DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2005 Páx. 58

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 29 de decembro de 2004 pola que se convoca un concurso para o fomento da recollida de pilas usadas en Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións en materia de ambiente e conservación da natureza establecidas nos artigos 27.10º, 11, 15, 29.4º e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril). Ademais, de conformidade co disposto no Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, ten competencias para o fomento das accións de redución, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e outras organizacións para a aplicación das accións indicadas. Estas funcións estanse a desenvolver con base en diversos plans, entre os que destaca o Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia.

A finalidade destes premios é dobre: por unha banda téntase concienciar as futuras xeracións da importancia que ten unha axeitada xestión dos seus residuos, así como a necesidade de que non tiren as pilas usadas nas bolsas de lixo, e afacelos a que as boten nos contedores específicos para tal efecto; por outra parte, preténdese acadar un máximo de recollida de pilas.

Para tal efecto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e o Decreto 106/2004, do 27 de maio

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convócase un concurso dirixido a todos os centros docentes de ensinanzas non universitarias da comunidade autónoma, consistente na V edición da Liga de recollida de pilas, segundo se establece no artigo 2º.

Artigo 2º.-Bases da V edición da Liga de pilas.

1. O obxecto desta liga de recollida de pilas é fomentar a axeitada xestión de pilas usadas entre os alumnos de todos os colexios de Galicia, premiando aqueles que acrediten ter alcanzado a máis alta taxa de pilas recollidas por alumno.

2. Dada a diferenza de alumnado nos distintos centros, estes agruparanse en tres categorías, segundo o número de alumnos.

a) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2004-2005 inferior a 50.

b) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2004-2005 entre 50-250.

c) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2004-2005 superior a 250.

3. A liga comezará o día seguinte ao da súa publicación no DOG e rematará o 15 de outubro de 2005.

Para a súa participación neste concurso, os colexios enviarán debidamente cuberto o formulario do anexo I, co obxecto de acreditar o número total de alumnos matriculados no centro; este formulario será remitido por fax ou correo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (San Lázaro, s/n 15781, Santiago de Compostela. Fax: 981 54 11 00) antes do 28 de febreiro de 2005.

4. O concello será o encargado da recollida das pilas, logo da chamada do colexio, unha vez que o contedor específico para pilas usadas estea cheo. O colexio, por cada entrega de pilas usadas, cubrirá o formulario do anexo II. O concello acreditará directamente, ou a través da empresa designada por este, o peso dado polo colexio, selando ou asinando a folla normalizada do devandito anexo II.

5. Co fin de facer un seguimento dos resultados da liga, os colexios enviarán por fax á Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental os formularios do anexo II que teñan cubertos unha vez que lle sexan retiradas as súas pilas. Serán estimados só os formularios que dispoñan da sinatura ou selo do concello ou da empresa designada polo concello para a recollida de pilas, e que foran recibidos por fax ata o día 15 de outubro de 2005. O seguimento dos resultados da liga poderá facerse a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente (www.siam-cma.org/Ligapilas/concursopilas.asp).

6. Para a concesión dos premios calcularase a taxa de quilos recollidos por alumno matriculado, nas distintas categorías, segundo a seguinte fórmula:

Total kg recollidos por colexio/total alumnos matriculados no colexio.

Os colexios que acrediten unha maior taxa de recollida de pilas usadas segundo a fórmula adxudicaránselles os seguintes premios:

a) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2004-2005 inferior a 50.

Primeiro premio: 1.000 euros.

Segundo premio: 800 euros.

Terceiro premio: 600 euros.

Cuarto premio: 400 euros.

b) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2004-2005 entre 50-250.

Primeiro premio: 2.500 euros.

Segundo premio: 2.000 euros.

Terceiro premio: 1.500 euros.

Cuarto premio: 1.000 euros.

Quinto premio: 800 euros.

Sexto premio: 600 euros.

c) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2004-2005 superior a 250.

Primeiro premio: 4.000 euros.

Segundo premio: 3.500 euros.

Terceiro premio: 3.000 euros.

Cuarto premio: 2.500 euros.

Quinto premio: 2.000 euros.

Sexto premio: 1.500 euros.

En caso de empate nalgún dos premios, a súa contía repartirase entre os gañadores. Os colexios que obteñan premio recibirán a notificación antes do 30 de novembro do ano 2005. As listas definitivas de premiados poderanse consultar na páxina web da Xunta de Galicia.

O orzamento da orde será aboado con cargo á dotación orzamentaria 15.04.342A.640.1.

Disposición adicional

Esta orde de axudas tramítase ao abeiro do establecido na Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

V liga de pilas. Edición 2005

Centro educativo

Concello

Provincia

Enderezo

Código postal

Teléfono

Nº de alumnos matriculados

Categoría

ANEXO II

Centro educativo

Categoría

Concello

Provincia

Enderezo

Código postal

Teléfono

Data da recollida

Quilos recollidos

Selo do concello