou orientación, tendo en conta que a entidade solicitante deberá dispor de tantos despachos como persoas se dediquen a estas tarefas.

-Facturas conformadas ou documentos que acrediten a existencia dun fax con liña dedicada, conexión ADSL, RDSI ou equivalente, protocolo de comunicación TCP/IP e acceso á internet.

g) Proxecto-memoria das accións que se van realizar, no que deberán figurar, de xeito claro e facilmente identificables, os seguintes puntos:

1. Recursos técnicos, humanos e materiais requiridos, con indicación expresa do número de técnicos de información e/ou orientación para os que se solicita a subvención.

2. Documentación que acredite a experiencia no desenvolvemento das accións solicitadas, detallando o tipo de accións realizadas, a metodoloxía empregada e o número de usuarios atendidos.

3. Xustificación da necesidade das accións.

4. Sistemas de avaliación dos servizos que se lles van prestar aos demandantes de emprego.

5. Currículum vitae suficientemente acreditado da persoa ou persoas propostas para a realización das accións (ver anexo I).

6. Porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego que a entidade prevexa acadar no período subvencionado.

h) Orzamento de gastos relativo ao custo do persoal técnico e do persoal de apoio, referido a un período de 12 meses, con indicación do número de persoas que se solicitan.

i) No caso de que a entidade solicitante desenvolva outras medidas de carácter ocupacional (formación profesional ocupacional, escolas obradoiro, obradoiros de emprego, asesoramento a emprendedores, etc.), documentación suficiente que o acredite.

l) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades (anexo III).

m) Datos bancarios onde se desexe percibir a subvención (anexo IV).

3. As entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación na área de información e/ou orientación e busca de emprego estarán exentas de presentar a documentación indicada nas letras a) b), c), d) e e) do número 2 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que consta en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente modificada.

4. Así mesmo, as entidades colaboradoras de titularidade dunha Administración pública estarán exentas da presentación do documento indicado na letra a) do número 2 deste artigo.

5. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos establecidos nesta orde, faráselle un único requirimento ao interesado para que, no prazo de 10 días hábiles emende o erro ou xunte os documentos preceptivos. De non facelo así, teráselle por desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

6. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das subvencións previstas nesta orde ás entidades que reúnan os requisitos exixidos no artigo 5º realizarase conforme os seguintes criterios de prioridade:

a) Cobertura existente dentro do Servizo Público de Emprego segundo a área funcional e/ou concello

no que se sitúe a entidade, en relación co número de habitantes e demandantes de emprego de cada zona.

b) Experiencia acreditada da entidade solicitante no desenvolvementro das accións que solicite realizar.

c) No caso de que a entidade solicitante posúa no momento da solicitude a condición de centro colaborador do Servizo Galego de Colocación, valoración do traballo desenvolvido.

d) Desenvolvemento, por parte da entidade solicitante, de forma habitual e ordinaria, de tarefas de información e orientación profesional e laboral como actividade non lucrativa.

e) Desenvolvemento, por parte da entidade solicitante, doutras medidas de carácter ocupacional complementarias ás definidas nesta orde, de xeito que unha mesma entidade poida ofrecerlles aos demandantes de emprego a maior oferta de actuacións ocupacionais necesarias, co fin de lograr a inserción e/ou mellorar as posibilidades de emprego dos usuarios atendidos.

f) Porcentaxe de inserción acadado cos usuarios do período anterior.

g) Ter abordado a prospección e o estudo do mercado de traballo da área funcional na que se localiza a entidade.

Artigo 9º.-Tramitación.

1. A tramitación e instrución dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ditará resolución motivada, e seralles notificada aos interesados.

3. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

4. A resolución que finaliza os procedementos regulados nesta orde esgota a vía administrativa, polo que contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, na forma e prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciososo-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa

dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 10º.-Obrigas dos centros colaboradores.

Calquera centro colaborador do Servizo Galego de Colocación na área de información e/ou orientación e busca de emprego estará obrigado a:

a) Manter as condicións relativas á instalación e estrutura de medios necesarios para a realización das accións acordadas.

b) Presentar trimestralmente información relativa ás accións realizadas, na que constará sempre a sinatura dos participantes e do técnico/a orientador/a, e que se presentarán á Dirección Xeral de Formación e Colocación polos mecanismos que se establezan.

c) Remitir á oficina de emprego que lle corresponda a cada demandante, no prazo máximo de 3 meses, o expediente completo do usuario. Este expediente deberá conter o currículo asinado polo usuario, a fotocopia do seu DNI, os documentos relativos a calquera incidencia que se puidese dar no tratamento da demanda de emprego e as autorizacións necesarias para o efecto do establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa que a desenvolva. No caso de que o demandante de emprego realice algunha modificación nos seus datos, o centro terá igualmente a obriga de remitir a dita modificación, asinada polo usuario e suficientemente acreditada, á oficina de emprego correspondente, no prazo máximo de 3 meses.

No caso de que a entidade colaboradora colabore coa Dirección Xeral de Formación e Colocación unicamente nas accións de orientación laboral e busca de emprego, o expediente completo dos usuarios atendidos deberá ser remitido aos servizos centrais do Servicio Galego de Colocación.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

e) Obter o consentimento do usuario para o tratamento automatizado dos seus datos persoais para os efectos da intermediación no mercado de traballo.

f) Adoptar as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguridade dos datos de carácter persoal e evitar a súa alteración, perda ou o tratamento non autorizado, de acordo co disposto na Orde do 5 de decembro de 1996, pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal de nova creación na Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

g) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Poñer á disposición dos técnicos de información e/ou orientación todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.

i) Facilitar, no prazo máximo de 10 días, os datos que a Dirección Xeral de Formación e Colocación requira sobre o desenvolvemento e resultado das accións cos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego.

l) Utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instrucións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, e en todo caso, incluír en toda a documentación relativa ás accións de información e/ou orientación e busca de emprego o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo), e da Xunta de Galicia (Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais).

m) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas nos artigos 2º e 3º desta orde, así como tamén respectar as instrucións e utilizar o modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

n) Manter á disposición do Servizo Galego de Colocación o expediente completo correspondente ao usuario demandante de emprego durante o período en que se executen as accións.

ñ) Informar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, e se é o caso, solicitar autorización, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidese producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

o) Informar aos usuarios dos servizos de información e/ou orientación e busca de emprego do cofinanciamento das accións por parte do Fondo Social Europeo, así como dos obxectivos destes fondos.

p) Non percibir retribución ningunha económica dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

q) Informar previamente á Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levar a termo accións iguais ou análogas ás reguladas nesta orde.

r) Gardar o segredo profesional respecto aos datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e demais normativa que a desenvolva.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado estarán sometidos, no que respecta á súa comunicación, ao disposto no artigo 11 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

s) Facilitar información á persoa demandante de emprego do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados, con calquera das formas expresadas no artigo 15.2º da Lei orgá

nica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

t) En caso de cesamento das súas actividades, perda da súa condición de centro colaborador co Servizo Galego de Colocación na área de información e/ou orientación e busca de emprego, ou que a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais lle suprimise este servizo, o centro remitirá os expedientes dos usuarios que estean vixentes ao centro ou entidade que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

u) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado desta orde.

Artigo 11º-Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

1. A entidade colaboradora en materia de información e/ou orientación e busca de emprego, unha vez ditada resolución estimativa, realizará a preselección de técnicos, en todo caso titulados medios ou superiores, para o desenvolvemento das accións referidas nos artigos 2º e 3º desta orde. Unha vez realizada a dita preselección, a entidade colaboradora remitirá á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á delegación provincial correspondente, segundo o caso, os currículum vitae das persoas preseleccionadas, suficientemente acreditado. Os técnicos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, examinarán os currículum presentados de acordo co baremo establecido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, e otorgaránlle o visto e prace, asinando unha acta de selección conxuntamente co representante da entidade colaboradora.

Unha vez asinada a acta de selección do persoal que realizará as accións e información e/ou orientación e busca de emprego, a entidade colaboradora pode proceder á contratación do persoal.

No caso de que entidades que xa colaboraran co Servizo Galego de Colocación no programa de información e/ou orientación e busca de emprego no exercicio 2004-2005 propoñan aos mesmos técnicos que desenvolveron as accións descritas nesta orde no pasado exercicio, unicamente deberán facelo constar no proxecto-memoria segundo figura no anexo I.

2. O procedemento descrito no número 1 deste artigo non será de aplicación para a contratación de persoal de apoio.

3. Os técnicos seleccionados aos que alude o punto 1 deste artigo poderán ter relación previa contractual coa entidade beneficiaria ou non, e en todo caso, deberán posuír o título de diplomado ou licenciado universitario, preferentemente en psicoloxía, psicopedagoxía, pedagoxía, socioloxía ou educación social.

A entidade colaboradora deberá acreditar a experiencia do/s técnico/s seleccionados nas seguintes materias:

a) Para o persoal que desenvolva accións de información profesional, experiencia en materia de formación profesional e/ou ocupacional, intermediación laboral e xestión de bolsas de traballo.

b) Para o persoal que desenvolva accións de orientación laboral e busca de emprego, experiencia en materia de formación profesional e/ou ocupacional, orientación profesional e laboral, recursos humanos, motivación cara ao emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción, ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

c) No dous casos previstos nas letras a) e b) anteriores, e no suposto de que a experiencia non poida ser acreditada, a selección realizarase en función das titulacións preferentes establecidas no punto 1 deste artigo, e en todo caso a persoa ou persoas seleccionadas deberán superar os requisitos establecidos no baremo de selección existente ao respecto na Dirección Xeral de Formación e Colocación.

4. A Dirección Xeral de Formación e Colocación realizará, sempre que se considere necesario, a formación inicial dos técnicos seleccionados. Igualmente organizará, con medios propios ou alleos, o perfeccionamento e actualización formativa dos técnicos que realizan as accións.

Capítulo IV

Contía das subvencións

Artigo 12º.-Contía.

1. As contías previstas nesta orde terán por obxecto subvencionar as retribucións totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, todos os conceptos de persoal necesario para a execución das accións.

a) Para os técnicos, titulados superiores ou medios, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 27.398,56 euros por ano.

b) Para o persoal de apoio, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 19.178,99 euros por ano.

2. Igualmente subvencionarase ata un 10% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas nesta orde.

Os dereitos de explotación dos proxectos e produtos financiados con cargo a esta orde serán cedidos á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que será a garante da súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, o representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

Quedan excluídas da previsión establecida neste artigo as actuacións sometidas ao ámbito de aplicación do réxime xurídico das contratacións coas administracións públicas.

3. As retribucións refírense á prestación de servizos a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

4. En ningún caso, o importe da subvención que se outorgue ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

Artigo 13º.-Gastos imputables.

1. En relación co artigo anterior, a acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvecionables realizarase achegando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal.

-Copia autenticada do contrato.

-Copia autenticada do TC1 e TC2 correspondentes aos meses imputados.

-Copia autenticada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

-Copia autenticada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

-Copia do documento autenticado (transferencia bancaria ou cheque nominativo), que xustifique o pagamento das nóminas do persoal.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos necesarios.

Considéranse gastos imputables neste capítulo:

-Gastos de elaboración de material técnico.

-Gastos en material de oficina, impresos e material funxible.

-Gastos xerais para a realización das accións: alugeres (leasing excluído), seguros de responsabilidade civil, mantemento (se non está incluído no aluguer), subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no aluguer), comunicacións (teléfonos, correos...), limpeza, seguridade e vixilancia.

-Gastos que se orixinen por axudas de custo e desprazamentos necesarios para o desenvolvemento das accións, ata o máximo establecido para ambos os conceptos pola Xunta de Galicia, ou polas normas legais ou regulamentarias, nos correspondentes convenios colectivos de aplicación, ou contrato de traballo. Se as ditas contías fosen superiores, as máximas subvencionables con cargo a esta orde serán as estipuladas nas normas regulamentarias da Xunta de Galicia.

A acreditación deste bloque de gastos farase mediante as facturas correspondentes, orixinais ou copias compulsadas, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención.

2. Non terán a consideración de gastos imputables as subvencións que se concedan con cargo a esta orde:

a) Gastos financeiros.

b) Gastos de asesoría.

c) Gastos relacionados co cumprimento dos requisitos para obter a subvención.

d) Gastos de formación e/ou obtención de títulos ou cotas de colexios profesionais.

e) Os gastos imputados que fosen documentados con facturas que non cumpran os requisitos legais aplicables.

f) Calquera outro tipo de gasto que pola súa natureza ou relación co programa subvencionado non se corresponda co establecido nas letras a) e b) do punto 1 deste artigo.

Artigo 14º.-Forma de pagamento.

1. O aboamento da subvención realizarase do seguinte seito:

a) Unha vez presentado, por parte da entidade colaboradora o certificado de inicio das accións (anexo V), a copia compulsada do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións e o certificado de alta en seguridade Social do dito persoal, e descontado, se é o caso, o período que a entidade solicitante non poidese xustificar por ter contratado con posterioridade á data establecida como inicio na resolución de concesión, aboarase o 35 por 100 da suma das subvencións do ano 2005 e 2006 da anualidade correspondente, en concepto de anticipo á conta da xustificación.

b) Cando a entidade colaboradora teña certificado e xustificado conforme o previsto no artigo 15º desta orde o 20 por 100 da suma das subvencións de 2005 e 2006 da anualidade correspondente, transferirase un 20%, sempre e cando a suma do anticipo anterior (35%) e o que se solicita (20%), sexa inferior ao importe da subvención concedida para o ano 2005.

c) As entidades colaboradoras disporán do mes de xaneiro para presentar a liquidación parcial da subvención, polo que deberán presentar a xustificación de todos os gastos realizados con cargo á subvención, ata o 31-12-2005 conforme o previsto no artigo 15º desta orde, e por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación procederase a liquidar o importe que corresponda, de acordo coa xustificación presentada e cos anticipos percibidos pola entidade, correspondentes á subvención concedida para o ano 2005.

d) Unha vez finalizadas as accións, a entidade solicitante presentará liquidación final conforme o establecido nos artigos 14º e 17º desta orde, tendo en conta que só deberán xustificar o período comprendido entre o 1-1-2006 e o 31-3-2006, e por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación procederase a liquidar o importe que corresponda, de acordo coa xustificación presentada pola entidade, correspondente á subvención concedida para o ano 2006.

e) En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras deberán axustarse ao disposto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Poderanse aboar anticipos de ata o 50% da subvención concedida, unha vez que a entidade acredite o inicio das accións segundo o disposto na letra a) do punto 1 deste artigo, sempre que se constitúa unha garantía a favor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (Xunta de Galicia), nos termos e condicións sinalados no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de entidades locais, o anticipo ao que se alude no parágrafo anterior terá como límite o 35% da subvención concedida.

Unha vez xustificado o importe total do anticipo concedido conforme o previsto no artigo 15º desta orde, e en todo caso durante o mes seguinte ao de finalización da execución das accións obxecto da subvención, a entidade colaboradora presentará liquidación final dos gastos realizados, no modelo que dispoña a Dirección Xeral de Formación e Colocación, consonte o establecido no artigo 17º desta orde.

3. Cando algunha das xustificacións non puidese presentarse dentro do ano natural do exercicio orzamentario en que se concedeu a subvención, procederase a recoñecer a obriga con anterioridade ao 31 de decembro do dito ano natural e a realizar o pagamento unha vez presentada a xustificación, que en todo caso se corresponderá con accións e gastos realizados no exercicio en que se concedeu a subvención.

Artigo 15º.-Requisitos para o aboamento.

1. Antes de proceder ao cobramento das subvencións establecidas nesta orde, as entidades beneficiarias, se é o caso, terán que acreditar que se atopan ao corrente nas súas obrigas tributarias e sociais, e no pagamento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario lle xunte á solicitude a debida autorización, segundo o modelo do anexo II, para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

2. Unha vez finalizadas todas as actividades, as entidades beneficiarias deberán acreditar mediante certificación selada e asinada polo representante da entidade, a realización das accións descritas.

3. Así mesmo, finalizadas as accións, e antes de proceder ao último pagamento, a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus

organismos autónomos, entes ou sociedades (anexo III).

Artigo 16º.-Prazo de execución das accións.

1. As accións poderanse executar ata o 31 de marzo do ano natural seguinte ao da súa concesión. Neste caso, o proxecto conxunto de actuacións deberá terse iniciado antes do 31 de decembro do exercicio no que se concedeu a subvención.

2. No suposto anterior, procederase a imputar á anualidade futura as accións e gastos que se devenguen desde o 1 de xaneiro ao 31 de marzo do ano natural seguinte ao da concesión da subvención.

Artigo 17º.-Liquidación final.

1. Antes do 31 de xaneiro de 2006, a entidade colaboradora presentará liquidación dos gastos realizados correspondente á subvención concedida para o ano 2005 no modelo que figura como anexo VI a esta orde, xunto coa documentación especificada no artigo 13º.1 desta orde.

2. Antes do 30 de abril de 2006, a entidade colaboradora presentará liquidación dos gastos realizados correspondente á subvención concedida para o ano 2006 no modelo que figura como anexo VI a esta orde, acompañada da documentación especificada no artigo 13º.1 desta orde.

Igualmente deberá presentar memoria das accións realizadas durante a totalidade do período subvencionado, con especificación dos demadantes de emprego atendidos en cada unha delas.

3. Ás entidades que, transcorridos os prazos especificados nos números 1 e 2 anteriores, non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos, poderá serlles exixido o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte o disposto no artigo 19º desta orde.

En caso de que calquera das xustificacións presentadas fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclamar o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Capítulo V

Seguimento e control

Artigo 18º.-Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación.

Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderán realizar comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolve

mento das accións previstas nesta orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

No caso de levarse a cabo visitas de seguimento por parte da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, os centros colaboradores na área de información e/ou orientación e busca de emprego facilitarán o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións, así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, o incumprimento dalgunha das obrigas sinaladas nesta orde, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19º.-Reintegro das subvencións.

1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actividade.

b) Incumprimento da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) Incumprimento por parte da entidade colaboradora das obrigas sinaladas nesta orde.

d) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos nesta orde ou na normativa que a desenvolva.

2. Así mesmo, procederá o reintegro por parte da entidade colaboradora das cantidades que excedan da contía a percibir polas accións realizadas, unha vez deducidas outras subvencións ou axudas recibidas pola entidade colaboradora para a mesma finalidade, e en todo caso estarase ao disposto no o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 20º.-Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Galego de Colocación efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-As accións incluídas nesta orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que figuran nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2005: 16.03.241A.482, cun importe de 4.207.001,15 euros na anualidade de 2005, e 4.060.000 euros na anualidade de 2006, 16.03.241A.460, cun importe de 621.757,81 euros na anualidade de 2005, e 595.000 euros na anualidade de 2006, 16.03.241A.440, cun importe de 380.000 euros na anualidade de 2005, e

398.393,10 euros na anualidade de 2006, 16.03.241B.480.2, cun importe de 236.246,83 euros na anualidade de 2005, e 308.000 euros na anualidade de 2006, 16.03.241B.471.0 cun importe de 392.556,25 euros na anualidade de 2005, e 395.399,20 euros na anualidade de 2006, 16.03.241B.480.1, cun importe de 100.228,52 euros na anualidade de 2005, e 178.962 euros na anualidade de 2006, 16.03.241B.461.0, cun importe de 161.593,42 euros na anualidade de 2005, e 169.190,70 euros na anualidade de 2006.

A forma de pagamento prevista no artigo 14º desta orde estará condicionada á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

As ditas consignacións estarán supeditadas ás modificacións orzamentarais que se poidan realizar como consecuencia de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.

Segunda.-Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.

Terceira.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada ano, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1º b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.

Cuarta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Formación e Colocación para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Quinta.-En todo o non disposto nesta disposición será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa ao programa de información, orientación e busca de emprego.

Sexta.-A presentación da solicitude para concorrer ás subvencións previstas nesta orde suporá a aceptación expresa de todas as obrigas e condicións derivadas das bases recollidas no articulado da orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2004.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais