DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 07 de xaneiro de 2005 Páx. 158

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 28 de decembro de 2004 pola que se establecen as bases que rexen as axudas a mozos para a realización de cursos de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 parágrafos 22º, 23º e 24º que lle corresponde a Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, aplicándose entre outros o ámbito da xuventude.

No Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, estableceuse a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia e o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 11 a estrutura básica da Consellería de Familia, Deporte e Voluntariado, actualmente de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado en virtude do Decreto 280/2003, do 17 de xuño, que modifica o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro. Esta consellería conta, entre os seus centros directivos, coa Dirección Xeral de Xuventude á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, desenvolvido polo Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, como órgano da Administración autonómica responsable do exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de xuventude, entende que para facilitar a formación da xuventude e acadar a súa autonomía persoal, é fundamental promover o coñecemento de idiomas dos países da Unión Europea, por ser este ámbito xeográfico unha ampliación da nosa sociedade e, polo tanto, unha ampliación das posibilidades onde acadar a integración e a autonomía persoal da nosa xuventude.

Así mesmo, a formación en idiomas estranxeiros configúrase como un obxectivo instrumental que dota de operatividade a función de fomento e promoción de intercambios e mobilidade de mozos e mozas con países estranxeiros. Reducir os obstáculos lingüísticos e culturais facilita a mobilidade dos cidadáns da Unión Europea promovendo deste xeito o concepto de cidadanía europea e o dunha Europa política.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca anualmente unha liña de subvencións similares co obxecto desta orde, dirixida aos estudantes que estean matriculados nalgún centro universitario. Para cubrir o colectivo da xuventude que non cumpre este requisito excluínte, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado entende que para darlles igualdade de oportunidade a todos os mozos e mozas, os destinatarios desta orde de subvencións deben ser aqueles que non estean matriculados nun centro universitario.

O gasto que se proxecta tramítase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de cré

dito axeitado e suficiente nos orzamentos para o exercicio 2005, de acordo co disposto no artigo 3.3º in fine da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Polo demais, esta convocatoria axústase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de axudas para os mozos e mozas que, reunindo os requisitos e condicións establecidos nesta orde, realicen un curso de idiomas nun Estado membro da Unión Europea, e proceder á súa convocatoria para o ano 2005.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado financiará as anteditas axudas con cargo aos créditos previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, na partida orzamentaria 14.03.355B.480.0 cunha contía de 90.152 euros.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar as axudas todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 30 anos ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter fixada a súa residencia en Galicia.

c) Realizar un curso de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, cunha duración igual ou superior a tres semanas e cun mínimo de 15 horas lectivas por semana, no período comprendido, única e exclusivamente, entre o 1 de xuño e o 31 de outubro de 2005.

d) Non estar matriculado no curso académico 2004/2005 en ningún centro universitario. Poden solicitar axudas as persoas que xa teñan finalizados os seus estudos universitarios.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, debidamente asinadas polo solicitante e segundo o modelo oficial que figura no anexo desta orde, presentaranse no rexistro da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado (edificio administrativo San Caetano, s/n, código postal 15781, en Santiago de Compostela); ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, para a presentación de instancias. Se a solicitude se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Deberá acompañar á solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do DNI do solicitante.

b) Xustificación de ingresos da unidade familiar:

b.1. Copia compulsada da declaración do IRPF, correspondente ao ano 2003, de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

b.2. No caso de non ter obriga de presentar declaración:

Os solicitantes de devolución rápida (mod. 104), achegarán copia compulsada da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 84 do Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (mod. 104), achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Orixinal ou copia compulsada do programa do curso en que conste a duración, en horas lectivas por semana do curso, o período de realización e o centro e Estado membro da Unión Europea no que se desenvolverá.

d) Certificado de empadroamento da unidade familiar.

e) Fotocopia compulsada do libro de familia numerosa, de ser o caso.

f) Declaración responsable do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para cursos similares aos que son obxecto desta orde.

g) Declaración responsable de non estar matriculado en ningún centro universitario no curso académico 2004/2005.

h) Documento orixinal, facilitado pola entidade bancaria, acreditativo da existencia dunha conta bancaria aberta a nome do beneficiario, no cal conste o código da conta do cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco ou caixa, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

4. Si a solicitude non reúne os requisitos ou a documentación sinalada, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. De non facelo, terase por desistido da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

1. Os criterios de valoración que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

-Maior duración do curso en horas lectivas (ata 30 puntos).

-Maior duración do curso en semanas (ata 25 puntos).

-Menores ingresos familiares en renda per cápita (ata 20 puntos).

-Ser membro de familia numerosa (10 puntos).

-Pertencer a unha asociación xuvenil inscrita no censo de entidades xuvenís dependente da Dirección Xeral de Xuventude (10 puntos).

-Que o curso estea recoñecido por un organismo oficial competente no ensino de idiomas (5 puntos).

2. Todas estas circunstancias valoraranse unicamente no caso de que da documentación que figura no expediente se poida deducir claramente o seu contido, en virtude de certificacións orixinais ou copias compulsadas delas. En caso contrario, non se terán en conta de cara á adxudicación da contía destas axudas.

Artigo 6º.-Importe das axudas.

1. O importe de cada unha das axudas destinarase a sufragar parte dos gastos derivados do desprazamento, matrícula, mantenza e aloxamento no Estado concreto no que se desenvolva o curso, e virá determinado pola aplicación a cada caso do baremo establecido no artigo anterior.

2. Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas destinadas a actividades similares.

3. O importe da axuda regulada terá que ser de tal contía que, en ningún caso supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

A selección de candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Polo subdirector xeral de programas, que actuará de presidente, ou persoa en quen delegue.

Pola xefa de servizo de programas ou persoa en quen delegue.

Pola xefa de servizo de xestión e coordinación administrativa ou persoa en quen delegue.

Por un representante do servizo de xestión e coordinación administrativa.

Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. Unha vez valoradas as solicitudes conforme os criterios fixados no artigo 5 desta orde, a comisión de avaliación elevará un informe-proposta de adxudicatarios á directora xeral de Xuventude, que resolverá por delegación da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

2. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a todos os solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun mes, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administra

cións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnadas directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Os solicitantes aos que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da comunicación da resolución, para retiraren a documentación presentada. Transcorrido este prazo, esta arquivarase.

Artigo 9º.-Pagamento.

1. Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 80% sobre a subvención concedida, a petición do beneficiario. Para efectuar o pagamento anticipado, é imprescindible presentar xustificante do pagamento da matrícula do curso, a través de factura orixinal ou fotocopia compulsada desta.

2. O pagamento do segundo prazo da cantidade adxudicada efectuarase unha vez realizada a actividade subvencionada e xustificada conforme o artigo seguinte.

3. En calquera caso, o pagamento destes anticipos e pagamentos suxeitarase ao disposto no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación da axuda.

1. O período que se establece para xustificar estas axudas abarcará ata o 15 de novembro de 2005 inclusive.

2. Os beneficiarios deberán xustificar tanto a realización e aproveitamento do curso solicitado, a través do certificado emitido polo centro de idiomas en que se estea matriculado, como o importe total da axuda concedida, a través de facturas orixinais ou fotocopias compulsadas dos gastos derivados da realización do curso (matrícula, desprazamento, manutención e aloxamento).

3. Así mesmo, deberán presentar, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria de non ter percibido outras axudas para a mesma actividade, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º.-Obrigas do beneficiario.

1. Empregar a axuda recibida en sufragar os gastos inherentes á realización do curso de idiomas solicitado.

2. Xustificar os gastos incorridos na matrícula, desprazamento e estadía no país onde realice o curso, así como o aproveitamento do curso do xeito especificado no artigo 9º desta orde.

3. Estar sometido ás actuacións de comprobación que efectuará a Dirección Xeral de Xuventude, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 12º.-Reintegro ou modificación da subvención.

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos casos seguintes:

Incumprimento da obriga de xustificación.

Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

O incumprimento da finalidade para o que foi concedida a subvención.

Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención publica.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención doutras subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da axuda.

Artigo 13º.-Renuncias.

Se por calquera circunstancia o beneficiario non puidese realizar o curso de idiomas, deberá presentar unha renuncia á subvención concedida.

Os destinatarios das axudas que renuncien a ela poderán ser substituídos pola Dirección Xeral de Xuventude de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado na directora xeral de Xuventude, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos.

Segunda.-En todo caso, a concesión das axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación orzamentaria para o ano 2005.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e demais normas de procedente aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado