DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 07 de xaneiro de 2005 Páx. 168

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 28 de decembro de 2004 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria para o fomento e realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

No Decreto 195/2003, do 20 de marzo, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. No seu artigo 8 establécese que lle corresponde á Dirección Xeral do Voluntariado, a xestión e coordinación das actuacións da consellería en materia de voluntariado, así como a elaboración e o seguimento do Plan Galego de Fomento e Promoción da Acción Voluntaria e a xestión do sistema de rexistro autonómico das entidades de acción voluntaria. Tamén será a súa función o desenvolvemento das actuacións de promoción, investigación, asistencia e formación en materia de voluntariado.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado, actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria tramítase de acordo coa Orde do 11 de febreiro de 1998 modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 como tramitación anticipada do gasto e axústase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, e no establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 aprobado na reunión do Consello da Xunta de Galicia do día 14 de outubro de 2004. Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerán as subvencións dirixidas ás entidades de acción voluntaria de Galicia destinadas a proxectos desenvolvidos dentro dos ámbitos de actuación e liñas estratéxicas definidas no Plan Galego do Voluntariado 2002-2005 e nas áreas de actuación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, durante o ano 2005.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Son destinatarios das subvencións convocadas nesta orde, as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia e incorporadas ao Plan Galego de Voluntariado 2002-2005, á data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Importe destinado e aplicación orzamentaria.

As axudas ás que se refire esta subvención faranse efectivas no seu día, con cargo á aplicación orzamentaria 2005.14.05.212F.480.0 (proxecto 2003 00513) por un importe de 445.121 A (catrocentos corenta e cinco mil cento vinte e un euros) segundo o establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 aprobado na reunión do Consello da Xunta de Galicia do día 14 de outubro de 2004.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables.

1. Subvenciónanse exclusivamente actividades relacionadas co voluntariado e que se desenvolvan durante o ano 2005.

2. Os conceptos xustificables son gastos derivados do desenvolvemento das actividades do voluntariado establecidos no punto anterior, excepto os gastos de bens inventariables e de investimentos, recollidas no proxecto presentado na solicitude.

Artigo 5º.-Solicitude e documentación requirida.

1. Os destinatarios que desexen concorrer a esta subvención deberán presentar a solicitude segundo o modelo normalizado no anexo I, debidamente cuberto e que se entregará segundo o disposto no artigo seguinte. A solicitude deberá asinala o representante legal da entidade, sendo os seus datos os que figuren no cadro 2 da dita solicitude.

2. Xunto coa solicitude deberán achegar a seguinte documentación:

a) Proxecto detallado das actividades que incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

-Denominación.

-Obxectivos perseguidos.

-Enumeración e descrición das actividades do proxecto, indicando por cada unha delas os seguintes aspectos: número estimado de beneficiarios, lugar e data de realización.

-Recursos humanos: nº voluntarios e de persoal contratado dedicado parcial/totalmente ao proxecto (ou que se prevé a súa implicación no proxecto).

-Orzamento: onde se indicarán os gastos en base os seguintes conceptos: material funxible, gastos de recursos humanos, gastos da realización da actividade, outros (especificar).

b) Certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal (anexo II debidamente cuberto), que recolla: o acordo do órgano que teña asumida a competencia en virtude da cal se solicita subvención, a acreditación da persoa que ostenta o cargo do representante legal así como o conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

c) Fotocopia compulsada do DNI do representante legal da entidade.

d) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

e) Certificación orixinal dunha entidade bancaria da conta da entidade onde se fará o ingreso da subvención.

3. Se se apreciasen defectos na documentación remitida, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, achegue os documentos necesarios, con indicación de que se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 42.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, dirixiranse á conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e presentaranse no rexistro da delegación provincial correspondente ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación é de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Contía máxima da subvención.

O importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Na valoración das solicitudes, terán consideración os seguintes criterios preferenciais:

a) A calidade técnica na formulación do proxecto.

b) A realización de actividades de voluntariado dirixidas a tratar as distintas necesidades que afectan hoxe en día a sociedade.

c) A innovación do proxecto presentado.

d) A utilización de novas tecnoloxías.

e) A programación e execución de actividades de formación do voluntariado.

f) A integración da entidade en redes, plataformas, federacións ou calquera outro tipo de entidade similar.

g) A cooperación con outras entidades de acción voluntaria de Galicia na programación e realización de actividades do proxecto presentado.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

1. Recibidas as solicitudes, coa documentación presentada, a Dirección Xeral do Voluntariado convocará a comisión avaliadora, encargada de avaliar, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: subdirector xeral para o Voluntariado

Vogais:

-Os xefes do Servizo de Voluntariado das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

-2 técnicos da Dirección Xeral do Voluntariado

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral do Voluntariado.

Correspondéndolle á directora xeral do Voluntariado a elaboración dunha proposta de resolución e á conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado ditar a resolución final.

2. A resolución seralles notificada a todos os solicitantes dentro do prazo máximo de nove meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. Enténdese por xustificación a acreditación da realización do proxecto subvencionado e do cumprimento das obrigas e requisitos establecidos para a súa concesión, así como da aplicación da axuda concedida para o fin destinado.

2. Unha vez notificada a resolución pola que se estima conceder a subvención, de acordo co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, procederase á xustificación na forma en que se indica:

-Certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal (anexo III debidamente cuberto), en que se farán constar: o conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, as actividades realizadas segundo o proxecto presentado e o importe, en cifras e letra, do gasto efectuado así como o destino da axuda para a finalidade para que foi concedida.

-Medios de xustificación (orixinais ou compulsados): facturas, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, certificacións bancarias e os demais medios establecidos no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A documentación deberá ser remitida ao Servizo do Voluntariado da delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado correspondente. O prazo para xustificar comprende desde a notificación de resolución de concesión da subvención ata o día 15 de outubro de 2005, incluído.

Artigo 11º.-Pagamento.

As subvencións aboaranse despois da correcta xustificación dos gastos realizados segundo o artigo 10 desta orde e do previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A subvención farase efectiva nun único pagamento ao achegar xustificantes de ter realizadas as actividades segundo o proxecto presentado polo importe total subvencionado. Poderanse facer pagamentos parciais, de acordo co artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ata un máximo do 80% da contía total concedida na medida en que se vaia xustificando na forma establecida no artigo anterior. O restante 20% cando se rematen totalmente as actividades subvencionadas.

Artigo 12º.-Obrigas do beneficiario.

As entidades que reciban a subvención deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Non modificar a programación de actividades do proxecto presentado sen autorización expresa da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

2. Facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

3. Estar sometidos ás actuacións de comprobación que vaia efectuar a Dirección Xeral do Voluntariado, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

4. Remitir unha memoria explicativa das actividades realizadas en función do proxecto presentado, antes do 31 de xaneiro de 2006, que incluirá, como mínimo, os seguintes puntos: obxectivos acadados, descrición das actividades desenvolvidas especificando, por cada unha delas, o lugar e as datas de realización, o número de beneficiarios e o persoal implicado na súa execución (voluntariado e persoal remunerado).

5. As demais obrigas recollidas no artigo 78.4º do Decreto 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Control e reintegro da subvención.

1. A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado reserva para si o dereito a comprobar os datos económicos e a efectiva realización das actividades subvencionadas, así como a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

2. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9º do Decreto 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión da subvención.

De acordo co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normas de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral do Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado