DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2005 Páx. 101

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de decembro de 2004, conxunta da Consellería de Sanidade e da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, pola que se regula o establecemento de subvencións para a realización de programas destinados a prestar atención aos enfermos con trastornos mentais persistentes nos dispositivos de apoio comunitario dependentes das asociacións de familiares de enfermos psíquicos e outras entidades sen ánimo de lucro.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social, agás as normas que configuran o seu réxime económico.

De conformidade co Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, esta consellería é a responsable da dirección e coordinación das políticas sanitarias e sociosanitarias, coa protección sanitaria dos sectores sociais máis desfavorecidos ou máis vulnerables.

Así mesmo, de conformidade co Decreto 215/2004, do 23 de setembro, polo que se modifica o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndenlle á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado as competencias das persoas con discapacidade a través da dirección xeral correspondente.

O Decreto 306/2001, do 15 de decembro, conforme co disposto nos artigos 15 e 18 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, establece unha nova estrutura orgánica do Goberno de Galicia. Posteriormente, o Decreto 310/2001, do 17 de decembro, procede a fixar a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e sinala no seu artigo 8.B) a adscrición do Servizo Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo, á Consellería de Sanidade. Entre as súas competencias correspóndelle a promoción da saúde mental, a proposta e xestión dos plans e programas no ámbito da Comunidade Autónoma e a coordinación dos dispositivos dedicados á saúde mental.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables aos capítulos IV e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se van imputar os correspondentes gastos.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Finalmente, hai que ter en conta a Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en tanto contén preceptos con carácter de lexislación básica enumerados na súa disposición derradeira primeira, que son de obrigado cumprimento no eido autonómico.

Por todo o anteriormente dito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de acordo co establecido nos artigos 78.3º e 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias de función pública e de actuación administrativa, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de subvencións económicas ás entidades sen ánimo de lucro que prestan atención aos enfermos con trastornos mentais persistentes nos dispositivos de apoio comunitario, ben sexa centro de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos, vivenda de transición ou unidade residencial.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto desta orde axustarase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, e a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar as subvencións contidas nesta orde as asociacións, federacións ou calquera outras entidades de iniciativa social que sexan titulares ou responsables na xestión dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos, vivendas de transición ou unidades residenciais, situados na Comunidade Autónoma de Galicia e que realicen actividades destinadas á rehabilitación das persoas con trastornos mentais persistentes.

2. En calquera caso, para poder recibir estas axudas deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Ademais no caso de solicitar axuda para as actividades que se vaian realizar nos centros de rehabilitación psicosocial e

laboral, deberán estar inscritos no Rexistro de Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade ou que teñan presentada a correspondente solicitude de inscrición no momento da publicación da orde. No caso de piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial, ter solicitado a súa autorización á Consellería de Sanidade consonte o disposto no Decreto 347/2002, do 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivenda de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes.

3. Atendendo as necesidades de atención aos trastornos mentais persistentes nas diferentes áreas xeográficas da Comunidade Autónoma, e de acordo coas prioridades asistenciais da Consellería de Sanidade, poderanse outorgar axudas para a creación e apertura de novos recursos de apoio comunitario e/ou aloxamento alternativo á institucionalización no ano 2005, a aquelas entidades inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais no momento da publicación desta orde.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos para a rehabilitación dos trastornos mentais persistentes, así como para o mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

b) Para a atención, mantemento e xestión do piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial dirixido a prestarlles atención a estes colectivos.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

1. A axuda necesaria para a realización das actividades, poderán acordar o financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal maneira que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos percibidas coa mesma finalidade non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

2. Para a concesión das axudas regulamentadas nesta orde destinaranse 2.152.236 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.01.311A.480.0, 14.06.212D.484.1 e 5001.2223.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005. A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

3. As actuacións polas que se vai subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio do ano 2005.

4. As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servizos centrais das consellerías de Sanidade e de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento dos requisitos exixidos pola lei.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán nas delegacións provinciais ou servizos centrais da Consellería de Sanidade ou Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Volun

tariado, así como en calquera das oficinas de información administrativa de Atención ao Cidadán da Xunta de Galicia, segundo modelo normalizado que figura no anexo I desta orde, á que se lle xuntarán os seguintes documentos:

1. Documentos comúns:

a) Memoria descritiva da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

b) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

c) Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

d) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

e) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal debidamente cotexada.

f) Declaración das contías concedidas no ano 2004 para a mesma finalidade procedente de calquera Administración ou entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

g) Documentación estatística relativa á institución e aos distintos centros ou servizos xestionados, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme o anexo VIII desta orde.

h) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudos e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2. Documentos específicos para cada tipo de axuda.

2.1. De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos para a rehabilitación dos trastornos mentais persistentes, así como para o mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

a) Documento no que conste a identificación do centro, cadro de persoal coa súa titulación debidamente acreditada mediante fotocopia da titulación cotexada así como a tarefa específica que se realizará no centro (anexo IV).

b) Orzamento desagregado dos gastos previstos, de acordo cos epígrafes de programa e xestión (anexo V).

c) Memoria explicativa do programa específico onde consten os motivos para a realización do mesmo, así como os fins que se perseguen e os posibles usuarios que se beneficiarían deste (anexo VI).

2.2. Para a atención, mantemento e xestión do piso protexido, vivenda de transición e unidade residencial dirixido a prestar atención a estes colectivos.

a) Memoria explicativa do programa, gastos derivados da xestión e mantemento do recurso, así como da necesidade de persoal (anexo VII).

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse nun prazo de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde, nas delegacións provinciais ou servizos centrais da Consellería de Sanidade, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e

Voluntariado, do Sergas, ou en calquera dos lugares aos que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

Terminado o prazo de presentación de solicitudes, a Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade examinará os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos exixidos por esta orde, reclamándose por escrito aos interesados os datos, documentos e aclaracións que considere necesarios para completar o expediente, con apercibimento de que se non o fixesen nun prazo de dez días se considerarán desistidos da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción deste artigo dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Completados os expedientes serán remitidos para o seu informe preceptivo á Comisión de Valoración, que efectuará a proposta de resolución que remitirá ás secretarías xerais da Consellerías de Sanidade e de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Para tal efecto constituirase unha comisión composta polos seguintes membros:

a) Presidente: o subdirector xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade.

b) Vogais:

-O subdirector xeral de Atención a Persoas con Discapacidade da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

-O xefe do Servizo de Programas para Discapacitados da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

-O xefe do Servizo de Saúde Mental do Sergas.

c) Secretario: o xefe da área social da subdirección xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade.

Artigo 9º.-Criterios de prioridade na concesión das subvencións.

As axudas previstas nesta orde atenderán á seguinte prioridade:

a) Estimación de persoas con trastorno mental persistente da poboación maior de 14 anos e menor de 65 do concello onde se atopa o recurso e limítrofes. (puntos=número estimado divido por 10).

b) A non-existencia doutro centro de rehabilitación psicosocial e laboral, definidos como tal na Orde do 23 de outubro de 1998, de regulación dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral para os enfermos mentais crónicos como desenvolvemento dos dispositivos de apoio comunitario mencionados no Decreto 389/1994, polo que se regula a saúde mental en Galicia, na mesma área sanitaria (5 punto).

c) Gasto efectuado no ano 2004 pola entidade na contratación de persoal por un mínimo de 30 horas semanais para a atención directa aos usuarios no

recurso que se solicita (puntos= gasto efectuado dividido por seis mil).

d) Informe favorable da adecuada coordinación cos diferentes dispositivos de saúde mental expresado polo coordinador da área sanitaria do Sergas (5 puntos).

e) Anos de antigüidade de funcionamento do recurso (un punto por cada ano de antigüidade).

f) Entidades que tiñan asinado un convenio de colaboración, debidamente xustificado, coa Consellería de Sanidade ou outros departamentos da Xunta de Galicia para a realización de actividade similar a que se regula nesta orde (10 puntos por cada ano anterior a 1997).

Na asignación de axudas para a creación de novos recursos durante o ano 2005, teranse en conta os criterios a) e b), así como un informe da súa necesidade emitido pola Consellería de Sanidade, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e polo Servizo de Saúde Mental do Sergas.

Artigo 10º.-Resolución e formalización das subvencións.

1. Realizado o expediente, o secretario xeral da Consellería de Sanidade e o secretario xeral da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, por delegación, procederán á súa resolución no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria, tras a proposta da Comisión e despois da súa fiscalización pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. Transcorrido o prazo máximo para resolver o procedemento sen que recaese resolución expresa, poderase entender desestimada a concesión da subvención.

3. Delégase nos secretarios xerais destas consellerías a facultade para autorizar e dispoñer dos gastos previstos por esta orde, así como para propoñer a ordenación dos pagamentos correspondentes.

4. As resolucións recaídas serán motivadas e seranlles notificadas aos interesados para a execución da subvención outorgada.

5. Poderán ser modificadas as ditas resolucións no caso de alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. O importe das subvencións outorgadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

7. As resolucións recaídas porán fin á vía administrativa e poderán ser recorridas potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes se o acto é expreso ou tres meses se non o é, ou ser impugnadas directamente ante

a orde xurisdicional contencioso-administrativo, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ao pagamento da forma que se indica nos parágrafos seguintes, en función da contía concedida:

a) O primeiro 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo a conta da liquidación.

Para facer efectivo este primeiro pagamento deberase remitir á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria os seguintes documentos:

-Copia cotexada da contratación de/os traballador/es.

-Copia da alta na Seguridade Social, se é o caso.

-No caso de traballadores por conta propia, copia cotexada do NIF ou alta fiscal, así como previsión do número de horas nas que efectuará o seu traballo e a contía anual.

b) Poderán acordarse pagos parciais a conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

c) O 20% restante farase efectivo unha vez que o beneficiario xustifique a totalidade da subvención concedida mediante orixinais ou fotocopias cotexadas e por ese concepto.

As certificacións e xustificantes dos gastos remitiranse á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade que os conformará.

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Así mesmo, a entidade obxecto da subvención deberá presentar, antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a delegación provincial respectiva ou nos servizos centrais, e dirixido á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural así como unha memoria das actividades realizadas no exercicio. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

Ademais do establecido nesta orde, e tendo en conta o disposto no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,

segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, os beneficiarios destas subvencións deberán:

a) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Sanidade e a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e Sergas.

b) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes das consellerías.

c) Autorizar a inspección dos centros e as actividades polos órganos competentes da Consellería de Sanidade ou da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

d) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que se determinan na concesión da subvención.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicidade das axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institución, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos intereses de demora, segundo o previsto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia, haberá que aterse ao disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os secretarios xerais das consellerías de Sanidade e Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2004.

José Manuel González ÁlvarezPilar Rojo Noguera

Conselleiro de SanidadeConselleira de Familia, Xuventude,

Deporte e Voluntariado